<em>Eu acuso</em>, por Émile Zola (III)

Eu acuso, por Émile Zola (III)

0 comentários 🕔12:30, 05.Out 2015

CARTA A FRANCIA

Estas páxinas apareceron nun folleto que se puxo á venda o 6 de xaneiro de 1898.

Era o segundo da serie e estaba seguro de que a serie sería moi longa. Gustaba moito deste modo de publicación, que me comprometía a min e me deixaba toda liberdade e toda responsabilidade. Ademais, non tiña xa que aterme ás dimensións estreitas dun artigo de xornal, o que me permitía espallarme. Os acontecementos sucedíanse e eu esperábaos, decidido a dicilo todo, a loitar até o final, para que a verdade brillase e se fixese xustiza.

Nos terríbeis días de malestar moral que atravesamos, no momento en que a consciencia pública semella escurecerse, a ti me dirixo, Francia, á nación, á patria!

Cada mañá, ao ler nos xornais o que semellas pensar deste lamentábel caso Dreyfus, medra o meu estupor, aumenta a revolta da miña razón. Que acontece? Francia, es ti que chegaches aí, a convencéreste das máis evidentes mentiras, a aliáreste contra algunhas xentes honestas coa turba dos malfeitores, a enlouquecéreste co imbécil pretexto de que se aldraxa ao teu exército e que se conspira para vendéreste ao inimigo, cando o desexo dos máis sabios, dos máis leais dos teus fillos é, pola contra, que fiques, a ollos da atenta Europa, a nación de honra, a nación de humanidade, de verdade e de xustiza?

E é certo, a gran masa chegou aí, sobre todo a masa desde abaixo e dos humildes, o pobo das vilas, case toda a provincia e todo o campo, esa considerábel maioría dos que aceptan a opinión dos xornais ou dos veciños, que carecen dos medios para se documentar e reflexionaren. Que aconteceu, Francia, como o teu pobo, o teu pobo de bo corazón e de bo sentido, puido chegar a esa ferocidade do medo, a esas tebras da intolerancia? Dinlle que talvez un home inocente está a padecer a peor das torturas, que existen probas materiais e morais que impoñen unha revisión do proceso, e eis que o teu pobo rexeita violentamente a luz, que se coloca detrás dos sectarios e dos bandidos, detrás das xentes cuxo interese e deixar enterrado o cadáver, teu pobo, que noutrora demolería de novo a Bastilla para liberar un prisioneiro!

Que angustia e que tristeza, Francia, na alma dos que te aman, que queren a túa honra e a túa grandeza! Debrúzome desacougado sobre este mar turbio e encrespado do teu pobo, pregúntome onde radican as causas da tempestade que ameaza con levarse o mellor da túa gloria. Nada existe de máis mortal gravidade, vexo síntomas inquietantes. E ousarei dicilo todo, porque só tiven unha paixón na miña vida, a verdade, e non fago outra cousa que continuar a miña obra.

Pensas que o perigo está, precisamente, nesas teimudas tebras da opinión pública? Cen xornais repiten cada día que a opinión pública non quere que Dreyfus sexa inocente, que a súa culpabilidade é necesaria para a salvación da patria. E non percibes até que punto serías culpábel se, nas altas esferas, se amparasen en semellante sofisma para sufocar a verdade? É Francia quen o permitiría. Es ti que esixirías o crime, e que responsabilidade no futuro! Por iso, aqueles dos teus fillos que te aman e te honran, Francia, só teñen un deber ardente nesta hora grave, o de actuar poderosamente sobre a opinión, esclarecela, rescatala, salvala do erro ao que cegas paixóns a empurran. E non existe máis útil, máis santa tarefa.

Ah, si, falarei con todas as miñas forzas aos de abaixo, aos humildes, aos que se envelena e se fai delirar. Non teño outra misión, berrareilles onde está verdadeiramente a alma da patria, a súa enerxía invencíbel e o seu triunfo seguro.

Olla como están as cousas. Vén de darse un novo paso, o comandante Esterhazy é sometido a un consello de guerra. Como dixen desde o primeiro día, a verdade está en marcha e nada a deterá. A pesar das malas vontades, cada paso cara a adiante darase, matematicamente, no seu momento. A verdade posúe en si mesma unha forza que varre con todos os obstáculos. E cando lle bloquean o camiño, cando conseguen sepultala máis ou menos moito tempo baixo terra, concéntrase e toma unha violencia explosiva tal que, o día en que estoupa, fai saltar todo con ela. Intentade esta vez tapiala durante uns meses máis con mentiras ou introducila nun lugar fechado, e veredes se non estades a preparardes, para máis tarde, a máis estrondosa das catástrofes.

Mais, a medida que a verdade avanza, as mentiras acumúlanse para negar que avanza. Nada máis significativo. Cando o xeneral de Pellieux, encargado da investigación previa, entregou o seu informe, concluíndo que era posíbel a culpabilidade do comandante Esterhazy, a prensa inmunda inventou que, por vontade deste último, o xeneral Saussier (14), indeciso, convencido da súa inocencia, quixo, para compracelo, sometelo á xustiza militar. Hoxe, o que é mellor aínda, os xornais contan que, xa que tres expertos recoñeceron novamente a lista como obra segura de Dreyfus, o comandante Ravary, na súa información xudicial, chegara á necesidade dun non-ha-lugar, e que se o comandante Esterhazy ía declarar diante dun consello de guerra, era porque forzara de novo a man ao xeneral Saussier, esixindo cando menos uns xuíces.

Non é isto intensamente cómico e dunha perfecta idiotez? Imaxinan vostedes este acusado manexando o Caso, ditando as sentenzas? Imaxinan vostedes que, para un home recoñecido inocente despois de dúas investigacións, se faga o enorme esforzo de reunir un tribunal co único obxectivo de representar unha comedia decorativa, unha especie de apoteose xudicial? Iso sería, simplemente, moquearse da xustiza desde o momento en que se afirma que a absolución é segura, porque a xustiza non está feita para xulgar inocentes e é necesario, cando menos, que a sentenza non se redacte entre bastidores, antes do inicio das sesións. Posto que o comandante Esterhazy foi citado perante un consello de guerra, esperemos, pola nosa honra nacional, que sexa serio e non simple desfile para diversión dos pailáns. Miña pobre Francia, tan parva te xulgan para contáresche semellantes andrómenas?

E, no entanto, non todo é mentira nas informacións que publica a prensa inmunda e que deberían bastar para abríresche os ollos. Pola miña banda, négome formalmente a acreditar nos tres expertos que non recoñeceron, a primeira vista, a identidade absoluta entre a escrita do comandante Esterhazy e a da lista. Collede a calquera neno que pase pola rúa, colocade diante del as dúas probas, e responderá: «As dúas páxinas escribiunas o mesmo señor». Non fan falta expertos, calquera serve, a semellanza de certas palabras salta á vista. E isto é tan certo que o propio comandante recoñeceu esta semellanza asombrosa e que, para explicala, pretende que calcaron varias das súas cartas, montando toda unha historia laboriosa e complicada, perfectamente pueril por outra parte, da que a prensa se ocupou durante semanas. E agora veñen a dicirnos que encontraron tres expertos para volver declarar que a lista foi escrita por Dreyfus! Ah!, non, é demasiado, tanta serenidade convértese nunha torpeza, a xente honrada acabará cabreándose, espero!

Algúns xornais levan as cousas até o extremo de dicir que non se terá en conta a lista, que nin se mencionará diante do tribunal. Entón, que se considerará e para que se reunirá o tribunal? Todo o miolo do Caso está aquí: se Dreyfus foi condenado por unha proba que escribiu outro e que basta para condenar a ese outro, a revisión imponse cunha lóxica irresistíbel, porque non pode haber dous culpábeis condenados polo mesmo crime. O señor Demange (15) repetiuno formalmente, a lista foi a única proba que lle comunicaron, Dreyfus só foi legalmente condenado pola lista e, admitindo mesmo que a desprezo de toda legalidade existan probas consideradas secretas, o que persoalmente non podo acreditar, quen ousaría rexeitar a revisión cando se demostrase que a lista, única proba coñecida e confirmada, está escrita por outro? E por iso que se acumulan tantas mentiras sobre a lista, que en suma constitúe todo o Caso.

Velaí, xa que logo, un primeiro punto a ter en conta: a opinión pública formouse en grande parte en base a estas mentiras, a estas historias extraordinarias e parvas que a prensa espalla cada mañá. Chegará a hora das responsabilidades e será necesario axustar as contas con esta prensa inmunda, que nos deshonra a ollos do mundo enteiro. Algúns xornais cumpren co seu papel de sempre, nunca carrexaron máis que lama. Mais, entre eles, que asombro, que tristeza encontrar, por exemplo, unha publicación como L’Écho de Paris, esta publicación literaria tantas veces á vangarda das ideas e que realiza, neste caso Dreyfus, un labor tan nefasto! Os comentarios, dunha violencia, dun partidismo tan escandalosos, non van asinados. Semellan inspirados polos mesmos que tiveron a desastrosa torpeza de provocar a condena de Dreyfus. Non percibe o señor Valentin Simonod que enchen o seu xornal de oprobio? E hai outro xornal cuxa actitude debería sublevar a consciencia de toda a xente honrada, Le Petit Journal. Compréndese que publicacións prostibularias que tiran algúns milleiros de exemplares ouveen e mintan para aumentar a súa tiraxe, isto pouco mal fai. Mais que Le Petit Journal, que tira máis dun millón de exemplares, que se dirixe aos humildes, que penetra en todas as partes, semente o erro, extravíe a opinión, isto é dunha gravidade excepcional. Cando un ten tantas almas ao seu cargo, cando se é o pastor de todo un pobo, hai que ser dunha probidade intelectual escrupulosa, baixo pena de caer no crime cívico.

E velaí, por tanto, Francia, o que vexo primeiro na demencia que te arrastra: as mentiras da prensa, o réxime de chismes necios, de baixas inxurias, de perversións morais ao que te someten cada mañá. Como poderías desexar a verdade e a xustiza cando se trastornan até tal punto todas as túas virtudes lendarias, a claridade da túa intelixencia e a solidez da túa razón?

Pero A. Dreyfusexisten feitos aínda máis graves, todo un conxunto de síntomas que converten a crise que estás a atravesar nunha aterradora lección para os que saben ver e xulgar. O caso Dreyfus non é máis que un incidente deplorábel. O feito terríbel é como te estás a comportares na aventura. Tense boa saúde e, de repente, aparecen pequenas manchas na pel: a morte está en ti. Todo o envelenamento político e social acaba de asomarse á túa cara.

Por que, xa que logo, deixaches berrar, acabaches tu mesma por berrares, que insultaban o teu exército cando, pola contra, ardentes patriotas só querían a honra e a dignidade deste? Mais o teu exército, hoxe, es ti enteiramente; non é tal xefe, tal corpo de oficiais, tal xerarquía con galóns, son todos os teus fillos, dispostos a defenderen a terra francesa. Examina a túa conciencia: era verdadeiramente o teu exército o que querías defender cando ninguén o atacaba? Non era máis ben o sabre que subitamente sentiches a necesidade de aclamares? Pola miña parte, vexo, na estrepitosa ovación aos xefes que supostamente se insultaba, un abrollo, inconsciente, sen dúbida, de boulangismo (16) latente, do que aínda ficas atinxida. No fondo, aínda non tes o sangue republicano, os penachos que desfilan fan latexar o teu corazón, non pode chegar un rei sen que te namores del. No teu exercito, ai, case nin pensas! A quen queres ver no teu leito é ao xeneral. Que lonxe fica o caso Dreyfus! Mentres o xeneral Billot (17) se facía aclamar na Cámara, eu vía a sombra do sabre deseñarse na parede. Francia, se non desconfías, vas cara á ditadura.

E sabes tamén cara onde vas, Francia? Vas cara á Igrexa, retornas ao pasado, a ese pasado de intolerancia e teocracia que combateron os máis ilustres dos teus fillos, que xulgaron matar derramando a súa intelixencia e o seu sangue. Hoxe, a táctica do antisemitismo é moi sinxela. O catolicismo esforzábase inutilmente en actuar sobre o pobo, creaba círculos de obreiros, multiplicaba as peregrinacións, fracasaba no seu intento por reconquistalo, por conducilo de novo ao pé do altar. Era definitivo, as igrexas ficaban desertas, o pobo xa non acreditaba. E, de súpeto, as circunstancias permitiron insuflar ao pobo a rabia antisemita, o veleno do fanatismo que o guinda ás rúas a berrar:

– Abaixo os xudeus! Morte aos xudeus!

Que triunfo se se puidese desencadear unha guerra relixiosa! Certo, o pobo continúa sen acreditar; mais volver á intolerancia da Idade Media, queimar os xudeus na praza pública, non é o inicio da crenza? Finamente encontraron o veleno; e cando convertan o pobo de Francia nun fanático e un verdugo, cando lle arranquen do corazón a súa xenerosidade, o seu amor polos dereitos do home, tan duramente conquistados, sen dúbida Deus fará o resto.

Hai xente que ten a audacia de negar a reacción clerical. Mais está en todas as parte, irrompe na política, nas artes, na prensa, na rúa! Hoxe perseguen os xudeus, mañá será a vez dos protestantes; e xa empeza a campaña. Reaccionarios de toda índole invaden a República, adórana con amor brusco e terríbel, apértana para afogala. Por todas as partes óese dicir que a idea de liberdade está en bancarrota. E, cando se produciu o caso Dreyfus, ese odio crecente á liberdade atopou unha ocasión extraordinaria, e as paixóns inflamáronse, mesmo nos inconscientes. Non ves que se se lanzaron sobre o señor Scheurer-Kestner con furor é porque pertence a unha xeración que acreditou na liberdade, que quixo a liberdade? Hoxe, uns encollen os ombros, outros moquéanse: antigallas, homiños pasados de moda. A súa derrota consumaría a ruína dos fundadores da República, dos que morreron, daqueles que intentaron enterrar na lama. Abateron o sabre, saíron da Igrexa, e velaí porque ese grande home honesto, o señor Scheurer-Kestner, é hoxe un bandido. Hai que afogalo na vergoña, para que a República fique emporcada e destruída.

Por outra parte, este caso Dreyfus expón a plena luz a turbia cociña do parlamentarismo, o que o emporca e o matará. Este caso, para amolar, ocorría ao final dunha lexislatura, cando non quedan máis que tres ou catro meses para adulterar a próxima. O gabinete no poder quere, naturalmente, que se celebren eleccións e os deputados queren, con moita máis enerxía, ser reelixidos. Por tanto, antes que deixar as carteiras, antes que comprometer as posibilidades de elección, todos se deciden por actos extremos. Non se agarra con tanto afán un náufrago á súa táboa de salvación. E toda explicación está aquí: dunha parte, a actitude extraordinaria do Ministerio da Guerra no caso Dreyfus, o seu silencio, a súa incomodidade, a mala acción que comete ao deixar o país agonizar baixo a impostura, cando era o encargado de descubrir a verdade; por outra, o desinterese tan medorento dos deputados, que finxen non saber nada, cuxo único temor é comprometer a súa reelección, alienándose co pobo, que xulgan antisemita. Dise frecuentemente:

– Ah, se as eleccións xa se celebrasen, veriades o goberno e o Parlamento arranxar o asunto Dreyfus en vinte e catro horas!

E velaí o que a baixa cociña do parlamentarismo fai dun grande pobo!

Francia, é por tanto disto que se forma a túa opinión, da necesidade do sabre, da reacción clerical que te fai retroceder varios séculos, da ambición voraz dos que te gobernan, se alimentan de ti e non queren erguerse da mesa!

Invócote, Francia, continúa a ser a gran Francia, volve en ti, enderéitate!

Dúas aventuras nefastas que son a obra única do antisemitismo: Panamá e o caso Dreyfus. Recordemos mediante que delacións, por medio de que abominábeis rexoubas, mediante que publicacións de probas falsas o roubadas, a prensa inmunda fixo do Panamá (18) unha úlcera horríbel que rillou e debilitou o país durante anos. Enlouquecera a opinión pública: toda a nación pervertida, bébeda de veleno, furiosa, esixía contas, demandaba a execución en masa do Parlamento porque estaba podre. Ah, se Arton (19) volvese, se falase! Volveu, falou, e todas as mentiras da prensa inmunda esborralláronse, até o punto de que a opinión, bruscamente virada, non quixo sospeitar de ningún culpábel e esixiu a absolución masiva. Certamente, imaxino que todas as consciencias non eran moi puras, porque ocorrera o que ocorre en todos os Parlamentos do mundo cando as grandes empresas moven millóns. Mais a opinión, ao final, estaba chea de actos innobres, demasiada xente ficara lixada, fixéranse demasiadas denuncias, sentía a imperiosa necesidade de limparse con ar puro e acreditar na inocencia de todos.

Pois ben, auguro que é o que acontecerá co caso Dreyfus, o outro crime social do antisemitismo. Mais unha vez a prensa inmunda satura demasiado a opinión con mentiras e infamias. Teima de máis que as persoas honestas sexan galopíns, que os galopíns sexan persoas honestas. Chimpa demasiadas historias parvas nas que mesmo os nenos acaban por non acreditaren. Vese desmentida con moita frecuencia, vai demasiado contra o bo sentido e contra a simple probidade. E, fatalmente, a opinión acabará por rebelarse calquera mañá, cunha brusca náusea, cando teña engulipado demasiada lama. E igual que no caso Panamá, verédela envorcarse no caso Dreyfus, pedindo que se acabe a lista de traidores, a esixir a verdade e a xustiza nunha explosión de soberana xenerosidade. Deste modo será xulgado e condenado o antisemitismo, polas súas obras, as dúas mortais aventuras nas que o país perdeu a súa dignidade e a súa saúde.

Por iso, Francia, suplícocho, volve en ti, enderéitate, non esperes máis. Non podemos dicirche a verdade porque a xustiza se puxo en marcha e debemos acreditar que está decidida a estabelecela. Só os xuíces teñen a palabra, e o deber de falar só se imporía se non estabelecen a verdade na súa integridade. Mais esta verdade, que é tan simple, que foi un erro primeiro, despois todos os crimes para ocultalo, non a sospeitas? Os feitos falaron con gran claridade, cada fase da investigacións foi unha confesión: o comandante Esterhazy rodeado de inexplicábeis proteccións, o coronel Picquart tratado como culpábel, cuberto de aldraxes, os ministros a xogar coas palabras, os xornais oficiosos a mentir con violencia, a primeira instrución levada a tatexos, cunha exasperante lentitude. Non achas que isto fede que alcatrea, que fede a cadáver, e que en verdade hai moitas cousas a ocultar para que se deixen defender abertamente por toda a chusma de París, cando os homes honrados piden a luz ao prezo da súa tranquilidade?

Esperta, Francia, pensa na túa gloria. Como é posíbel que a túa burguesía liberal, que o teu pobo emancipado, non vexan a que aberración os arroxan nesta crise? Non podo crelos cómplices, entón están enganados, porque non perciben o que hai detrás: dunha parte, a ditadura militar; da outra, a reacción clerical. É o que queres, Francia, pór en perigo todo o que pagaches tan caro, a tolerancia relixiosa, a xustiza igual para todos, a solidariedade fraternal de todos os cidadáns? Basta que haxa dúbidas sobre a culpabilidade de Dreyfus, e que o abandones na súa tortura, para que a túa gloriosa conquista do dereito e da liberdade se vexa comprometida para sempre. E logo? Apenas quedaremos unha puñada para dicir estas cousas, todos os teus fillos honrados non se erguerán para estaren connosco, todos os espíritos libres, todos os grandes corazóns que fundaron a República e que deberían tremer ao vela en perigo?

A estes, Francia, apelo! Que se agrupen, que escriban, que falen! Que traballen connosco para esclarecermos a opinión, aos de abaixo, aos humildes, aos que envelenaron e levaron ao delirio! A alma da patria, a súa enerxía, o seu triunfo radican soamente na equidade e na xenerosidade.

A miña única inquietude e que non se faga a luz por enteiro nin axiña. Despois dunha instrución secreta, un xuízo a porta fechada non pode pór o punto e final. Ao contrario, só entón comezaría o Caso, porque habería que falar, porque calar significaría ser cómplice. Que loucura acreditar que se pode impedir que se escriba a Historia! Esta historia escribirase e nin unha soa responsabilidade, por pequena que sexa, deixará de pagarse!

E todo isto será para a túa gloria final, Francia, porque no fondo non teño medo, sei que por máis que atenten contra a túa razón e a túa saúde, ti es o propio futuro, e continuarás a ter espertares triunfais de verdade e de xustiza!

NOTAS
(14) Félix-Gustave Saussier (1818-1905), xeneral no momento do Caso Dreyfus, segundo o historiador Henri Guillemin intentou paralizar a investigación, xa que se deu conta que algúns dos documentos enviados ao agregado militar alemán proviñan da súa casa e que só un home puidera «roubalos», Esterhazy, a quen o xeneral protexía.
(15) Avogado do capitán Dreyfus.
(16) Boulangismo, movemento populista que toma o nome do seu líder, o xeneral Boulanger, que fora ministro da guerra. En 1889, a amalgama de elementos antisemitas, dereitistas demagogos, anti-parlamentarios todos, financiados polos bonapartistas e parte do gran capital, que lanzaba un discurso «social», atraeu cara a este movemento a certas capas socialistas e blanquistas até que pouco despois das eleccións deses mesmo ano se afundiu, até desaparecer totalmente en 1891: durara, exactamente, dous anos. O lider socialista Paul Lafargue, o xenro de Marx, chegou a afirmar que o boulangismo era un movemento popular xustificado (logo corrixiu o seu erro), Jaurès e Lissagaray (este último o grande historiador da Comuna de 1871), atacárono desde o primeiro momento.
(17) Jean-Baptiste Billot (1818-1907). Xeneral, Ministro da Guerra de 1896 a 2898, despois da publicación deste artigo de Zola, denuncia ao escritor e mais ao xornal por difamación e calumnias.
(18) Trátase da construción do canal de Panamá,que iniciara Ferdinand Lesseps, que xa fixera o canal de Suez. Ao pouco tempo descubriuse que houbera estafas e desvíos de cartos, e os investidores ficaron sen un can.
(19) Émile Arton era o secretario do banqueiro e presidente da Compañía para a construción do Canal de Panamá, Jacques Reinach, banqueiro xudeu de orixe alemá. Cando esta compañía, cuxos activos estaban formados polos cartos de pequenos inversores, quebrou, os nacionalistas e antisemitas lanzáronse sobre os xudeus, e Arton, no Parlamento francés, demostrou que Reinach comprara a case todos os parlamentarios para que se concedese o permiso para a creación da Compañía universal do Canal interoceánico de Panamá.

NOTA DE PALAVRA COMUM: a fotografia de Émile Zola procede da Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *