<em>Eu acuso</em>, por Émile Zola (IV)

Eu acuso, por Émile Zola (IV)

0 comentários 🕔12:45, 13.Out 2015

EU ACUSO
CARTA AO SEÑOR FÉLIX FAURE, PRESIDENTE DA REPÚBLICA

Estas páxinas apareceron en L’Aurore, o 13 de xaneiro de 1898.

O que a xente ignora é que primeiramente se imprimiron nun folleto, como as dúas cartas precedentes. Cando estaba a piques de pór o folleto á venda, véuseme ao pensamento dar unha publicidade máis ampla á miña carta, máis resonancia, publicándoa nun xornal. L’Aurore xa tomara partido, cunha independencia e unha coraxe admirábeis, e dirixinme naturalmente a ela. Desde ese día, este xornal converteuse para min no asilo, na tribuna de liberdade e de verdade, onde puiden dicir todo. Sinto aínda polo seu director, o señor Ernest Vaughan, un fondo agradecemento. Despois de que dese número de L’Aurore se venderan tres centos mil exemplares, e as dilixencias xudiciais que seguiron, o folleto ficou no almacén. Por outra parte, ao día seguinte da acción que decidira e realizara, xulguei que debía gardar silencio á espera do meu proceso e das consecuencias que esperaba.

Señor presidente,

Permitirame, na miña gratitude pola benévola acollida que me dispensou un día, que me preocupe pola súa merecida gloria e que lle diga que a súa estrela, tan afortunada até o de agora, se ve ameazada pola máis vergoñenta e imborrábel das manchas?

Saíu vostede san e salvo das máis baixas calumnias, conquistou os corazóns. Aparece vostede radiante na apoteose desta festa patriótica que foi para Francia a alianza rusa, e se está a preparar para presidir o solemne triunfo da nosa Exposición universal, que coroará o noso gran século de traballo, de verdade e de liberdade. Mais que mancha de lama sobre o seu nome –ía dicir sobre o seu reinado– é o abominábel caso Dreyfus! Un consello de guerra acaba de atreverse, cumprindo ordes, a absolver a un Esterhazy, suprema labazada a calquera verdade, a calquera xustiza. E acabouse, Francia leva na fazula esta mancha, a Historia escribirá que baixo a súa presidencia foi posíbel cometer semellante crime social.

Xa que eles se atreveron, eu atrevereime tamén. Direi a verdade, porque prometín dicila se a xustiza, tras a apelación legal, non o facía plena e enteiramente. O meu deber é falar, non quero ser cómplice. As miñas noites veríanse axexadas polo espectro do inocente que expía, na máis atroz das torturas, un crime que non cometeu.

E é a vostede, Señor Presidente, que berrarei esta verdade, con toda a forza da miña rebelión de home honrado. Na súa honra, quero pensar que ignora esa verdade. E a quen, xa que logo, denunciaría eu, se non a vostede, a primeira maxistratura do país, esa cuadrilla maléfica dos verdadeiros culpábeis?

Antes de nada, a verdade sobre o proceso e sobre a condena de Dreyfus.

Todo o fixo, todo o dirixiu un home nefasto, o tenente coronel Du Paty de Clam (20), daquela simple comandante. El é todo o caso Dreyfus; e non se saberá até que unha investigación leal estabeleza claramente os seus actos e as súas responsabilidades. Posúe a mente máis confusa, complicada, ateigada de intrigas novelescas e obsesionada polos recursos do folletín, os papeis roubados, as cartas anónimas, as citas en lugares desertos, as mulleres misteriosas que venden, de noite, probas abafadoras. Foi el que ideou ditar a lista de Dreyfus; el quen propuxo examinar a Dreyfus nun cuarto completamente recuberto de espellos; é el a quen o comandante Forzinetti nolo representa armado dunha lanterna-xorda, querendo que o conduzan xunto o acusado, durmido, para proxectar sobre o seu rostro un chorro de luz e sorprender así o seu crime na emoción do espertar. E non vou dicilo todo: que busquen e encontrarán. Declaro simplemente que o comandante Du Paty de Clam, encargado de instruír o caso Dreyfus como oficial xudicial, é, no relativo as datas e as responsabilidades, o primeiro culpábel do espantoso erro xudicial que se cometeu.

A lista estaba desde había xa algún tempo nas mans do coronel Sandher, director da Oficina de Información. Falecido máis tarde de parálise xeral. Había «fugas». Desaparecían papeis como continúan a desaparecer aínda hoxe; e buscábase o autor da lista, cando se foi creando a idea preconcibida de que o autor só podía ser un oficial do Estado Maior, e un oficial de artillaría: duplo erro evidente, que demostra con que superficialidade se estudara esta lista, porque un exame razoado demostra que só se podía tratar dun oficial de tropa.

Rexistrábase, xa que logo, na casa, examinábanse as escrituras, era como un asunto de familia, un traidor que había que sorprender nos propios despachos para expulsalo deles. E, sen pretendermos agora reconstruír unha historia coñecida en parte, o comandante Du Paty de Clam entra en escena no momento en que unha primeira sospeita recae sobre Dreyfus. A partir dese momento, el é quen inventa Dreyfus, o Caso convértese no seu caso, promete confundir o traidor, arrancarlle unha confesión completa. Por suposto está tamén o ministro da Guerra, o xeneral Mercier, cuxa intelixencia semella mediocre; está tamén o xefe do Estado Maior, o xeneral De Boisdeffre (21), que semella que cedeu á súa paixón clerical, e o subxefe do Estado Maior, o xeneral Gonse, cuxa consciencia puido acomodarse a moitas cousas. Mais, no fondo, o primeiro é o comandante Du Paty de Clam, que os conduce a todos, que os hipnotiza, porque se ocupa tamén de espiritismo, de ocultismo, conversa cos espíritos. Son inconcibíbeis as experiencias a que someteron ao infeliz Dreyfus, as trampas en que quixeron facelo caer, as investigacións tolas, as imaxinacións monstruosas, toda unha tortura demencial.

Ah, este primeiro caso é un pesadelo para quen coñece os seus verdadeiros detalles! O comandante Du Paty de Clam detén a Dreyfus, incomunícao. Corre a casa da Sra. Dreyfus, aterrorízaa, dille que se ela fala o seu marido está perdido. Mentres tanto, o infeliz arráncase a carne, ouvea a súa inocencia. E así se fixo a instrución, como nunha crónica do século XV, rodeada de misterio, cunha complicación de expedientes feroces, todo isto baseado nunha soa acusación infantil, a estúpida lista, que non era soamente unha traizón vulgar, senón que era tamén a máis impúdica das estafas, porque os famosos segredos entregados non tiñan case ningún valor. Se insisto é porque aquí está o ovo do que xurdirá máis tarde o verdadeiro crime, a terríbel denegación de xustiza que enfermou a Francia. Quero sinalar como foi posíbel o erro xudicial, como naceu das maquinacións do comandante Du Paty de Clam, como o xeneral Mercier, os xenerais De Boisdeffre e Gonse se deixaron atrapar, empeñando pouco a pouco a súa responsabilidade neste erro de tal maneira que, máis tarde, consideraron deber impolo como unha verdade santa, unha verdade que non se discute. Ao principio, pola súa parte só hai incuria e falta de intelixencia. Cando moito, cederon ás paixóns relixiosas do ambiente e aos prexuízos do espírito de corpo. Deixaron que se cometese o desbarato.

Mais xa temos a Dreyfus diante do consello de guerra. Esíxese que se celebre a porta fechada. Se un traidor abrise as fronteiras ao inimigo para conducir o emperador alemán até Notre-Dame, non se tomarían medidas tan severas de silencio e de misterio. A nación fica apampada, murmúranse feitos terríbeis, traizóns monstruosas que indignan a Historia; e naturalmente a nación cede. Non hai castigo abondo duro, aplaudirá a degradación pública, esixirá que o culpábel fique na súa rocha de infamia devorado polos remorsos. Son, no entanto, verdade esas cousas inconfesábeis, perigosas, capaces de lle prender lume a Europa, que se ocultaban coidadosamente detrás desa porta fechada? Non! Detrás desa porta non hai nada a non ser as fantasías loucas e novelescas do comandante Du Paty de Clam. Todo isto se fixo para agachar o máis absurdo dos folletíns. E para se asegurar, abonda con estudar atentamente a acta de acusación, lida diante do consello de guerra.

Ah!, f13a nada da acta de acusación! Que un home puidese ser condenado baseándose nesta acta é un prodixio de iniquidade. Desafío á xente honrada a lela sen que o seu corazón choute de indignación e berre de rebeldía, pensando na desmesurada expiación na illa do Diable. Dreyfus sabe varias linguas: crime; non encontraron na súa casa ningún papel comprometedor: crime; visita en ocasión o seu país de orixe: crime; é traballador, preocúpase por saber todo, crime; non perde a calma, crime. E a inxenuidade da redacción, as vacuas asercións formais! Falárannos de catorce cargos de acusación: e finalmente só achamos un, o da lista; e decatámonos de que mesmo os expertos non están de acordo, de que un deles, o Sr. Gobert, foi amoestado militarmente porque se permitía non concluír no sentido desexado. Falábase tamén de vinte e tres oficiais que viñeran para afundir a Dreyfus cos seus testemuños. Continuamos sen coñecermos os seus interrogatorios, mais sabemos con certeza que non todos o acusaron; e, ademais, cómpre subliñarmos que todos pertencían ao Ministerio da Guerra. É un proceso en familia, entre parentes, e isto non hai que esquecelo: o Estado Maior quixo o proceso, xulgouno e acaba de xulgalo por segunda vez.

Por tanto, só queda a lista sobre a que os expertos non se puxeran de acordo. Contan que, na cámara do consello, os xuíces, naturalmente, ían absolver. E por iso compréndese a desesperada obstinación coa que, para xustificar a condena, se afirma hoxe a existencia dunha proba secreta, abafadora, diante da cal debemos inclinarnos, o bo Deus invisíbel e incognoscible! Nego esa proba, négoa con todas as miñas forzas! Unha proba ridícula, si, talvez a proba onde se fala de mulleriñas e onde se fala dun tal D… que se volve demasiado esixente: un marido que considera sen dúbida que non pagan abondo á súa muller. Mais unha proba que atinxe á defensa nacional, que non se pode revelar porque ao día seguinte se declararía a guerra! Non! Non!, é unha mentira. E o máis odioso, o máis cínico é que menten impunemente sen que se lles poida convencer. Alborotan Francia, agáchanse detrás da súa lexítima emoción, fechan as bocas perturbando os corazóns, pervertendo as mentes. Non coñezo maior delito cívico.

Estes son, Señor Presidente, os feitos que explican como puido cometerse un erro xudicial; e as probas morais, a situación económica de Dreyfus, a ausencia de motivos, o seu continuo berro de inocencia, acaban de mostrárnolo como unha vítima das extraordinarias fantasías do comandante Du Paty de Clam, do medio clerical que o rodeaba, da persecución dos «sucios xudeus» que deshonra a nosa época.

E chegamos aos caso Estherhazy. Pasaron tres anos, moitas consciencias continúan fondamente turbadas, inquiétanse e acaban por se convenceren da inocencia de Dreyfus.

Non vou narrar a historia das dúbidas, despois da conviccións do señor Scheurer-Kestner. Mais mentres el investigaba polo seu lado, ocorrían graves feitos no Estado Maior. Morrera o coronel Sandherr e o tenente coronel Picquart sucedérao como xefe da Oficina de Información. É en calidade de tal, no exercicio das súas funcións, que un día chegou as súas mans unha carta-telegrama enviada ao comandante Esterhazy por un axente dunha potencia estranxeira. O seu deber estrito era abrir unha investigación. O certo é que nunca actuou á marxe da vontade dos seus superiores. Confía entón as súas sospeitas as seus superiores xerárquicos, o xeneral Gonse, o xeneral De Boisdffre e logo ao xeneral Billot, que sucedera ao xeneral Mercier como ministro da Guerra. O famoso informe Picquart, de que tanto se falou, nunca foi máis que o informe Billot, ou sexa, o informe realizado por un subordinado para o seu ministro, informe que aínda debe acharse no Ministerio da Guerra. As investigacións duraron de maio a setembro de 1896, e o que hai que afirmar en voz alta é que o xeneral Gonse estaba convencido da culpabilidade de Estherhazy, e que nin o xeneral De Boisdeffre nin o xeneral Billot dubidaban que a escrita da lista non fose de Esterhazy. A investigación do tenente-coronel Picquart conducira a esta constatación. Mais a conmoción era grande, xa que a condena de Esterhazy carrexaría inevitabelmente a revisión do proceso Dreyfus; e isto era o que o Estado Maior non quería a ningún prezo.

Debeu entón darse un minuto psicolóxico pleno de angustia. Observe que o xeneral Billot non estaba comprometido en nada, acababa de chegar, podía restabelecer a verdade. Non se atreveu, sen dúbida por medo á opinión pública, certamente tamén no temor de implicar a todo o Estado Maior, ao xeneral De Boisdeffre, ao xeneral Gonse, sen contarmos os subordinados. Logo, só houbo un minuto de loita entre a súa consciencia e o que xulgaba ser o interese militar. Cando este minuto pasou, era xa demasiado tarde. Empeñárase, comprometérase. E, desde entón, a súa responsabilidade non fixo máis que medrar, cargou co delito dos outros, é tan culpábel como os outros, é máis culpábel que eles, porque foi o amo de facer xustiza e non fixo nada. Comprende vostede? Hai un ano que o xeneral Billot, que os xenerais De Boisdeffre e Gonse saben que Dreyfus é inocente, e gardaron para si esa cousa atroz! E esa xente dorme, e teñen mulleres e fillos aos que aman!

O tenente coronel Picquart cumprira co seu deber de home honrado. Insistiu ante os seus superiores en nome da xustiza. Mesmo suplicoulles, dicíalles que aqueles retrasos non era políticos diante da terríbel tormenta que se aveciñaba, que estouparía cando se coñecese a verdade. Esa mesma linguaxe empregouna máis tarde o señor Scheurer-Kestner co xeneral Billot, conxurándoo por patriotismo a que se fixera cargo do Caso, a que non o deixara agravarse até o punto de se converter nun desastre público. Non! O crime cometérase, o Estado Maior non podía xa confesar o seu crime. E enviaron en misión ao tenente coronel Picquart, afastárono cada vez máis lonxe, até Tunicia, onde un día quixeron mesmo render homenaxe á súa valentía ao lle encomendar unha misión, que o mataría con toda seguridade, nos lugares onde o marqués de Morès encontrou a morte. Non caera en desgraza, o xeneral Gonse mantiña con el unha amigábel correspondencia. Só que hai segredos que é mellor non descubrir.

En París, a verdade puxérase en marcha, irresistíbel, e sábese de que maneira estoupou a esperada tormenta. O señor Mathieu Dreyfus denunciou o comandante Esterhazy como o verdadeiro autor da lista, no momento en que o señor Scheurer-Kestner se dispuña a entregar ao ministro de xustiza unha demanda de revisión do proceso. E aquí aparece o comandante Esterhazy. Algunhas testemuñas preséntano ao principio entolecido, disposto ao suicidio ou á fuga. Despois, supetamente, tórnase audaz, asombra a París pola violencia da súa actitude. E é que lle ofreceran axuda, recibira unha carta anónima advertíndoo das intrigas dos seus inimigos, mesmo unha dama misteriosa molestarase unha noite para lle devolver unha proba roubada do Estado Maior que debía salvalo. E non podo evitar volver atopar detrás de todo isto ao tenente coronel Du Patty de Clam, coñecendo as argalladas da súa fértil imaxinación. A súa obra, a culpabilidade de Dreyfus, estaba en perigo, e quixo seguramente defendela. A revisión do proceso era o afundimento do tráxico e extravagante folletín cuxo abominábel desenlace se desenvolve na illa do Diable! É o que non podía permitir. Entón houbo un duelo entre o tenente coronel Picquart e o tenente coronel Du Paty de Clam, un a cara descuberta, o outro enmascarado. Cedo volveremos a encontrárnolos ante a xustiza civil. No fondo, sempre é o Estado Maior que continúa a defenderse, que non quere confesar o seu crime, cuxa abominación medra a cada hora.

A xente preguntábase con abraio quen eran os protectores do comandante Sterhazy. O primeiro protector, na sombra era o tenente coronel Du Paty de Clam, que maquinou todo, que conduciu todo. A súa man delátase polo absurdo dos seus medios. Logo están o xeneral De Boisdeffre, o xeneral Gonse e o propio xeneral Billot, que están obrigados a absolver ao comandante, xa que non poden deixar que se recoñeza a inocencia de Dreyfus sen que os despachos do Ministerio da Guerra se esborrallasen baixo o desprezo público. E o fantástico resultado desta situación prodixiosa é que a única persoa honesta en todo isto, o tenente coronel Picquart, o único que cumpriu co seu deber, vai ser a vítima, aquel que se escarnecerá e que se castigará. Oh xustiza, que horríbel desespero nos oprime o corazón! Chegan incluso a dicir que el é o falsario, que fabricou a carta-telegrama para perder a Esterhazy. Mais, santo ceo!, por que? Con que obxectivo? Dádeme un motivo. É que este tamén está pagado polos xudeus? O mellor da historia é que era, precisamente, antisemita. Si, asistimos a este infame espectáculo, homes cheos de débedas e de crimes aos que se proclama inocentes, mentres se golpea na propia honra, a un home de vida irreprochábel! Cando unha sociedade chega a este punto, empeza a descomporse.

Este é, Señor Presidente, o caso Esterhazy: un culpábel que había que declarar inocente. Desde hai case dous meses, podemos seguir hora a hora esa fermosa tarefa. Abrevio, porque aquí só se trata de resumir a historia cuxas ardentes páxinas se escribirán un día en toda a súa extensión. Vimos, pois, ao xeneral De Pellieux, logo ao comandante Ravary, realizar unha investigación perversa da que os senvergonzas saían transfigurados e as xentes honestas emporcadas. Logo convocouse o consello de guerra.

Como se podía esperar que un consello de guerra desfixese o que outro consello de guerra fixera?

Non falo sequera da elección de xuíces, sempre posíbel. A idea superior de disciplina, que estes soldados levan no sangue, non abonda para invalidar o seu poder de equidade? Quen di disciplina di obediencia. Cando o ministro da Guerra, o gran xefe, estabeleceu publicamente, ante as aclamacións dos representantes da nación, a autoridade do que se estaba a xulgar, como quere vostede que un consello de guerra a desminta formalmente? Xerarquicamente é imposíbel. O xeneral Billot suxestionou os xuíces coa súa declaración, e estes xulgaron como se lanza sobre lume, sen razoar. A opinión preconcibida que achegaron desde a súa tribuna foi, evidentemente, esta: «Dreyfus foi condenado por crime de traizón e por tanto é culpábel; e nós, consello de guerra, non podemos declaralo inocente; ora, sabemos que recoñecer a culpabilidade de Esterhazy sería proclamar a inocencia de Dreyfus». Nada podía tiralos de aí.

Pronunciaron unha sentenza inicua, que pesará para sempre sobre os nosos consellos de guerra, que desde agora fará sospeitosa calquera das súas decisións. O primeiro consello de guerra puido pecar por falta de intelixencia, o segundo é forzosamente criminal na súa escusa, repítoo, é que o xefe supremo falara declarando o xulgado inatacábel, sacrosanto e superior aos homes, de modo que os inferiores non podían dicir o contrario. Fálannos da honra do exército, queren que o amemos, que o respectemos. Ah!, certo, si, o exército ergueríase ante a primeira ameaza, defendería a terra francesa, el é todo o pobo e por el non sentimos máis que tenrura e respecto. Mais non se trata del, só desexamos a súa dignidade na nosa necesidade de xustiza. Trátase do sabre, o amo que quizais nos dean mañá. E beixar devotamente a empuñadura do sabre, por Deus, iso si que non!

Por outra parte, xa o demostrei: o caso Dreyfus era o caso dos despachos do Ministerio da Guerra; un oficial de Estado Maior denunciado polos seus camaradas, condenado baixo a presión dos xefes do Estado Maior. Mais unha vez, non poden declaralo inocente sen que todo o Estado Maior sexa culpábel. Así, os despachos, mediante todos os medios imaxinábeis, mediante campañas de prensa, mediante comunicados, mediante as súas influencias, encubriron a Esterhazy para condenaren a Dreyfus unha segunda vez. Que limpeza debería facer o estado republicano nesa xesuitaría, como a chama o propio xeneral Billot! Onde está o gabinete autenticamente forte e de prudente patriotismo que se atreva a renovar e refundar todo? Canta xente coñezo que, ante a posibilidade dunha guerra, trema angustiada ao saber en que mans está a defensa nacional! E que niño de baixas intrigas, de rexoubas e dilapidacións se converteu este asilo sagrado onde se decide a sorte da patria! Dá medo diante da terríbel luz que acaba de arroxar o caso Dreyfus, ese sacrificio humano dun infeliz, dun «porco xudeu»! Ah, tanta loucura e parvada, tantas fantasías loucas, tantas prácticas de policía barata, tantos costumes inquisitoriais e tiránicos, o capricho dun cantos galonados esmagando coas súas botas a nación, facéndolle tragar o seu berro de verdade e de xustiza baixo o mentirán e sacrílego pretexto da razón de Estado!

E é tamén outro crime apoiarse na prensa inmunda, deixarse defender por toda a chusma de París, de maneira que a chusma trunfa insolentemente ao seren derrotados o dereito e a simple probidade. É un crime acusar de perturbar Francia aos que a queren xenerosa, á cabeza das nacións libres e xustas, cando precisamente no seu interior se urde o impúdico complot de impor o erro ante o mundo enteiro. É un crime extraviar a opinión, utilizar para unha tarefa de morte esta opinión que se perverteu até facela delirar. É un crime envelenar os de abaixo e os humildes, exasperar as paixóns de reacción e de intolerancia, amparándose no odioso antisemitismo, do que morrerá a gran Francia liberal dos dereitos do home se antes non a curan. É un crime explotar o patriotismo para fomentar o odio, é un crime, finalmente, facer do sabre o deus moderno, cando toda a ciencia humana traballa para a obra vindeira de verdade e de xustiza.

Que angustia ver losqueadas, escarnecidas e escurecidas esa verdade e esa xustiza que desexamos tan apaixonadamente! Imaxino o esboroamento que estará a producirse na alma do señor Scheurer-Kestner, e penso que acabará arrepentíndose de non adoptar unha actitude revolucionaria o día da interpelación no Senado, ceibando todo o paquete para que todo se viñese abaixo. Foi un home honrado, leal, que pensou que a verdade se bastaba a si mesma, sobre todo porque aos seus ollos resplandecía como a pleno día. Para que trastornalo todo cando o sol non tardaría en brillar? E foi castigado por esa confiada serenidade. O mesmo acontece co tenente coronel Picquart que, por un sentimento de elevada dignidade, non quixo publicar as cartas do xeneral Gonse. Eses escrúpulos hónrano tanto máis canto que, mentres el continuaba a respectar a disciplina, os seus superiores cubríano de lama, instruían persoalmente o seu proceso da maneira máis inesperada e aldraxante. Hai dúas vítimas, dous seres honestos, dous corazóns simples que deixaron facer a Deus mentres o diabo actuaba. E respecto ao tenente coronel Picquart, chegamos a ver un espectáculo innobre: un tribunal francés, despois de deixar a un confidente cargar publicamente contra unha testemuña, acusándoo de todos os delitos, mandou desaloxar a sala cando chamaron a esta testemuña para explicarse e defenderse. Afirmo que este é outro crime e que este crime sublevará a consciencia universal. Decididamente, os tribunais militares teñen unha estraña idea da xustiza.

Esta jaccuseé a simple verdade, Señor Presidente, e terríbel e ficará sempre como unha mancha da súa presidencia. Sospeito que non ten ningún poder neste asunto, que é prisioneiro da Constitución e daqueles que o rodean. Non por iso deixa vostede de ter, en tanto que home, un deber no que pensará e que cumprirá. E non é que eu desespere do triunfo. Repítoo cunha certeza máis vehemente: a verdade está en marcha e nada a deterá. O Caso só comeza agora, porque soamente agora as posicións están claras: dunha parte, os culpábeis que non queren que a luz se faga; da outra, os xusticeiros que darán a súa vida para que se faga. Díxeno noutras partes e repítoo aquí: cando se sepulta a verdade baixo terra, adquire tal forza explosiva que, o día en que estoupa, salta todo con ela. Xa veremos se non se preparou o estoupido do máis estrondoso dos desastres.

Mais esta carta é longa, Señor Presidente, e é hora de concluír.

Eu acuso ao tenente coronel Du Paty de Clam de ser o diabólico artífice do erro xudicial, quero crer que inconscientemente, e de defender despois a súa nefasta obra, durante tres anos, mediante as maquinacións máis absurdas e culpábeis.

Eu acuso ao xeneral Mercier de facerse cómplice, cando menos por debilidade de carácter, dunha das máis grandes iniquidades do século.

Eu acuso ao xeneral Billot de ter nas súas mans as probas evidentes da inocencia de Dreyfus e de ocultalas, de ser culpábel de crime de lesa humanidade e de lesa xustiza con fins políticos e para salvar o Estado Maior comprometido.

Eu acuso o xeneral De Boisdeffre e ao xeneral Gonse de seren cómplices do mesmo crime, un, sen dúbida, por paixón clerical, o outro talvez por ese espírito de corpo que converte os despachos do Ministerio da Guerra nunha inatacábel Arca da Alianza.

Eu acuso ao xeneral De Pellieux e ao comandante Ravary de realizar unha investigación perversa, é dicir, unha investigación da máis monstruosa parcialidade, da que o testemuño do segundo nos dá fe como monumento imperecedoiro de inxenua audacia.

Eu acuso aos tres expertos en grafoloxía, os señores Belhomme, Varinard e Couard, de redactar informes mentireiros e fraudulentos, a menos que unha revisión médica os declare enfermos da vista e da razón.

Eu acuso aos despachos do Ministerio da Guerra de realizar unha infame campaña na prensa, especialmente en L’Éclair e en L’Écho de Paris, a fin de extraviar a opinión e encubrir a súa falta.

Eu acuso, finalmente, ao primeiro consello de guerra de violar o dereito, ao condenar un acusado por unha proba que continúa a ser secreta, e eu acuso ao segundo consello de guerra de cubrir esta ilegalidade, cumprindo ordes, cometendo á súa vez o crime de absolver conscientemente un culpábel.

Ao lanzar estas acusacións, non ignoro que me coloco ao alcance dos artigos 30 e 31 da lei sobre prensa do 19 de xullo de 1881, que castiga os delitos de difamación. Mais arríscome voluntariamente.

Canto ás persoas ás que acuso, non as coñezo, nunca as vin, non sinto contra eles ningún odio e ningún rancor. Non son para min máis que entidades, espíritos de perversión social. E o acto que realizo aquí non é máis que un medio revolucionario para acelerar a explosión da verdade e da xustiza.

A miña única preocupación é que se faga a luz en nome da humanidade que sufriu tanto e que ten o dereito á felicidade. A miña ardente protesta non é máis que o berro que me sae da alma. Que se atrevan, xa que logo, a levarme ante os tribunais e que a investigación se realice a plena luz do día!

Espéroo.

Sen outro particular, Señor Presidente, acepte o meu máis profundo respecto.

NOTAS
(20) Armand du Patty de Clam (1853-1916). Comandante durante o Caso Dreyfus e encargado da investigación realizada para descubrir o «espión». Convencido da culpabilidade de Dreyfus, durante o proceso é o encargado de «avisar» ao tribunal de que existen probas secretas contra Dreyfus. Unha vez descuberta a falsidade desas probas e logo do suicido do seu cómplice, Hubert-Joseph Henry, Du Patty de Clam, retírase do seu posto e será retirado do exército en 1901: en 1906, mercé a unha amnistía será reintegrado. Morrerá durante a I Guerra Mundial.
(21) Raoul le Mouton de Boisdeffre (1839-1919), xefe do Estado Maior do Exército, como ben afirma Zola, deixouse atrapar polas mentiras dos seus subordinados, e cando se descobre que as probas contra Dreyfus son falsificadas, o chamado «falso Henry», retírase do exército. Digamos, como curiosidade, que foi o introdutor da bicicleta no exército francés.

NOTA DE PALAVRA COMUM: a fotografia de Émile Zola procede da Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *