Afinidades e converxencias entre a poética de Uxío Novoneyra e os poetas da lusofonía

Afinidades e converxencias entre a poética de Uxío Novoneyra e os poetas da lusofonía

0 comentários 🕔11:42, 09.Set 2015

Ponencia lida o 14 de agosto de 2015, na Fundación Uxío Novoneyra, Parada do Courel. No festival literario e musical celebrado en dita localidade.

Debo advertir algo moi importante sobre esta achega encol das afinidades e converxencias mutuas entre Uxío Novoneyra e os poetas da lusofonía, e é que, entre eles, non había un amplo coñecemento da poética do poeta galego co resto e, tamén, ao contrario. Mais había unha cuestión temática que unía aos poetas e intelectuais dos países de lingua común como é o galego-portugués. A cuestión que os unía era de índole política. En tódalas xeografías da lusofonía, entre as décadas do 50 ao 70, predominaban as ditaduras. Na Galiza a ditadura franquista, en Portugal e súas colonias a ditadura de Salazar e no Brasil outra ditadura militar. Por tanto, nese amplo mapa da lingua común, os poetas e outros escritores foron determinantes ao tomaron partido pola liberdade e a democracia, creando unha expresión propia que respondía ao contexto de cada un dos países e que tantas veces era coincidente cos outros.

Na Galiza encontramos a varios poetas, compromisarios da denuncia contra a ditadura franquista, como Luís Pimentel, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra, Manuel María, Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros mais.

No que atinxe á creación e compromiso social de Uxío Novoneyra, debo dicir que o noso poeta entrou no esencial do seu espazo nativo, ampliándoo dunha maneira vital; conectando o microcosmos do Courel e dándolle unha perspectiva universal. No seu libro poético Os Eidos está a súa terra toda: a patria emerxente que demanda restauro e dignidade. E xunto a Galiza tódalas nacións colonizadas que procuraron a súa liberdade, esgrimindo a palabra poética como arma liberadora.

En Os Eidos de Novoneyra atopamos un sorprendente poema, titulado “Letanía de Galicia”, que vén a ser o noso grande cántico de dignidade e liberación, escrito nos anos de silencio e represión franquista. Neste poema está a voz auténtica e ergueita, chamando a liberar a nosa nación. Un poema de impacto dirixido a tódolos galegos. Unha chamada de rigor que coincide cos poetas portugueses en loita contra a ditadura salazarista, como José Gomes Ferreira, Luís Veiga Leitão, autor do poemario Noite de Pedra, Papiniano Carlos, Egito Gonçalves e José Saramago, entre outros mais.

A contundencia desa afinidade, manifestada nos poetas da Galiza, como Novoneyra, e tamén nos portugueses, encontrámola noutras confluencias que viñan de Angola. Un país que toma o camiño do combate guerrilleiro en 1961 e o continúa até a súa independencia en 1975. Neste longo camiño liberador, a poesía angolana posicionouse en varios parámetros de concienciación e de ubicación frontal contra o colonialismo portugués, que coñecemos co nome de “Geração de Mensagem”, cuxos mentores foron Agostinho Neto, médico e guerrilleiro encadeado durante anos e o primeiro presidente da Angola independente; o grande poeta nacional e autor do poemario Sagrada Esperança, compendio de tódolos sufrimentos e opresións do pobo angolano. Un libro que representa a tódolos pobos en circunstancias símiles ás de Angola.

Cando servidor visitou Angola, por primeira vez en 1990, trouxen para Novoneyra unha edición especial de Sagrada Esperança, e cando a leu manifestoume que había varios acentos comúns nos versos de Agostinho Neto con relación a súa “Letanía de Galicia” e “Vietnam Canto”, polo paralelismo da denuncia ante as aflicións comúns que padecía a sociedade angolana e galega. Novoneyra captou a mensaxe explícita de varias continxencias que os unía, aínda sen coñecer a poesía do presidente Neto. Cando voltei a Angola en 1992 recitei, na Biblioteca Nacional de Luanda, a “Letanía de Galicia” e “Vietnam Canto”, e aquela multitude comprendeu e ligou a mensaxe de Novoneyra coa dos mensaxeiros angolanos. Para eles foi unha sorpresa.

Continuando con outras grandes voces da “Geração de Mensagem”, sentimos suxerinte a de Viriato da Cruz, outro grande desta xeración, onde o amor e a defensa da súa Terra angolana nos lembra esa intensidade que Novoneyra expresou na súa “Letanía de Galicia”. Estas afinidades teñen un compoñente transversal que verificamos en problemáticas que se concretan nas aspiracións mais lexítimas dos pobos que aspiran a ser libres e que os poetas recollen e universalizan.

A terceira voz en importancia, da xeración mensaxeira, foi António Jacinto, político e guerrilleiro do MPLA, como os dous anteriores. Jacinto marca unha serie de procesos e individualidades, recorrentes a vitalidade do pobo angolano, en súas diversas fases de integración na loita de emancipación nacional.

Estas tres personalidades da “Geração de Mensagem” suscitaron, durante a guerra de liberación nacional, un esquema poético vangardista, superador daquela escasa poesía angolana sen identidade africanista e da negritude, vinda de moitos autores de orixe portuguesa. Mais a poesía mensaxeira, instalada no realismo social, produciu unha serie de cambios nas xeracións que lle sucederon como a chamada “Geração de Guerrilla”, na que abondou o panfleto e a consigna en verso, destinada ás frontes guerrilleiras, e que tivo grandes voces como a de Costa Andrade, João-Maria Vilanova, Arnaldo Santos, etc.

Na década de 1970, nos anos previos á independencia, xurdiu a chamada “Geração dos Setenta” cun perfil renovado, mais moi dependente dos mensaxeiros. Con poetas moi variados como Arlindo Barbeitos, Rui Duarte de Carvalho, David Mestre, entre outros. Xeracións, todas elas, con rexistros poéticos que tiñan un caracter universalista na tendencia de “Vietnam Canto” de Novoneyra, tan matizado na solidariedade internacionalista coa loita do Vietnam e dos países colonizados.

Continuando a falar da poesía dos PALOP (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa), o arquipélago de Cabo Verde constata a varias xeracións de poetas, que constitúen, para meu ver, unha das mellores opcións da poesía africana de expresión portuguesa. Coa chamada xeración de “Claridade”, nome dunha revista literaria, fundada en 1936, seus máximos representantes foron Osvaldo Alcántara (pseudónimo de Baltasar Lopes), Jorge Barbosa e Manuel Lopes, que ofreceron unha poesía variada e orientada cara os valores da cultura e da tradición caboverdiana. Foron eles os que ofreceron un volume moi amplo de propostas e investigacións que incidiron no rexurdimento identitario da nación de Cabo Verde.

Esta tendencia de investigar e concorrer na loita cultural de emancipación nacional por parte dos escritores e intelectuais caboverdianos, foi unha prioridade para todos eles. Cando lemos os versos de Osvaldo Alcántara e de Jorge Barbosa, que concorren nesa universalidade enfática sobre a terra insular de Cabo Verde, na que se perpetúan as tradicións nativas por enriba das do colonizador; vemos que a búsqueda que eles fan, desde os elementos telúricos pasando por conceptos antropolóxicos, como definición da pertenza e do herdo, veñen lembrarnos as consideracións sobre a terra do Courel, ampliada a toda a Galiza, que nos revela Novoneyra en Os Eidos.

Á xeración de “Claridade”, séguelle a de “Certeza”, que nace dunha revista co mesmo nome en 1944. Os seus membros estiveron moi atentos ao neo-realismo, como Nuno Miranda, e Arnaldo França, sendo seus mentores. Destes movementos naceron diversos rexistros personalizados en poetas combativos como Ovídio Martins, Gabriel Mariano, Onésimo Silveira, aparecendo máis tarde outra xeración coñecida co nome da revista “Seló”, con novas voces poéticas como é a de Corsino Fortes, Arménio Vieira (fundador da revista), Mário Fonseca e Oswaldo Osório.

Se observamos o panorama literario da convulsa e desculturalizada Guiné-Bissau, con un 85% de poboación analfabeta, no período colonial, ofrécenos unha dramática e excepcional situación que non permitiu certa normalidade no desenrolo dunha literatura en lingua portuguesa, que non se produciu, salvo excepcións. Mais polos anos cincuenta do pasado século, o activista revolucionario guineense Vasco Cabral, que estudaba en Portugal, foi o iniciador da poesía da Guiné, e que publica en 1981 co título A luta é a minha primavera. Con anterioridade a este poemario, publícase unha recolla antolóxica de varios poetas panfletarios e integrados nas guerrillas de liberación nacional da Guiné, co título Mantenhas para quem luta (1977).

Da nova poética guineense hai que destacar nomes como os de Helder Proença, Agnelo Regalla, António Soares Junior, Francisco Conduto de Pina, Jorge Cabral, Domingas Samy e Orlete Samedo. En que podemos relacionar algún destes poetas cos esquemas de Novoneyra? En nada.

Mais ese nada non acontece entre Novoneyra e puntuais poetas de Mozambique. Pese a ser unha poética moi nova, cuxo precursor foi Rui de Noronha (1909-1943), quen finou aos 34 anos. Noronha foi un poeta identitario que escribiu sobre varios contextos da realidade mozambicana, afondando na tradición e na cultura popular. O esencial da terra en Rui de Noronha, como marco espacial, ten apreciacións no tema telúrico que expón Novoneyra como fío conductor cara a permanencia e a identidade, o que non deixan de ser coincidencias.

A xeración posterior a Rui de Noronha, que coñecemos co nome da revista literaria “Itinerário”, que permanece activa de 1941 a 1955, e na que se deu unha xeración de poetas que fertilizaron os grande temas da poesía mozambicana pre-independencia. Mencionarei a tres dos grandes desta xeración: José Craveirinha, Noémia de Sousa e Marcelino dos Santos, que serán os poetas mais representativos de “Itinerário” e, tamén das revistas literarias “Msahó” e “Brado Literário”. Craveirinha foi o poeta mais representativo dunha poesía combativa, que en certas abordaxes nos mete nun temario de denuncia. Outra vez a coincidencia universal que hai entre os poetas sen eles coñecerse nen lerse, dado que os espazos de difusión eran moi herméticos e os medios de comunicación estaban moi controlados pola censura.

Tamén flúe ese humanismo vertixinoso, en posturas distintas, polos versos de Noémia de Sousa e Uxío Novoneyra, mais que teñen a mesma orixe nos problemas existenciais comúns entre Mozambique e a Galiza, en certos casos.

Xa no período da loita armada de liberación nacional, protagonizada pola FRELIMO (Frente de Libertação de Moçambique), xorden moitas voces no campo de operacións que escreben panfletos en verso. Mais existiron outros grandes poetas emancipadores como Rui Knopfli, Sebastião Alba, Sérgio Vieira, João Pedro Garabato Dias, Armando Guebuza, entre outros.

No arquipélago de São Tomé e Príncipe, a colonia portuguesa en Áfica de menor extensión xeográfica e demográfica, sorprenden as composicións de seus poetas, negros e mestizos, a finais do século XIX. Poetas moi cultos procedentes da pequena burguesía autóctona, produtora de café e cacao; algúns deles foron a estudar á metrópole, converténdose nos precursores da poesía sãotomense, como é o caso de Caetano Costa Alegre (1864-1890) e Marcelo Veiga (1892-1977), que contribuíron a erguer a fértil poesía insular como unha das mellores do contexto PALOP. Os poetas sãotomenses foron reticentes ante a cultura agresiva e colonizadora de Portugal. Así crearon a súa propia expresión virada ao herdo e a pertenza africana, valorizando o ser e o estar dos nativos, como elemento esencial para ser libres.

Outro dos grandes poetas de renome universal de São Tomé foi Francisco José Tenreiro (1921-1963), autor do poemario Ilha de Nome Santo, que contribuíu a normalizar a identidade histórica e cultural deste arquipélago, sendo este autor un dos grande valores da poesía africana de expresión lusófona e recoñecido como portento da poesía da Negritude en lingua portuguesa, xunto a Agostinho Neto, Viriato da Cruz, José Craveirinha e Noémia de Sousa.

Poetas sãotomenses como Tomaz Medeiros, cunha poesía moi vencellada ás tendencias da Negritude foi unha das voces mais auténticas en desentrañar a autenticidade das Illas de São Tomé e Príncipe. Tamén, no campo da poesía social e antropolóxica destaca a poeta Maria Manuela Margarido.

Outra muller de ímpeto e belixerancia, creadora dunha poesía emerxente, no social e na loita contra o colonialismo salazarista, foi Alda do Espírito Santo, combatente na fronte de liberación nacional, autora do himno nacional de São Tomé. En todo este panorama de contradicións e dramas coloniais, como os que sucederon en São Tomé e Príncipe, agromou un continxente de poetas que revelaron o verdadeiro sentido da vida en penuria de seus habitantes, como unha das mellores poéticas da lusofonía.

Ampliando este inventario dos poetas lusófonos, encontramos no continente asiático, pequenos reductos do Portugal colonial, como é o caso de Goa, reintegrada á India en 1961. Os ambientes literarios da Goa colonial eran moi específicos e estaban virados ao ambiente relixioso, dado que esta posesión tiña como finalidade o comercio e a expansión misioneira cara este continente. Pese a todo, houbo extraordinarios poetas como Paulino Dias, introductor do pensamento hindú e brahmánico na poesía en lingua portuguesa. O mesmo aconteceu con Deodato Barreto e Nascimento Mendonça, que contribuíron a espallar a tendencia poética hinduísta ao idioma portugués.

En Macau, ese outro territorio portugués na China, devolto a este país en 1999, a lingua portuguesa tivo presenza e foi punta de lanza comercial e evanxelizadora en oriente. Macau contou coa presenza do poeta portugués Camilo Pessanha, que transbordou para a poesía portuguesa elementos da filosofía chinesa, así como outros temarios da cultura oriental, da que Pessanha foi un bo receptor de puntuais encontros coa cultura e a literatura chinesa. Outros poetas macaenses como José Santos Ferreira e Alberto Estima de Oliveira foron os expoñentes mais exclusivos da poesía macaense en portugués.

Timor Leste, outro enclave portugués nos confíns de Asia desde o século XV até 1975, ano en que foi colonizado polas forzas xenocidas de Indonesia, até que en 1999 logra a súa independencia. Algúns dos seus poetas foran asasinados, como Borja da Costa, autor do himno nacional e outros encadeados, por longos anos, como o dirixente da FRETILIN (Frente Timorense de Libertação Nacional), Xanana Gusmão, primeiro presidente de Timor. As diversas voces poéticas de Timor emerxeron das reivindicacións políticas e da loita armada, como é o caso de Jorge Lauten, Eugénio Salvador Pires e Oki do Amaral.

Xa para finalizar, falemos do monumento vital que representa a poesía brasileira. Sen ela estaríamos a falar doutra cousa ben distinta. A cantidade e a calidade dos poetas do Brasil, en súa diversidade creativa, engrandeceron todo ese potencial que se exhibe na poesía da lusofonía. Mencionemos a grande prole de poetas do Modernismo brasileiro, e non só, como Cecília Meireles, Manuel Bandeira, Drummond de Andrade, Murilo Mendes e João Cabral de Melo Neto, por mencionar unha pequena mostra do inmenso inventario de cualificados poetas.

Se tivésemos que procurar os coincidentes acentos novoneyreanos, algúns deles os podíamos encontrar na poesía social de Thiago de Mello, ou na idiosincrasia da terra en Marcos Accioly. A “Letanía de Galicia” e “Vietnam Canto” de Novoneyra son elementos ben elocuentes contra unha situación opresora que se deu en toda a lusofonía dos anos 50 aos 70, reitero, mais as afinidades e as concorrencias temáticas fluíron de tal maneira que se converteron en marca definidora contra as opresións existentes.

A diversidade poética da lusofonía deses anos de loita, concretouse en estímulos e en defensa cívica dos pobos oprimidos dunha maneira intensa, na loita pola súa dignificación.

Moitas grazas.

Sobre o autor / a autora

Xosé Lois García

Xosé Lois García

(Galiza-Catalunha) Nascido na Galiza, Xosé Lois García é formado em Geografia e História pela Universidade de Barcelona (Catalunha), cidade onde atualmente vive e trabalha. Articulista, ensaísta, conferencista, tradutor e poeta, é considerado uma das mais importantes vozes da poesia galega contemporânea. Publicou na Espanha antologias da poesia galega, portuguesa, brasileira, angolana e moçambicana, entre outras, além de importantes estudos sobre a simbologia do românico em Portugal e Galiza. Tem vários poemários, dentre os quais se destaca “Tempo precario”, no qual o autor dá voz a seu heterônimo, Pero Bernal, trovador galaico-português.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *