Ambigüidade e melancolía: <em>Farándula</em>, unha obra prima de Arturo Souto

Ambigüidade e melancolía: Farándula, unha obra prima de Arturo Souto

0 comentários 🕔12:50, 17.Jun 2015

O pintor galego Arturo Souto Feijoo (Pontevedra, 1902-México Distrito Federal, 1964) foi un artista dunha calidade excepcional, aínda falto dun recoñecemento á altura da importancia da súa obra, que xogou un papel relevante na renovación da arte galega anterior á Guerra Civil, mais que tamén debe ser considerada no contexto internacional da época que lle tocou vivir, co que mantén unha manifesta e interesantísima ligazón.

Na súa evolución, a pintura do pontevedrés tocou temas ben diversos: naturezas mortas; retratos; paisaxes; interiores e exteriores con figuras, cun marcado gusto polas escenas marxinais e polas figuras femininas, tratadas frecuentemente cunha inclinación expresionista (O pintor Diego Rivera, 1932, colección particular, Vigo), chegando en ocasións a se achegar a unha estética poscubista, aspectos que se poden detectar na súa obra ao longo da toda a súa traxectoria mais que proceden da súa estadía no París dos anos trinta.

Un 2015 06 Carlos Bernárdez Arturo Souto, _O pintor Diego Rivera_ 1932dos seus temas recorrentes é o ambiente de escenas de circo, cabaré ou prostibulares, nas que dominan os tons cálidos e sensuais. Non obstante, non son infrecuentes as composicións que amosan unha visión tráxica e dramática, ás veces con certo ar expresionista, como se pode observar en acuarelas e tintas que presentan os seus característicos estudos a partir de modelos femininos, evidenciando que a súa linguaxe pictórica se aproxima á tradición francesa, especialmente cando estas figuras se captan na intimidade, co ollar do pintor convertido no dun auténtico voyeur.

Entre os seus cadros de escenas circenses salienta o óleo Farándula (ca. 1932, colección particular, Galería Montenegro, Vigo), obra de notábeis dimensións (120 x 120 cm) realizada nunha época en que a súa pintura se achega máis intensamente aos movementos figurativos europeos de entreguerras, nomeadamente aos italianos; de feito será Italia o país que escollerá o noso artista para unha longa estadía entre 1934 e 1936, ao lle ser concedida unha pensión na Academia Española de Roma -que dirixía neses anos Valle-Inclán-, tendo unha influencia notábel na súa produción, velaí obras como Ruínas clásicas [Vista de Roma] (1935, Real Academia de España, Roma).

En concreto, 2015 06 Carlos Bernárdez Arturo Souto _Ruínas clásicas (Vista de Roma), 1935o cadro Farándula de Souto insírese de cheo nunha das correntes máis importantes do realismo dos anos vinte e trinta: a que adopta o clasicismo como referente, un clasicismo renovado do que Pablo Picasso foi un dos máis claros expoñentes. Estamos perante un tipo de figuración que ten na ambigüidade e no sentimento melancólico -que analizou o historiador de arte francés Jean Clair para este período- algúns dos seus máis sólidos argumentos.

O cadro do pintor pontevedrés é, ao tempo, unha homenaxe á creación –representada polo circo- e unha expresión de indeterminada tristeza, acentuada pola ausencia nas figuras de trazos fisionómicos, ben habitual na arte europea desta altura, que corresponde, de xeito xenérico, a un sentimento humanista e igualitario.

A respecto do tema concreto da obra, cómpre lembrarmos que o ambiente de escenas de circo, cabaré ou bordel -ámbitos situados nas marxes do socialmente convencional- é ben frecuente na arte europea desta altura. En concreto o tema circense é recorrentemente representado por pintores destes anos como August Macke, Pablo Picasso, Gino Severini, Antonio Donghi, Jean Metzinger, Marc Chagall…

Na Farándula de Souto apreciamos un forte sentido volumétrico, debedor da tradición cubista, dese cubismo que foi evoluíndo para unha linguaxe máis lexíbel, consonte coa “volta á orde” que caracteriza o momento artístico nesta altura; estas referencias complétanse cunhas figuras estáticas que pairan nun universo atemporal e que son o cerna da composición.

De por parte, este óleo, como outros do noso artista nestes anos, está na órbita da pintura figurativa italiana dos Valori Plastici e do denominado “realismo máxico”. Dentro deste mundo, a melancolía que deita o óleo Farándula está máis achegada a un concepto de representación que prima a alegoría emotivamente intensa, o que achega o labor de Souto á obra dun artista como o italiano Mario Sironi, ficando algo máis afastado da figuración irónica do Giorgio de Chirico destes anos.

En Arturo Souto observamos, xa que logo, algunha das características destas correntes figurativas de entreguerras como é o equilibrio entre obxecto e abstracción, evidenciando a dialéctica interior-exterior e suxeito-obxecto, facendo agromar os equilibrios inestábeis e os desprazamentos a respecto da experiencia habitual da realidade que está en condicións de provocar no observador do cadro unha intensificación misteriosa das súas capacidades emotivas, mantendo a tensión entre a descrición puntual e mais a narración enigmática.

Neste sentido, 2015 06 Carlos Bernárdez Arturo Souto, _Farándula_, ca. 1932vendo un cadro como Farándula véñennos á mente as palabras de Walter Benjamin cando afirmaba que “toda personaxe, toda cousa, toda situación pode significar calquera outra cousa”, unha procurada ambigüidade que está na orixe da actitude melancólica e que a pintura recolle de xeito evidente.

Como outras obras ligadas ao realismo máxico e ás correntes figurativas do seu tempo, a Farándula de Souto pódese entender como unha pintura que cuestiona o optimismo falso da vangarda, sendo estas figuras da espera e da saudade, igual que outras figuras petrificadas ou transformadas en manequíns -tan típicas desa altura e tamén representadas na obra de Souto- evidencia dun malestar de época, dun sentimento de deshumanización, que para Jean Clair, é semellante ao analizado por Sigmund Freud no ensaio Das Unheimliche [O sinistro], escrito en 1919, un concepto este de “sinistro” que o autor vienés definía como “aquilo que debendo permanecer oculto, se descobre”. Estamos perante síntomas que traducen unha inquedanza fronte á representación, en particular no caso concreto do cadro Farándula, no que respecta á construción das figuras humanas e dos cabalos, unha evidencia dun sentimento de estrañamento, por medio do que Souto conecta co ambiente estético internacional do seu tempo.

Nesa fronteira entra a tradición e a vangarda, entre a pulsión e o equilibrio, agroma esta obra prima de Arturo Souto, deixando no espectador un sentimento de intensa e atemporal emotividade.

Carlos L. Bernárdez

Sobre o autor / a autora

Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *