Como afrontas o processo de tradução? Que importância tem para ti num sistema cultural? (Franck Meyer)

0 comentários 🕔13:05, 01.Out 2015

- Palavra Comum: Como afrontas o processo de tradução? Que importância tem para ti num sistema cultural?

- Franck Meyer: Distingo entre a tradución técnica por un lado e a literaria por outro. Fixen as dúas cousas, se ben levo tempo sen traducir nada. Nas traducións técnicas o que importa é a utilidade e a relación inequívoca coa realidade designada. A lingua, neste caso, debe ser transparente e desaparecer detrás do significado. A tradución literaria, pola contra, non só debe fidelidade ao “que” dun texto senón, e talvez aínda máis, ao “como”. Falo do que comunmente se adoita chamar o estilo dun/ha autor/a. Para dar un exemplo, para alguén como a Premio Nobel Herta Müller, criada no contexto dunha minoría linguística, a anormalidade da lingua é o reflexo da alienación das persoas. A lingua é unha protagonista das súas historias. Entón como podería eu, como tradutor, optar por unha linguaxe neutra, lisa, “normal” se no que Müller escribe todo renxe? Cómpre, daquela, atopar o ton axeitado para non alterar o específico, cómpre non só traducir as palabras senón tamén o espírito que expresan, encontrando a forma correspondente na lingua meta. Para iso é necesario ter lido moito. Desde logo, unha vez que un texto é considerado digno de ser traducido, o que me parece unha aberración sería o intento de “mellorar” unha obra. Neste sentido, editores e correctores (tanto en Galicia como en Alemaña) téñenme quitado máis dunha vez as ganas de seguir traducindo. Resúltame estraña esa manía de fedellar nas cousas doutros, por dicilo dun xeito coloquial. Non o digo desde unha atitude altiva, non me teño por un ser perfecto e teño bastante sensibilidade e sinceridade para saber cando me xorde unha dúbida e preciso un consello. Sexa como for, as traducións das que gardo moi boa lembranza, visto desde hoxe, creo que son o Manifesto Comunista (a colaboración co responsábel editorial -xa non exerce ese traballo desde hai tempo- foi fantástica) e A máquina de facer zume de laranxa de Rolf Dieter Brinkmann. No caso deste último libro Paco Macías mostrou plena confianza deixándome simplemente facer (selección, tradución, limiar). Un gusto!

Sobre a segunda pregunta, pois o ideal é sempre poder ler o orixinal pero, loxicamente, isto é imposíbel pois ninguén comprende todos os idiomas existentes, así que cómpre ter boas traducións na lingua propia. É unha maneira de ter un acceso a outros mundos non filtrado varias veces e o contacto con outras culturas e as súas expresións pode resultar fructífero para a propia produción artística. No eido da música isto é algo completamente normal, hoxe máis ca nunca grazas ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías da comunicación. Creo que un sistema cultural “normal” incorpora as traducións como algo que nin suscita a pregunta do porqué.

Aqui podes continuar a ler a entrevista completa.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *