Fala-nos da tua experiência como editor (Francka Editora), e da tua opinião sobre o sistema editorial (o galego e o de outros espaços que conheças)… (Franck Meyer)

0 comentários 🕔13:10, 01.Out 2015

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência como editor (Francka Editora), e da tua opinião sobre o sistema editorial (o galego e o de outros espaços que conheças)…

- Franck Meyer: O meu labor como editor empezou en Galaxia onde, entre outras cousas, me ocupaba da colección Descuberta, da que saíu por exemplo Xerardo Quintiá. O que máis apreciaba dese traballo era o contacto coas autores e os autores. Traballarmos xuntos nun texto, intercambiando pareceres e decote falando non só de literatura senón tamén de temas xerais, por un lado, ou persoais, polo outro, foi unha experiencia enriquecedora que me encantou e marcou. Aprendín a afinar e afianzar os meus criterios para moverme con xeito polo labirinto da creación contemporánea.

Pero claro, editar tamén é unha actividade comercial. Neste sentido as editoras galegas non o teñen fácil. Xa de entrada dependen dunha situación lingüística fráxil na que non se pode pasar por alto a competencia dos grandes grupos editoriais sobre todo de Barcelona e Madrid. E logo está aí, ao nivel internacional, un mundo da palabra impresa en revolución e, no caso de Galicia, a crise tout court. Se xa nun país como Alemaña a facturación total do sector do libro baixou máis do 2% do 2013 ao 2014, non é difícil imaxinar as dificultades que atravesa a edición galega. Desde logo, a realidade social e cultural da lingua galega pouco axuda para crear a excepción.

Francka Editora foi unha aventura importante e gratificante. Tivemos sorte coa calidade dos (poucos) libros que publicamos. Seica Contrato temporal, de Beatriz Dacosta, visto desde hoxe, non é unha novela premonitoria se pensamos en toda a crise financeira e laboral que viría despois? Sen embargo, Francka Editora non ía librarse do peso do contexto. Non dispuñamos do capital necesario para revolucionarmos a situación tal e como nos tería gustado. Tamén tomamos algunha decisión equivocada de índole empresarial. Ademais, os últimos libros xa os editaba dacabalo entre Galicia e Alemaña e, finalmente, afinqueime neste último país pola mera necesidade de gañar a miña vida pois do compromiso e do entusiasmo só non podía vivir. Teño que admitir, non obstante, que este tipo de realismo nunca me pareceu satisfactorio e máis ben me deixa un mal sabor de boca. O que me alegra, tamén por iso, é que unha e outra vez volvan xurdir novos proxectos editoriais en Galicia dos que algúns chegan a sobrevivir. Deséxolles sorte e éxito.

E xa para rematar quería mencionar algo que observei a miúdo e que nunca me gustou, algo que desde logo non é unha especialidade meramente galega senón que tamén se dá noutros sitios. Ás veces o mundo da edición preséntase como se se tratase de sociedades secretas ou conspirativas que se cren protectoras do santo grial. Ou é simplemente unha especie de sistema neofeudal, na que, se rañas un pouco, sempre descobres os mesmos patronímicos? Non sei, pero resúltame algo decepcionante.

Aqui podes continuar a ler a entrevista completa.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *