Entrevista a Marcos Nine

Entrevista a Marcos Nine

0 comentários 🕔11:30, 05.Jun 2015

- Palavra Comum: Que é para ti o cinema e o trabalho audiovisual?

- Marcos Nine: Esencialmente un medio de expresión. Serve para contar historias, para transmitir ideas, para informar, para distraer, para reflexionar… Pero con independencia de todo iso, para min é a principal maneira que teño de proxectarme a min mesmo. O cinema converteuse no medio que me permite canalizar os meus sentimentos e que cobren forma, ó tempo que serve como testemuño dun determinado momento.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- Marcos Nine: Existen un monte de respostas tópicas a esta pregunta e creo que todas son “correctas”. A min gústame a idea de “procura”. Crear significa ir na procura dalgo. Ás veces intúes o que, pero o máis estimulante é atopar algo diferente ó que estabas a buscar. Tamén me interesa a idea de “camiño cara ningures”. Tendemos sempre a poñernos “metas”, pero a realidade na creación é que as metas son un ente ficticio. Nunca chegas a ningures, unha vez cres que alcanzas un resultado desexado, daste conta de que existe todo un mundo máis alá de onde ti estás.

E xa de xeito máis persoal, considero a creación como unha especie de deconstrución da realidade. Para min é moi importante realizar un proceso de abstracción da realidade, chegar á esencia do que quero dicir e a partires daí reconstruír de novo. Penso que unha das grandes cualidades que debe posuír calquera creador é a capacidade de illamento mental que che permita abstraerte de tódalas interferencias exteriores e operar desde aí.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre o cinema e outras artes (literatura, música, etc.)?

- Marcos Nine: Está claro que nese aspecto en Galicia temos unha carencia de sinerxias entre as distintas artes. De entrada hai que rachar con certa visión elitista que considera que existen unhas artes “maiúsculas” e outras menores e a partires daí fomentar o contacto entre disciplinas. Non me gusta a idea dos compartimentos estanco, e pensar que existen moitas artes diferentes. Considero que existe a arte como concepto xenérico, ó igual que a cultura, e que as disciplinas son medios de aproximación á arte. Nese sentido carece de importancia se o fas a través da literatura ou da pintura, porque o importante é a obra e non o formato. Creo que deberíamos fomentar a hibridación en tódolos sentidos.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)? Quais deles achas que não são (ainda) suficientemente (re)conhecidos?

- Marcos Nine: Cústame poder dicir referentes concretos porque creo que os autores somos “seres referenciais” no sentido en que todos nós, con independencia de manifestar unha tendencia consciente cara unhas formas ou estilos, somos froito da influencia que exercen sobre nós tódalas obras que “consumimos”. A música, os libros, as imaxes, en moitos casos ata é posible non coñecer ós autores, ou manifestar a súa influencia de forma inconsciente, pero o certo é que están aí, presentes na túa obra do mesmo xeito que está presente a época na que che toca vivir.

Se nos circunscribimos ó ámbito da conciencia considero que no cinema o expresionismo alemán representa a excelencia á hora de narrar con imaxes e a montaxe soviética, representada en nomes como Vertov, Pudovkin ou Einsenstein é o xerme da linguaxe audiovisual. En ambos casos, as obras parécenme fontes das que aprender e de descubrimento permanente. Fóra destes exemplos, admiro profundamente a Chris Marker, máis alá dos seus filmes, admíroo intelectualmente e pola súa capacidade para metamorfosearse constantemente a medida que van cambiando os tempos. Admiro ós grandes narradores sexa cal sexa a súa disciplina, Lubitsch no cinema, Dostoievski na literatura, Alan Moore no comic, etc. E o gran referente dentro do cinema galego foi José Ernesto Díaz-Noriega “JEDN”, que foi a persoa que me rachou tódolos esquemas e prexuízos que podía ter á hora de facer filmes. Creo que a súa figura nunca vai estar recoñecida como debería así que me sinto especialmente afortunado por ter coñecido a súa obra e poder traballar con ela.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para o audiovisual hoje -e para a cultura, em geral-?

- Marcos Nine: Creo que estamos nun proceso de “alfabetización audiovisual”. Pasamos dunha era onde a expresión estaba dominada pola palabra e estamos mudando cara outra onde a expresión comeza a ser dominada pola imaxe. Por tanto considero que precisamos con urxencia traballar na didáctica audiovisual. Por outra banda, creo que estamos no momento de comezar a explotar o valor testemuñal que ten o audiovisual. Neste momento estamos en condicións de comezar a construír o que será a nosa memoria futura, por tanto non só resulta primordial crear obras senón traballar na procura do material xa existente, almacenalo, clasificalo e poñelo ó servizo das persoas. Se como pobo non creamos unha memoria visual de nós mesmos, a nosa cultura correrá serios riscos a medio-longo prazo.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o estado actual do cinema aqui, e que conexões encontras com outros espaços culturais (Lusofonia, etc.)?

- Marcos Nine: O cinema galego actual atópase no mellor momento da súa historia. Esto é así porque nunca antes existiron tantos autores, con propostas que van desde o cinema máis estandarizado ó máis radical, e que están a ter unha gran repercusión máis alá das nosas fronteiras.

En canto ás conexións co mundo da lusofonía, atopámonos como en moitos outros casos cun problema político. Para que existan espazos de confluencia entre Galicia e o mundo lusófono debe fomentarse a existencia deses espazos. En caso contrario, o que nos atopamos son casos puntuais que teñen que ver con accións persoais. Con respecto ó cinema podo poñer varios exemplos. O pasado ano nas Xociviga do Carballiño convidouse a directores de Festivais de cine portugueses e proxectáronse filmes de Portugal, desde A manhã submersa de Lauro António a unha retrospectiva de curtametragems do Festival de Évora. Con posterioridade, a raíz diso, eu estiven convidado no Bragacine onde se puido ver unha obra miña e O Apóstolo de Fernando Cortizo e ambas resultaron premiadas. No Curtocircuito do ano pasado presentouse o proxecto Porto Post-Doc e na súa primeira edición contou cun foco de Novo Cinema Galego. Lois Patiño traballou nunha obra producida polo Festival de Vila do Conde. A Mostra de cinema periférico (S8) adica a súa edición 2015 ó cinema experimental brasileiro. Quero dicir con todo isto que a vontade por parte dos autores e dos eventos cinematográficos que hai en Galicia, existe, o problema é que se non hai unha vontade política de establecer mecanismos de colaboración, todo queda reducido ás iniciativas persoais e así é extremadamente complicado que chegue a consolidarse nada.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Marcos Nine: Estou a traballar nun proxecto multidisciplinar que xoga coa idea do test de Rorschach. O primeiro paso é unha exposición titulada “Atmósferas para un cambio educativo” que se inaugura na Normal de Coruña o 14 de maio. Aí teño montada unha instalación da que estou especialmente contento e que me permitiu xogar coa linguaxe do espazo fora da pantalla. É un proxecto que se centra na formación da personalidade e sobre todo da percepción da imaxe, de como ante imaxes que se caracterizan pola abstracción tendemos a buscar elementos recoñecibles e a reinterpretala non polo que a imaxe é senón por como nós somos.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Marcos Nine: Gústame moito. Creo que entronca directamente coa idea de punto de encontro entre creadores que demandaba antes cando falaba da falta de sinerxias. Serve para saber “de que pao vamos”. O que máis me gostaría ver son mostras de obras dos autores que participamos. Agora mesmo en internet existe sobredose de información e precisamos lugares que nos orienten sobre onde atopar a información que nos interesa. Nese sentido creo que as publicacións online non só deberían servir para que os autores nos expresemos senón para que ademais amosemos o que facemos.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *