Entrevista a Modesto Fraga

Entrevista a Modesto Fraga

0 comentários 🕔12:30, 18.Set 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a poesia (e a literatura)?

- Modesto Fraga: Á pregunta de que é para min a poesía, eu prefiro respondela parafraseando ao poeta José Hierro: “Yo no sé lo que es la poesía, pero sí sé para qué sirve: para decir lo que no se puede decir”. En certo modo, as palabras visionarias do autor de Cuaderno de Nueva York non fan máis que constatar algo de por si evidente: pouco importa coñecer o significado da poesía cando o verdadeiramente importante é a súa función vital, social, experiencial, etc.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária -e artística, em geral-?

- Modesto Fraga: A creación literaria, malia ser de facto un exercicio individual, non deixa de ter unha importante función social inserida no tempo presente aínda que condicionada pola tradición herdada. Creo que nestes momentos de convulsión social, económica e política os creadores e creadoras non miran para outro lado senón que manteñen unha actitude valente e comprometida coa sociedade dos nosos días. Evidentemente, non vivimos na ditadura nin na posguerra, nin tampouco estamos privados do exercicio democrático ao dereito de expresión, pero tamén é certo que asistimos a un convulso período histórico dominado por unha elite económica desmemoriada que prima a ditadura dos mercados e os rendementos do grande capital por riba dos valores e dereitos da propia sociedade. E aí, creo eu, están -ou deberíamos estar- todas as persoas que cremos nos valores da cultura como resposta ás desigualdades que, cada vez máis, vai xerando a incultura do capitalismo.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (audiovisual, música, plástica, etc.)? Tens experiências neste âmbito?

- Modesto Fraga: A estreita relación entre a literatura e as demais disciplinas artísticas non é de agora, senón que se vén producindo desde os albores da civilización humana. A poesía e a música nos Cancioneiros medievais, por exemplo; a plasmación na pintura dos grandes do Renacentismo europeo de fragmentos inspirados nas obras canónicas da literatura universal (A Divina Comedia, A Ilíada, etc) ou na propia Biblia (Antigo Testamento, Apocalipse); a perfecta simbiose entre poesía e fotografía plasmada a través de elementos como poden ser a poesía visual e de vangarda, que tan ben souberon transmitir os poetas surrealistas das primeiras décadas do século XX, etc. Hoxe en día é moi difícil, por non dicir imposible, separar contextualmente o poema, a palabra, do que subxace máis alá do seu significado.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?

- Modesto Fraga: Como lector voraz que son, os meus referentes no ámbito da literatura son numerosos e citalos a todos resultaría imposible. Desde Miguel Hernández, Neruda, Benedetti e Borges (o Borges poeta, por suposto), pasando por Cabanillas, Manoel Antonio, Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín ou Manuel Rivas, entre outros. Non están todos os que son pero si son todos os que están, claro.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para a literatura, e quaisquer outras artes, na sua comunicação com a sociedade?

- Modesto Fraga: Interésame especialmente que as persoas que participan, cada quen no seu respectivo ámbito de acción, do mundo da arte e da cultura en xeral continúen a forxar conciencias e, con espírito crítico, a denunciar todos os abusos e atropelos aos que son sometidas as persoas máis febles da nosa sociedade. Co compromiso colectivo e coa acción directa xa me conformo.

- Palavra Comum: Que vinculação tem, para ti, a Vida com as Artes?

- Modesto Fraga: Unha vinculación necesaria, se callar imprescindible. É máis, eu non son quen de concibir a escrita como algo alleo á propia existencia. Vivo, respiro, observo, medito, penso, razoo, sinto. Escribo.

- Palavra Comum: Que opinião tens sobre o estado da língua e a cultura, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia)?

- Modesto Fraga: A pregunta é moi complexa como para poder acometela en apenas dúas liñas. Porén, non direi nada novo se digo que a perda de falantes de galego non deixa de medrar, e non só nos ámbitos urbanos, que tamén, senón por extensión nos núcleos máis resistentes do noso rural, e iso é algo que debera facernos reflexionar moi en serio. Non podemos cruzarnos de brazos a observar como esmorece o noso principal sinal de identidade e despois pretender que con catro ridículas campañas con poemas nas bolsas do supermercado xa solucionamos o problema do galego. Por outra banda, a relación coa Lusofonía é unha oportunidade excepcional que non podemos desproveitar, máis que nada polo feito de estarmos en contacto con máis de 300 millóns de habitantes que falan exactamente a mesma lingua que nós.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência como livreiro em ‘Á lus do candil‘…

- Modesto Fraga: Cando decidimos, a miña muller Alba e máis eu, abrir a libraría ‘A lus do candil’ todo o mundo nos dicía: “Estades tolos! Abride un bar, que é moito máis rentable”, pero a experiencia vivida nestes tres anos e pico que levamos abertos en Arteixo está sendo moi positiva, independentemente da crise que atravesa o sector e de que a venda de libros cada vez é máis difícil. Para nós, loxicamente, o ideal sería que as persoas de Arteixo e comarca tivesen un maior hábito lector. Iso, desde logo, contribuiría a aumentar as vendas de libros, pero despois hai outras cousas que tamén son importantes e que só son posibles rexentando unha libraría. Por exemplo, ver as caras de alegría dos nenos e nenas que asisten aos nosos contacontos e obradoiros, coñecer en persoa grandes escritores e escritoras que veñen presentar as súas obras, recibir o agradecemento dos clientes aos que lles recomendas un libro determinado, etc. E como na vida os cartos non o son todo, a nós @s nos@s clientes e amig@s págannos con moito cariño. E iso reconforta máis que nada.

- Palavra Comum: Tens participado em numerosas iniciativas culturais na Costa da Morte. Comenta-nos como as ves desde agora e de cara ao futuro…

- Modesto Fraga: A verdade é que tiven a inmensa fortuna de participar activamente en numerosas actividades nos anos de efervescencia do Batallón Literario da Costa da Morte, a carón de amigos como Miro e Rafa Villar, Concha Blanco, Alexandre Nerium, María Lado ou Estevo Creus, e noutras outras iniciativas como Letras de Cal, que permitiu que voces novas da poesía galega publicasen os seus primeiros libros. Teño moi bos recordos daquelas xuntanzas, tanto na Costa da Morte coma en Santiago de Compostela.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Há algo dela que exista já agora, do teu ponto de vista?

- Modesto Fraga: Soño cunha Galicia semellante á que soñaron algúns Bos e Xenerosos como Luís Seoane, unha Mater Gallaecia orgullosa e dona de seu. Nun dos meus poemas de “Adagio por outono” imaxínoa así:

Quero dicir orballo e digo apenas
bretemosa paisaxe, eixada vella,
quero dicir legón e suco e rella,
terra de carrizais, noites serenas.

Quero dicir estirpe e apenas digo
seixo, semente, pedra, labarada;
torrente dos mil ríos na invernada
berce dos verdes castros, pan e trigo.

Quero dicir e digo engorde, a modo
mentres o arco da vella no horizonte
tingue a terra de cores na verea

dicir talvez mañá, coma hoxe e onte
en calquera lugar, parroquia e aldea
quero dicir Galicia e digo todo.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Modesto Fraga: Agora mesmo acabo de publicar un poemario, Atlántica luz. Poesía mareira (1995-2015), no que reúno toda a miña poética do mar con fermosas fotografías antigas de Fisterra. É o meu pequeno tributo aos vellos “lobos de mar” que, día a día, teñen que loitar contra a furia de Poseidón. O libro pódese ler ao modo convencional, poema a poema, ou ben a través da cartografía toponímica que figura ao final do libro e que nos leva polo embriagador e poderoso mar da fisterranía.

Ademais, o vindeiro ano está previsto que saia do prelo o meu novo poemario, Adagio por outono, un conxunto de 35 sonetos que publicará a editorial Alvarellos. E algunha cousiña máis que anda por aí…

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum e que gostarias de ver também aqui?

- Modesto Fraga: Proxectos tan sumamente interesantes como Palavra Comum permítennos aos lectores e lectoras seguir gozando do pracer que nos brindan as distintas manifestacións artísticas e, ao mesmo tempo, descubrir novas expresións, sempre sorprendentes. Desexo para vós as mil primaveras cunqueirianas para que sigades alumeando as nosas vidas, os nosos corazóns.

NOTA: A fotografia do autor entrevistado é de Cristina Abelleira.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *