<em>O irmán</em>

O irmán

0 comentários 🕔12:30, 15.Jun 2015

Eufemio Alvarades estaba orgulloso de dirixir a editora de máis sona e tradición da nosa literatura. Fundada polo seu tío-bisavó, a Editorial Alvarades publicara boa parte dos clásicos da nosa lingua. Pero Eufemio estaba máis orgulloso aínda de que fose na actualidade a editora de referencia no país, a máis prestixiosa e rendible, porque isto último era mérito do seu traballo.
– Déixolle daquela o manuscrito aquí. Xa me contará.
O visitante tendeulle a man e o editor apertoulla. Era quente, mol e húmida, case inerte. Despedíronse. Aquel home de pouco espírito, calvo, roupa ampla e pasada de moda, ergueuse e abandonou o despacho.
O editor abaixou a vista. Abriu o sobre marrón, que aquela visita deixara na súa mesa: un manuscrito dun grosor considerable, aparentemente unha novela, acompañado dunha carta ó editor. Nos tempos que corren, rechamoulle que era literalmente un manuscrito: estaba escrito todo a man. Tanto a carta, orixinal a bolígrafo azul, como a novela, fotocopias agrisadas do orixinal. Por sorte a letra era grande, arredondada e moi lexible.
Dos miles de textos chegados cada ano a Alvarades, non era normalmente o editor o encargado de peneirar o que se ía publicar, unha pequena porcentaxe do recibido, pero este era un caso especial. Si, pensou Eufemio, Manuel Tella era un caso moi especial.
Lembraba ben o seu irmán, como todos: ninguén esquecera a Iago Tella. Só con dúas obras a finais dos noventa rebentou os marcos da poesía galega. Xa cun nome na lírica, na seguinte década revelouse na narrativa. Con só vinte e nove anos acadou o Premio Alvarades de Novela, o mellor dotado do noso sistema literario. Mais coa segunda novela, “O Sol Derretido”, publicada nesa casa, estoupou o fenómeno. As vendas disparáronse, traduciuse ó castelán e pasou ser un best-seller nesa lingua, traducíndose logo a vinte idiomas máis.
Si, imposible esquecer a Iago. Sempre se dixo que Eufemio promocionaba a Tella con favoritismo. Para o director foi en realidade un cúmulo de circunstancias favorables: Iago era novo, bo mozo, comprometido, afouto, magnético. Mais Alvarades sabía que a súa obra, treboenta, profunda, torturada e porén nunca inaccesible, sempre humana, sería tan vendible como respectada pola crítica. Nunca se sentiu culpable de apoialo cando era necesario: o rapaz valía. Imaxe atractiva, calidade literaria e grande saída comercial. Alvarades presumía de instinto de editor, mais neste caso non lle fixo moita falta. Era como ir cobrar un billete de lotaría. Os lectores engaiolados polo seu carisma, os críticos ós seus pés, as cámaras buscando o seu sorriso. Con todo, o éxito desmedido do “Sol” superara as previsións e os nervios do propio editor, pero non os do autor. Iago semellaba divertido por esa vertixe, asumindo os seus inconvenientes.
Lembraba peor a Manuel, o irmán de Iago, dous anos máis vello. Os inseparables irmáns Tella sempre se deixaban ver nos recitais universitarios daquela xeración de poetas dos noventa, rebelde e fresca. Manuel chegara publicar unha escolma de versos en solitario mesmo antes ca Iago, xunto con outros volumes colectivos, hoxe descatalogados e difíciles de atopar. Mais na seguinte década, segundo ascendía a estrela de Iago, eclipsouse a de Manuel. Non se soubo máis del, literariamente falando. Sempre un paso por detrás de Iago, inseparable pero en silencio, sen querer estorbar.
Iago preocupábase moito polo seu irmán e sempre o tiña ó seu carón. Dicía que o grande poeta da familia era Manuel, algo que ninguén puido corroborar, pero que estaba en problemas. Débedas, alcohol, un divorcio conflitivo. Os estraños non apreciaban este amor fraternal e consideraban a Manuel unha rémora do seu exitoso irmán.
Logo aconteceu a traxedia. Ó pouco de entregar “A Lúa Apagada”, a segunda parte da súa exitosa novela, Iago Tella tivo un accidente de motocicleta e deixou a súa vida e o seu talento ciscados na estrada. Corría o 2006 e tiña 32 anos.
Iago converteuse nunha icona e a por pouco póstuma “A Lúa Apagada” converteuse nun fito, un funeral a aquela eclosión de talento, un testamento da súa agora eterna mocidade. A morte impulsou a súa popularidade por todo o mundo. París, Xapón e as páxinas do New Yorker aprenderon onde estaba Galicia.
Alvarades foi acusado de facer negocio coa traxedia. Certo, a morte impulsara as vendas, pero el non tiña culpa. Despois do seu deceso viu entre desconcertado e repugnado a mitificación necrófila por parte dos medios, a adoración do fermoso e mozo cadáver.
Manuel Tella afastouse radicalmente de homenaxes e xornalistas tralo suceso. Agora, unha década despois, parecía chegado de volta dunha longa e dura viaxe, física e espiritual. Era o herdeiro dos dereitos de autor do seu irmán, mais nunca lle supuxo problemas á empresa. Grazas ó defunto tiña a vida resolta. Manuel e Eufemio tiñan só dúas cousas en común: os negocios coa obra de Iago e a culpabilidade de estarse a lucrar da súa desgraza, aínda que fose involuntariamente. Se era así para o editor, canto máis para o seu propio irmán.
Non sabía que esperar desa morea de folios mal encadernados que lle entregara Manuel, presentada cun “Toma, unha cousa que escribín”. Por que o Irmancísimo, o Herdeiro, querería retomar agora a súa carreira literaria? Quería impulsala no ronsel da de Iago, compararse a el? Que delirio era ese? Estaba nun problema para o negocio: Manuel era o titular da obra de Iago e era só por iso un importante activo da empresa. Non conviña contrarialo. Seguramente tería que publicar o texto, fose bo ou non.
Para ser xustos, o supervivente dos Tella non o sometera explicitamente a tal chantaxe. Nunca lles solicitara nada, e esa mañá só lle pedira que lese persoalmente (insistiu nisto) o texto e lle dese unha valoración. Eufemio renunciou a facer máis cábalas antes de coñecer e xulgar o manuscrito. Cancelou as súas citas e adicouse a ler o libro.
Adicou boa parte das seguintes corenta e oito horas a ler, analizar e anotar o texto. Tomouno como un deber profesional nada agradecido. Ás cen páxinas escandalizouse: aquilo era unha continuación do “Sol” e da “Lúa” de Iago Tella, como unha terceira parte completando unha triloxía. Xa o sospeitara co título, “A Estrela Cegadora”. Que atrevemento! Que cara lavada! Pero ó final engaiolouno a lectura e esqueceu análises e notas.
Antes de lelo, pensara que o problema consistiría en que o texto fose malo e como o xestionaría con Manuel. Xa rematado de ler atopouse cun problema maior: o texto era excelente, sobrecolledor.
Contactou cunha boa amiga, Ariana Diz, antiga compañeira de edición e xornalista cultural cunha afección confesa: a grafoloxía. Envioulle unha páxina dun antigo orixinal de Iago Tella e un breve fragmento do prego que Manuel lle entregara, sen darlle pistas sobre os seus autores.
Ariana chamouno por teléfono, inquiríndolle:
– É o segundo texto de Iago Tella? Tes algo inédito seu?
– Non se che pode ocultar nada, non?
– O primeiro texto provén do primeiro poemario de Tella. Supoño que o que me enviaches será o orixinal, sen corrixir.
– Prégoche discreción.
– Sabes que a terás. Aínda que morra de curiosidade por saber de onde saíu o segundo texto. En fin, Eufemio. Teño que concluír que os dous textos foron escritos pola mesma man, son a mesma caligrafía. Engado tamén que o segundo texto é dun tempo posterior, nótase unha evolución. Porén, non me meto na autoría. Se cadra foi un copista que transcribiu os dous textos a man. Mais se sabes de certo que o primeiro texto é de Iago Tella, o segundo tamén o é, a falta dunha análise estilística e literaria por expertos.
– Grazas, Ariana.
– Un texto inédito e póstumo de Tella… o bombazo! Estarei atenta ás novas! Bicos, Eufemio.
Eufemio matinou e colleu o groso manuscrito nas mans. Abriuno, mirouno por riba e pousouno na mesa. Por último colleu a carta escrita a bolígrafo Manuel Tella que acompañaba ó volume, non leu moi detidamente o texto, era só unha carta tipo de autor a editor. Fixouse nos reviraganchos da súa caligrafía. Eufemio non era grafólogo, mais tiña que renderse á evidencia que Ariana Diz lle viña de confirmar.
Días despois, o editor reuníase con Manuel Tella nunha coñecida cafetaría da Zona Nova. Non quixo que fora nas oficinas da editora. Alvarades foi directo:
. Fuches ti. Todo este tempo. Ti escribías todo desde o comezo. A poesía, as novelas. Iago puña o nome e a cara. Enganastes a todos.
– Como sabes que non é o revés? Se cadra o meu irmán escribiu tamén este manuscrito.
– Pola carta. Escribíchela a man só para que eu dera coa verdade. A mesma caligrafía nos escritos antigos de Iago, este manuscrito e a túa carta, sen dúbida actual. A túa letra. Por que o fixeches? Con que razón? Deixácheslle os premios, o recoñecemento, a gloria, mesmo os cartos.
– Porque todo iso me dá noxo. O autor debe ser invisible, anónimo, a obra ten que ser a que fale. Non quería actos, presentacións, fotos. Iago era un artista, e o seu personaxe público era a súa obra. Eu quedei coa parte boa, escribir, o que máis desfruto. Era un bo acordo.
– Que pretendes agora?
– Quero ser invisible, pero non que o sexa a miña obra: quero que me lean. Iago e eu eramos un equipo, a lúa e o sol. Perdelo foi un golpe que case me mata, literalmente. Ata que decidín escribir este libro. Pero non podo publicalo co meu nome.
– Ou te acusarían de usurpación, ou ben estouparía o escándalo. Non podemos permitir que caia o mito de Iago Tella. A quen beneficiaría? O primeiro prexudicado serías ti.
– Quero que o publiques, pero baixo o nome do meu querido irmán Iago. É conveniente para nós os dous. Agora, escoita as miñas condicións. Sabías que van facer dez anos da súa morte? Pois vai sendo hora que movas as túas influencias.
A nova correu como a pólvora.

O Día das Letras Galegas do 2016 adicarase á memoria de Iago Tella Cachelas (1974-2006). Tella deixounos unha obra en poesía e narrativa breve e interrompida pola súa prematura morte, mais dunha inmensa importancia e influencia. Seguramente, o autor galego máis lido en todo o mundo (…)
A Editora Alvarades, nun comunicado oficial, congratulouse da nova e anunciou a publicación para esas datas dunha novela inédita de Tella, en colaboración coa familia do defunto e a RAG. Asemade, non descarta a aparición de máis material inédito do xenial escritor. A expectación é máxima, na nosa terra e no estranxeiro (…)
Se ben poucos discuten a oportunidade de renderlle tributo a Tella, moitos si acusan á Academia de oportunismo, precipitación e interese económico espurio. Entre o falecemento do homenaxeado e a homenaxe han de pasar como mínimo dez anos, e no caso de Tella cómprense por poucos meses. (…)
A repercusión social e literaria do homenaxeado, unida ó lanzamento deste libro póstumo, agoiran un Día das Letras especialmente mediático como poucos, mais como dixemos, non exento de controversia.

Sobre o autor / a autora

Francisco Castiñeira

Francisco Castiñeira

(Galiza-Alemanha) Francisco Castiñeira naceu (nacérono) na emigración en Suíza no 1977 e hai anos reside en Regensburg (Alemaña), mais será e sentirase sempre un coruñés con morriña dos Mallos. Dentro da narrativa curta colaborou en diversas publicacións e libros colectivos, e xa en solitario editou as escolmas de relatos "Seica chove" (Baía Edicións) e recentemente "Podería falar de nubes" (Redelibros).

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *