A acacia, poema inédito de Paulino Vázquez

A acacia, poema inédito de Paulino Vázquez

0 comentários 🕔14:30, 29.Out 2015

Camiñan de noite, entebradas en nódoas de terra

como se se adentrasen no tempo, ou escuras entre a chuvia

as pálpebras cansadas, sen amparo nas gándaras, en silencio

escuras como as chairas que atravesan, os tremedoiros

procurando o que, deserto e sempre deserto, unha cova

nun outeiro, os acres sedimentos da putrefacción,

os ermos; camiñan ao empardecer por estradas vellas

envoltas na poeira, na lama dos camiños, na néboa

dos vales; acaso deixaron atrás un pazo abandonado

a friaxe das fachadas e dos portóns fechados

un pardieiro, unha chousa no medio do monte, unha alquería

ou un alboio onde pasar a noite; acaso os cans latían

nas aldeas, o fumegar das tellas termando do frío

Camiñan na noite, as corgas ábrense como cicatrices

atravesan devesas de cinza, os últimos cavorcos

medas aterecidas; pousan un feixe ao pé dun valado

crepitan as raíces das carqueixas baixo o sol

escoitan o grallar dos corvos nunha cañota

nas gavias retórcense como cóbregas as vides

os acios ocultan corpos insepultos, inertes

o inverno detense nos piornos, nas pozas

unha escama de sal semella o pardomonte

as touzas, quéimase a roda das estacións

como o tempo mesmo, como se o tempo estalase

no lume das rozas, nas herdanzas de centeeiras

Atravesan a noite, a xeada esculpe as senras

as searas, o vento talla o inverno na friaxe das pedras

os panascos esgázanse con cendais de brétema

procuran acobillo p´ra durmir en alpendres

nalgunha casarella abandonada,en casais

derruídos, ás veces descansan nos faiados

a luz das touzas queimadas nos estíos

abate o acougo, calquer repouso no humano

Paran nas encrucilladas, nos estanques de cemento

ollan os restos de osamentas, as escamas das vértebras

os fósiles, a cerna da materia incrustada nos vermes

as estrías de podremia na costra das caveiras

axotan mouchos e noitebras, saben que entran na noite

saben que a dor estiña, que ninguén as pode escoitar

senten o espesor do tempo, os espesores da morte

ante unha tumba aberta, algo como un muro

contra o que baten, algo como raíces que se enredan

entre as maos, que lles contrai o ventre por carpir

na noite, que as acolle como unha boca baleira.

(Chemin des dames)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *