Os Beasleys: unha historia de resistencia lingüística no País de Gales

Os Beasleys: unha historia de resistencia lingüística no País de Gales

0 comentários 🕔12:30, 24.Jul 2015

No comezo do seu famoso discurso radiofónico Tynged yr Iaith (‘O destino da lingua’), Saunders Lewis, fundador do partido nacionalista galés Plaid Cymru, afirmaba en 1962 que “Gales sen a lingua galesa non será Gales”. Lewis denunciaba entón as políticas negativas cara ao galés levadas a cabo historicamente polo goberno do Reino Unido, e a pasividade da mesma poboación galesa ante o maltrato sufrido pola súa lingua. A conclusión do líder nacionalista foi a seguinte: “non será doutro xeito que a través dunha revolución que se restablecerá o galés en Gales. O éxito só é posible por métodos revolucionarios”.

Hoxe en día, o galés goza do status de lingua co-oficial. O bilingüismo inglés-galés está presente nos sinais das rúas, nos documentos e webs oficiais, nas facturas da auga e do gas, etc. Probablemente, esta non sería unha solución que contase coa aprobación de Lewis, xa que a presenza do inglés non deixa de dotar ao galés de certa invisibilidade e permite que se poida ignorar completamente esta lingua mentres que o inglés mantén a súa posición de dominancia intacta. Porén, o camiño cara a este bilingüismo non foi nin moito menos doado, e o discurso de Saunders Lewis tense visto como inspirador dunha serie de accións de protesta e iniciativas para a promoción da lingua (incluída a creación de escolas galesas monolingües) que levaron ao recoñecemento legal do galés e á súa recuperación.

Hai xa algún tempo, na Universidade de Bangor (onde traballo), tiven a oportunidade de visitar unha pequena exposición que recollía documentos e fotografías que reflexaban a devandita loita do activismo galés nos anos posteriores ao discurso de Lewis, e sobre todo no ámbito da propia universidade no período 1976-1984. Unha daquelas imaxes capturaba, por exemplo, sinais de tráfico (en inglés) que foran arrincados como forma de protesta en contra da ausencia do galés na vida pública.

A historia Eileen-Beasley-gyda-Elidyr-Delythcontada naquela exposición que máis me impresionou foi a dos Beasleys, un matrimonio galés-falante que loitou durante oito anos para que as facturas dos seus impostos locais fosen escritas na súa lingua. Por unha desas felices casualidades, acompañábame aquel día o meu amigo Myfyr, nado na comarca e estudante de doutoramento en Bangor. Ao chegar a unha das vitrinas, sinalou unha foto: “Esa é a miña avoa”. Foi entón cando coñecín a historia de Trefor e Eileen Beasley.

Ao pouco de casar, en 1952, e despois de mercar unha casa na vila de Llangennech, Eileen Beasley escribiulle ao goberno local, pedindo que as facturas dos impostos lles chegasen en galés. Ante a rotunda e mesmo hostil resposta do concello, os Beasleys negáronse a pagar os impostos até que a normativa respecto á lingua cambiase. Durante oito anos, foron levados dezaseis veces a xuízo, e como forma de compensación pola falta de pagamento, os alguacís foron confiscando os seus bens persoais ao longo dos anos: o mobiliario, as estanterías, o piano, mesmo os agasallos que recibiran na súa voda. “Acabaron levando a moqueta”, dixo Myfyr. O único que quedou na casa foi un bote de marmelada que fixera Trefor. Pero os Beasleys resistiron, fieis aos seus principios e conscientes da importancia que as súas accións tiñan para a súa lingua. Na mesma vitrina da exposición podíase ver unha folla de papel envellecido, escrita en galés e en inglés. As penurias pasadas polos Beasleys convertéronse en testemuño da dificultade do seu triunfo: en 1960 recibiron do concello unha factura bilingüe, que por fin incluía o galés.

No antedito discurso de 1962, Saunders Lewis refiriuse á loita dos Beasleys, que son considerados actualmente como precursores do activismo a prol do galés. Eileen Beasly é, en particular, chamada a Rosa Parks de Gales ou a “nai da acción directa” no país. A loita da parella ten sido mesmo levada á literatura infantil pola escritora Angharad Tomos, en Darn Bach o Bapur  (Un pequeno anaco de papel), quen tamén escribiu unha obra de teatro baseada na súa historia, Dyled Eileen (A débeda de Eileen).

Accións coma as dos Beasleys lémbrannos a importancia que ten cada acto individual na loita por unha sociedade máis xusta e na defensa da lingua propia do país. As verbas do líder nacionalista galés mencionadas ao comezo lembran o dito por Castelao en Sempre en Galiza: “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Como mostra a historia da lingua galesa, a defensa da identidade lingüística propia é normalmente un camiño cheo de atrancos, e os Beasleys son sen dúbida un exemplo para os falantes de linguas minorizadas.

Sobre o autor / a autora

David Miranda Barreiro

David Miranda Barreiro

(Galiza-Gales) David naceu na Coruña, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica. En 2005 emigrou ao País de Gales. Tras obter o seu doutoramento, acadou a praza de profesor titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor. Xunto con Martín Veiga, é co-editor da revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies. Ademais da súa actividade académica, David foi membro de diversos grupos musicais, entre eles Nouvelle Cuisine. En 2011 publicou un disco con María do Cebreiro, titulado ‘Lembrarás este cuarto?’(https://bangor.bandcamp.com/album/lembrar-s-este-cuarto).

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *