<em>Cartas a Emilia Pardo Bazán</em> (XVII)

Cartas a Emilia Pardo Bazán (XVII)

0 comentários 🕔13:30, 06.Ago 2015

Benquerida Emilia:

Tratemos agora a cuestión de se os habitantes da Galiza queren ou non falar a língua galega. A situación nestes momentos é que, non obstante estar recoñecida como língua oficial e ensinarse na escola (e nen nos teus tempos nen na miña mocidade se podía imaxinar tal cousa), non hai indicios de que vaia substituir ao castelán e de que pase a ser a língua predominante e preferida na Galiza. Isto é unha surpresa desagradável para os que pensan que a língua galega é o mais importante que ten a Galiza e o que pode facer dela unha nación, e para os que pensaron que se a língua acadase oficialidade e respeito, todos os galegos a quererían e a preferirían ao castelán. Pensaron alguns tambén que a língua se perdera porque os que antes a falaban, que eran os que vivian isolados nas aldeias da Galiza, deixaran de falarlles galego aos fillos para que aprendesen o castelán, e que iso se corrixia falando aos fillos en galego. E quixeron pensar alguns, e isto é o mais absurdo de tudo e o que mais indica a falta de coñecimento da historia do país e a negación dos problemas reais que esa historia causou, que deixara de falarse porque no réxime franquista estivera proibida e que, acabado ese réxime, os galegos volverian con entusiasmo a ela.

Houbo falta de experiencia do que sucede cando hai duas ou mais línguas nun país, houbo un enfocar a cuestión cunha atitude autoritaria e patriarcal de crer que hai que impor a ¨verdade¨ e a ¨marca da familia¨, e houbo un querer pensar que os problemas da língua galega eran os mesmos que os da língua catalá e que os problemas da Galiza eran os mesmos que os da Cataluña.

Na Cataluña o catalán falouse sempre, con permiso ou sen permiso das autoridades, porque os cataláns querian falalo e para eles o castelán era unha língua estranxeira. A língua catalá nunca se desprestixiou, non perdeu alcurnia nunca e non foi desprezada nunca. Din que iso foi así porque a clase media catalá defendeu a língua, o que non sucedeu na Galiza. Pódese pensar, comparando esas duas historias e atitudes tan distintas, que nun deses países habia unha clase media mais artellada e poderosa que no outro, e iso é o que sempre se di para xustificar a diferenza. Mas a grande diferenza entre Cataluña e Galiza foi que na Galiza xurdiu un grande desamor e desprezo pola língua galega, que é o que non sucedeu co catalán.

Ese proceso de afastamento da língua galega, que empezou hai muitos séculos, foise acelerando co paso do tempo até que a Galiza quedou dividida entre os que falaban galego, que eran os da aldeia, os dedicados a faenas rurais, os de clase social baixa, os pobres e os ignorantes, e os que falaban castelán, que eran os que moraban na cidade, de clase social mais alta e mellor situación económica e profisional. Non houbo necesidade de proibir o uso do galego, como talvez se proibise algunha vez o uso do catalán ou polo menos non se alentase. Na Galiza o galego estaba proibido pola propria sociedade galega, polos proprios galegos, que o aborrecian porque simbolizaba tudo aquilo que non querian ser e do que querian escapar. É unha fantasia de fundo autoritario e até racista crer que os habitantes das aldeias querian que lles ensinasen en galego. O que querian era aprender o castelán e parecíalles mui ben que na escola fose o que se ensinase e que na igrexa fose o idioma que se usase como se usaba na cidade. Outra cousa deixábaos fora do país no que estaban vivendo.

Nese rexeitamento da língua hai de certo un elemento social, mas ten que haber outros que expliquen ese enfado e aversión tan fortes que a língua galega provoca en xeral. Se fose só unha cuestión de clase social ou de preferencia por unha língua como a castelá, que foi adquirindo maior refinamento, o galego teria ido desaparecendo e deixándose de falar, mas non suscitaria a repulsa e o noxo que ainda hoxe suscita, sobretudo cando é galego de verdade, ¨galego cerrado¨, e non unha versión castelanizada da língua.

Comparando o galego co catalán, pareceria a simples vista que a defensa do catalán debia ter sido mais difícil, xustamente porque é unha língua que só se fala na Cataluña e na parte da Franza mais cercana. Parece, en cambio, que a situación do galego tiña que ser mais fácil de resolver, xa que forma parte dunha língua, o galaico-portugués, que tivo unha evolución normal en varios países do mundo e sobretudo no veciño Portugal. Mas o que poderia parecer facilidade en principio resultou e segue resultando grande dificuldade na prática, pola historia política da península ibérica e as consecuencias que esa historia tivo na mentalidade e no sentir dos habitantes desa península.

Eu coido que, cando menos como hipótese de traballo, valeria a pena analizar até que ponto influiu no desprezo que os habitantes da Galiza chegaron a sentir pola língua galega, por un lado o de que esa língua virase mais cada vez a dos que traballaban na terra e nos oficios manuais e, polo outro, que fose a do veciño Portugal, desprezado por Galiza e detestado por Castela.

O feito de que a partires do reinado dos reis católicos a Galiza quedase formando parte da coroa de Castela, é dicer, do centro da España que se empezou a construir naqueles tempos, asenta xa desde todos os pontos de vista, e con certeza desde o psicolóxico, unha situación mui diferente da de Cataluña ou da do reino de Aragón ou do País Basco, para comparala con outros países que tiñan língua propria dentro da península.

Para Cataluña quedar fora do ámbito de Castela tivo desvantaxes grandes, mas tambén tivo grandes vantaxes, a principal talvez a de quedar mais libre do adoutrinamento e a mudanza de mentalidade a que estiveron submetidos os países que ficaron dentro da coroa de Castela. Cataluña quedou menos aprisionada fisicamente, pois puido seguir comerciando cos países da Europa e do Mediterráneo, mentras que a política que se iniciou cos reis católicos e continuou depois cortou a rente as posibilidades de comerciar que antes tiñan os países do Norte. Non toda a España que se configurou naqueles tempos ficou igual de isolada. O Sul e o Leste non ficaron tan isolados como o centro e o Norte, e iso afetou grandemente a Galiza, que foi quedando esquecida e sen recursos materiais.

Desde o ponto de vista psicolóxico non puido ser igual quedar fora da coroa de Castela que dentro. Os que quedaron fora, ainda que se tivesen que acomodar nalgunhas cousas á unificación política, puideron seguir en muitas outras como antes. E sobretudo non absorberon a doutrina social, política e relixiosa tanto como os que quedaron dentro. Quedaron menos mutilados e menos domados polo duro réxime que se estabeleceu. Galiza foi como un aluno interno dun colexio relixioso e Cataluña como un aluno externo, e portanto o adoutrinamento que lle tocou á Galiza foi muito mais intenso e penetrou muito mais fundo que o da Cataluña. Galiza quedou sen recursos de nengun tipo, e cando as pesoas e os países non teñen recursos para facer frente á vida e progresar, encollen, desmoralízanse, desanímanse, viran covardeiros e terminan por achantar e calar. Non teñen forzas para lutar nen poderian facelo ainda que quixesen.

A atitude dos cataláns frente ao traballo é mui distinta da dos galegos. Os galegos teñen a típica dos países onde imperou o catolicismo político, que é a de aspirar a traballar o menos posível porque non se cre que o traballo aporte nada á personalidade própria nen ao mundo en xeral. Nesa mentalidade o traballo é un castigo. A ¨cultura¨ católica alenta a pasividade: tudo ven dado por Deus e tudo sucede porque Deus o quer. Por conseguinte non hai que facer mais nada que deixarse levar polos que teñen autoridade divina neste mundo. E a esa atitude, que xa é de seu inimiga do progreso e da dignidade humana, hai que engadir o feito de que, na España que instauraron os reis católicos, traballar virou sinal de non ser cristián, de non ter limpieza de sangre, e portanto habia que evitar o traballo para non ser perseguido, torturado e queimado pola Inquisición. Desde aqueles tempos o ideal non só foi traballar o menos posível, senón que, ademais, como o traballo acordaba desconfianza, habia que demostrar que non se era da caste dos que traballaban.

Na Galiza que quedou formando parte da coroa de Castela esa foi a atitude que se adoptou, coa mesma intensidade que nos demais países desa coroa. Na Cataluña, en cambio, que non formaba parte da coroa de Castela, non se adoptou en xeral esa atitude frente ao traballo, e os cataláns seguiron sendo ¨mui traballadores¨, como se dicia en toda España, detestados mesmo por iso, mas non tan desprezados como os galegos, porque, grazas a que traballaban, podian adiantar e eran mais capaces de defenderen os seus direitos.

Parece posível que na Galiza a língua galega fose quedando limitada mais cada vez a ser falada entre os que traballaban na terra e nos oficios manuais, e que iso producise medo a ser confundidos cos xudaizantes que non tiñan limpieza de sangre e non eran cristianos viejos. E parece posível tambén que a relación da coroa de Castela con Portugal provocase medo a ser confundido cos ¨traidores¨ portugueses se se falaba galego e que este sexa un dos motivos, o principal talvez, de que na Galiza se rexeitase a língua galega.

Na mentalidade e no sentir que a coroa e a Inquisición incrustaron nos habitantes da España, a independencia de Portugal foi un agravio á ideia da unidade e uniformidade que se queria impor. Portugal foi cada vez mais para os españois en xeral, e os galegos non foron excepción, unha inxuria, unha roncha, un lugar pequeno e sen importancia que, podendo ter sido español e ¨grande¨, escolleu o desapego. Esa España adoutrinada pola Inquisición e na que non se podía disentir da autoridade divina que os monarcas representaban, reacionou co veciño Portugal como reacionou cos países do Novo Mundo, con soberba e altaneria, desvalorando, refugando e diminuindo. Portugal quedou desterrado para os españois e foi para eles un proscrito, un país que non merecia selo, un erro histórico, un lugar habitado por xentes que non sabian falar pois que non falaban ¨cristiano¨ e que, podendo quedar na casa paterno-materna, tivera o atrevimento de independizarse.

Os galegos falaban a mesma língua que os habitantes do insubmiso Portugal e tiñan por iso muitos mais motivos para recear que se desconfiase deles e se pensase que eran tambén ingratos e traizoaban a Castela. Iso explicaria a intensidade con que se rexeitou unha língua que, igual que o traballo, pasou a ser símbolo do que non estaba permitido. Ese sentimento de repulsa do portugués segue vivo hoxe, nos meus tempos, Emilia, e explica que a posibilidade de integrar a língua galega no ámbito do portugués non teña atractivo para a maioria dos habitantes da Galiza. Se fose no ámbito do francés ou do inglés, ainda ben, mas no do portugués? Ese é o sentir da maioría dos galegos e hai que telo en conta e coñecer as raíces históricas dese sentimento para enfocar sen grandes erros a cuestión da língua galega.

Sobre o autor / a autora

Teresa Barro

Teresa Barro

(Galiza-Inglaterra) Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, licenciándose nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1962 casou con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, co que en 1964 se traslada a Londres, onde traballou como tradutora, residindo desde 2008 en Lancaster (Inglaterra). Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra e Sermos Galiza, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres. Obra: Ensaio: Cartas a Rosalía, 1981, Edicións do Castro; Introducción á Astroloxía, 1983, Xerais; Dentro e fóra, 2002. Traducións: Contos de Andersen, 1983, Edicións do Castro; Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, xunto con Fernando Pérez-Barreiro, Xerais; Alicia do outro lado do espello, Xerais; Fábulas de Esopo, 1997, Laiovento.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *