Entrevista a Luís Valle

Entrevista a Luís Valle

0 comentários 🕔12:30, 10.Jun 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a poesia, e a arte, em geral (fotografia, etc.)?

- Luís Valle: A poesía son as dúas caras da moeda. É o alento feito voz, palabra vibrante da caluga ao cóccix. Apropiándome dun aforismo alleo, afirmaba Valéry que se un paxaro puidese dicir precisamente o que canta, porque o canta e que é o que nel canta, non cantaría.

No eido da creación plástica −que é o que coñezo un pouco máis−, calquera realización artística debe ter calidades poéticas, que permitan un diálogo singular co espectador.

- Palavra Comum: Como trabalhas no processo de criação artística, no teu caso?

- Luís Valle: Non hai, propiamente, un proceso único. Tomo notas, aquilato ideas… A partir de aí todo vai acontecendo de xeito natural na cabeza e no corazón. Non adoito pensar en clave de poema, senón de libro e, cada vez máis, de obra.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deve/pode ser- a relação entre as diversas artes (literatura, música, audiovisual, etc.)?

- Luís Valle: As artes non son estancas e todas as relacións artísticas son desexables. En calquera caso, penso que tamén é importante un traballo persoal honesto e íntimo por parte das persoas que nos dedicamos á creación.

- Palavra Comum: Que referentes criativos tens (desde todo ponto de vista)? Quais reivindicarias por serem pouco (re)conhecid@s ainda?

- Luís Valle: De Dante e Shakespeare a Anibal Núñez e Lois Pereiro. De Goya e Claudio de Lorena a Cai Guo-Qiang e Esther Ferrer. De Dreyer e Bergman aos Cohen e Víctor Erice. De Bach e Mozart a Nick Cave e Extremoduro…

Sobre a segunda cuestión, opino que o recoñecemento é o de menos, pero vindicaría a lectura e o goce artístico do poeta Aquilino Iglesia Alvariño e de dous creadores actuais como son Isidro Novo e o pintor Quique Bordell.

- Palavra Comum: Que vínculos achas que há -ou deve haver- entre poesia e arte(s) e vida?

- Luís Valle: Non teño unha resposta certa. A poesía non existe para mellorar a vida desde un plano moral, pero si é un baluarte da empatía e a intelixencia. Ao meu ver, a poesía existe para dignificar a vida e ofrecer un testemuño sincero da humanidade.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a arte (em geral) hoje, nomeadamente no que tem a ver com o contacto com o público?

- Luís Valle: O concepto de público resulta difuso. Dicía Mairena −apócrifo de Antonio Machado−, que por moitas voltas que lle daba non atopaba maneira de sumar individuos… O contacto dáse entre a obra e a persoa que a contempla ou le, son as canles, os soportes e os medios os que mudan ao longo da historia.

Penso que hoxe lese mal, sen dedicarlle o tempo preciso nin a atención axeitada aos textos. Moitas das nosas reflexións desexarían ser epidérmicas, pero adoitan ser simplemente superficiais. No meu caso, os camiños que máis me presta percorrer e que máis me interesan son os próximos, os que permiten un delongado diálogo cara a cara, aqueles que teñen temperatura humana e afecto.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Luís Valle: Normalmente escribo dous ou tres libros ao tempo. Ademais, estou traballando en dúas series de pinturas: Lignes de fuite e Igrexa vermella, e teño previsto acometer un proxecto de fotografía urbana.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Luís Valle: Acho que é un punto de encontro no que comezar algún deses delongados diálogos dos que falei antes. Respecto da segunda pregunta, a verdade, non boto nada en falla.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *