Entrevista a Francisco Castro

Entrevista a Francisco Castro

0 comentários 🕔14:45, 22.Out 2015

- Palavra Comum: Que supõe para ti a literatura?

- Francisco Castro: Para min a literatura é un xeito de vida. Unha maneira de respirar. O que me salvou da loucura. O que fai que non ande amargado. Luz.

Fun un neno, e sobre todo un adolescente, moi metido, digamos “para dentro”, moi introvertido e tímido. Non son orixinal nisto, pero na lectura atopei acubillo e unha maneira de evadirme. Moi cedo, decidín que quería tamén escribir. E a primeira tentativa foi a través da música. Pero trabuqueime. Fíxenme “cantautor” na época da Movida viguesa. Hai que ser parvo. Logo, aos 18 xa tiña claro que como músico non tiña futuro. E empecei a escribir. Primeiro poesía. Logo xa narrativa, pequenos relatos. E dende hai moitos anos concentrado só na novela.

Teño a fortuna, ademais, de dedicarme en exclusiva á literatura pois son editor. Máis que á literatura cumpriría dicir “ao literario”. E imparto dende hai moitos anos Obradoiros de Literatura e Escrita Creativa. Así pois, a literatura é a miña vida completa.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária?

- Francisco Castro: Reflexiono moito sobre isto e paréceme moi difícil de explicar. Diría que o proceso de creación literarira é, no meu caso, un complexo exercicio de comunicación artística. Eu sempre digo que escribo para comunicarme, para contarlle a alguén. Non para contar. O matiz é importante. Escribo para contarlle a alguén, para contactar con alguén, para estar presente na vida e no corazón dun outro alguén que me le. Así pois, cando escribo teño claro que quero contar algo, mais son moi consciente de que ten que ser dunha maneira artística, con vocación estética. Procurando a beleza aínda que se estea a contar unha historia dura (teño escrito sobre asuntos moi duros, tamén para crianzas).

Eu empezo sempre cunha idea xeral. A idea que pode resumir a novela logo nunha lapela. A partir daí vou construíndo un mínimo esquelete que muda seguido. O resultado final, na meirande parte das ocasións, nada ten que ver co que eu imaxinaba.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, cinema, artes plásticas, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Francisco Castro: Non sei cal debería ser. Sei que sempre é. Eu insisto sempre en que a literatura é unha arte máis e que no fondo todas as artes son a mesma só que expresándose con materiais distintos. Cando o home primitivo pinta nas paredes, que está a facer? Arte? En serio? Ou está escribindo? Quizais contando unha historia? Cando o home primitivo inventa unha cantiga para aplacar a ira dos deuses, ou para durmir aos cativos, non estará en realidade inventando unha historia literaria, só que cantada?

No meu caso concreto a música está moi presente. Moitos dos meus protagonistas e tramas se desenvolven nun ambiente musical. E un dos praceres grandes que teño tido nos últimos tempos ten que ver con colaboracións con grupos musicais para os que escribo letras ou poemas que van no disco…

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos -num sentido amplo-?

- Francisco Castro: Pois sempre digo o mesmo. Podería poñerme excelso e citar aos clásicos, o Sempre en Galiza de Castelao ou a calquera. Pero sería mentir. Os meus referentes creativos son sobre todo os músicos, en especial Lennon-McCartney, pero tamén Cohen ou Dylan. Na literatura, por enriba dos demais, dous nomes: Borges e Celso Emilio Ferreiro. Pero se quero ser sincero de verdade, debo de dicir que a min me influiu máis a tele que ninguén. E creo que hai toda unha xeración de escritores que andamos preto dos 50 anos que estamos, no noso xeito de narrar, absolutamente viciados pola cultura audiovisual. Narramos en imaxes. Con forza visual. Incluso as nosas historias tenden, cada vez máis, ao capítulo curto asemellándose aos das series de televisión. Un pode negalo, se lle peta. Pero é así. E non é malo. Só quere dicir que somos fillos do noso tempo.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural e literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Francisco Castro: No recente Congreso de Escritoras e Escritores da AELG tocoume coordinar o Seminario de Dereitos de Autoría e Profesionalización. Amosei, con toda a súa frialdade, os datos reais de vendas en galego, é dicir, a práctica ausencia dun mercado que nos permita vivir disto. Se falamos dun camiño, temos que falar da realidade, do país real, non do país que lle gustaría a moitas e a moitos. Un país que vive alleo, porque non lle importa, ás creacións culturais propias en galego. Non só da literatura. De todo.

Sen embargo, hai un camiño. E pasa por facermos a mellor literatura do mundo, en galego, pero buscando novos mercados. Creo que é necesaria unha actitude profesional, dunha vez, nos escritores e escritoras deste país. Hai que atreverse a buscar novas latitudes lingüísticas. Hai que implicarse máis como creadores na promoción da propia obra.

Á cultura galega, e aos seus creadores, e sinto se a a alguén lle parece mal, sóbralle autocomplacencia, sóbralle tanto choro e queixa e fáltalle ambición.

- Palavra Comum: Que perspectivas tens sobre a língua galega (e também sobre a sua relação com a Lusofonia)? Por onde encaminhar uma relação mais frutífera para a cultura e literatura galega nesse(s) mundo(s)?

- Francisco Castro: Vou ser claro: no seu día perdeuse a batalla da Lusofonía. Oxalá a realidade non fose esa. Pero é. Con todo o agarimo e respecto absoluto para os defensores desa vía.

Cando tocou escoller a norma, os responsables daquelas decisións trabucáronse por completo. Teriamos que ter apostado pola norma que nos empataba co mundo da lusofonía. Alguén decidiu que había que pecharse a todo iso. E recoñecida a desfeita, acho que agora darlle a volta a iso é ben complexo.

Eu teño libros no Brasil e estou feliz diso. Mais tamén dos que teño en Italia. Díxeno na resposta anterior: interésame que me lean no mundo enteiro. Non só na lusofonía.

Creo que a lingua galega ten que atopar espazos en común coa lusofonía, iso é unha obviedade porque son a mesma lingua. Mais o que me preocupa de verdade é atoparlle un camiño á lingua galega….en Galicia.

Creo que as perspectivas para a lingua nada teñen que ver co asunto lusófono. Ten que ver con nós. Co país que somos e coa falta de respecto absoluto que temos por todo o noso.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência editora como membro da Editorial Galaxia. Como ves o mundo editorial e, em concreto, Galaxia?

- Francisco Castro: Galaxia é un exemplo de como se sacan as cousas adiante cando hai amor por un proxecto e un país. Nace en 1950 cando a situación era durísima para todo o que tivese que ver con Galicia e o galego. E aquí seguimos.

Eu síntome privilexiado por formar parte do equipo de Galaxia, e dun proxecto que leva turrando do país tantísimo tempo contra os elementos e os inimigos internos e externos a nós propios.

Os momentos son complicados para o sistema editorial galego. Moi duros. Mais estou certo de que habemos saír adiante. Con ese espírito entramos todos os días pola porta da editorial.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Francisco Castro: O meu proxecto sempre é o mesmo: que me saia ben a seguinte novela. Creo que como escritor non debo aspirar a máis. E cada vez que empezo cun novo proxecto, vou en bólas absolutamente, perdido, sen idea e con todos os medos. E creo que esa é unha actitude correcta para crear. Dende a humildade pero, como dixen, con toda a ambición do mundo.

De proxectos soñados, publicar un libro de poemas.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Francisco Castro: Non é por facer a pelota pero está moi ben como está.

NOTA: a fotografia do autor é de Noel R. Queipo.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *