<em>Eu acuso</em>, por Émile Zola (I)

Eu acuso, por Émile Zola (I)

0 comentários 🕔12:30, 21.Set 2015

PRESENTACIÓN

Todo podería empezar como nunha novela de John Le Carré, do primeiro Le Carré: a finais de setembro de 1894, os Servizos de Información franceses interceptan unha carta dirixida ao agregado militar da embaixada alemá en París, Max von Schwartzkoppen. A carta é, en realidade, unha lista de «segredos» militares franceses. Os servizos franceses consideran que se trata de espionaxe, de traizón, xa que os segredos da «lista» só un francés, un militar, un oficial probabelmente, pode coñecelos.

Comezan as pescudas. Un membro do Estado Maior do Exército francés, o tenente coronel Aboiville declara, o 6 de outono dese mesmo ano, que recoñece a letra da lista: é dun oficial de artillaría, o capitán Alfred Dreyfus, de ascendencia xudía, que a primavera anterior estivo a facer prácticas no Estado Maior. A despeito do maior especialista grafolóxico de francés, Gobert, experto do Banco de Francia, que se mostra escéptico en canto á atribución da escrita da lista ao capitán Dreyfus, o xeneral Mercier (1), ministro da guerra, ordena a detención e encausamento do capitán. O xefe dos Servizos de Información, o comandante Henry (2) afirma que o traidor é Dreyfus. O ministro da Guerra, temendo a absolución do capitán (a acta de acusación non contén a mínima proba) comunica aos xuíces que existe un dossier secreto, que non se pode facer público, mais que é unha carta da man do agregado alemán en que fala «do canalla D.». D en maiúscula, máis nada. Os xuíces son «invitados» polo superior xerárquico a recoñecer, nesta inicial, o nome completo de Dreyfus: velaí a gran proba.

O 22 de decembro, en París, un consello de guerra, a porta fechada, condena a Alfred Dreyfus, nacido en Alsacia-Lorena, naqueles momentos, a resultas da guerra franco-prusiana de 1870, en mans alemás. (As viaxes de Dreyfus á súa terra natal serán outras tantas probas da súa culpabilidade). O capitán é condenado por alta traizón e degradado no patio dos Inválidos para logo ser trasladado á cadea da Illa do Diable, onde debe cumprir condena até a fin da súa vida. A súa degradación non levanta moito rebumbio na opinión pública: as irregularidades do proceso mantivéranse en segredo. Por outra parte, as diversas tendencias socialistas claman contra a sentenza, xa que ven nela un privilexio máis do exército: un simple soldado, por insultar a un superior pode ser condenado a morte, un oficial, aínda sendo traidor, só a cadea perpetua.

O irmán do capitán, Mathieu, no entanto, considerando que seu irmán era inocente, leva unha incansábel campaña que comeza a recoller os seus primeiros froitos dous anos despois, en 1896, cando aparece en Bruxelas un folleto de Bernard Lazare: Un erro xudicial. A verdade sobre o caso Dreyfus (3). Despois deste folleto, Lucien Herr (4), socialista, bibliotecario da École Normale, fixo desta un foco de axitación dreyfuísta (é dicir, dos que apoian a inocencia do capitán condenado). Mais, en realidade, todo se desenvolve discretamente até que Émile Zola, o escritor máis popular naquel momento en Francia, entra en escena.

No devandito ano de 1896, o novo xefe dos Servizos de Información do exército, o tenente coronel Picquart (5) (un antisemita, como antisemita é a cúpula do exército francés) topa cunha «carta» do agregado militar alemán (Schwartzkoppen) destinado en París a un comandante francés, de infantaría: o comandante Esterhazy (6). Picquart investiga e chega á conclusión de que a proba coa que se condenou a Dreyfus era do puño e letra deste comandante. Picquart dubida durante uns meses mais, finalmente, comunica o descubrimento aos seus superiores: o xeneral Boisdeffre e o xeneral Gonse, xefe e subxefe do Estado Maior respectivamente. Tanto un como outro opóñense á manifestación da verdade: Dreyfus debe permanecer culpábel, polo tanto internado na Illa do Diable. Picquart cala e é trasladado a Tunicia. En 1897, durante un permiso, visita en París a un avogado (o señor Leblois) a quen lle explica os acontecementos e as ameazas que pesan sobre el. Tamén obriga ao avogado a permanecer en silencio. Mais este desobedece e fala co vicepresidente do Senado, Scheurer-Kestner (7), alsaciano como Dreyfus. O senador fala co novo Ministro da Guerra, o xeneral Billot, amigo da infancia, mais topa coa negativa e Scheurer-Kestner resígnase a facer público o caso. E estala o 15 de novembro de 1897.

Cando no proceso contra o realmente culpábel, o comandante Esterhazy, realizado o 11 de xaneiro de 1898, este é absolto por «orde superior» e o capitán Dreyfus ratificado na súa condena, Zola salta de indignación.

Zola, naqueles momentos, como se dixo, despois da morte de Victor Hugo en 1885, é o escritor francés máis popular. Era un home ao que non lle agradaban nin as leas nin as dificultades. Ten cincuenta e sete anos e pasou o tempo en que defendía os impresionistas. Agora é un home instalado e candidato á Academia. Ese mesmo outono 1897 acabou a súa triloxía, Lourdes, Roma, París, que debe entrar nas prensas. E é nese momento que os dreyfuístas, por intermedio de Marcel Prévost se dirixen a el.

O proceso do capitán non chamara a atención de Zola, mais cando Prévost e outros lle poñen nas mans os documentos, a cousa seméllalle clara, irresistibelmente clara: hai erro xudicial. Por que se dirixiron os dreyfuístas a Zola? Porque este, o 16 de maio de 1896 publicara en Le Figaro un artigo titulado «Polos xudeus», no que denunciaba a imbecilidade e a vergoña do antisemitismo, que da man de Éduard Drumont, nacionalista, católico, e o seu xornal, La Libre Parole, creado en 1892, renacera con forza e culpaba de todos os males de Francia aos xudeus (8). E se o caso salta o 15 de novembro de 1897, o día 25 dese mesmo mes, Zola entrega un primeiro artigo a Le Figaro: «O Sr. Scheurer-Kestner». O 1 de decembro un segundo artigo: «O sindicato». O sindicato son aqueles, con Bernard Lazare á cabeza, que se lanzaron a denunciar o erro xudicial cometido co capitán Dreyfus. O cinco dese mes aparece o terceiro, e último artigo de Zola en Le Figaro: «O atestado», en que denuncia a actitude da prensa (inmunda), o antisemitismo, os actores, etc. O diario conservador non aceptará xa os seus artigos; entón, Zola comeza a publicar unha serie de folletos: Carta á mocidade (distribuída o 14 de decembro), Carta a Francia (6 de xaneiro de 1898), Carta a Félix Faure, Presidente da República… Esta última, finalmente, no canto de aparecer en folleto, que chegara a imprimirse, por recomendación de Clemenceau é publicada no xornal deste, L’Aurore. Clemenceau (9) cámbialle o titulo polo de Eu acuso, en grandes carácteres, e en pequenos mantén, como subtítulo, o orixinal do novelista. O xornal vende 300.000 exemplares e salta o escándalo.

Zola redactou o seu artigo –menos de 4500 palabras– nun día e dúas noites. No artigo cuestiona o Estado Maior do exército francés, acusando os xenerais de mentiras e crimes, e acada o que procuraba: ser levado diante dos tribunais para arrancar o caso Dreyfus á xustiza militar e pasalo á xustiza civil. De aí que cómpre considerarmos este texto, esta carta, este artigo, non como unha provocación, nin como un escrito político (nin mesmo, aínda que o sexa, como unha lección de moral; de moral do escritor, do xornalista) aínda que sexa todas esas cousas e moito máis. Eu acuso é, sobre todo, un texto estratéxico dunha terríbel eficacia política: o Caso Dreyfus, a partir dese momento xa non será o que era.

A resposta a Zola por parte dos antidreyfuístas non se fixo esperar: Maurice Barrès, que dun anarquismo aristocrático pasara a un nacionalismo cego e feroz, Henri Rochefort, o vello e temíbel panfletario antibonapartista, defensor da Comuna de 1871 e por iso detido e deportado (aínda que conseguiu fuxir), agora militar na extrema dereita antisemita, Georges Sorel –continuando a vella tradición antisemita da esquerda francesa, de Fourier a Blanqui; aínda que logo Sorel cambiaría unha miga, non moito: será antisemita toda a súa vida (10)–, Charles Maurras, etc., partidos republicanos-socialistas, herdeiros de Blanqui, toda a prensa inmunda, Drumont, os militares e, evidentemente, os xuíces: Zola, os dreyfruístas e os xudeus, son atacados, aldraxados. Chega, mesmo, a demandarse a eliminación de todos os xudeus franceses da vida nacional. E Dreyfus é culpábel por dous feitos: a) ser xudeu; b) o exército –a alma da patria– nunca se equivoca.

Émile Zola non era precisamente un espírito revolucionario. Considerábase, até aquel momento, como apolítico; os socialistas que pintara na súas novelas eran personaxes repugnantes; aprobara a acción dos versalleses contra a Comuna, chegando a escribir que a «parte sa de Francia, a razoábel, a ponderada, a campesiña», suprimira a «parte louca […] desequilibrada polos soños e os gozos», etc. Talvez por iso, e por erros propios, os socialistas mantíñanse á marxe. Lafargue e Guesde consideraban que o «Caso» non era máis que un enfrontamento entre diversas capas da burguesía. Paul Lafargue, porén, axiña ve máis claro: en carta do 1 de agosto de 1898 a Jules Guesde denuncia «a abstención inescusábel e inexplicábel do Partido Obreiro no caso Dreyfus. […] O Partido Obreiro, que é un partido político, non pode desinteresarse das cuestións políticas que axitan o país, sobre todo nunha cuestión en que o militarismo, os consellos de guerra, a legalidade burguesa, o patriotismo e o antisemitismo están en xogo». Para Lafargue, o Partido Obreiro Francés desertou do combate e debilitouse. Charles Péguy, aínda militante socialista, escribía: «Se houbese en todo o partido socialista un só home que tivese o temperamento revolucionario de Zola […], habería moito tempo que o estado maior socialista tería recibido na máscara un Eu acuso non menos xostregante e non menos rotundo que o estado maior militar». Foi o momento en que Jaurés, que nun principio se desentendera do caso como a maioría das tendencias socialistas, agás os allemanistas, a tendencia dirixida polo antigo comuneiro Jean Allemane (11), entra en acción e arrastra os socialistas á defensa do capitán Dreyfus… e dos xudeus: democracia e socialismo son inseparábeis, afirmaba, e de aí que o líder asasinado nas vésperas da Primeira Guerra Mundial continúe, aínda hoxe, a ser unha referencia moral no socialismo francés. (12)

A historia sería longa de contar. Zola foi condenado en febreiro de 1898 a un ano de cárcere polo seu artigo (o Estado Maior ameazou con dimitir en bloque se o escritor era absolto –a famosa división de poderes preconizada por Montesquieu era entón, como agora, unha tomadura de pelo). Foxe a Londres (mal aconsellado por Clemenceau; tamén porque se rumoreaba que a dereita trouxera asasinos de Alxeria: en maio dese ano houbo unha grande revolta antisemita, con múltiples asasinatos de xudeus, na colonia francesa do Magreb) e regresa a París a pouco menos de se cumprir un ano. En 1899 revísase o proceso a Dreyfus: esta vez é condenado a dez anos de traballos forzados, aínda que, segundo o xurado, «existen atenuantes». Dez días despois da condena, Dreyfus, esgotado e coa saúde desfeita, acepta o indulto do presidente da República, Émile Loubet. Presidente que o ano seguinte, 1900, decreta unha amnistía xeral (contra a que Zola se rebela, xa que esa amnistía liberaba de todo cargo aos culpábeis do caso Dreyfus). En 1901, Zola dá ao prelo A verdade en marcha, onde se recollen case todas as súas intervencións sobre o Caso. Ao ano seguinte, morre. Catro anos despois, o Tribunal de Casación anula, sentenza ditada despois dunha grande e estratéxica intervención de Jean Jaurés no Parlamento, o xuízo de 1899 e, sen necesidade dun novo xuízo (decisión única na historia do dereito en Francia), o capitán Dreyfus é completamente rehabilitado e reposto no seu cargo, o que Zola, nin Bernard Lazare, nin Scheurer-Kestner verán. Dreyfus, como comandante, participará na Primeira Guerra Mundial e morrerá en 1935.

Mais o «problema» xudeu, como o problema do seu exército (un exército que en 1940 estaba corrompido até a medula: cando Francia asinou o armisticio cos nazis, había cantidades de batallóns excelentemente armados que nunca dispararan un tiro, e cando estes batallóns foron disolvidos, os oficiais escapaban nos seus coches ou nos coches do exército mentres os solados, que foran vendidos, tiveron que atravesar media Francia a pé en Francia) só se resolverá (sic) despois de 1945: durante a ocupación alemá do territorio francés na Segunda Guerra Mundial (1940-1944), a maioría dos xudeus franceses serán entregados aos nazis polo goberno colaboracionista do Mariscal Pétain e destinados aos campos de exterminio. [A cuestión militar só se resolvería parcialmente durante os primeiros anos do mandato do xeneral de Gaulle, 1958-1962.] Mais se a «cuestión xudía» en Francia tardou anos en ser «resolvida», cando menos serviu para clarificar as posicións do movemento obreiro francés, de ampla tradición antisemita: Fourier, Proudhon, Blanqui, Sorel, etc. Os dirixentes dos partidos obreiros percibiron claramente o erro que cometeran ao prestaren oídos aos cantos das sereas antisemitas e deixaron de axitaren o espantallo do antisemitismo, porque na tradición obreira francesa se pensaba que unha crítica do capitalismo xudeu podía ser un primeiro paso cara a unha crítica global do capitalismo. Como escribiu Zosa Zajkowki, «as lágrimas de Dreyfus axudaron ao movemento a se purificar e a se reforzar», e o antisemitismo deixou de ser un espantallo para os partidos obreiros, agás excepcións, sobre todo anarquistas e ultraesquerdistas.

Para acabarmos, penso que non fai falta subliñar a importancia dos artigos e folletos de Zola sobre o Caso Dreyfus: aínda hoxe son de grande actualidade, e non só, aínda, pola defensa dos xudeus e os seus ataques ao antisemitismo. No entanto, anotemos a unhas frases, tanto da súa Carta á mocidade: «Son os traballadores que esperabamos e velaí que se declaran xa antisemitas, é dicir, comezarán o século masacrando todos os xudeus porque son concidadáns doutra raza e doutra fe!», como da Carta a Francia: «Certamente, imaxino que todas as consciencias non eran moi puras, porque ocorrera o que ocorre en todos os Parlamentos do mundo cando as grandes empresas moven millóns», «Por outra parte, este caso Dreyfus expón a plena luz a turbia cociña do parlamentarismo, o que o emporca e o matará…». Por non falarmos das súas palabras sobre a prensa «inmunda» e a outra, menos inmunda, nun principio, mais que non cumpre coa súa misión e engana aos seus lectores. Mais hoxe, nós, os galegos e todos os moradores do denominado Estado Español ou España, sabemos, infelizmente, moito máis desa prensa «inmunda», e da «outra», do que puido saber o escritor gaulés en toda a súa vida.

NOTAS
(1) Auguste Mercier (1833-1921), militar, entre as súas «fazañas» está a de tomar o forte de Issy, derradeiro baluarte da Comuna de París, en maio de 1871. Despois dunha «brillante» carreira, en 1893 é nomeado responsábel do Ministerio da Guerra. Desde o primeiro momento, acusa a Dreyfus de ser o traidor. Acusación que manterá até o seu derradeiro «sopro» de vida, malia as probas en contra e de que el nunca puido achegar unha proba en contra de Dreyfus. Cando abandonou o Ministerio da Guerra, en febreiro de 1895, pediu a destrución do «dossier» Dreyfus. Zola, infelizmente, pensou que Mercier, que tiña fama de liberal e fora atacado pola extrema dereita e os antisemitas antes do «affaire», actuara como actuou por debilidade; non foi así: foi unha das pezas fundamentais da acusación falsa contra Dreyfus, inventando dosiers secretos que nunca existiron e ameazando a diversos tribunais militares.
(2) Hubert-Josep Henry (1846-1898). Militar mediocre destinado aos Servizos de Información do Estado Maior, onde coñece a Esterhazy. Durante o segundo proceso Dreyfus, entrega aos seus superiores un «documento», que el di rescatado da embaixada alemá, que acusa directamente a Dreyfus de traizón, o que lle serve ser nomeado xefe dos Servizos de Información. O ano seguinte, cando as sospeitas de Picquart comezan a se facer realidade, avisa a Esterhazy e, a cambio, ás ordes do Estado Maior, «presenta» outro documento que reafirma a traizón do capitán Dreyfus. Cando en 1898, para se opor á revisión do proceso, o novo Ministro da Guerra, Godefroy Cavaignac –un furibundo antisemita– vai presentar estes documentos ao Parlamento, o seu ordenanza, Louis Cuignet avísao de que os documentos son falsos, o que Cavaignac proclama no Parlamento en xullo de 1898. Henry é detido e ao día seguinte suicídase; Esterhazy foxe a Londres e o ministro da guerra dimite.
(3) Bernard Lazare (1865-1903). Para unha primeira achega á figura deste escritor de orixe xudía que se movía nos círculos simbolistas e anarquistas nos primeiros anos da súa vida literaria, que escribiu un libro sobre o xudaísmo que rozaba o antisemitismo (foi loado por antisemitas como Xavier Calliat e outros), que foi o primeiro en denunciar o Caso Dreyfus (ao que dedicou tres volumes), que retornou ás súas raíces xudías, que colaborou, mais axiña rompeu, co sionismo de Thedor Herzl; que denunciou o xenocidio dos armenios; que cando o caso Dreyfus comezou a se «resolver» fixo «mutis polo foro», ver Michael Löwy, «Bernard Lazare: unha excepción francesa», in Redención y utopía. El judaismo libertario en Europa Central. Un estudio de afinidad electiva, Buenos Aires, Ediciones El cielo por asalto, 1997, pp. 179-198 (non obstante, o lector debe coller esta tradución con «pinzas»). Cabe lembrar esta anotación, do 28 de maio de 1899, de Jules Renard, que está a falar de Léon Blum: «Admira moito a Bernard Lazare, que tivo a valentía de pór en marcha o proceso Dreyfus e que, asegurado o éxito, se retira discretamente e deixa a gloria para os demais», Diario (1887-1910). Antoloxía, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2009, p. 139.
(4) Lucien Herr (1864-1926), bibliotecario da École Normal, socialista e mestre de socialistas. Foi el quen arrastrou a Jaurès do radicalismo ao socialismo. Fundador de L’Humanité e da SFIO (Sección francesa da Internacional obreira), era tamén un grande coñecedor da cultura alemá.
(5) Marie-Georges Picquart (1854-1914). Militar de carreira. Cando en 1895 é promovido a xefe dos Servizos de Información militar, intercepta un escrito do agregado militar alemán a un oficial de Estado Maior, F. W. Esterhazy, e fica convencido da culpabilidade deste e a inocencia de Dreyfus. Despois de informar a seus xefes, e destinado a diversas misións perigosas é, finalmente, en 1898 expulsado do exército. Rehabilitado con Dreyfus en 1906, é nomeado xeneral de brigada e meses despois Ministro da Guerra no primeiro goberno de Clemenceau (1906-1909). Morre nas vésperas da Primeira Guerra Mundial a resultas dun accidente: caeu do seu cabalo.
(6) Ferdinand Walsin d’Esterhazy (1847-1923), fillo «ilexítimo» dunha condesa húngara e de pai francés, pertenceu á contraespionaxe francesa durante a guerra franco-prusiana de 1870. Acabada esta, continuou no exército, e, debido ás súas débedas e gastos, foi captado polo servizo de espionaxe alemán. A famosa «lista» de que se acusaba a Dreyfus ser o autor, foi escrita por Esterhazy, mais aínda que isto foi demostrado, xulgado en xaneiro de 1898, é absolto por un tribunal militar. En agosto dese mesmo ano, foxe a Londres, alá escribirá as súas memorias e colaborará nos xornais antisemitas La libre parole e L’Éclair. Morre en Inglaterra, en 1923, sen ser nunca condenado.
(7) Auguste Scheurer-Kestner (1833-1899), químico, político republicano, alsaciano de nacemento, opositor a Napoleón III, senador desde xullo de 1871, amigo de Clemenceau e Léon Gambetta. Sendo vicepresidente do Senado é avisado polo avogado do coronel Picquart dos detalles do caso Dreyfus. Intenta solucionalo sen facer público o asunto, o que, ante a oposición do exército, decide dalo a coñecer. Morre o 19 de decembro de 1899, o mesmo día en que se publica a orde presidencial de «graza» ao capitán Dreyfus.
(8) Cabe lembrarmos, non obstante, que en decembro de 1898, cando o enterro de Alphonse Daudet, Zola leva unha das fitas do ataúde do poeta; outra é portada por… Édouard Drumont! Ah!, as amizades literarias.
(9) Georges Clemenceau (1841-1929), político de longa traxectoria, radical e anticlerical. Desde o primeiro día foi dos poucos que defendeu a amnistía total para os comuneiros de 1871 e, tamén, dos poucos políticos franceses que se opuxo á política colonialista gala. Cando o caso Dreyfus estala, Clemenceau non cre na inocencia do capitán, até que é convencido por Lucien Herr. Tamén se oporá ao indulto presidencial do capitán, porque pensa que é a xustiza quen debe declaralo inocente e reparar os danos que se fixeron non só ao capitán, senón ao país. Ministro do interior en 1906, considerábase o «primeiro policía de Francia». Tamén foi chamado «rompedor de folgas». Odiado tanto pola dereita e os clericais como polos socialistas e anarquistas, dirixiu o goberno francés durante a I Guerra Mundial e foi un dos adaís do Tratado de Versalles. Digamos que cando morreu non houbo nin funeral nin honras públicas, xa que así el o deixara escrito.
(10) A tal respecto, ver Shlomo Sand, “Sorel, les Juifs et l’antisemitisme”, Cahiers Georges Sorel, nº 2, 1985, pp. 7-36.
(11) Jean Allemane (1853-1935), comuneiro, membro do Partido Obreiro Francés, do que foi expulsado, cofundador, con Jaurés e outras tendencias, en 1905 do partido socialista francés, SFIO, Sección Francesa da Internacional Socialista. En 1917 apoia a entente cos partidos burgueses, en 1920, no Congreso de Tours, achégase aos comunistas sen nunca militar no partido xa que nunca foi marxista, mais pouco despois, e até 1930, avoga por un «socialismo nacional» predicado polo ex-socialista e profascista Gustave Hervé. Tamén foi francmasón.
(12) Para a historia, cómpre lembrarmos que pouco despois de ser asesinado Jean Jaurés, Jules Guesde, membro da SFIO (Partido socialista francés), como Jaurés, entra a formar parte do goberno de Unión nacional (a Unión sagrada) para loitar contra os alemáns. E que o propio Guesde era membro do goberno cando se declarou inocente ao asasino de Jaurés, executado na illa de Ibiza, onde se refuxiara, nos inicios da guerra civil española. Guesde é o paradigma da «ética» socialdemócrata.

NOTA DE PALAVRA COMUM: a fotografia de Émile Zola procede da Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *