Entrevista a Celia Parra

Entrevista a Celia Parra

0 comentários 🕔14:30, 20.Mai 2015

- Palavra Comum: Que supõe para ti a poesia e o audiovisual?

- Celia Parra: Poesía e audiovisual sempre foron para min os vehículos de transmisión e comunicación máis íntimos, as linguaxes coas que máis cómoda me sinto. Primeiro chegou a palabra, despois descubrín o cine, do que me interesa a vertente máis creativa e experimental, e agora ando xogando a mesturalas. Ambas supoñen, ante todo, a celebración dunha maneira propia de ver e sentir o que nos rodea, e por tanto unha forma de liberdade.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- Celia Parra: Adoito pensar que o proceso creativo se asemella moito ó de facer o pan. Primeiro, hai un labor de medición dos ingredientes precisos e tamén daqueles que a intuición nos invita a engadir (pensemos no pan con pasas, con sementes, con chocolate…). Xa cunha idea de masa informe, o complicado é moldeala, coa mestura xusta de dozura e forza, para que tome corpo e se axeite ó que tiñamos en mente. Este é o proceso de escritura, corrección, reescritura, de loitar contra as arestas do texto. Quizais o máis ingrato pero necesario. Despois vén o momento de deixar a creación repousar no forno e darlle algunha que outra volta, ata que consideremos que está ben douradiña por todos os lados, lista para comer. Para que isto saia ben, é necesario, para min, un proceso de soidade, tempo e concentración. Tamén un certo silencio.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre a literatura e o audiovisual entre si e com outras artes?

- Celia Parra: Entendo as artes como expresións dun sentimento, emoción ou discurso; unha forma de trasladar un rebulir interior cara ó exterior empregando distintos formatos e técnicas: ben sexa unha composición musical, ben unha novela, un cadro, unha escultura… Cada unha, co seu grao de abstracción e características particulares, non deixa de ser a maneira que atopamos de darlle forma a ese algo que pula por facerse corpo, e por iso as vexo intimamente relacionadas.

Penso que, concretamente, poesía e o audiovisual son dúas manifestacións da mesma simbiose. O poder evocador da palabra fai que o poema desencadee na imaxinación unha serie de imaxes, reais ou figuradas. De igual xeito, a sintaxe interna da propia imaxe, e tamén a que deriva da montaxe cinematográfica, escribe no cerebro do espectador conceptos, significados e impresións. Unha imaxe sen palabras fai que estas agromen na mente, e o mesmo pasa cunha soa palabra. Para min é moi interesante explorar a intersección destas dúas linguaxes, como se complementan, como se duplican, como se mesturan e que universos crean.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?

- Celia Parra: Non sabería sinalalos todos, foron cambiando ó longo do tempo e fun evolucionando da súa man. Atopo referentes fundamentalmente na poesía de mulleres galegas dos 90 ata a actualidade, tamén na música… a verdade é que a lista sería inmensa.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a poesia, o audiovisual e as distintas manifestações artísticas?

- Celia Parra: Tentarei responder no sentido máis xeral posible. A nivel estético, non hai ningún camiño certo nin ningún que mereza ser máis transitado. Para min, ese é un terreo persoalísimo onde cadaquén ten que atopar o ritmo dos seus pasos, e niso todos os compases son igualmente válidos.

En canto á relación creación-sociedade, hai tantos desafíos coma solucións posibles. A longo prazo, confío moito na educación como forma de poñer en valor o noso, propiciar o coñecemento das novidades do sector e achegarlle á mocidade, por exemplo, unha literatura actual, que conecte con eles (hai tantísimos exemplos de espectáculos innovadores de literatura hibridada!). Penso que sería unha das mellores formas de cultivar interese e amor pola cultura de noso. Sementar para recoller.

Máis a curto-medio prazo, penso que é importantísimo o apoio institucional e empresarial, aumentar e esixir o papel das entidades públicas como favorecedoras e dinamizadoras de creadores, produtos culturais e iniciativas culturais galegas. Isto, por desgraza, está esmorecendo. Presenciamos cada vez con máis frecuencia o menosprezo da nosa cultura fronte á foránea ou mesmo o ataque directo a determinadas manifestacións artísticas vía prohibicións, como está a suceder en Compostela co caso das actuacións musicais en bares, por exemplo. Penso tamén, a nivel global, na atrocidade do IVE cultural (non me deterei nisto, por non alongar demasiado a resposta).

Por último, sería fantástico que tomasemos conciencia colectivamente da enorme calidade e cantidade de propostas culturais que atesouramos e cultivamos. Isto recoñezo que é máis complicado, ben por descoñecemento, ben pola pervivencia de prexuízos cara á lingua e á cultura galegas. No meu círculo, o panorama é esperanzador. Alén dos seus lindes, a visión non é tan alegre.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o estado actual da criatividade audiovisual, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (Lusofonia, etc.)?

- Celia Parra: No caso do cine, penso que en Galicia estamos a vivir un dos mellores momentos. Nos últimos anos, unha boa presada de películas de marcado carácter galego e experimental están triunfando en festivais e mercados internacionais, ó tempo que os seus directores se fan ás veces máis coñecidos fóra que aquí. O que se deu en chamar Novo Cinema Galego estase instaurando como marca de calidade, innovación e prestixio, situando a Galicia como un dos focos da vangarda audiovisual. Ademais, é alentador ver que internacionalmente se premia unha mirada autoral, arriscada e profundamente arraigada na nosa forma de percibir o mundo, fronte á crenza de que o futuro pasa polo cine comercial homoxeneizado. A nosa cultura interesa, e vende. E en canto a conexións, hai multitude de exemplos de co-producións, moitas delas coa Lusofonía, Latinoamérica…

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Celia Parra: Agora mesmo estou producindo Versogramas, un proxecto transmedia que explora o xénero da videopoesía a través dun documental de creación, unha exposición, un webdoc e unha longametraxe experimental. É un proxecto apaixonante que desenvolvo xunto con dous grandes profesionais, Belén Montero e Juan Lesta (Esferobite). Polo de agora estamos en fase de financiamento, agardo que pronto poidamos ensinar cousiñas. Como ando volcada niso, pouco tempo e espazo mental me queda para a escrita, pero si que me gustaría retomar algunhas ideas que teño anotadas para un poemario.

PalabrapeliculA, por Esferobite-DSK.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *