<em>Meu avó, lobo de mar</em>, por Xosé Iglesias

Meu avó, lobo de mar, por Xosé Iglesias

1 comentário 🕔12:30, 22.Set 2015

A meu bisavó Francisco Miguéns.

Remo, estrobo, talameira, tolete… así comezaba o abecedario da miña carreira enriba do mar. Forza nos brazos e tensión no corpo, navegacións locais sen meridianos e paralelos. Poutadas de pedra e madeira para ancorar sobre min o primeiro caderno de bitácora, inmaterial na súa forma, perenne ate o último latexo do meu corazón.
Francisco Miguéns redactou no chan do peirao as bases para asentar os meus pés por riba das cadernas. Soubo darme esas pocións de clases maxistrais onde todo queda gravado na espiral do adn, alquimia de mar, vento e terra.
Os galeóns que pintaba a lapis nas libretas seguen sucando os océanos do tempo.
No ar seguen penduradas as moléculas da brea que se fundían no medio do lume, brea mesturada co alcatrán para impermeabilizar o chan da súa gamela, a gamela nai, o seu ben, o murmurio do salitre, o teto do que saían os nós, as proas de carballo, os nomes dos cons, o engado das luras, a miñoca das fanecas, a suor en cada pa avante.
Os meus libros estudeinos facendo callo no remo, na biblioteca do meu avó.
Biblioteca con andeis pendurados no nordés, escumoso e lumínico.
Tamén libros pendurados no vendaval, os libros máis escuros, os máis tenebrosos, aprendendo sempre como alonxarse do naufraxio.
Toda a miña nenez paseina pegado á súa ferramenta, ao seu serrón de carpinteiro, que partiu miles de troncos para facer leña para a cociña.
Nunca souben do nome daquel anaco de madeira e ferro coa que tallaba os barcos,
construídos na escala de amor, esa que converte o cotián nun tesouro.
Naveguei sen sabelo coa vela cangrexa e co foque. Perseguiamos na súa gamela os pequenos navíos ós que lles puña o temón uns graos a unha banda para que sempre voltasen.
Aquela ferramenta coa que daba forma os anacos irregulares de piñeiro tívena na man moitas veces. E moitas veces quixen construír galeóns e dornas, pero non fun quen.
El foise xa hai moito, incluso houbo unha despedida silenciosa. Dous lobos de mar a ollarse mutuamente: aí che quedan os remos, a gamela, a poutada, o dicionario do vento, as anotacións no coiro da pel, o idioma da alba.
Detrás daqueles ollos había un océano, o mar maior, a cartografía salvaxe.
Na casa quedou a súa ferramenta, mais co tempo perdeuse.
Hoxe sei que aquel anaco de madeira e ferro era unha eixola, instrumento co que se labra ou saca o máis groso da madeira.
Hoxe, constrúo os meus barcos cos seus trebellos pendurados a carón da miña memoria.
Así comezou a vida a pulirme, dende neno, atento ao movemento perfecto das súas mans, arquitectura do mestre das mareas, tensión nos brazos, coordinación nas pas, remo, estrobo, tolete, talameira……

MEU AVÓ, LOBO DE MAR

O meu avó, lobo de mar,
tatuou na miña pel
os meridianos e paralelos
dunha cartografía salvaxe.
Unha rosa dos ventos
na que, un a un,
proa ao medo,
asinaron o seu paso
o norte, nordés,
oeste, vendaval.
El ensinoume
o cheiro do crepúsculo
na baixamar das mareas.
O peso da poutada
que ancora os nosos destinos.
Foi a eixola firme
a moldear caderna maxistral
da miña vida…….
Nacín coma un barco,
cravo tras cravo,
madeira sobre madeira.
Asentando na quilla
o lastre eterno do seu ouveo.
Construíndome
coa fasquía inmortal
das súas palabras….
Unha bágoa discorre
polos carrís do tempo
na botadura no océano
do meu corpo.

Xosé Iglesias
Transfusión oceánica
Editorial Caldeirón, 2015

1 comentário

  1. 🕔 15:36, 24.Set 2015

    Natalia

    fermosísimo

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *