<em>Cartas a Emilia Pardo Bazán</em> (XV)

Cartas a Emilia Pardo Bazán (XV)

0 comentários 🕔12:30, 23.Jul 2015

Benquerida Emilia:

Seguindo co asunto da língua galega, isto é o que dis en De mi tierra:

Débese la superioridad de Cataluña a varias causas bien patentes, entre las cuales descuellan las filológicas. Por culpa de la malaventuranza política de Galicia, el habla gallega vino a quedarse huérfana de literatura; y la literatura es para las lenguas lima que pule, barniz que abrillanta, mirra que conserva, nardo que perfuma, flor que adorna, savia que hace brotar y crecer el árbol. ¡Desdichada mil veces la lengua que carece de consagración literaria! Por ilustre que sea su origen, al cabo vendrá a convertirse en el aullido inarticulado de la fiera, en el grito salvaje del mísero labriego que habla a su yunta de bueyes poco más racionalmente de lo que ellos podrían contestarle. Atendido el tiempo que la lengua gallega permaneció sin letras, todavía es admirable que al exhumarla poco ha de entre el polvo de los huesos de Alfonso el Sabio y Macías, se prestase con tanta ductilidad a la rima; y no debe sorprendernos que cueste grandes esfuerzos su reorganización, ni censurar a los poetas si van a tientas formándose su propio vocabulario, si unos contradicen lo que otros establecen, y si en ocasiones se limitan a versificar ideas pensadas en castellano y laboriosamente traducidas al gallego.

Al afirmar que el atraso de la lengua gallega nace de su carencia de literatura, no me refiero solamente a las bellas letras. También es cultivo literario para un idioma la conversación entre gentes instruidas, el comercio epistolar, la oratoria sagrada y profana, los instrumentos públicos; y en Galicia esto se hace en castellano. No así en Cataluña, donde todas las clases sociales, para todos los asuntos de la vida, se sirven del habla provincial; por eso allí un leve chispazo bastó a encender la inmensa hoguera de la reinaixença literaria, y el idioma, convenientemente elaborado, flexible y abundante, facilitó las empresas de sus cultivadores.

Na Cataluña non se perdeu o catalán e na Galiza, en cambio, xurdiu un sentimento negativo pola língua galega. Ten que haber motivos fortes para que iso sucedese.

Vexamos primeiro como funciona a relación entre duas línguas distintas. As ideias que se teñen sobre ese asunto na España e na Galiza son simplificadoras, anticuadas, reducionistas e imperialistas. Nesa esfera segue habendo mentalidade autoritaria, de imperio, e vira tudo unha cuestión de xerarquia e desigualdade, superioridade, inferioridade, dominio e ansia de aniquilar o diferente.

O que se pensa en xeral na España, e tambén na Galiza, que niso non ten ideias proprias, é que as línguas estranxeiras se poden dominar morando algun tempo, que pode ser mui pouco, nos países onde se falan; que a língua estranxeira ¨se pega¨, é dicer, se pilla de ouvido como unha canción de moda; que a língua materna é sempre a mais forte; e que é doado ser bilingue e falar e escrever duas línguas no mesmo nível.

O de que as línguas se pegan, sobretudo aos pequenos, que, segundo esta teoría, non teñen nengunha dificuldade en aprender unha língua distinta da própria, é unha crenza ilusória que no noso país, Emilia, virou artigo de fe sen fundamento nengun. De feito, na década dos 70 do século pasado comprovouse, en experimentos que se fixeron en escolas canadenses, que, ao contrario do que se pensaba, cando se internaba a un cativo de língua inglesa nunha escola de língua francesa e ninguen lle ensinaba o francés, ese cativo, ainda que estivese submerxido nun ambiente de língua e cultura francesas, non aprendía o francés. Achouse que a língua non se pegaba ainda que houbese internamento no seu ámbito, que habia que aprendela, e que iso era xustamente o que facíamos os humanos desde o momento en que nascíamos. Descobriuse tambén a importancia da fase do silencio e escoita na aprendizaxe das línguas, é dicer, que antes de falar hai un longo periodo de escoita e familiarizacion co idioma que hai que respeitar; os pequenos non empezan a falar porque chegaron á idade de facelo, senón porque lles falan desde que nascen e escoitan o que precisan para empezar a falar eles. A língua materna non se pega, senón que se aprende na familia. Se un pequeno está nunha familia na que ninguén lle fala, non aprenderá a língua.

Pasado o tempo, estrañoume que ese novo coñecimento de como se aprendian as línguas non estivese divulgado. Non se vía diferenza entre a maneira en que se enfocaba o estudo dos idiomas antes deses descobrimentos e depois, a pesares de que o que se descobrira debia ter provocado unha mudanza radical. Nalgun momento perguntei aos que traballaban en escolas de idiomas cal era a explicación de que se seguisen facendo as cousas como antes. Era que non se enteiraran? Respondéronme que tudo iso se sabia entre especialistas, mas ese coñecimento non se filtrara ao público: era mais fácil seguir facendo as cousas como sempre, e habia muitos intereses criados. A enorme industria que xurdira baseada no ensino de línguas estranxeiras preferia non mudar de padróns e seguir cos modelos coñecidos.

Outra cuestión que semella ser descoñecida case por completo na España, e na Galiza tambén, é a das relacións que xorden na convivencia entre duas ou mais línguas. Un dogma ao que se lle da crédito ainda, sobretudo en lugares como a Galiza onde o patriarcado está mui enraizado, é o de que a língua materna ten mais forza que as demais, un poder permanente e absoluto como o da nai. Non parece haber coñecimento da complexidade lingüística que se cría nas situaciones de bilingüísmo, que van acompañadas case sempre de bicultura tambén. Na nosa Galiza, Emilia, non parece terse reparado en que, se o bilingüísmo fose tan fácil e a língua materna tan forte e permanente como se pensa, todos os galegos falarian castelán e galego sen problema e no mesmo nível, e a língua galega non teria decaído.

Coido, Emilia, que para falar das línguas estranxeiras e da relación entre a língua materna e as outras, é indispensável ter en conta o mal que se ensinan, a própria e as demais, na España e na Galiza, e o mal que se entenden. Non sei como seria nos teus tempos, mas nos meus e mesmo agora, porque niso nada mudou, o habitual é ir a clase de inglés anos e mais anos sen aprendelo nunca. O único que mudou desde a miña xuventude, cando non se lle daba importancia ás línguas estranxeiras, é que agora virou dogma que hai que aprender o inglés porque ¨fai falta para tudo¨, sen ter en conta que ese inglés que se exixe nos exames e nas oposicións non val para nada porque case nunca é inglés auténtico. A aprendizaxe das línguas estranxeiras que se fai habitualmente só vale para consumo interno e non resiste o confrontamento coa realidade exterior. Nisto, como en tudo, nótase na España, e na Galiza, o isolamento e a falta de trato normal co exterior que impuxo o catolicismo político. España virou o riso do mundo por non saber tratar co mundo de fora e pensar que podía inventalo, e o riso seria mais forte ainda se no exterior se soubese que a aspiración dos habitantes da España é ser funcionarios e que son eses funcionarios os que ensinan as línguas en todo o sistema educativo. O mundo inteiro quedaria pasmado se soubese o desatino que se impuxo agora no ensino: o de que, para que se aprenda o inglés ¨a fundo¨, den aula de algunhas asignaturas en ¨inglés¨ os que non saben inglés e teñen que inventalo. Vese o absurda e ridícula que é a forma en que se ensinan as línguas no noso país, en que agora mesmo os que non conseguirian aprender alemán, por exemplo, en muitos anos de ir a clase, apréndeno relativamente ben, nun ano, cando van a Alemaña con contratos de traballo, e non porque se lles ¨pegue¨, senón porque alá llo ensinan dun xeito adecuado e competente. Non se pode esquecer, ao analizar a cuestión da língua galega, sobretudo na relación co ensino, a acumulación de disparates que criaron muitos séculos de pésima formación intelectual e de falta de interese por todo o estranxeiro, que leva a crer que as línguas estranxeiras se poden aprender en versión española, sen respeitar os códigos lingüísticos e culturais, e con fonética, sintaxe e modo de pronunciar a estilo castelán.

O paso da inocencia monolíngüe e monocultural ao coñecimento e uso da diferenza entre línguas e culturas é mais difícil en países mui isolados histórica e xeograficamente, como son España e Galiza. Non sucede igual en todo o mundo, porque a inocencia é muito menor en países ou rexións de cruzamento ou de paso. Neses sitios hai mais consciencia de que o que se fala en outros países é diferente. A consciencia é tambén mais aguda en países arrodeados de outros países que teñen unha língua comun entre eles, como no Brasil, por exemplo, que é o único país da América do Sul no que non se fala español. Unha das razóns de que a atitude dos cataláns respeito ás línguas fose distinta da habitual en outros países da España é que Cataluña está perto da Franza e mantivo muita comunicación cos países do Mediterráneo; iso fíxoa menos inocente en cuestión de línguas e culturas e mais disposta a conservar a sua língua no meio de países que usaban as deles ou outras cando facia falta. Os cataláns, por estar menos isolados xeográfica e culturalmente, entenderon mellor a relación entre línguas e culturas que o resto da España.

A pesoa bilingüe está afeita a utilizar duas línguas en contextos diferentes e a ir dunha a outra con facilidade, sen ter que pensalo. Esa utilización das duas línguas vai unida case sempre, por non dicer sempre, a pasar dunha cultura a outra diferente, o que significa que a pesoa bilingüe está afeita a mudar códigos lingüísticos e culturais segundo sexa preciso. A sua capacidade de adaptación vén dunha consciencia profunda e irreversível da existencia de línguas e culturas distintas e de que cada unha desas línguas ten os seus códigos proprios de expresión e comportamento e responde a unha maneira de entender o mundo e de relacionarse con el. Isto é o que unha pesoa monolíngüe e monocultural non sabe até que o descobre e, ainda así, unha vez descoberto, terá que facer un grande esforzo de adaptación e seguramente será ¨estranxeira¨ en calquer língua e cultura que non sexa a sua.

A complexidade que vén de que haxa muitas línguas non é unha desgraza nen un atraso, senón unha fonte de enriquecimento cultural e espiritual, e haberia que cultivar esa complexidade en lugar de querer acabar con ela. Mas tambén é certo que non todas poden estar no mesmo nível ao mesmo tempo. As línguas predominantes non son as mesmas nunha época e noutra e non adquiren predominancia por seren mellores que as demais. A predominancia vén de que, por diversos motivos, conseguen maior criatividade que as outras nunha época determinada. Non pode haber a mínima dúbida de que na Galiza o castelán adquiriu predominancia sobre o galego. Preferiron pensar muitos dos que se ocuparon da Galiza que esa predominancia foi imposta pola forza. Pensaron alguns incluso que os galegos, se os deixasen, falarian galego e non castelán, por ser o galego a língua da Galiza. Abondaba, segundo os que así pensaban, con ensinalo nas escolas e utilizalo na administración pública para que virase a língua principal da Galiza, ou a única talvez. E isto lévanos á cuestión principal que haberia que expor en relación coa língua galega: a de se hai vontade de falala, conservala e acrecentala, de ¨resucitala¨ como língua viva e criativa.

Seguiremos falando disto da relación entre as línguas, Emilia.

Sobre o autor / a autora

Teresa Barro

Teresa Barro

(Galiza-Inglaterra) Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, licenciándose nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1962 casou con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, co que en 1964 se traslada a Londres, onde traballou como tradutora, residindo desde 2008 en Lancaster (Inglaterra). Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra e Sermos Galiza, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres. Obra: Ensaio: Cartas a Rosalía, 1981, Edicións do Castro; Introducción á Astroloxía, 1983, Xerais; Dentro e fóra, 2002. Traducións: Contos de Andersen, 1983, Edicións do Castro; Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, xunto con Fernando Pérez-Barreiro, Xerais; Alicia do outro lado do espello, Xerais; Fábulas de Esopo, 1997, Laiovento.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *