<em>Cartas a Emilia Pardo Bazán</em> (XX)

Cartas a Emilia Pardo Bazán (XX)

0 comentários 🕔12:30, 27.Ago 2015

Benquerida Emilia:

Falemos agora do feminismo. Eu coido que en todas as ¨causas¨, políticas, relixiosas, sociais e de calquer tipo, é mui importante ter sempre claro o principio fundamental no que se basean e o obxectivo que se quer conseguir, e loitar para que ese principio e ese obxectivo non queden afogados en ideoloxias e catecismos que lles torcen o sentido. Non sei, Emilia, se terá habido algunha vez algunha causa no mundo que non teña sido manipulada en favor das elites e da que non se teñan apoderado os sagaces que sempre ven a posibilidade de facer carreira ou obter poder e diñeiro con calquera delas. Das relixións apropriáronse as igrexas e transformáronas en focos de poder desprovistos de espiritualidade. E da política apoderáronse os que viron nela a posibilidade de situarse nas alturas e abusar dos demais. Isto foi sempre así, mas no século vinte os principios quedaron esquecidos cuase por completo e foron substituídos por pacotes ideolóxicos que fixeron mais fácil ocultar a verdade ou desvirtuala. Habia que aceitar o embrullo ideolóxico inteiro ainda que tivese contradicións e as pezas non encaixasen. As causas todas funcionaron como relixións, con devotos que tiñan fé nelas e as deificaron.

As ideoloxias sempre oferecen verdades absolutas e a solución para tudo. Iso dá a desculpa para impor esas ¨verdades¨ e leva a que, na prática, acaben sendo un instrumento fácil de manexar polas elites para as elites. Os principios, en cambio, son sempre difíceis de levar á prática e ninguén poderá estar seguro nunca de cual será a mellor maneira de facelo. Eu diría que o principio básico do feminismo ten que ser o de propiciar o feminino e conseguir para as mulleres a xustiza e a liberdade das que foron privadas. Penso que tudo o que axude a iso é feminismo, estexa ou non de acordo cos cánones e catecismos da causa feminista ¨estabelecida¨, que, como todas as causas, tambén ten as suas igrexas, capelas e sagaces que a aproveitan para facer carreira.

As reivindicacións feministas dos teus tempos, Emilia, eran básicas e auténticas. Partíase de que habia unha inxustiza fundamental na maneira diferente en que a sociedade trataba aos homes e ás mulleres. Esa inxustiza víase en tudo, na falta de direitos legais delas, tratadas como menores de idade e tuteladas sempre por homes, fosen pais, irmáns ou maridos, e nunha mentalidade e costumes que exixían moralidade total das mulleres e alentaba e desculpaba a inmoralidade dos homes. Había nese feminismo unha protesta mui sentida do abuso, a inxustiza e a falta de liberdade das que eran vítimas as mulleres, e de que nascer muller significase nascer na caste inferior e sen direito a nada, coa única saída de conseguir un bon marido, como para os escravos a única aspiración era ter un bon amo.

Na miña infancia e mocidade, ¨en pleno século vinte¨ como tanto se dicia para falar da modernidade que o século traía, a situación das mulleres non mudara muito: o delas era casar, ter fillos e cuidar da familia, e non valía a pena que estudasen porque total depois casaban e deixaban tudo, e ademais logo, se estudaban, non eran boas esposas e non querian dedicarse ao que a muller casada tiña que facer, que era coser, ter contento ao marido, e cociñar. Esa, Emilia, era no século XX a doutrina xeral, que, como todas as doutrinas, non sempre respondia á realidade. Nas clases meias e altas as mulleres que casaban tiñan servizo doméstico que lles facia todo, e nen cosían nen cociñaban nen cuidaban dos fillos, e nas outras clases era habitual que esas tarefas tivesen que facelas as fillas e non as nais. O que se dicía era unha convención, parte do catecismo que rexía a relación entre os homes e as mulleres e estabelecia a orde social. O medo a que as mulleres estudasen e se instruísen era igual ao medo que tiñan os amos dos escravos de que estes aprendesen a ler e se decatasen de como eran as cousas e do abuso a que estaban submetidos.

Até meiados do século XX esa foi a situación. O feminismo nen sequer existía e non habia nen vocabulario nen conceitos para descrever o que estaba sucedendo. Conseguírase, grazas ás sufraxistas e feministas do teu século, Emilia, o direito ao voto nalguns países. Chama a atención que en países europeus que hoxe se consideran adiantados as mulleres non acadasen o direito ao voto até a segunda metade do século vinte. E convén recordar que foi a esquerda política a que mais se manifestou en contra dese voto. Houbo e hai tendencia na esquerda a pensar que a causa das mulleres non existe en realidade e que abonda para solucionala con que haxa un governo de esquerdas. Iso na prática resultou nunhas mulleres da esquerda política muito mais submetidas aos homes e adoradoras do mundo masculino que as da direita, e en que nen se tentase combater o machismo e a misoxínia porque se partiu de que non podia existir entre os que tiñan superioridade moral por estar nunha causa que defendía aos oprimidos.

Logo, a finais dos sesenta do século pasado, rexurdiu o feminismo, na forma do Women´s Liberation Movement (o Movimento de Liberación das Mulleres) nos Estados Unidos, e rexurdiu con características diferentes das que tivera o do teus tempos, Emilia. Ese feminismo nasceu no marco dun século vinte dominado pola ideoloxia, e foi portanto político e ideolóxico. Perdeuse o sentimento profundo de inxustiza radical que movera ao de antes, e o feminismo integrouse na ideoloxia de ¨protesta¨ e de ¨esquerda¨ típica daquel tempo, o que, ao meu ver, levou a un pensamento ás veces contraditorio e até conformista. Por un lado, as mulleres tiñan que ser iguais aos homes, ou xa o eran ainda que non se lles recoñecese, mas, polo outro, os homes eran violentos e as mulleres pacíficas, os homes eran demos e as mulleres santas. As próprias feministas que sustiñan que as mulleres non eran violentas empezaron a rifar entre elas e descobriron que a ansia de dominio, a tendencia a abusar e o egoísmo podían ser tan fortes nas mulleres como nos homes. Ese descobrimento deixounas desconcertadas, mas, por ideoloxía, negáronse a admitilo, e no catecismo feminista seguiu sendo artigo de fé que as mulleres eran sempre vítimas dos homes e que elas eran boas e eles maus. Iso levou a que non se quixese analizar o machismo e a misoxínia das próprias mulleres. Aló polos anos noventa do século vinte descobriuse que o incesto e o abuso sexual eran cuase o normal nas familias e que non era só cousa dos pobres que moraban nas covas e nas favelas, como se pensaba antes, senon que acontecia a eito en todas as clases sociais, todos os países e todas as culturas. Descobriuse tambén que muitas veces as nais tapaban os ollos para non ver o abuso que praticaban os pais, irmáns, tíos ou padrastros coas fillas, irmás, sobriñas ou fillastras, e que calaban ou colaboraban porque preferian que tudo quedase ¨en familia¨. As feministas negáronse a aceitalo e optaron por afirmar que, mais unha vez, a sociedade estaba atacando ás mulleres cando atacaba a esas nais. As nais eran mulleres e portanto non podian facer mal. Defenderon e asentaron con iso o patriarcado e a familia patriarcal e, por non querer admitir verdades que non encaixaban no catecismo e a ideoloxia que construíran, protexeron e potenciaron o abuso sexual e o maltrato das mulleres mais novas. Volveuse a observar esa pauta cando escolleron ver como ¨liberación sexual¨ o abuso dos e das menores e actuaron como consentidoras en casos que depois saíron á luz de homes famosos que abusaron en serie de meninas novas e menores de idade con impunidade, e tambén dos rapaces novos. En nengun momento semella que se decatasen de que estaban cumprindo o rol que o patriarcado impón ás mulleres de admirar e consentir todo o ¨masculino¨ e infundir e aplaudir o machismo, a misoxinia e o abuso dos mais novos polos mais vellos.

Houbo muitos exemplos de como a ideoloxia política abafou e torceu os principios que deberan ter rexido o feminismo. Na ideoloxia de esquerda impúxose por cima de tudo o politicamente correcto (que é, Emilia, o que sempre se denominou hipocrisia, censura e filisteísmo) e un ¨multiculturalismo¨ que fixo ídolos das ¨culturas¨ e das tradicións. Iso levou a que, en nome da tolerancia cultural, as feministas non fixesen nada para que se perseguise ás redes de homes que traficaban en mulleres e prostituían ás rapazas novas, porque eses homes non eran brancos, e a que até ás veces obstaculizasen o que, segundo elas, era persecución racista. Tampouco se perseguiu a mutilación xenital das mulleres novas, senón que se defendeu e protexeu porque era parte da ¨cultura¨ das que a praticaban. Nestes tempos en que che estou escrevendo, Emilia, o feminismo ¨oficial¨ reacciona tan de acordo coa ideoloxia e tan en desacordo co que debia ser o principio fundamental do feminismo, que, como na ideoloxia política da esquerda, os árabes son sempre vítimas, non reacciona se son eles os que abusan das mulleres e pratican a inxustiza mais terrível.

A min, Emilia, ese feminismo de catecismo ideolóxico paréceme conformista e despistado, en canto que quer igualdade entre homes e mulleres nun mundo criado polo patriarcado no que o masculino sempre será superior e o feminino inferior e subordinado ao masculino. Penso que, mentres estexamos rexidos polo patriarcado, as mulleres nunca acadarán igualdade e que, por cada paso que dean para adiante, o sistema obrigarálles a dar varios para atrás. Xa hai historiadores que comentan o pouco que conseguiron as feministas do século vinte, sobretudo cando se comparan coas do dezanove, e que ao final o que hai é unha elite de mulleres que fan carreira de feministas, ou grazas ao feminismo, e fan mui pouco ou nada polas mulleres correntes que non son elite. Iso é que o sucederá se non se sae do patriarcado. O sistema absorberá o feminismo e fará que consista en que haxa algunhas mulleres que luzan e destaquen e se encarreguen de manter o mundo masculino e patriarcal como está e colaboren con ese mundo como fan as nais na familia patriarcal. Até que se admita que a muller colabora no patriarcado, sobretudo desde o papel de nai, e que é a encarregada de inserir machismo e misoxínia na sociedade, as mulleres estarán ¨patriarcadas¨ e serán tan machistas e misóxinas como os homes ou pior. Sen esa colaboracion das mulleres, e sen a envexa e o malquerer das mais vellas polas mais novas que fomenta o patriarcado, non teria sido posível que esa metade da humanidade que son as mulleres estivese sempre inferiorizada e maltratada. Foron as mulleres as que insistiron en que se lles quebrasen os pés ás raparigas na China, e son as mulleres as que insisten en que se pratique a mutilación xenital das meninas nas ¨culturas¨nas que se fai. E a razón é que así esas meninas teñen mais valor de mercado para a familia.

Vese até que ponto o feminismo ideolóxico se conforma co patriarcado en que non ataca nengun dos piares do sistema, a pesares de que desfacer calquer deles traería imenso cambio e adianto para as mulleres e para a sociedade. Non loita contra que se siga mantendo a estrutura patriarcal coa transmisión do apelido do pai, nen contra que, como consecuencia da doutrina da piedade filial e do que decretou o patriarcado como destino feminino, a muller teña que ser a cuidadora da familia, nen contra a maternidade automática que ten como misión entregar os fillos ás autoridades, nen contra que o ideal siga sendo que as mulleres se amolden ao mundo masculino e desaparezan nel. Para saír do patriarcado e entrar nun mundo rexido polo espírito criador, os homes teñen que cambiar, e as mulleres tambén.

Sobre o autor / a autora

Teresa Barro

Teresa Barro

(Galiza-Inglaterra) Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e na de Madrid, licenciándose nesta última en Pedagoxía en 1960. En 1962 casou con Fernando Pérez-Barreiro Nolla, co que en 1964 se traslada a Londres, onde traballou como tradutora, residindo desde 2008 en Lancaster (Inglaterra). Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra e Sermos Galiza, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres. Obra: Ensaio: Cartas a Rosalía, 1981, Edicións do Castro; Introducción á Astroloxía, 1983, Xerais; Dentro e fóra, 2002. Traducións: Contos de Andersen, 1983, Edicións do Castro; Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, xunto con Fernando Pérez-Barreiro, Xerais; Alicia do outro lado do espello, Xerais; Fábulas de Esopo, 1997, Laiovento.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *