<em>Cartas a Emilia Pardo Bazán</em> (X), por Teresa Barro

Cartas a Emilia Pardo Bazán (X), por Teresa Barro

0 comentários 🕔11:30, 18.Jun 2015

Benquerida Emilia:

Suspeito ou intúo que ti, que fuches feminista na práctica ainda que talvez non o foses na teoria, pensarias que o patriarcado estaba ben e que asi tiña que ser. Pensarias seguramente que o problema da desigualdade de direitos entre varón e muller se solucionaría con mulleres que fosen capaces de facer o que facian os homes. Eu coido que, mentras exista o patriarcado, as mulleres estarán inferiorizadas dun xeito ou doutro e que o sistema as diminuirá e as reducirá ao papel que lles ten asignado por muito que demostren que son tan capaces como os homes.

Para ver como funciona o patriarcado o mellor é ver como funciona a familia patriarcal, pois que ese é o modelo básico que se reproduce logo en todas as capas da sociedade. A estrutura da familia patriarcal é por esencia xerárquica e baséase no principio inamovível de que o verdadeiramente importante, o tronco do que depende tudo o demais, é a familia como conxunto e entidade, non os seus integrantes. O tronco terá pólas e follas, mas son accesorios, complementos, elementos secundarios. Falábamos de que á patria se lle outorga santidade e de que, mesmo porque é santa sempre, merece amor, fidelidade, entrega e agradecimento eterno, e ten direito a exixir sacrificios e incluso vidas. Iso é unha imitación exacta do que sucede coa entidade Familia, que tambén é santa e portanto hai que sacrificar tudo por ela. Os integrantes da Familia non deberán desapegarse do tronco nen aspirar á independencia. No patriarcado a dependéncia é santa e a independéncia é traizón e unha infración intolerável.

O patriarcado foi o instrumento perfeito para estabelecer mandos e xerarquias inamovíveis e desigualdades natas e indiscutíveis. E desigualdade, xerarquia e superioridade e inferioridade intrínsecas e indiscutíveis son o que a familia patriarcal estabelece e propaga. Desde o momento mesmo en que vimos ao mundo quedamos inseridos para sempre na categoría superior ou inferior, segundo teñamos nascido varón ou muller. Quen nasce varón pertence ás ramas principais do tronco familiar, as únicas capaces de propagar a familia como tal, porque no patriarcado esa tarefa correspóndelle ao varón. O varón ten o deber de dar continuidade á familia mediante a transmisión do apelido paterno aos fillos. Iso no mínimo, pois esa liña masculina queda mais fortalecida ainda cando hai proxenitura masculina nas herdades económicas e sociais. A transmisión do apelido do pai aos fillos é un dos pilares do patriarcado. Por muitos avances que as mulleres fagan no terreo da igualdade cos homes, non lles será fácil vencer a desigualdade fundamental que ven de que o transmisor do vínculo familiar, o continuador da familia, sexa o varón e non a muller. E non deixa de ser estraño, Emilia, que nen no feminismo dos teus tempos nen no dos meus se plantexase este tema.

O de que se festexase e preferise sempre o nascimento dun varón ao dunha muller foi porque no patriarcado o varón ten un papel principal na familia e portanto na sociedade, mentres que a muller ten un papel secundario, de axuda á tarefa do varón, e unha desas axudas é a de darlle fillos varóns que podan continuar a liña masculina de mando e poder. Ainda que a transmisión do vínculo familiar se fai principalmente coa transferencia do apelido paterno, en muitos casos é o varón, por exemplo, o que ten que velar polas almas dos antepasados con rituais que só pode facer ele, e iso xa é abondo para que nas culturas onde o culto aos antepasados é forte, o varón sexa muito mais importante para a Familia que a muller.

Unha das grandes perversidades do patriarcado foi a de que, a pesares de ser a muller a principal criadora dos fillos, non se considerase a principal continuadora da familia. O lóxico e natural sería que a muller fose a principal continuadora da familia e que os fillos levasen o apelido da nai, dado que ela ten un papel muito mais importante na criación deles que o pai, ou que polo menos levasen o apelido dela de cativos e logo escollesen o que preferisen ao chegaren á idade adulta. As mulleres foron escravizadas, aprisionadas, despoxadas das liberdades mais básicas, tratadas pola lei como menores de idade, mutiladas, asasinadas, apedradas, queimadas, enterradas vivas, humilladas e desprezadas por medo a que tivesen fillos de outros varóns que non fosen os continuadores da Familia á que pertencian. Se fosen as mulleres as continuadoras da familia e non os varóns, nada diso teria sentido e todos eses abusos e crueldades non farian falta.

O do papel secundario da muller foi algo que asentaron, remacharon e difundiron todos os que manexaron as relixións, cando menos as mais coñecidas. Repito, Emilia, que non sei se o patriarcado se implantou no mundo grazas ás relixións ou se quedou incrustado nas relixións porque xa estaba implantado. Do que non hai dúvida é de que o apoio foi mutuo. Para falar da relixión que mellor coñezo, que é a xudaico-cristiá, a interpretación que as autoridades eclesiásticas fixeron da Bíblia para defender o patriarcado non se ten de pé. As igrexas cristiás sostiveron sempre que o Deus bíblico, pintado por elas como o típico patriarca, varón, vello e autoritario, implantara o patriarcado no mundo, cando o que se ve no relato da Bíblia que usaron para o adoutrinamento que fixeron é que ese Deus profetizou o patriarcado entre as desgrazas que afectarian aos humanos. E a interpretación que se fixo dos relatos bíblicos para adentrar a ideia de que Deus fixera á muller inferior ao varón e subordinada a ele baséase nun razoamento disparatado que non resiste a análise.

O de que se dé a preferencia ao varón non é o fundamental do patriarcado. Malia ser difícil de imaxinar, poderia ter sido ao revés, que se lle dese preferencia á muller, e o sistema teria funcionado. O fundamental é o enraizamento do principio da desigualdade e xerarquia, e para o sistema é esencial que sexan natas, conxénitas, e que non se podan mudar.

As ideias deterministas son unha das bases do sistema. A crenza de que tudo o que acontece no mundo está predeterminado polos deuses e que o ser humano non ten liberdade para rexer o seu destino foi inculcada polas xerarquias de todas as relixións. Esas ideias deterministas e fatalistas están mui vivas en todas as sociedades e sen dúvida nas de tradición católica, nas que sempre ¨será o que Deus queira¨ e tudo o que sucede é porque o patriarca que está nos ceus así o ordena. A ese Pai-Patriarca divino atribúeselle mando absoluto sobre os seres humanos, os seus ¨fillos¨, aos que pon a prova todo o tempo enviándolles desgrazas e calamidades para que merezan seu amor e demostren piedade filial aceitando o que o Pai faga e sen cuestionar a sua actuación nen pedirlle responsabilidade. Criouse así o modelo divino de familia autoritaria, controladora e ditatorial, e ese é o modelo que segue a familia patriarcal e o que se repite logo en todas as estruturas da sociedade.

Seguiremos, Emilia.

Sobre o autor / a autora

Teresa Barro

Teresa Barro

(Galiza-Inglaterra) Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, licenciándose nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1962 casou con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, co que en 1964 se traslada a Londres, onde traballou como tradutora, residindo desde 2008 en Lancaster (Inglaterra). Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra e Sermos Galiza, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres. Obra: Ensaio: Cartas a Rosalía, 1981, Edicións do Castro; Introducción á Astroloxía, 1983, Xerais; Dentro e fóra, 2002. Traducións: Contos de Andersen, 1983, Edicións do Castro; Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, xunto con Fernando Pérez-Barreiro, Xerais; Alicia do outro lado do espello, Xerais; Fábulas de Esopo, 1997, Laiovento.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *