Lume

Lume

0 comentários 🕔11:33, 30.Jul 2015

Era a noite máxica por excelencia, logo do día máis longo do ano, onde o sol non tiña présa ningunha por se ir deitar, nin as flores en se murchar. Era o día en que brillaban os aromas. Ata as sardiñas que íamos cear, de tan prateadas, coruscaban no prato, sobre o branco mantel. E a leituga con tomate, mesmo as olivas, tiñan unha estupenda cor. Unha cor vital, moi especial. A cor radiante de todo é perfecto. O viño nas nosas copas estaba pálido e moi frío, como debe ser… Bebelo contentos, coa cabeza chea de soños… Sabémolo no albor da xuventude, aquel apetito enorme, saudable… Bendita a nosa sede… Promesas, todo eran promesas… A imparable forza de soñar un futuro cheo de amor, de fillos… Nenos ruidosos, activos. Levalos canda nós, deleitarnos coas súas voces, os seus xogos baixo o sol, coa auga de mar, no areal. Todo anunciaba os moitos días que viviríamos e gozariamos xuntos, a noite feiticeira do san Xoán. A maxia, un optimismo desbordado funcionaban ao noso redor. Ata xuraría que vin un anxo chiscándome un ollo, saír voando da miña copa…

Recostados o un no outro, bebiamos e brindabamos por tanta dita, cando percibín no aire un bucle de fume branco. Chíos de paxaro… E chegoume un recendo a figueira verde, a menta, herba luísa e a silveira; a rosas pequenas. A tímidas hortensias, de pétalos apertados, miúdos. Algunha papoula polo medio. “O recendo único, silvestre, do ramo tradicional, apañado na fresca, cuberto de resío” -pensei-. Como puiden esquecelo! Entón, a noite deixou de me parecer máxica… O ramo era para min algo esencial! Tiñamos que conseguilo.

As tendas xa estaban pechadas, as mulleres da aldea, que viñan vendelos ás esquinas da noite, marcharan. Percorremos as rúas inutilmente. Sería a primeira noite do san Xoán, que eu quedaba sen o ramo. Non podía romper cunha tradición que viña de séculos. Ritual sagrado. Esconxurar meigas, ver os espíritos das miñas devanceiras reflectidos no misterio da auga… Lavar a cara coa suor das flores moi de mañá…

Foi entón cando decidimos ir collelo ao xardín municipal.

Na escuridade cantaban os aromas… O ceo, borrada a lúa, reflectía os moitos lumes que ardían polos catro costados da cidade…

Exactamente, non era o propio ramo do san Xoán; pero rosas de todas as cores levaba. Sen soltalo, fomos saltar as cacharelas tan contentos.

Cando el, desafiando o equilibrio, deu un gran salto á cacharela que ardía con máis alma, o meu berro acadou as estrelas, fogueiras pequenas, que se consumían no ceo.

Lume!

O ramo! Que non era exactamente o ramallete silvestre do san Xoán, volvérase cinza.

Nas miñas mans.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *