<em>Cartas a Emilia Pardo Bazán</em> (XVI), por Teresa Barro

Cartas a Emilia Pardo Bazán (XVI), por Teresa Barro

0 comentários 🕔12:00, 30.Jul 2015

Benquerida Emilia:

Como no noso país non se sabe muito de relacións entre línguas distintas, tense por seguro que a língua materna é sempre a língua principal dunha pesoa. Esa crenza, de índole patriarcal, leva a graves erros na interpretación do que sucedeu coa língua galega e a que non se admitan os verdadeiros motivos de que esa língua, a pesares de ser a ¨materna¨ da Galiza, perdese frente ao castelán. Os galegos galeguistas e nacionalistas senten que a perda gradual do galego foi unha traizón a Galiza e buscan culpábeis dese feito, cando o certo é que o que sucedeu coa língua galega é o que sucederia en calquer país nas mesmas circunstancias. É o que sucede sempre cando a língua materna non é a língua principal.

A língua materna non sempre coincide coa língua principal dunha pesoa. Poñamos o caso dunha familia que se traslada a outro país de língua diferente e mora nese país durante o período educativo dos fillos. Os pais poden decidir que falarán cos fillos na língua do país do que saíron, ou porque xulguen que será unha vantaxe para os fillos o de teren outra língua distinta da do país onde foron morar, ou porque eles, os pais, non son capaces de falar a língua do país novo con comodidade, ou porque non queren que os fillos se lles escapen e pasen a formar parte do país estranxeiro no que están.

Cando os dous integrantes da parella emigrante teñen a mesma língua, pódense dar todas as variantes posíveis frente á língua alleia: os dous poden chegar a manexarse ben na prática e seren capaces de comunicar na língua do país novo, ou un deles pode facelo mellor que o outro, mas o habitual é que esa primeira xeración de emigrantes non saiba escrever nen ler a língua estranxeira para eles ainda que cheguen a falala algo ben. Outra variación dese tema é cando un ou unha emigrante casa cun nativo ou nativa do país, xa que nese caso a língua da familia será case seguro a do país no que moran. Cando hai matrimonio mixto, ir contracorrente, contra a língua predominante, é mui difícil, e en xeral só se consegue que un deles fale aos fillos na língua que non é a do país se ten cultura suficiente na própria língua e vontade para facelo.

A segunda xeración, a dos fillos deses emigrantes chegados dun país con outra língua, adquirirán a do país no que viven axiña que empecen a ir á escola e esa virará a sua língua principal, mentras que a que se fale na casa irá quedando menos activa. E aí é onde se pode observar con claridade, porque o fenómeno se repite en todos os países, en todos os níveis sociais e en todas as razas e relixións, que a língua materna non sempre é a língua principal. A língua principal, a que un considera a própria, é a língua na que se fan os estudos, na que un aprende a expresarse falando e escrevendo e na que un sabe moverse, na que se está cómodo; é a língua na que se fala cos da mesma idade, cos amigos, a língua na que decorre a vida social e profisional. A língua materna, se é distinta da predominante no país no que se mora, deixará de falarse mui axiña ou se falará con incomodidade e dificuldade cando a familia presiona nese sentido, mas para os fillos esa língua materna irá quedando en segundo plano. Quedará pasiva e só poderán activala se fan o esforzo necesario para aprendela. Se non, terminará por esmorecer e morrer.

Isto tudo quer dicer que nunha situación na que hai duas línguas, unha delas a materna e outra a do país no que se vive, o habitual é que a língua materna se perda ou pase a un plano mui secundario e pasivo tan só nunha xeración.

Na Galiza, a pesares de ser un país cunha longa e intensa historia de emigración, hai pouca ou case nengunha experiencia do que acontece nestas situacións de contacto ou loita entre duas línguas. O emigrante galego ás Américas trasladábase a países nos que se falaba a língua predominante na España e na propria Galiza, o español ou castelán, e os problemas de integración lingüística que puidese ter neses outros países non eran diferentes dos que teria se emigrase a Barcelona, Bilbao ou Madrid. A única experiencia de emigración ¨masiva¨ a países con línguas distintas e descoñecidas foi no período relativamente curto en que os galegos emigraron a países da Europa, e esa é unha historia que ainda está sen estudar desde muitos pontos de vista. O que a min, Emilia, me pareceu observar desde o ponto de vista lingüístico entre eses emigrantes galegos a países con línguas distintas do castelán non foi diferente do que se ten observado que sucede en xeral nese tipo de situación. A primeira xeración de emigrantes aprendeu a falar algo da língua estranxeira, ou muito ou nada, dependendo muito da vida que fixese cadaquén, mas o coñecimento desa língua quedou en xeral limitado a poderen manexar a língua falada, non a escrita, que para eles seguiu sendo descoñecida ainda que morasen muitos anos no país estranxeiro. Os fillos deses emigrantes, en cambio, falarán e escreverán a língua do país no que moran, e esa será en xeral a sua língua principal. A sua ¨cultura¨, no sentido en que se utiliza hoxe ese conceito, será a do país no que están e no que estudaron e se socializaron. O proceso é rapidísimo e non pode ser de outra maneira. Por muito que se tente que predominen a língua e cultura maternas en outro país, e por muito que se queira pensar que é posível que teñan paridade coas do país no que se vive, non se pode facer. E a verdade, Emilia, é que está mui ben que sexa así. O outro responde a pautas patriacais e inflexíveis que non respeitan o futuro e queren impor o pasado. A Galiza é un país dominado e estragado polo patriarcado, e esas pautas patriarcais que imperaron na cuestión das línguas levaron a que se crese que as línguas se poden e se deben impor pola forza e que a dos ¨vellos¨ ten que ser mais importante que a dos novos. A doutrina da piedade filial, un dos piares do patriarcado, ten tanto poder na Galiza que se aplica automaticamente á cuestión da língua galega e fai que se vexa como ¨impiedade¨ non falala. E esa aplicación do padrón patriarcal á língua non pode axudar a entender o pasado e muito menos a preparar un futuro no que esa língua acade a feitura de língua auténtica e a criatividade que agora lle falta.

Seguiremos co tema das línguas, Emilia.

Sobre o autor / a autora

Teresa Barro

Teresa Barro

(Galiza-Inglaterra) Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, licenciándose nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1962 casou con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, co que en 1964 se traslada a Londres, onde traballou como tradutora, residindo desde 2008 en Lancaster (Inglaterra). Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra e Sermos Galiza, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres. Obra: Ensaio: Cartas a Rosalía, 1981, Edicións do Castro; Introducción á Astroloxía, 1983, Xerais; Dentro e fóra, 2002. Traducións: Contos de Andersen, 1983, Edicións do Castro; Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, xunto con Fernando Pérez-Barreiro, Xerais; Alicia do outro lado do espello, Xerais; Fábulas de Esopo, 1997, Laiovento.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *