Entrevista a Elena Gallego Abad

Entrevista a Elena Gallego Abad

0 comentários 🕔12:30, 26.Jun 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Elena Gallego Abad: Lectora dende que teño memoria, a literatura foi sempre o meu refuxio, un universo de universos no que viaxar, soñar, vivir outras vidas e tempos imposibles. Como escritora, non hai mellor posibilidade de xogar a ser deus creador e converter o efémero en memoria. Síntome moi afortunada.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística e literária?

- Elena Gallego Abad: No meu caso é complexo, froito de moitas horas de traballo. Mentres os personaxes e as ideas van cobrando vida, preciso realizar un labor de documentación que sustente a súa historia. Iso pode levar semanas… meses incluso. Só podo escribir un capítulo cando visualizo a escena completa, cando podo describir o entorno no que se moven os personaxes e reproducir o seu diálogo sen vacilacións. Creo na mente e logo transcribo, ás veces unha páxina, noutras ocasións varios capítulos consecutivos. Despois xa chegará o proceso de depuración, talvez o máis difícil.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (audiovisual, fotografia, música, etc.)?

- Elena Gallego Abad: Todas as artes están intimamente relacionadas, e mais nos tempos en que vivimos, baixo a tiranía da web e das redes sociais. Coido que neste momento a literatura precisa expandirse cara outros universos, beber noutras fontes para enriquecerse. Iso si, sen deixar de ser literatura. Unha boa novela con banda sonora, con proxección no universo audiovisual, posiblemente chegará máis lonxe que aquelas que, sobre un único soporte físico, permanecen agochadas nun andel. No caso da literatura galega pode ser cuestión de supervivencia.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)?

- Elena Gallego Abad: A miña biblioteca está ateigada centos de títulos que, dun xeito ou doutro, deixaron pegada na miña escrita. Aínda que de estilos e épocas ben diferentes, poderíamos falar de autores tan diversos como Enid Blyton, Agatha Christie, Carlos Ruiz Zafón, Jules Verne, Paul Auster ou Stephen King. Alén da literatura, na miña novela Sete Caveiras é evidente a inspiración musical daqueles anos oitenta da Movida. Mais a realidade que vivimos, o noso día a día, é a principal fonte de inspiración para construír os meus personaxes. Ese é o grande reto da saga Dragal, que acontece nun mundo e tempo reais, na actualidade, aquí mesmo.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Elena Gallego Abad: Os camiños da globalización lévannos a renovarnos ou extinguirnos. Nun momento en que calquera pode acceder dun xeito inmediato a tantos libros que non terá tempo de ler en setenta vidas, hai que buscar fórmulas orixinais para sorprendelo e conquistalo. Mesturados entre as ducias de milleiros de títulos que se publican cada ano no mundo, os nosos semellan absolutamente irrelevantes.

Hai que experimentar novas fórmulas de comunicación co lector? Posiblemente, mais talvez o segredo estea en conservar a nosa identidade. Despois da tradución de Dragal ao catalán e castelán, sorpréndeme o grande número de lectores interesados en coñecer a Galicia contida nas páxinas dos meus libros. Moitos virán, seguro.

- Palavra Comum: Fala-nos de Dragal. De onde vem e para onde pode ir?

- Elena Gallego Abad: Dragal naceu dun reto. Unha nai que quere escribir un libro de dragóns que non existe, para o seu fillo, e un rapaz que dubida de que isto sexa posible. Dragal non foi concibido con maior pretensión, mais xa van catro novelas publicadas. A historia do dragón galego vai medrando aos poucos, sustentada na maxia de Galicia e na historia do país. Ao quedar o primeiro libro finalista do premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, convocado por Xerais, no 2009, xurdiu outro reto: continuar a historia inacabada daquel primeiro manuscrito. A primeira triloxía Dragal publicouse entre os anos 2010 e 2012. Escribín outra novela, Sete Caveiras, e daquela o dragón deu o salto ao universo audiovisual.

Ese é o motivo que me levou a regresar ao universo do dragón galego, dar continuidade á súa historia inacabada para dar resposta aos milleiros de lectores que así o demandaban e, ao tempo, aos requirimentos da grande pantalla, cómic e videoxogos nos que traballa Ficción Producciones. Neste momento estou a traballar no segundo libro da segunda triloxía, que vén sendo xa o quinto da saga. Un grande reto, porque ten que ser mellor que o anterior.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Elena Gallego Abad: A nivel literario estou mergullada en dous proxectos diferentes, mais o traballo de promoción de Dragal en distintas linguas, dentro e fóra de Galicia, e as novas traducións da saga estanme a ocupar moito tempo. Iso, sen esquecer o labor de documentación do próximo Dragal, co que espero sorprender aínda máis aos fans da saga. Gustaríame chegar a desenvolver estes proxectos dos que falo, completamente diferentes a todo o publicado ata o momento, pero non hai présa.

Ter novos proxectos literarios dos que botar man en calquera momento é un privilexio.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *