<em>Cartas a Emilia Pardo Bazán</em> (XVIII)

Cartas a Emilia Pardo Bazán (XVIII)

0 comentários 🕔12:30, 13.Ago 2015

Benquerida Emilia:

Isto é o que escreveches en De mi tierra:

Después del período de esplendor en los siglos XIV y XV, eclípsase la estrella de la gallega literatura, y mudos ya los trovadores en sus blasonados sepulcros, no se alza ninguna voz que a la suya reemplace. La savia nacional se concentra en Aragón y Castilla. Mas a semejanza de esos ríos que se hunden en un punto para reaparecer algunas leguas más lejos, los anales literarios interrumpidos en Galicia se reanudan en Portugal.

Mejor que regiones análogas podemos considerar a Portugal y Galicia un país mismo. Después de la amputación de Portugal, quédase Galicia como miembro destroncado, sin vida propia. Cuando Portugal se alza y señorea el Océano, -lo mismo que si al negar con su voluntad la nacionalidad española, quisiese afirmarla con sus hazañas- Galicia se anula.

Iso que ti viches tan claro, Emilia, e que tan ben descrito está, non hai muitos que o queiran ver. Hai unha forte tendencia nos que defenderon e defenden a língua galega a non admitir nen o estado de subdesenvolvimento en que se encontra, nen os problemas emocionais, sociais e políticos que suscita, nen o imenso grao de contaminación de castelán que, como era de esperar nas circunstancias, a invadiu, nen a relacion co portugués, nen, en definitiva, a sua história. E paréceme que toda esa negación da realidade nen sequer é galega de fundo, senón imitación da típica española, da España criada polos reis católicos e a Inquisición, de non querer coñecer a própria historia e preferir inventar outra mais ¨gloriosa¨, sen manchas nen erros nen decadéncias.

Aló polo final dos 1970 e comezos dos 1980, cando xurdiu no estado español o asunto das autonomías políticas e se pensou en oficializar a língua galega, comezouse a debater a cuestión de como tiña que ser ese galego que se ía xa utilizar no ensino e nos documentos oficiais da nova autonomia. O que chama a atención é que os que dirixiron o asunto non pensasen que podia haber graves problemas para o ensino e manexo dunha língua que, desde habia muitos séculos, non a falaban mais que os habitantes da Galiza con menos prestixio social e non a escrevian mais que alguns pouquiños escritores. Dixeron que non habia problema nengun porque o galego tiña vocabulario abondo para se adaptar a un uso normal nunha sociedade moderna e urbana. Os que sustiñan iso facíano sen muito fundamento, pois que cando querian dar algun exemplo da riqueza de vocabulario da língua galega tiñan que acudir aos muitos nomes que había para denominar os instrumentos de labor agrícola ou pesqueiro. Era evidente que, mesmo porque o galego se falaba na Galiza rural e traballadora, podía haber riqueza de vocabulario nas cousas do campo e da pesca, mas non podia haber nengunha para a vida profisional, intelectual e artística, e tampouco podia habela para a expresión moderna de emocións e sentimentos, xa que tudo iso decorria sempre en castelán. Mesmo nas aldeias mais isoladas, xa a mediados do século XX non se conservaba muito do galego de antes. O pouco de instrución que se recebia era en castelán, na igrexa falabáse en castelán e os conceitos relixiosos e espirituais aprendíanse en castelán. Os lavradores falaban de Dios e non de Deus, da virgen ou da virguen e non da virxen, e non chamaban aos pais ¨pai¨ e ¨nai¨ cando falaban con eles, ainda que eu escoitei aos da miña xeración falar ainda do papai e a mamai, como en portugués, cando se referian a eles. Cando un lavrador acudia ao médico da vila ou ao advogado aprendia o vocabulario relativo a doenzas e pleitos tambén en castelán. A língua galega non só non evoluiu na vida urbana e moderna, senón que tampouco evoluiu con normalidade na vida rural e quedou estancada nun pasado cada vez mais remoto. O nível de perda da língua galega foi imenso mesmo entre os que falaban galego con normalidade. Eu vin na miña xuventude como na mesma aldeia habia xa tres xeracións que falaban un galego distinto: a dos avós, que era ainda un galego mui puro, sen vocabulario moderno, de certo, mas cunha fonética e música como a do portugués e non como a do castelán; a dos pais, sen contaminación ainda do castelán e fonética e música auténtica, mas falado xa con consciencia de estaren falando unha língua estraña que non se falaba na vila; e a dos fillos, os da miña idade, que falaban ainda bon galego mas sen as galegadas que, segundo eles, botaban os pais e dician que non entendian o que falaban os mais vellos do lugar. Mais unha vez, a situación foi mui distinta da do catalán, que só tivo problema de língua escrita mas non falada, porque ese habitante da Cataluña menos urbano que falaba catalán, cando tiña que ir ao médico ou ao advogado podia seguir falando catalán e non estaba submetido á impresión que tiña o habitante da Galiza que falaba galego de estar usando un idioma estranxeiro e inintelixível, algo que non se debía falar e que el falaba porque non tiña instrución, algo que nen idioma era e que ese habitante da Galiza descrevia, como xa dixemos, como ¨isto que falamos por aquí¨. Non sabia o que era aquilo que falaba, mas sabia que falar aquilo clasificaba a quen o falase de pesoa baixa e inculta. Chegado o momento de oficializar o galego quixeron pensar muitos que, se a Igrexa lles tivese falado en galego aos galego-falantes, e se a instrución nas escolas tivese sido tambén en galego, a língua galega falaríase con normalidade na Galiza, sen querer ver que a perda da língua non viña de aí e que iso non teria solucionado nada. Houbo unha atitude autoritaria e mesmo despótica nos que quixeron solucionar o problema da perda do galego de golpe e desde a situación da superioridade que daba poder decretar como tiña que ser tudo o relacionado coa língua galega desde un meio no que se falaba castelán habitualmente e se podía usar cando se queria, frente aos inferiorizados que non sabian falar mais que en galego e non falaban castelán ou facíano con grande dificuldade e como se fose unha língua estranxeira.

Iso que xa dixemos de que o galego quedara estancado e sen adquirir vocabulario moderno segue hoxe, Emilia, a pesares da oficialización e o ensino da língua galega. Igual que antes os lavradores aprendian o vocabulario médico ou xurídico en castelán, agora apréndese o vocabulario automobilístico, técnico, científico, emocional e artístico en castelán. Nada nasce en galego: o vocabulário tómase do español, a sintaxe é case sempre a castelá, e a fonética galega desapareceu por completo e non se fai nada por recuperala. Non hai espírito criador na língua galega que se usa, e sen iso unha língua non ten vida nen futuro. Será asignatura que haberá que aprender como calquer outra, e mais nada. Ainda que se consiga que se fale galego con mais normalidade, que non será fácil, iso que se apresente como língua galega será unha mistura desagradável de castelán e galego sen nengun dos fundamentos que unha língua precisa para viver e medrar, e quedará raquítica.

A língua galega tería que ser ¨resucitada¨ e, para enfocar ben esa posível resurreción, o primeiro teria que ser tirala do marco do pésimo ensino español das línguas que levou a pensar que se poden violentar e facer con elas o que se quer. E tambén de automatismos patriarcais de dominio, xerarquia e superioridade e inferioridade natas, e do impulso de ancorar no pasado e praticar o culto á Familia-Patria-Nai que tanto asfixia á Galiza.

O galego que se fala e ensina hoxe é castelán disfarzado de galego, unha mistura desconsiderada e irrespetuosa de galego e castelán en que todas as frases de moda e as palavras novas se calcan do castelán e nada xorde en galego. Sábese entre especialistas en bilinguísmo que cando unha pesoa bilingue se enfada e insulta ou solta palavróns, iso sáelle na sua língua principal. ¨Dime en que idioma insultas e botas palavróns e direiche cal é a tua língua¨, caberia dicer. E o idioma en que até os mais empeñados en que a língua galega sexa a língua única da Galiza insultan e botan palavróns é o castelan. Parece como se ninguén se atrevese nen a pensar en usar insultos galegos, e hainos abondo, como semella tambén que ninguén se atreveria a falar galego con fonética e ¨música¨ galega, seguramente porque soaría a aldeia. Iso pode vir de enfocar a língua a estilo español, sen entender que un idioma non é só vocabulario e que o mais importante é a feitura, a música e o espírito do que nasce. O outro é como pensar que se pode tocar unha sinfonia sen saber música. O mesmo que se ¨fala¨ o inglés a estilo español, fálase ¨galego¨ a estilo español, o que quer dicer que o que se fala non é inglés nen galego. Ou cabe suspeitar que os prexuizos contra o galego seguen vivos e sen curar, e só se atura se non soa a galego e soa a castelán.

Na relación co portugués haberia que ter igualmente en conta ese marco español de mal aprendizaxe das línguas e falta de respeito por elas, e que desde España e Galiza se vise a Portugal como un país inferior. E tambén o peso do patriarcado na Galiza, que leva a pensar que o galego é o pai do portugués e portanto ten o direito do patriarca a impor o seu dominio sobre o ¨fillo¨. Para unha pesoa de fala portuguesa, o galego de antes, o de hai dous ou tres séculos, soaria parecido ou igual ao portugués. O de agora sóalle a castelán mal amañado, e resúltalle mais fácil entender o castelán que ese ¨galego¨ no que non recoñece nada que sexa portugués. Poderíase recuperar a fonética do galego imitando a do portugués, porque son a mesma, mas para iso haberia que deixar atrás os prexuízos e deixar de ver a Portugal e o portugués como inferiores e coa obriga de submeterse ao que decidan e inventen os ¨superiores¨.

En resumo, Emilia, que o asunto da língua galega está mal enfocado e hai arredor dela unha negación da realidade que fai que non se lle poda dar vida de novo e que os mesmos prexuízos continúen como antes, sen curar; que non se queira unha língua galega auténtica, senón unha construción atrabiliaria e artificial que non poderá valer para nada. Tampouco axudou a enfocar ben a cuestión o feito de que a língua galega virase nos últimos tempos un símbolo da nación galega, o mais poderoso de todos, até o ponto de que case é fetiche e parece que, se na Galiza se falase galego, iso abondaria para facela nación e que, se non se fala, non o poderá ser. Unha língua non pode facer un país e Galiza ten personalidade abondo para ser nación con galego ou sen el.

A língua galega precisaria ser ¨resucitada¨ con cuidado, afeto e intelixencia e atendendo ao seu espírito, e iso non é tarefa que se poda emprender con autoritarismos e ideias ilusorias, nen facer de golpe. Admitir, ou o que é pior, ensinar ese ¨galego¨ que é unha trapallada e unha mistura horrível de castelán e galego, e que, como di muita da xente nova que o ten que aprender pola forza, é ¨feio¨, como toda língua que se conxele ou se meta nunha camisa de forza, levará a que a língua galega non teña futuro e a que, axiña que remate a ilusión romántica de ostentar língua própria, veñan xeracións que non a queiran e a consideren un estorbo sen sentido imposto polas autoridades.

Sobre o autor / a autora

Teresa Barro

Teresa Barro

(Galiza-Inglaterra) Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, licenciándose nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1962 casou con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, co que en 1964 se traslada a Londres, onde traballou como tradutora, residindo desde 2008 en Lancaster (Inglaterra). Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra e Sermos Galiza, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres. Obra: Ensaio: Cartas a Rosalía, 1981, Edicións do Castro; Introducción á Astroloxía, 1983, Xerais; Dentro e fóra, 2002. Traducións: Contos de Andersen, 1983, Edicións do Castro; Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, xunto con Fernando Pérez-Barreiro, Xerais; Alicia do outro lado do espello, Xerais; Fábulas de Esopo, 1997, Laiovento.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *