Linguaxes de vangarda: Seoane e Granell

Linguaxes de vangarda: Seoane e Granell

0 comentários 🕔16:16, 07.Jul 2015

Seoane e Granell entre Galicia e América. Unha mostra na Galería Montenegro (Vigo)

Os pintores galegos Luís Seoane e Eugenio F. Granell tendo unha identidade plástica moi marcada, comparten comúns experiencias xeracionais e posicionamentos éticos e estéticos fondos. Ambos, logo dunha etapa xuvenil en Galicia, acaban exiliados por mor da Guerra Civil, comezando a conformar os seus estilos pictóricos a partir dos anos corenta, Seoane na Arxentina e Granell en diversos países do Caribe.
Seoane desenvolve unha obra pictórica, literaria e editorial desde a Arxentina que estará orientada temática e formalmente para a formación dunha conciencia histórica con capacidade para se proxectar sobre o presente, con Galicia como eixo, mais cunha vontade de completa universalidade.
Seoane utiliza na súa obra cores planas, simplificadas, trazando figuras que se converten en emblemas de Galicia, con especial importancia a respecto do universo feminino, que se nos ofrecen case como iconas, cunha intensa natureza plástica, que desde a modernidade suxiren o valor simbólico da pintura e escultura medievais.
En contraposición co costumismo dominante en moitos pintores galegos, Seoane, partindo de temas semellantes, depura a linguaxe até converter os mesmos temas nun novo universo propio, que, sendo intensamente persoal, consegue que nos impliquemos neles, que os sintamos como algo que nos singulariza de xeito intenso, ao tempo intelectual e afectivamente.
Pero todo este proxecto discursivo e plástico tamén se fai desde a estreita ligazón co universal, e a influencia das vangardas históricas é fundamental, aspecto que resalta de xeito particular na súa obra a partir dos anos cincuenta, o mesmo que o seu diálogo coa tradición da modernidade que parte de Cézanne, como se pode ver nas naturezas mortas.
Seoane, Figura, 1959Nos óleos agora expostos asistimos á evolución do seu estilo cara a un maior sintetismo. As pinturas dos anos corenta e primeiros cincuenta (El pulpo, 1948) presentan formas de rexa estrutura e pincelada áspera. Progresivamente vai gañando terreo o esquematismo e o dinamismo, alternando estes trazos nas figuras sobre a cor. Seoane reproduce figuras hieráticas que se reducen a esquemas figurativos, de contido simbólico, con formas organizadas en planos con cores contrapostas, de enorme poder de suxestión, como Figura (1959) ou Sen título (1964). Aspectos que son tamén manifestos nas súas paisaxes e nas naturezas mortas, como Tres coliflores (1963) ou Naturaleza muerta (1964). Estamos perante un estilo que vai acadar a súa plenitude nas décadas dos sesenta e setenta (Muller en ocre, 1964; Traballadoras, 1965).

Como xa sinalamos, a obra de Granell foi fundamentalmente realizada no exilio americano e está ligada ao movemento surrealista, no que participa desde que coñece a André Breton en 1941, durante unha estadía do escritor francés na República Dominicana, camiño dos Estados Unidos, onde residirá fuxindo da Europa en guerra. Este contacto e a pegada do novo continente, coa súa diversidade xeográfica, étnica e cultural non deixa indiferente a un artista que está a principiar a súa traxectoria como Granell. Esta nova realidade vai influír tanto na súa pintura que sería difícil concibir a súa obra sen a pegada da nova terra na que se instala como exiliado e do contacto directo co movemento surrealista. Daquela, elabora un surrealismo influído de maneira absoluta pola realidade física e cultural caribeña, colorista, cheo de figuras e con referencias antropolóxicas, tendo o seu traballo puntos en común con outras estéticas de América Latina, como a do seu amigo Wifredo Lam en Cuba ou a de Remedios Varo en México. É o seu o que a crítica denominou “surrealismo caribeño”, produto dun duplo abraio: pola vida e cultura “primitivas” e pola modernidade formal de matriz europea.
Na mostra podemos contemplar obras de diferentes épocas, ben representativas do estilo e evolución do pintor e que ilustran a intensa relación que o artista estableceu con distintos contextos nos que desenvolveu a súa actividade vital e artística. O noso pintor procura unha linguaxe que se afaste do simple cosmopolitismo, que conecte coa tradición, velaí a influencia do Greco na obra Ángeles, toreros, e ao tempo coa realidade americana de herdanza indíxena (Lujos de la selva, 1947), creando unha peculiar lectura da modernidade, en contacto, en moitos casos, co étnico como un dos resortes temáticos e estilísticos.
Nas primeiras obras as referencias formais a Picasso son evidentes (La gran solemnidad, 1946), mais estas ligazóns son interpretadas cun sólido achegamento ao mundo indíxena, que se manifesta nos trazos físicos, nas tatuaxes, abelorios e plumas. A visión surrealista da relación persoal co contexto americano é unha constante na súa obra, en especial o tema do encontro entre o europeo e o universo americano, argumento xenérico de diversas obras do artista e tamén da súa novela surrealista La novela del indio Tupinamba.
En variadas creacións seguimos a percibir unhas formas debedoras do cubismo, sintetizadas con outras influencias vangardistas e tratadas cun cromatismo brillante e unha planimetría espacial poboada de seres e obxectos, que delatan a influencia do ambiente tropical (Las flores del lago, 1950; Un faro para el viento, 1952). A idea do encontro, frecuente en Granell, é elaborada a partir do mecanismo surreal dos misterios que provocan estrañas confluencias na natureza (Los gérmenes del aire, 1953) ou no universo cultural e literario (La cortina verde, 1973; Figuras alargadas, por algo que sucede, 1973), mais a carga vivencial e social dos temas tratados tampouco non pode pasar desapercibida.

Sobre o autor / a autora

Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *