Entrevista a Brais Morán

Entrevista a Brais Morán

0 comentários 🕔12:30, 12.Jun 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a música?

- Brais Morán: É tudo. É unha necesidade. É unha forma de vida. É o meu traballo e vai comigo sempre da man, igual que as chaves da casa.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação musical e artística?

- Brais Morán: No meu caso é a miña mellor faceta. Son compositor e creo cancións. Deste xeito, é arte no momento en que se crea.

- Palavra Comum: Que relações achas existem -ou deveriam existir- entre as diversas artes (literatura, fotografia, etc.)?

- Brais Morán: Na arte todo ten cabida para fusionarse. A literatura é imprescindible para min porque a música precisa de ser expresada mediante o son das palabras. A fotografía é unha disciplina que representa a imaxe do que queremos transmitir e no cine e no teatro acontece o mesmo. Somos actores e interpretamos unha linguaxe para un público.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes, num sentido amplo? Quais deles reivindicarias especialmente, por serem menos (re)conhecid@s?

- Brais Morán: Eu son músico e como tal necesito escoitar moita música. Nas miñas cancións non teño referentes en concreto, pero agora fago algo máis persoal. Se con Loretta Martin hai un claro referente ao funk de bandas como Jamiroquai, Lenine ou -123 min; nesta etapa en solitario camiño cara un repaso máis global do que teño escoitado desde pequeno ata hoxe en día. Desde os Beatles, Steve Miller Band ate David Bowie, ou volvendo ao máis underground de bandas como Nirvana, Soundgarden ou Pearl Jam. Tento que a miña música leve o meu propio son e teña personalidade. Eu son galego e a esencia parte de aquí, só reivindicaría que o meu son se fixese recoñecido e todo o mundo me identifique como “Brais Morán”.

- Palavra Comum: Que vínculos achas entre a língua galega e outros espaços (nomeadamente a lusofonia)? E do ponto de vista musical?

- Brais Morán: Sempre escribín en galego porque me saiu de dentro. E tamén teño creado cancións en inglés, castelán ou italiano. En canto á lusofonía, é algo que está presente todo o tempo porque a miña cultura está ligada ao portugués tanto no mundo brasileiro, mozambicano ou onde compartillemos practicamente a mesma lingua. Portugal foi un país onde vivín, e polo tanto forma parte da miña creatividade. Nas miñas cancións pódese percibir que as letras misturan o galego e o portugués. A fonética enriquece o son rítmico das composicións.

- Palavra Comum: Que caminhos achas interessantes para as relações entre as artes e a sociedade, nomeadamente com os seus públicos?

- Brais Morán: Na sociedade debe estar integrada sempre a música. E estamos no camiño de profesionalizala. É unha loita contínua porque aínda carecemos de moitas condicións para que así sexa. A arte é creación, e temos que conseguir que iso mesmo chegue ao público. Iso require un traballo diario para conseguir ter un espazo como artista e, por suposto, ter un público que te siga.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela já agora?

- Brais Morán: Como ben dixo Fran Pérez “Narf”, Eu quero ser un “Galego na Galiza Imaxinária”. Neste país hai moito talento, o problema é que unha grande parte do seu público o descoñece.

A miña Galiza imaxinaria sería aquela en que se puidese falar moito máis de nós dentro e fóra deste mundo. Penso que estamos no camiño de poder chegar a máis público cos nosos proxectos, pero precisamos de que nos den máis oportunidades e que aposten máis por nós (concertos, etc.). Desgrazadamente preferimos ir buscar cousas fóra, tendo aquí calidade musical de sobra.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Brais Morán: Neste momento estou a ponto de lanzar o primeiro disco de Brais Morán en solitario. Verá a luz neste próximo Outono. Xa hai uns meses apresentei o comezo da miña carreira musical coa nova banda que me acompaña. Loretta Martin sempre foi e sempre será outra banda que levarei na miña vida. Non está en activo neste momento, mais voltará en calquer momento con novas creacións.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Brais Morán: Estou a reparar en que potencia de forma continuada a arte deste país, e iso sempre é importante porque facer ruído de cara aos medios sempre aumentará o noso poder de comunicación. De momento, só podo sentirme agradecido de verme dentro desta proposta.

En Paz, adianto do primeiro disco em solitário.

Saio só, de Despois da mandinga, de Loretta Martin.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *