Entrevista a Helena Villar Janeiro

Entrevista a Helena Villar Janeiro

0 comentários 🕔13:00, 03.Jul 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Helena Villar: Despois de pensar tantos anos neste tema, hoxe considero que a literatura é un poder que me foi configurando como son e que forma xa parte de min. Xa que logo, vén a ser a mellor forma de expresar os contidos das miñas emocións, dos meus soños e da miña consciencia, e tamén a de facer calquera manifestación á que lle queira dar un relevo de estilo. Mediante o seu gozo primeiro e da creación despois, a literatura sumoume ao herdo que foi elaborando a humanidade, moi particularmente o meu pobo, a través das palabras máis creativas e menos suxeitas ás necesidades elementais da comunicación. O feito de ter traballado coa literatura asiduamente aínda que non fose a miña profesión -á que tamén me entreguei todo o que puiden- marcoume o xeito de me situar fronte á vida e fronte a min mesma. Éme moi difícil ver momentos e situacións sen facelo cos ollos da escritora. Non me dou subtraído á tentación de escoitar unha conversa como se estivese ante un diálogo narrativo nin de vivir unha situación de tensión emocional, propia ou allea, que non se encadre na atmosfera na que se desenvolve a lírica. Por un lado, isto convértese nunha forte imposición á que cada vez me resisto menos, pero tamén é nunha fonte de riqueza gorentosa e de distanciamento útil para mirar as cousas con perspectivas diferentes, para enfrontarse a unha e ao mundo doutra maneira. A experiencia pasou de ser preocupante a ser interesante.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística e literária?

- Helena Villar: Traballo sempre moi motivada e simultaneando cousas que podo ou debo compaxinar. Son constante, pero tamén podo abandonar proxectos iniciados con interese, ou cando menos, pospoñelos para entregarme a outros que me urxen desde dentro ou que me solicitan desde fóra. Crear esixe unha dose de disciplina, máis dura para a narración que para a lírica, e tamén precisa dun oficio de estilo acumulativo que hai que ir conquistando día a día. Sempre estou disposta a ser crítica co que fago, polo que non escatimo tempo para reler e rescribir todas as veces que considero precisas nin para deixar que repouse o suficiente aquilo que dei por acabado. Sei que é necesario superar con distancia os momentos intensos do feito creativo para enfrontarse á obra con menos carga de proxección que a que se acumulaba no momento de escribila. Se aguanta a merma de carga emotiva, pode considerarse aceptablemente terminada.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, audiovisual, fotografia, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?

- Helena Villar: Fun sempre amante das artes, fundamentalmente da música e da pintura. Antes de escribir, toquei a guitarra para cantar -ser soprano profesional foi a gran paixón que non puiden vivir-, fixen cerámica e pintei. A pintura compaxineina cos comezos da literatura -por separado, non conxuntas- ata que naceron María e Abelardo. Non tiña estudo para facer o traballo e pintar na casa era perigoso para as criaturas polos materiais tóxicos que se usan. Supoño que non se perdeu unha pintora, pero aquela afección puiden transferila estes últimos anos á fotografía, que si combino coa literatura completando haikus e nanorrelatos, fundamentalmente. A música segue sendo importante na miña vida e está moi presente na miña obra literaria, tanto nos contidos e na atmosfera como na musicalidade dos textos. Descubrín que o proceso de conseguir unha imaxe ao teu gusto está moi relacionado cos puntos de vista da narración e a busca expresiva do eu poético. Estes principios son moi válidos para min e operan nas dúas direccións. Non é bo que a literatura viva illada das outras artes, pois entre elas se apoian e a expresión final resulta sempre reforzada.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)?

- Helena Villar: Antes de nada, cómpre dicir que a miña preparación en materia literaria a través da educación institucional -incluída a universitaria- non me proporcionou ningún referente, pero tiven un pai moi afeccionado á lectura literaria que sementou en min moito amor pola poesía e pola novela, e que tiña como soño que eu exercese o xornalismo. Como poeta, nacín da man de Juan Ramón Jiménez, un autor que me fascinou aínda que hoxe me sinto máis distante del. Cando dei clase de francés, lin e traducín poesía francesa -Éluard, Prévert…-, que me abriu ao gusto pola poesía máis libre na forma, cando aínda eu utilizaba rima e estrofas definidas. Nun momento fascináronme os merlos de Faustino Rey Romero. Noutro, toda a obra de Cunqueiro. Rosalía está no fondo desde hai moitas décadas. E tamén a poesía andalusí da Idade Media e a das poetas rupturistas de Iberoamérica. En realidade, toda lectura é operativa sobre o que escribes, como non podía ser doutro modo, polo que cada lectura produtiva se fai infiltrando nese mundo teu e, dalgún xeito, abrindo as túas ventás un pouco máis. Verbo da narración, tiven contacto con ela a través da oralidade do meu pobo ancarés na xastrería de meu pai, que era un gran narrador oral que hoxe chaman contacontos. Sobre aquela aprendizaxe temperá, fun recibindo mestría con múltiples lecturas da literatura universal, incluída a galega. Empecei a escribir poesía en castelán, unha lingua na que poetizo con suma facilidade para a que ou da que levo traducido moito, incluíndo da miña propia obra. Prosa en castelán nunca escribín e sei que me custaría máis facelo.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Helena Villar: Estamos vivindo cambios transcendentais aos que non é allea a literatura, que debe convivir tamén co fenómeno da rede. Vivimos unha democratización da literatura que aumenta o número de cultivadores, posto que poden publicar os seus textos, e dos lectores, que nos obriga a adaptar mellor ás mensaxes ao medio, por exemplo coa ilustración que atrae a vista e coa dimensión que chama á lectura. O uso que eu fago da literatura complementada coa imaxe está destinada ás redes. A cultura galega non pode quedar á marxe destes cambios. Xa perdemos trens dabondo. Pero é moi estimulante comprobar que as creadoras e os creadores galegos son conscientes deste feito e están facendo un bo traballo en todos os niveis.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?

- Helena Villar: Eu creo que Galicia é bastante imaxinaria xa en por ela. Temos un perfecto imaxinario colectivo diverxente. A Galicia que describen algúns, que tan ben din que a serven, non ten nada que ver coa que intentamos soster outros con amor inquebrantable e contra vento e marea, porque non temos o feito de defendela por oficio. Eu véxoa como unha nación que ten moi pouco de real mal que me pese e por moito que crea nela como se fose patente esa súa existencia. Porque nesa Galicia que outros negan é na que eu creo. A primeira cousa que habería que recuperar para a súa existencia real sería a súa autoestima, que empeza por manter o idioma propio, e a conservación do seu patrimonio cultural e ecolóxico tantas veces en perigo e en mans pouco escrupulosas. A Galicia real e tanxible é un país conservador que, curiosamente, trata de destruír o mellor que ten e o que mellor a define como pobo. Eu aínda coñecín outra, a Galicia mítica nos Ancares que, despois de séculos de existencia con cambios mínimos, desapareceu case dun sopro como un castelo de naipes. Foi acometida por concentracións escolares que sacaron aquela infancia do seu contexto, ensinándolle a menosprezar desde as súas comidas ata a súa lingua, que conservaba como un tesouro. Foi a Galicia abandonada pola falta de previsión política de preservación do rural. Esa Galicia mítica, que tiña nenas e nenos que nacían para nos continuar, é a que sostén o meu soño e a que procuro poñer ao día sen dala por perdida definitivamente. Alí teño o meu máis valioso dicionario e as miñas referencias vitais máis importantes.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Helena Villar: Como xa estou no terceiro acto da función da vida, procuro non almacenar proxectos, pero si que lle dou a algún un cariñoso acubillo. Pola dedicación a cultivar o haiku -hoxe completado con fotografías propias- gustaríame facer un libro cunha selección dese conxunto numeroso que constitúe este subxénero. Esperamos un editor e mais eu que se esvaeza algo a brétema que está operando sobre a cultura. Traio entre mans un libro de poemas de carácter máis cívico que a poesía que viña publicando. Non perdo a ilusión de configurar un libro de memoria, moi pouco ao uso, porque vivín épocas ben diferentes e teño experiencias que contar dos diversos papeis que me tocou asumir nunha vida que considero rica en experiencias. Sigo con ilusión coa miña columna semanal en El Correo Gallego, e cos meus blogues e actividade nas redes sociais. E como unha especie de papel de seda que ocupa lixeiramente eses ocos que me deixa o tempo para que sexa compacto e non se mova todo dentro, adoito tomar parte nos variados proxectos que me veñen ofrecidos desde fóra, publicacións colectivas e outras actividades relacionadas co espazo da palabra oral e escrita.

- Palavra Comum: Que opinas de Palavra Comum? Que botas de menos aqui?

- Helena Villar: Paréceme unha boa revista moi actual e creo bastante difícil botar nela algo de menos. Cando menos eu atópoa ben completa porque cobre todos os intereses de quen queira achegarse a ela.

NOTA: a fotografia da autora é de Óscar Reboiras.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *