Berros no roncar das ondas, no Festival de fotografia de Avintes

0 comentários 🕔22:30, 28.Ago 2015

Na presente semana inaugurará-se a exposição em Portugal do nosso prezado colaborador Xacobe Meléndrez Fassbender. Acontecerá a 30 de agosto e ás 10:00 hs. na vila marinheira de Afurada (Vilanova de Gaia), no contexto do iNstantes – Festival de Fotografia de Avintes.

Cfr. a galeria Xacobe Meléndrez Fassbender: Berros no roncar das ondas.

PC

«Saúdo terrícolo

Preguntáronlle ao erudito sueco Stefan Mörling por que viñera vivir a esta fin do mundo. Stefan contestou firme: Un momentiño, Galiza non é unha fin da terra, é o centro do mar.

Eis a ollada. Eis a perspectiva. Mar Maior, alento de vida deste país. Alento de vida do planeta todo.

Construímos imperios de fume. Vivimos de costas ao mar porque unha costra brava de cemento, ferraganchos e autovías tolda a percepción.

Mais o océano non sabe destes delirios de grandeza. E por moi alto que sexa o dique do recheo seguirá a arricharse cando lle pete en tormenta, galerna, tsunami e mais trebón.

Medre o mar! Proclama Bernardino Graña. O poeta de Cangas entendeu hai moitos anos o verdadeiro significado dese impresionante promontorio na costa da Soavela que chaman Cabo Home. Aquí non remata nada, só a triste prepotencia do ser humano.

Medre o mar! Proclama tamén Xacobe Meléndrez Fassbender. A tona da auga non é fronteira, un lene cambio de percepción a nos descubrir o universo.

Impresionante metamorfose, fotógrafo transformado en ollo de Polifemo, para aprendermos a mirar cos propios ollos da auga.

Berros no roncar das ondas. Porque o mar non é dos armadores, nin das mariscadoras, nin dos mariñeiros, nin das bañistas, nin dos ecoloxistas, nin das políticas, nin dos aventureiros, nin dos peixes, nin das algas…

Berros no roncar das ondas. Porque o mar non é de todos. Todos, todas somos do mar. E así o anuncia a noite -cando á fin acouga o noso ruído- e só soa tanto mar que nos arrola.

(Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco

Xurxo Souto

*

«Exposición fotográfica de Xacobe Meléndrez Fassbender

con versos escollidos de Bernardino Graña

membro da Real Academia Galega

Resumo

17pArte, nesta ocasión, cun alto contido de reflexión social e ambiental, e que propón unha análise crítica da relación entre a humanidade e o mar, a través dun achegamento sentimental, da man dunha plasticidade atractiva e dos versos que a acompañan. Este proxecto naceu coa intención de conectar coa maior cantidade de público posible, indo na súa procura aos espazos de uso cotián, achegando así a arte á xente.

Descrición

A costa, máis aló de marcar unha fronteira entre a terra e o mar, é metáfora e realidade do encontro entre o home e a súa contorna. Sinal de identidade da xeografía galega e paradigma do seu encontro coa sociedade.

Alí onde rompen as ondas di o mariñeiro que o mar berra, e o noso poeta (Bernadino Graña) pon palabras aos seus bramidos de paixón, esperanza e denuncia. E cando o mar fala polos seus versos, encoraxado pola especulación, a contaminación ou o desleixamento, chama-o o bardo para que asolague coma un tsunami esta especie esquilmadora, destrutora e egoísta, que só pensa no propio e no momento, desprezando a súa característica inicial de intelixencia coa que poder relacionar unha acción coa súa consecuencia a través do tempo.

A man do fotógrafo (Xacobe Meléndrez), a súa ollada, a súa mente, poñen imaxe ás iconas líricas, adoptando o punto de vista dese organismo vivo que é o océano. Estratexia que se demora na visión dunha paisaxe humanizada, para gloria e vergoña dos seus actores e sufridores a un tempo.

“Berros no roncar das ondas” tenta xuntar a voz do sentimento e a mirada para reforzar a súa inquisición. Quen somos? O que facemos? Que ficará do noso paso fugaz no tempo? Vida, coma nós mesmos, ou morte como o resto do noso sen-tempo.

Técnica

Fotografías realizadas cunha cámara Canon G11 en carcasa mergullable, tomas directas en RAW, con revelado de baixa intensidade; non hai composición nin ningún tipo de collage, é dicir, non son composicións de varias imaxes.»

Xacobe Melédrez Fassbender

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *