<em>Cartas a Emilia Pardo Bazán</em> (VII), por Teresa Barro

Cartas a Emilia Pardo Bazán (VII), por Teresa Barro

0 comentários 🕔12:30, 28.Mai 2015

Benquerida Emilia:

Dicían os que falaban nos meus anos mozos da situación de España que o que lle pasaba era que ainda vivía das glorias do seu pasado imperial, e que a decadencia viña da perda do imperio. Na miña época estaba mui de moda o pensamento daquela Xeración do 98 que, marcada pola perda das últimas posesións, chegara á curiosa conclusión de que a salvación estaba en voltar a Castela e á España gloriosa que fundaran os reis católicos. Talvez haxa muito de certo en que España se durmió en los laureles. A ti, Emilia, doíache o atraso de España e tiñas memoria aguda da grandeza anterior, mas non creio que te decatases de que a actitude de España cara o seu envexado imperio do Novo Mundo foi seguramente única na historia do mundo, en canto que nen o apreciou mentras o tiña nen depois cando o perdeu. Hai unha falta de sentimento e emoción que só se poden explicar polo isolamento que a Inquisición produciu no país: o Novo Mundo estaba fora e portanto sempre seria inferior ao de dentro.

Na miña infancia e xuventude, cando ainda non se espallaran as teorías e os sentimentos anticolonizadores e anti-imperialistas, o de ter imperios daba lustre e había consciencia do imperio español. Naqueles tempos pensaban muitos en España que os imperios, como os fillos, viñan doados diretamente pola autoridades divinas e representaban unha mostra de agrado por parte de Deus. Iso mudou radicalmente cando se tomou conciencia de que os imperios non eran cousa boa, e pasouse da noite á mañá a actitude contraria e esqueceuse por completo o pasado imperialista de España. Houbo desde entón unha denegación colectiva dun pasado que non se quer analizar nen coñecer, en parte por crer que se pode empezar desde cero e que abonda con mudar de teoría, e en parte por acreditar con fe cega no relato histórico que sempre se fixo dentro do país. O único que queda no sentimento colectivo con esa actitude de negación da realidade é unha sensación de superioridade conxénita, de sermos de boa familia, de termos direito a estar entre os grandes e poderosos do mundo, mas sen entender ben o porqué e sen aceitar responsabilidade por nada.

O habitual foi sempre que os países que outrora tiveron imperios conservasen vínculos coas ex colonias, se non de amor precisamente, polo menos de amizade e de interese especial por elas. Ese foi o caso da Inglaterra coa India, por exemplo, coa que nunca estivo vinculada pola mesma língua, relixión e cultura e coa que tivo a pesares diso unha relación intensa, de love affair chegouse a dicer; muito mais cando habia vínculos de raza e língua, como cos Estados Unidos, Canadá, Nova Zelandia e Australia. Eses vínculos de afecto e interese vense tambén no caso de Portugal con Brasil ou Angola, e no da Franza coa África francófona ou no da Italia co Norte da África. Isto para os habitantes da España resulta incomprensível, porque eles nunca tiveron vínculos de amizade, interese e afecto cos paises americanos. E ten que haber unha explicación para esa actitude tan insólita.

Non semella que o imperio español fose en conxunto pior que os demais imperios. O pior foi a imposición da relixión pola forza e a falta de entendimento do que significaba o descobrimento do Novo Mundo.

Os reis católicos non entenderon a importancia daquel novo mundo descoberto ou, se a entenderon, escolleron desprezar aqueles descobrimentos e aos que os facían. Di o historiador J. N. Hilgarth en The Spanish Kingdom:

Na lista de títulos dos Reis Católicos aparece por vez primeira en 1458 o de ¨Reyes de la Gran Canaria e todas sus islas¨. Non era habitual que As Indias¨ aparecesen nesa lista; só nalgúns documentos figura Fernando como ¨Señor de las Indias del Océano¨. Nunha época en que a nomenclatura real tiña grande importancia, iso representa un feito que se esqueceu na evolución posterior. No reinado de Fernando e Isabel as Indias receberon menos atención que o Norte de África, e menos certamente que Italia. En 1516 a verdadeira importancia do Novo Mundo descoberto por Colón ainda non se entendera.

Ao descobrimento de América non se lle soubo ou non se lle quixo dar valor porque no sistema iniciado polos reis católicos era esencial tirarlle importancia a tudo o que a tiña. Así eles podían conceder importancia como querian, que é o típico dos sistemas autoritarios, e desa maneira criar xerarquias e valores en nome dunha autoridade divina que eles manexaban tambén. Na transmisión que se fixo deses feitos, e que pasou a formar parte da mentalidade dos habitantes de España, hai unha escala de méritos indiscutível: o mérito principal foi o da raíña e depois o dos colonizadores e relixiosos que civilizaban aos indios. Os descobridores non só non foron agasallados, como se teria feito en outros países, senón que foron maltratados. Cuase todos morreron na miseria, desprezados e desesperados.

Cando se facía algun descobrimento, os reis católicos enviaban axiña os seus representantes con orde de lles quitar tudo aos descobridores. A estes pagábanlles o mérito meténdoos na cadea cando voltaban. Di o historiador Merriman:

O nomeamento de Bobadilla marca sen dúvida o momento en que a Coroa comezou a apropriarse da administración das Indias. Parece estar claro que o novo gobernador xa ía en contra de Colón antes de chegar alá. O Almirante foi de imediato aferrollado e enviado a España; e ainda que pouco depois de chegar a terra libertárono e concedéronlle unha entrevista cos monarcas, nunca mais recuperou nada que se asemellase nen de lonxe á posición que tiña antes. Non se lle deu nunca nengunha autoridade de tipo político e fóronlle quitando, cada vez con mais atrevimento, os seus direitos e privilexios.

E di o historiador J. H. Elliott en Empires of the Atlantic World:

A tarefa mais imediata e apremiante dos que integraron o Consello de Indias depois da conquista de México por Hernán Cortés entre 1519 e 1521 foi a de conseguir que a esa conquista lle seguise de imediato outra conquista, a dos conquistadores da Coroa. Era esencial anular os direitos de Cortés como antes se anularan os de Colón.

América foi incorporada a Castela e levouse para alá o mesmo tecido inquisitorial e tiránico que se estendera pola península. Di J. H. Elliott en Empires of the Atlantic World:

A incorporación das Indias á Coroa de Castela tivo imensas consecuencias a longo prazo para o desenvolvimento de América hispánica. Desde o ponto de vista técnico, esta sería unha América castelá, non española. A pesares de que os reis de Castela eran tambén reis de Aragón e de que alguns habitantes do reino de Aragón participaron nas primeiras etapas da expansión hispánica no Novo Mundo, era impreciso o direito dos nativos da coroa de Aragón a trasladarse e asentaren alá. Os textos xurídicos do século XVI que trataban da exclusión de estranxeiros das Indias eran ambiguos e contraditorios en cuanto á condición exacta que correspondia aos posíveis emigrantes de Aragón, Cataluña e Valencia.

En nome da relixión, o sistema que se estabeleceu en América foi copiado do que se impuxera na península, elitista, desalentador e debilitante. Houbo hipocrisia na forma de tratar aos habitantes do Novo Mundo, a mesma que habia na forma de tratar aos habitantes da península. O de usar a relixión para encobrir a cobiza e a má administracion foi igual aquen e alén dos mares. Di o historiador Peter Pierson en Philip II:

A pesares da lexislación que dictaba o contrario, Felipe II dáballes aos españois do Novo Mundo, a cambio de diñeiro, indios que traballasen para eles (mentras que, para tranquilizar a sua conciencia, recordáballes aos señores que debian tratar ben aos indios); e, canto mais diñeiro precisaba, mais contratos firmaba para o comercio de escravos africanos, considerado inmoral por muitos, mas permitido pola lei.

A Madre Patria, sumida no catolicismo político que impuxeran os reis católicos e coa visión desfigurada da realidade que o isolamento trouxera, non foi capaz de entender a situación. Cando as colonias americanas empezaron a solicitar algun recoñecemento ou algun grau de autonomia, a metrópole reaxiu con altiveza e negándose a escoitar o que lle dician. Coa sua actitude de frialdade e indiferenza cansou e desesperou aos países de América, e estes acabaron independizándose daquela España que non tiña ouvidos nen sentimento cara a eles. Di J. H. Elliott en Empires of the Atlantic World:

O abismo entre as elevadas intencións das Cortes de Cádiz e os resultados prácticos das deliberacións intensificou mais ainda a desilusión das povoacións de América, que, xa chegado 1820, comezaran a perder a paciencia coa mai-patria. Desde os primeiros momentos, a actitude arrogante que as Cortes mostraron cos habitantes de América alienou eses habitantes aos que esperaban atraer.

E di Carr:

Foi o colapso da autoridade de España mais que unha revolución crioula o que empezou o proceso de destrución do Imperio. As derrotas dos exércitos españois na península, a abdicación de Fernando VII e a caída en desgraza da Junta Central deixou aos españois de América inquedos e confusos. Non foi que as Américas se erguesen contra España; foi que España se desligou de América.

A solución que encontraron os liberais das Cortes de Cádiz para responder ao desexo das colonias de autogoverno foi conceder plenos direitos políticos aos cidadáns de América dentro dun imperio unificado (…) E logo de que eses direitos fosen concedidos por unha xenerosa metrópole, o de que non se aceitase o mando de España foi visto como unha ¨ingratitude indecente¨, como unha rebelión separatista.

Para min, Emilia, esta relación de España co imperio americano demostra até que ponto quedou fechada co sistema que impuxeron os reis católicos e incapacitada para entender o mundo exterior. España deixou de estar socializada e quedou isolada e sen querer negociar nada. Mentres que a Gran Bretaña, cando perdeu aquel imperio do que tanto disfrutara, fixo todo o posível por conservar o vínculo cos países que se independizaran e conseguiu que se fundase a Commonwealth, España negouse primeiro a aceitar durante muitos anos a realidade de que as colonias xa se independizaran, e depois adoptou unha actitude ofendida e seguiu indiferente e desligada.

Seguiremos, Emilia.

Sobre o autor / a autora

Teresa Barro

Teresa Barro

(Galiza-Inglaterra) Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, licenciándose nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1962 casou con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, co que en 1964 se traslada a Londres, onde traballou como tradutora, residindo desde 2008 en Lancaster (Inglaterra). Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra e Sermos Galiza, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres. Obra: Ensaio: Cartas a Rosalía, 1981, Edicións do Castro; Introducción á Astroloxía, 1983, Xerais; Dentro e fóra, 2002. Traducións: Contos de Andersen, 1983, Edicións do Castro; Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, xunto con Fernando Pérez-Barreiro, Xerais; Alicia do outro lado do espello, Xerais; Fábulas de Esopo, 1997, Laiovento.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *