Entrevista a Xoán Piñón

Entrevista a Xoán Piñón

0 comentários 🕔13:00, 22.Jul 2015

- Palavra Comum: Que são e supõem para ti a fotografia e a música?

- Xoán Piñón: A Fotografía recuperou, cun retraso de 17 anos, o que era unha tendencia natural que xa tiña de rapaz coas artes plásticas e que foi capada ao estar -practicamante obrigado- a facer un bacharelato e unha carreira de ciencias cando non vía claro cal sería a miña actividade no futuro. Con ela aprendín a ver doutro xeito e comunicar cunha linguaxe doada e axeitada á miña persoalidade, unha profesión recuperada que me permite vivir e traballar nun medio que me gusta.

A Música lévoa dentro desde neno e sempre foi paralela como un “denominador común vital” que complementa e enriquece á Fotografía. Con grupos como N. H. U. ou DOA conseguín darlle un sentido e unha saída ás miñas necesidades artísticas. Fotografía e Música quérense e atráense entre si; case non podo entender unha sen a outra. Podería resumir dicindo que sempre tiven unha vocación “audiovisual” e aínda que tardei e non foi doado, co cambio de rumbo, cumprín un soño e unha necesidade.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística, nos campos comentados e em geral?

- Xoán Piñón: Coido que unha formación técnica previa ao proceso creativo é fundamental, tamén un coñecemento amplo da Historia, e sobre todo, non deixarse seducir cos excesos das tecnoloxías, son como un “espellismo”; é a grande confusión que hoxe existe nas artes musicais e visuais na que “todo vale” … Coido que isto é debido á saturación e a certos intereses comerciais da industria cultural.

Eu móvome mellor coa intuición, a improvisación e a concentración, “a obra” xorde sen que ti o pretendas, simplemente sucede… hai que estar atento para capturala e que non pase diante de ti sen vela. Nada é máis nocivo para a creación que un destino previsto. Aproveito este espazo para agradecerlle ao meu grande profesor de debuxo Mariano García Patiño o terme aberto unha luz naqueles anos adolescentes no que andaba moi despistado.

- Palavra Comum: Qual2015 07 Xoán Piñón Horta de Carnati consideras que é -ou deveria ser- a relação entre as diversas artes (música, audiovisual, fotografia, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?

- Xoán Piñón: Pois a tendencia multidisciplinar e o traballo en grupo é o máis enriquecedor na creación; convivir, relacionarse, compartir ideas e interactuar, son elementos que potencian e enriquecen a creatividade. Non só nas Artes Plásticas e a Música, calquera outra disciplina sempre aporta novas visións. A miña experiencia sempre estivo relacionada con esta combinación. Sería estraño ver unha película sen música ou escoitar un concerto sen luz ou escenografía. Aínda que experimentos deste tipo xa teño visto, sinceramente non funcionan.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)?

- Xoán Piñón: Pois tería que acudir a@s grandes xenios de moitos ámbitos artísticos, sería unha listaxe moi longa e heteroxénea… Afonso X, Da Vinci, Bach, Adams, Miles Davis, Leivobitz, Hitchcock, Picasso, Avedon, Fripp, Hendrix, Rembrandt, Salgado, Simone, Man Ray, Menuhin, Pessoa, Bethânia, Kubrick, Pass, Lachapelle, Bacon, os petroglifos a arte popular-anónima e un longuísimo etc… de todos os xeitos a grande referente para min é a Natureza, ese grande misterio de formas, sons e cores que suceden día a día e nunca se repiten. Con aprender das nubes, doume por satisfeito.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação hoje?

- Xoán Piñón: Vexo a necesidade de “contar algo”, non me interesan as obras baleiras de contido nin os excesos técnicos “porque si”. Neste momento de grande cambio social a nivel global, a aportación persoal -por pequena que sexa- é moi importante, temos o privilexio de asistir a un “cambio de época” no que debemos participar, axudar, compartir coñecimentos, renacer… A Cultura, e polo tanto as artes, son imprescindibles no desenvolvemento e avance da sociedade, todas as trabas que teña, van en contra dun Coñecimento absolutamente necesario.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?

- Xoán Piñón: Sería algo parecido á paisaxe anterior aos Reis Católicos pero con Internet… Galiza ten unha morea de recursos naturais impresionantes: auga, vento, terra, clima, enerxía… Supoño que algo de minerais ainda quedarán por aí agochados ;-/ … se non é o Paraíso, aseméllase bastante. A nosa Historia coñecida remóntase aproximadamente ao século 40 A. C. Cando en Europa os pobos atlánticos xa tiñan un intercambio cultural, aquí falábase o Gaélico, enfín… por pasado cultural non vai ser… Iso si, sempre fomos un choio para espoliar; pero a idiosincrasia deste pobo aguanta con toda pasividade o que lle boten, dada a xenerosidade da natureza por unha parte e o “cultivo” da ignorancia da xente polas clases dominantes durante moitos séculos. Unha persoa sen cultura é incapaz de analizar, decidir …

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Xoán Piñón: Pois os proxectos férvenme na cabeza e teño que acougar para non tolear. Musicalmente gustaríame facer un traballo de compendio de moitas das músicas que escoitei pero desde un punto de vista da cultura galega, non sei se me dará tempo, pero intentareino. Na fotografía voltar ao Courel unha vez máis, aos mesmos lugares e fotografalos de novo. A maioría xa non existirán pola destrución masiva que a minería a ceo aberto e a industria louseira están a facer neste lugar sagrado para Galicia.

- Palavra Comum: Que opinas de Palavra Comum? Que botas de menos aqui?

- Xoán Piñón: Gústame Palavra Comum… Botar de menos? Nada. Ben, que haxa máis iniciativas similares.

NOTA: a segunda fotografia da entrevista pertence à série “Horta de Carnati”, do autor.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *