<em>Cartas a Emilia Pardo Bazán</em> (VIII), por Teresa Barro

Cartas a Emilia Pardo Bazán (VIII), por Teresa Barro

0 comentários 🕔10:10, 04.Jun 2015

Benquerida Emilia:

Na época tua, Emilia, estaban ainda mui recentes os desastres económicos do século XVIII, a ineficaz retórica das Cortes de Cádiz e unhas Luces que chegaran tarde e non iluminaran. España andaba á deriva na política, a economía e a cultura, e nos teus escritos e os de muitos dos teus contemporáneos vese o desasosego que causaban aquel eterno atraso e aquela dexeneración. Di o historiador Raymond Carr en Spain, 1808-1939:

A partires do século XVII xurdiu toda unha escola de pesimistas da economía, que, incapaces de analizar as causas desa dexeneración, limitáronse a descreber os síntomas.

España non se converteu nunha grande nación mercantil porque, como potencia naval, non foi capaz de manter o control político do seu vasto imperio e, como nación produtora, non foi capaz de subministrar mercadoría barata. Chegado 1829, o comercio exterior era a terceira parte do que fora en 1785.

E di Carr que no censo de 1797 comprovárase que duas terceiras partes das terras de España estaban en réxime de morgado e mans mortas e pertencian a duas clases improdutivas, a nobreza e a Igrexa.

A esas duas clases improdutivas non lles conviña, Emilia, que as cousas mudasen. Lembremos que no decorado de fundo dese grande teatro no que virara a España da Inquisición, traballar espertaba desconfianza e desprezo, e mal podía haber unha boa economía se non se traballaba. O ouro que viña de América tapou un pouco o desastre económico dun país sempre en bancarrota desde os reis católicos. En tempos de Carlos I e de Felipe II ese ouro xa ía direto aos banqueiros venecianos e xenoveses que emprestaban diñeiro á coroa. Como o traballo manchaba as mans, o diñeiro podíase gastar, mas non se podía facer con actividades produtivas. E cando, a finais do século XVII, a vella aristocracia perdeu influencia, foi substituída por outra clase tambén improdutiva. Isto é o que di Carr:

A finais do século XVII a vella aristocracia perdera, por incompetencia e indiferenza, muita da influencia que antes tiña na vida política e económica. Pasado o tempo dos grandes favoritos e dos círculos aristocráticos, a nobreza mais alta retirouse (…) Esa nobreza conservou a sua posición na Corte, mas perdeu poder efectivo, e ese poder pasou á ¨aristocracia dos empregados¨ (os funcionarios públicos).

A Igrexa, en cambio, non perdeu poder e foino acrescentando. Di Carr:

Como institución social, a Igrexa tiña mais influencia que a nobreza (…) O poder víñalle dos muitos señoríos que tiña, de ser unha institución de caridade e de ser empregadora direta nunca ¨economía mendicante¨.

A meiados do século XIX, na tua xuventude, Emilia, o panorama económico e social era xa mui semellante ao da miña xuventude a meiados do XX. Di Carr:

É imposível entender a política de España a meiados do XIX sen ter presente o numerosa que era a clase de ¨os pretendentes¨. En 1840 houbo 3.636 solicitudes para trinta e tres prazas en Correios.

A economia seguiu funcionando en falso todo o século XIX no que ti viviches, Emilia. Nese tempo houbo intentos de revivificar e modernizar España, mas baseáronse nunha economía de especulación e crédito (e case me fai rir, Emilia, a semellanza co que sucedeu na España deste comezo do século XXI). Os anos cincuenta e sesenta do XIX caracterizáronse por grandes escándalos financeiros, entre os que foron notórios os causados polas actividades especulativas da familia real en relación co ferrocarril. Neses anos, as figuras mais destacadas da sociedade eran, ademais dos especuladores, os xenerais que acadaran éxitos militares. As recompensas que obtiña a oligarquía militar eran espléndidas. Di Carr:

A amálgama de especuladores, industriais, propietários de terras, avogados prósperos e xenerais ennobrecidos constituia o que os democratas estaban empezando a chamar a oligarquía dominante, e calculábase que eran quiñentas familias mais ou menos as que formaban esa oligarquía.

A pésima situación económica influiu muito na perda definitiva do imperio e deulle tintes case burlescos. Di Carr:

Na guerra e a defensa do imperio quedaron expostas as deficiencias causadas pola pobreza nacional e a incapacidade de reformar os abusos que viñan de lonxe.

Non é surprendente que a mariña española carecese de experiencia naval cando chegou a crise de 1898 (…) Cada un dos tres departamentos navais empregaba a mais oficiais da mariña que todo o Ministerio de Mariña británico (…) A educación da Mariña custáballe ao estado un 50% mais que todo o sistema educativo (…)

E sobre o desastre de Cuba di Carr:

Alguns especialistas españois afirmaron que a flota española era superior á flota dos Estados Unidos; mas esa flota estaba debilitaba porque sempre faltara diñeiro para facer prácticas de tiro e porque non tiña o carbón necesario para manter a velocidade.

O panorama foi sempre o mesmo desde a alianza da Coroa e a Igrexa en tempos dos reis católicos. O Renascimento non tivo alento, as Luces non brillaron, o Romantismo foi débil e a revolución industrial nen empezou. Cando, muito mais tarde que nos outros países europeus, se construiu por fin un sistema de ferrocarril, foi pobre e inadecuado para o comercio, e iso notouse no século XX, cando o mal funcionamento do transporte de mercadoria por tren atrancou o comercio que España podia ter feito durante as duas guerras mundiais. Nunca habia diñeiro para nada, e non o habia porque España seguiu sendo un país no que se esperaba que o diñeiro viñese dalgures sen ter que traballar nen comerciar. En España ainda hoxe, e na Galiza igual, predomina a actitude, inserida pola Igrexa, de ¨que nos den¨, e custa entender que o diñeiro, antes de distribuílo e gastalo, hai que facelo. A conexión entre traballo e diñeiro perdeuse en tempos dos reis católicos e ainda non se recuperou.

Antes de entrar no asunto da Galiza na próxima carta, vexamos, Emilia, para onde nos leva a análise de los males de España. Eses males coido que nunca se curaron e que seguen hoxe. Para min, a grande causante deses males foi a Igrexa. A Igrexa católica adquiriu un poder inigualado cos reis católicos e nunca o perdeu. Ese poder da Igrexa é un dos piares do sistema que se montou e que levou ao mal governo continuo e a que non puidese haber espírito criativo.

Outro dos piares do sistema é a pésima educación intelectual que fai que o intelecto non funcione ben e non adquira vigor e liberdade por muitos títulos universitarios que se acumulen. Disto tamben ten a culpa a Igrexa, que se apoderou do ensino e o transformou nunha fonte ilimitada de poder e influencia para ela.

E o outro é a falta de traballo, constante desde os tempos dos reis católicos. Houbo desde entón colocacións e empregos subministrados gota a gota por un sistema que daba mais poder ainda aos que podian concedelos. Mais unha vez, tambén atopamos aquí á Igrexa, que sempre dirixiu todo o sistema e decidiu quen teria emprego e quen non.

Os tres piares forman un tecido tupido e funcionan xuntos. Houbo muitos intentos de acabar co poder da Igrexa, mas nunca se conseguiu, e alguns deses intentos tiveron o resultado contrario do que se esperaba e déronlle mais poder ainda. Á Igrexa haberia que exixirlle que actuase conforme ao espírito. Haberia que obrigarlle a pagar os mesmos impostos que pagan os demais, nos centros de educación e nos negocios, sen permitirlle nengunha exención nen privilexio, e submeter a forte inspección todas as actividades polas que obtén diñeiro e posesións, ainda que sexan caritativas. Nen a própria Igrexa nen os crentes no catolicismo poderian defender o roubo e o abuso en nome da relixión. Se unha relixión non respeita as leis do espírito é unha impostura, un negocio de traficáncia disfarzado de virtude espiritual.

A cuestión da educación vai unida á do traballo e á da criatividade. O culto aos estudos universitarios debera desaparecer, e desapareceria se se criase un sistema de educación no que non houbese distinción social entre o traballo considerado intelectual e o chamado manual. Darlle mais categoría social e cultural aos estudos universitarios leva, ou á criación dunha caste superior que será sempre a que governe e teña poder, ou, como sucede agora, a que ir á Universidade sexa case obrigatório e non sirva para nada, porque nunca poderá haber traballo dese tipo para todos. Un sistema de estudo de oficios, artes e artesanias da mesma categoría social e cultural que o universitario criaría oportunidades de traballo auténtico e independencia, que é o que falta, Emilia, desde os tempos da Inquisición.

Até a próxima, Amiga.

Sobre o autor / a autora

Teresa Barro

Teresa Barro

(Galiza-Inglaterra) Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, licenciándose nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1962 casou con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, co que en 1964 se traslada a Londres, onde traballou como tradutora, residindo desde 2008 en Lancaster (Inglaterra). Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra e Sermos Galiza, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres. Obra: Ensaio: Cartas a Rosalía, 1981, Edicións do Castro; Introducción á Astroloxía, 1983, Xerais; Dentro e fóra, 2002. Traducións: Contos de Andersen, 1983, Edicións do Castro; Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, xunto con Fernando Pérez-Barreiro, Xerais; Alicia do outro lado do espello, Xerais; Fábulas de Esopo, 1997, Laiovento.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *