Entrevista ao historiador Xosé Estévez

Entrevista ao historiador Xosé Estévez

0 comentários 🕔16:00, 12.Nov 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a história?

- Xosé Estévez: Segue a gostarme a vella definición latina da historia coma “magistra vitae”, porque o acontecer no pasado ensina o camiño do presente e sinala o carreiro do porvir. Porén, tamén engadiría que o pensamento da historia integral, herdeira de Marc Bloch, ten que ser un estudo integral das sociedades, no que as infraestruturas básicas (demografía, economía, estrutura social..) sexan o eixo sobre o que se asentan as supestruturas ideolóxicas, políticas etc.

Tamén é importante para min comezar por estudar as comunidades que están máis preto, como é patria onde naciche ou onde te asentache. Non acredito nos cosmopolitas de salón, que enchen a boca proclamando a cidadanía universal. Normalmente un vai dende o máis próximo e despois vai ampliando horizontes e non ao contrario.

Ao remate, xa é un adaxio moi repetido que non se debe esquecer e os dirixentes actuais pásano por onde se cruzan os pantalóns: “O pobo que descoñece a súa historia, está condenado a repetila, adoito de xeito tráxico”.

- Palavra Comum: Como levas a cabo, no teu caso, o processo de investigação e trabalho arredor da história?

- Xosé Estévez: Non teño un método concreto. Se atopo un documento ou nova que enxergue o meu interese empezo a profundar no tema, que normalmente sempre está vencellado á miña patria orixinaria, a galega, ou á miña patria adoptiva, a vasca. Despois dese primeiro chanzo, inicio a procura de documentación encol do tema elixido e, unha vez feito este traballo, aplico unha metodoloxía lóxica e sinxela, derivada da miña formación escolástica: Por que? (Causas); Como foi? (desenvolvemento); Que repercusións? (consecuencias).

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a história e as artes -e a repercusão que tem na vida quotidiana-?

- Xosé Estévez: Tódalas ciencias humanísticas (arte, filosofía, historia, etc.) forman un conxunto integral e integrador, sen o cal calquer persoa non pode entender o mundo interior e exterior que a arrodea. Hoxe existe unha excesiva especialización en todo. Nos vellos plans de Filosofía e Letras, que eran cinco anos, había dous cursos comúns, que daban unha visión global da cultura. Agora coas carreiras reducidas a asignaturas, son cuadrimestrais, e a especialización empeza en primeiro. A formación, polo tanto, é moi restrinxida e circunscrita a un tema moi concreto. Ademais, dáse unha política perfectamente deseñada para ir eliminando e desprestixiando as humanidades. Estas contribúen a amoblar a cabeza e facer xente reflexiva e crítica e isto non interesa ao Poder. Esta mentalidade inserida solapadamente non novos plans, como o Boloña, xa a denunciei hai moito tempo nun artigo que tivo certa resonancia. Como se ía cara unha privatización raposeira do ensino universitario, un desprestixio progresivo das humanidades e a pura adaptación do ensino ás necesidades do mercado, cando o ensino debe primeiro formar integralmente persoas e non máquinas para o mercado. Está acontecendo, e isto púideno comprobar nos últimos meus anos de ensinante, que as novas xeracións están moi informadas, pero pouco formadas; están moi tituladas, pero non tan preparadas.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes como historiador (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?

- Xosé Estévez: Teño moitos referentes, polos que sempre sentín admiración: Marc Bloch, Pierre Vilar, Josep Fontana, Paco Carballo. Ademais, tiven na Universidade Complutense algúns profesores que deixaron pegada en min: José Alcalá Zamora, María Victoria López Cordón, Javier Faci.. Porén, hai un persoeiro, que, aínda que non era historiador, senón máis ben poeta, provocou en min enorme interese polo estudo da historia, sobranceiramente, a galega. Foi Manuel María. Coñecía fondamente a historia de Galiza e explicábaa con un enorme entusiasmo. É moi importante coñecer ben a nosa historia e dala a coñecer con verdadeiro entusiasmo para que as novas xeracións amen o seu país, que por desgraza non coñecen dabondo.

- Palavra Comum: Como ves o estudo da história em Galiza?

- Xosé Estévez: Hoxe en Galiza hai moi bos historiadores, que afondan con honestidade, rigor e axeitada metodoloxía no pasado galego. Lembro a Xosé Ramón Barreiro, Ramón Villares, Xusto Beramendi, Núñez Seixas, Lourenzo Fernández Prieto, Anselmo López Carreira, Carlos Velasco, Uxío Breogán Diéguez e moitos dunha xeración xa máis nova, verdadeiramente moi competentes.

Percibo, emporiso, ás veces, un excesivo pontificalismo, a existencia de capelas internas, unha excesiva suxeición académica ás visións centralistas e unha falla de achegamento á sociedade. O historiador non só se debe preocupar polo pasado. É un científico social, vive no presente e debe comprometerse con el, sobre todo, coas causas sociais dignas.

- Palavra Comum: Como historiador, que vínculos achas entre a história de Galiza e a de outros espaços culturais (nomeadamente Euskadi)? Quais deles permanecem ainda ocultos para as maiorias sociais?

- Xosé Estévez: Manuel María armoume cabaleiro da galeguidade e foi padriño da miña primeira comuñón política. El é, xunto a Rosalía e Castelao, o meu guieiro e mestre. Dicía: “A riqueza de mundo atópase na variedade e non na uniformidade”; “amar o propio non significa desprezar o alleo”, “dende a ventá dunha pequena patria pódese ollar a marabilla do mundo”. Estes axiomas, ademais doutro que é froito da miña experiencia:”os emigrantes temos a dereito á diferencia e deber da semellanza”, sempre foron os fíos condutores do meu proceder.

Nese senso é evidente que os procesos e modelos nacionais de Galiza e Euskal Herria foron distintos por moitas razóns económicas, sociais, políticas, ideolóxicas etc.: a existencia dos fueros e do autogoberno até 1876, industrialización distinta, carencia de burguesía nacional, as matxinadas, as carlistadas, o papel da igrexa etc. Polo tanto, o acontecer das dúas nacións impuxo uns elementos diferenciadores, que xa Castelao amosou no Sempre en Galiza e en moitas cartas con Agirre e Irujo. Porén, hai compoñentes comúns, que estudei nos meus traballos sobre o Galeuzca e outros descoñecidos, sobre todo, no caso de Euskal Herria, que foron demonizados polos grandes medios de comunicación e que hoxe mesmo causan unha distorsión das realidades galega e especialmente vasca.

- Palavra Comum: Levas muitos anos residindo em Euskadi. Como é a tua visão desde dentro? Que aspectos consideras relevantes e pouco conhecidos em Galiza sobre Euskadi?

- Xosé Estévez: Cando cheguei a Euskal Herria en 1973, impulsado polo xugo da procura de traballo e pola doce vontade do amor, eu xa tiña conciencia social e nacional galega. Polo tanto, foime doado adaptarme integradoramente na sociedade vasca. Como di un bertsolari vasco, amigo meu, “as raíces en Galiza, as pólas en Euskadi, árbore mellor non pode medrar”.

Euskal Herria, coa súa loita pola soberanía, roborou en min non só a identidade primixenia ou orixinaria, senón tamén a verdadeira solidariedade internacional. Alguén dixo que non se podía servir a dous señores, pero ninguén afirmou que non se podían amar dúas patrias, neste caso Galiza e Euskal Herria.

Encol de Euskal Herria existen moitos tópicos de Pancorbo para abaixo, froito de interesada manipulación dos mass-media, aos que agora é moi difícil darlles á volta. En realidade, o único delito de Euskal Herría é a procura da soberanía. É un pobo que nunca se someteu ao imperialismo español e ao longo da historia mantivo o réxime foral, que implicaba unha case-independencia de facto mediante un pacto coa Coroa de Castela, que esta respectaba, agás nalgunhas ocasións, e por iso os vascos se sublevaron. A historia de Euskal Herria é moi pouco coñecida así coma outras facianas da súa cultura (lingua, costumes, dereito propio, etc.).

- Palavra Comum: Que caminhos estimas interessantes para a criação cultural -e para a divulgação da história, em particular- hoje?

- Xosé Estévez: Os camiños tradicionais xa están moi mallados e, ademais, moitos deles eran dabondo elitistas. Coido que se deben utilizar máis canles populares, os medios audiovisuais, as novas tecnoloxías e as redes sociais, aínda que sen chegar a unha deturpación vulgar, pois, ás veces, converten o acontecer histórico nun novela rosa, cun escoramento que fede á españolidade. Tal é o caso das series de TVE encol de Isabel la Católica ou Carlos o Emperador.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?

- Xosé Estévez: Unha Galiza ceibe, dona do seu destino, a navegar polo ceo azul-vermello da soberanía, con xustiza social e distributiva, solidaria e próspera, onde ninguén se vexa na obriga de emigrar, como tivemos que facer algúns. A Galiza de hoxe está a anos de luz deste ideal, pero sempre hai que loitar polo imposible para acadar o posible, pois das loitas pola lumieiras utópicas sempre fica algún facho aceso.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Xosé Estévez: O meu proxecto máis importante neste intre é sobrevivir, pois “primum vivere et deinde philosophare”, pois xa teño 72 anos e, ademais atopáronme recentemente os “matasáns” unha disfunción cardial. Teño dous libros en perspectiva de publicación, aínda hoxe este tema está moi difícil. Os libros titúlanse: Nación galega, autodeterminación e Galeusca e Castelao: líder carismático para os vascos exiliados en América.

O vindeiro ano, porén, dedicareino a impartir conferencias e escribir traballos encol de Manuel María, que xunto a Rosalía (2º metade do século XIX) e Castelao (1ª metade do século XX) son os tres meus mestres referenciais e as tres grandes glorias da nación galega.

Tamén é verdade que pode haber outro traballo que che encarguen de súpeto, pois o ano 2016 é un centenario das Irmandades da Fala e a 2ª parte do Quixote. Encol deste último xa publiquei no 2005 un libro onde facía unha lectura heterodoxa e politicamente incorrecta do enxeñoso fidalgo.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *