As cores da pintura nas experimentacións de hai un século

As cores da pintura nas experimentacións de hai un século

0 comentários 🕔16:00, 16.Nov 2015

As vangardas estéticas de comezos da centuria pasada son froito da fervenza creativa que propiciou París vinte anos antes. Que aconteceu realmente durante os últimos quince anos do século XIX?

Lito Caramés

A Fundación Mapfre instálase tamén en Barcelona
Hai tempo que a Fundación Mapfre quería abrir un espazo para exposicións na cidade Condal. Despois de moito buscar atoparon unha sede moi céntrica e un edificio singular, a Casa Garriga Nogués, edificio de inspiración modernista obra do arquitecto Sagnier que foi primeiro a casa da Banca Garriga Nogués, e ata hai un ano a sede da Fundación Godia (das fillas de Francisco Godia, o primeiro español que chegou a piloto de fórmula 1).
E abre as súas portas cunha exposición esplendorosa: El triunfo del color. De Van Gogh a Matisse. Colecciones de los museos d’Orsay y de l’Orangerie. Son 72 pinturas traídas dos dous museos referencia do impresionismo (Musée d’Orsay) e do postimpresionismo (Musée de l’Orangerie). Está comisariada por Guy Cogeval, presidente dos dous museos que prestaron as obras e por Pablo Jiménez, director da área de cultura da Fundación Mapfre, e tendo como comisaria científica a Isabelle Cahn, conservadora do Musée d’Orsay. Grazas a esta mostra agora mesmo están no Eixample barcelonés obras de Van Gogh, Gaugain, Renoir, Monet, Cézanne, Seurat, Bernard, Toulousse-Lautrec, Picasso, Derain ou Matisse. As obras foron prestadas exclusivamente para a súa exhibición en Barcelona; cando remate (en xaneiro) volven aos seus museos. Estraña ese exclusivismo, máxime cando estas obras non abundan na península Ibérica, nin adoitan viaxar moito. Pablo Jiménez argumentou (na presentación desta mostra) a exclusividade dicindo que estes cadros son os que Ramón Casas, Santiago Rusiñol e Isidre Nonell viron cando foron a París. Buscabamos este tipo de eco na cidade.
Trátase dunha exposición que aproveita como liña de traballo un dos motivos estrela -a cor- que revolucionou a arte entre 1870 e 1910 para invitar ao visitante a deixarse levar polas diversas solucións que a creatividade post-impresionista ofertou, ou para indagar nas causas das mesmas. Unha viaxe en 72 obras, pero en bastantes menos creadores. Repítense moitos dos artistas e incluso hai presenzas descompensadas: os nabís, por exemplo, pesan demasiado no discurso da mostra. Por que?

Maillol. Profil de femme, 1896

Aristide Maillol, Profil de femme.

Antecedentes, o impresionismo. Renoir sucks at Painting
Cando Monet, Pisarro, Renoir, Degas, Cézanne e outros (entre eles Berthe Morisot, unha pintora da que nunca se fala) fan a primeira exposición impresionista en París (primavera de 1874), Europa vive tempos convulsos. Acabada a Commune de París, a guerra Franco-prusiana e as unificacións de Alemaña e Italia, éntrase na segunda Revolución industrial coa electricidade e a química como os novos sectores punteiros. A electricidade iluminará as cidades nas noites, e os pintores poderán, por primeira vez, pintar rúas nocturnas con cafés e xentes. Pouco a pouco os pintores vanse atopando coa competencia da fotografía. Cómpre engadir a presenza do xaponismo na sociedade europea a partir do ano 1868, en que a dinastía Meiji -forzada polas presións do imperialismo occidental- decidiu abrir Xapón ás influencias estranxeiras; a irrupción das estampas xaponesas revirará concepcións pictóricas anteriores.
A química inventará as cores xa feitas en manuais tubos de chumbo, permitindo a peinture en plein air. O químico Chevreul investiga sobre a teoría das cores chegando á lei do contraste simultáneo da cor. O Imperialismo abre novos continentes ao coñecemento europeo. Ideoloxías antiburguesas (socialismo e anarquismo) ofrécense como alternativas para unha nova sociedade. Neste marco os impresionistas apostan por pintar seguindo as leis da luz que, reflectida sobre a superficie dos obxectos, produce cores. E pintan os temas máis intranscendentes: campos con flores, un amencer (que logo será o seu estandarte), un paseo en barca. Nada de batallas, nin de mitoloxías.
Este preámbulo ao contido propio de El triunfo del color. De Van Gogh a Matisse. Colecciones de los museos d’Orsay y de l’Orangerie é obrigado para corroborar que a “obra de arte única” non nace da nada, é froito dun tempo, dunha sociedade. Este novo enfoque da historia da arte débelle moito a disciplinas como a socioloxía, aos estudos sobre o Deseño e mais á incorporación da mirada feminina ao discurso histórico.
O impresionismo foi un movemento contundente, pero curto no tempo. Aínda así custa abandonalo. Hai cousa dun mes (outubro de 2015) comezou o movemento Renoir Sucks at Painting, e xs activistas plantáronse diante do Museum of Fine Arts, de Boston, reclamando a expulsión das obras de Renoir das salas do museo por consideralas de mala calidade, e con slogans tan exóticos como God hates Renoir. A polémica conduce á eterna pregunta pola calidade das pezas de arte: Renoir está nos museos pola calidade das súas telas, ou polo prezo que hoxe teñen? Descolgarán os museos pezas de Renoir e de Monet para poñer no seu sitio outras de Cassatt ou Morisot?

800px-Self-portrait_with_Felt_Hat_by_Vincent_van_Gogh

Vincent van Gogh, Autorretrato.

Vincent Van Gogh: na cor busco a vida
A análise científica da realidade, a aplicación da teoría das cores aplicada á pintura, que levou os impresionistas a considerar só a superficie dos obxectos e os efectos de luz e cor sobre a mesma, deriva logo para outros rumbos. O 1886 é un ano importante para a pintura francesa. En tal data Vincent van Gogh chega a París (onde pintará o autorretrato que agora se pode ver en Barcelona), e Seurat e algúns amigos inician o neoimpresionismo, entre outras cousas. Nese mesmo ano van Gogh escríbelle a un amigo pintor: pintei unha serie de estudos de cores, simplemente flores (…) buscando oposicións do azul co laranxa, do vermello co verde, do amarelo co violeta, así como os tons rachados e neutros para harmonizar a brutalidade dos extremos, co propósito de plasmar cores intensas e non unha harmonía en gris (…) En resumo, na cor busco a vida. O verdadeiro debuxo consiste en modelar coa cor.
Van Gogh marchará a Arlés á procura das cores do midi. Alí seguirá apostando polo colorido, polas cores que as súas ansias creadoras lle demandan. “A cabeza felina e moi bronceada (do zuavo que está a pintar), tocada cun gorro xeranio, coloqueina contra unha parede verde e os ladrillos alaranxados dunha parede. É unha combinación brutal de tons disparatados ou incómodos. (…) Sigo buscando a cor suxestiva (…) o ardor dun ser pola irradiación dun ton claro sobre un fondo escuro, expresar co vermello e o verde as terribles paixóns humanas (…) cunha alegría monstruosa” (Arlés, 1888). E o 5 de maio do mesmo ano -facendo de pitoniso- escríbelle ao seu irmán Theo: O pintor do porvir será un colorista como nunca os houbo. (…) paréceme estar no xusto cando presinto que isto aportarao unha xeración máis afastada, e que nós debemos facer o que os nosos medios nos permitan ir nesa dirección, sen dubidar, nin vacilar. Canta razón nas verbas do pintor dos xirasoles! Só cómpre volver os ollos cara os fauvistas e expresionistas de comezos do século XX.
Os neoimpresionistas (puntillistas) son radicais, na pintura e na ideoloxía (abrazaron o anarquismo). Usaron as sete cores do arco da vella por separado, con pequenos puntos de cor, como o músico utiliza as sete notas reiteradamente para chegar á melodía.

Gauguin, Femmes de Tahití, 1891

Paul Gauguin, Femmes de Tahiti.

Pont-Aven, as cores arbitrarias
No ano 1886 -outra volta o mesmo ano- Paul Gauguin chega por primeira vez á localidade bretoa de Pont-Aven. Viña da Martinica e doutros lugares, buscándose a si mesmo. Alí coincidirá con pintores máis novos, como Émile Bernard e Paul Sérusier. Hai dous textos, un de Gauguin, e outro atribuído a el, que son reveladores do pensamento e da práctica daqueles artistas: Gústame Bretaña. Atopo nela o salvaxe e o primitivo. Cando os meus zocos resoan no seu chan de granito escoito o ton xordo, mate e poderoso que busco na pintura… (Gauguin, 1888). Vostede esa árbore como a ve? Verdade que é verde? Pois poña vostede verde, o máis fermoso da súa paleta. E esta sombra, máis ben azul? Non teña medo de pintala o máis azul posible (palabras de Gauguin a Serusier, Pont-Aven, 1886, recollidas polo pintor e teórico Maurice Denis).
O que buscan é a plasticidade das cores puras, primarias. E por suposto arbitrarias, como mostran Talismán, l’Aven au Bois d’Amour (1888), de Serusier; Baigneuses à la vache rouge (1887), de Bernard ou Marine avec vache (1888), de Gauguin, as tres obras na exposición da Fundación Mapfre. Pódese falar tamén do extraordinario Cristo Amarelo (Gauguin, 1889).
Andando os anos, o uso das cores polos pintores de Pont-Aven influirán moito en Matisse e mais en todo o grupo de fauvistas.
Sérusier, á volta de Pont-Aven mostra Talismán aos seus compañeiros da Academia Julian, que quedan abraiados pola xustaposición de manchas de cores puros e lanzaranse á procura dunha revolución estética proclamando a liberación da pintura por medio da cor. Autoproclámanse Nabís, palabra hebrea que significa profeta, pois, buscando a orixe espiritual da arte, utilizarán a cor para expresar os estados da alma: os profetas da arte moderna. Entre estes mozos logo se crean dúas tendencias: os que derivan cara o misticismo e o simbolismo: Maurice Denis, Julian Ranson e Paul Sérusier, e os que se van por vieiros poéticos e decorativos, como expresión intimista da vida moderna (Édouard Vuillard, Aristide Maillol).

Paul_Cézanne_160

Paul Cézanne. Autorretrato.

Tratar a natureza a través do cilindro, a esfera, o cono
Outra perspectiva dentro do post-impresionismo (ese grupo de artistas xeniais, heteroxéneos, aos que a crítica non sabe como clasificar nin denominar) é a que desde Aix-en-Provence proxectará Paul Cézanne.
O Louvre é o libro onde aprendemos a ler. Pero saiamos de alí para estudar a bela natureza, tratemos de extraer o seu espírito, intentemos expresarnos seguindo o noso temperamento persoal. O tempo e a reflexión modifican pouco a pouco a visión, e finalmente chega a comprensión. (…) Hai que tratar á natureza a través do cilindro, a esfera, o cono, establecendo unha perspectiva global. Cando a cor ten a súa maior riqueza, a forma ten a súa plenitude (Cézanne a Émile Bernard, 1899). Cézanne, lonxe de París e dos remois do impresionismo, comeza a pintar con absoluta liberdade no ano 1886 (ano decisivo, semella), o ano que morre o seu pai, que tanto odiaba a pintura. Co seu traballar constante irá evolucionando das cores sobre superficie enarboradas polos impresionistas á observación das formas naturais e tratalas a partir de formas xeométricas elementais.
Despois de moito traballar escríbelle ao seu fillo Paul pouco antes de morrer: “Quixen copiar a natureza e non o conseguín, pero quedei satisfeito de min mesmo ao descubrir, por exemplo, que o sol non se podía reproducir, senón que había que representalo con outra cousa… con cor. (…) Non logro alcanzar a intensidade que se manifesta diante dos meus sentidos; non teño a magnífica riqueza de coloración que latexa na natureza” (Cézanne, 1906). Un ano despois Picasso presenta aos seus amigos (espantados) Les demoiselles d’Avignon (1907), e xa chega o cubismo. Pablo Picasso proclamou á morte de Cézanne (1906): Foi o meu único mestre … Pasaba o mesmo con todos nós: era como o noso pai. Era el quen nos protexía.

Matisse. Odalisque à la culotte rouge, 1914

Henri Matisse, Odalisque à la culotte rouge.

As cores en liberdade
Os impresionistas tiveron a grande responsabilidade de ceibar as cores, e así xerar novos problemas: a cor xa non ten por que ser unha cualidade intrínseca dos obxectos, a súa percepción pode estar condicionada por leis naturais, o seu significado e simboloxía non son unívocos, hai cores puras, complementarias, etc. Posteriormente vanse vendo as cores como un instrumento de comunicación: a súa expresividade debe provocar reacción no espectador. Na procura dos significados das cores, moitos artistas indagan no primitivo, no arcaico (véxase a pintura románica como un referente fundamental). As cores serán usadas para expresar sensacións, emocións, sentimentos, sendo os fauvistas quen mellor representan esta liña de investigación. Así o expresou Matisse (1908): O lado expresivo das cores apodérase de min por puro instinto (…) A elección das miñas cores non se basea en ningunha teoría científica, senón na observación, o sentimento e as experiencias da miña sensibilidade… E así se pode ver na exposición en lenzos de Matisse ou Vlaminck, e mormente nun de Derain.
Como resumo de todo o que é doado ver en El triunfo del color. De Van Gogh a Matisse. Colecciones de los museos d’Orsay y de l’Orangerie, valen as verbas que Matisse pronunciou nunha entrevista no ano 1945: De Delacroix a Van Gogh, e principalmente a Gauguin, pasando polos impresionistas, que fan traballo de desescombro, e por Cézanne, que dá o pulo definitivo e introduce os volumes coloreados, pódese seguir esta rehabilitación do papel da cor, a restitución do seu poder emotivo. As cores teñen unha beleza propia, que hai que conservar, do mesmo modo que na música se intentan conservar os timbres.

Sérusier,Talisman, 1888

Sérusier, Talisman.

Why Have There Been No Great Women Artists?
Na exposición El triunfo del color. De Van Gogh a Matisse. Colecciones de los museos d’Orsay y de l’Orangerie, con 72 lenzos nas salas da Fundación Mapfre-Barcelona, case todos os artistas teñen máis dunha obra colgada. E todos son homes. A pregunta que a profesora Linda Nochlin se fixo en 1971 segue incomodando. E a realidade é testana. A única solución é crear un museo especial para facer visible a arte creada por mulleres, e a elas mesmas? Xa existe: National Museum of Women in the Arts, NMWA (Washington, USA).
Postos en contacto, por correo electrónico, co centro de documentación e conservación do Musée d’Orsay para recabar información sobre as mulleres artistas que podían ter algunha obra no museo, madame Kientzy enviou xentilmente a lista completa de mulleres artistas que constan como autoras dalgunha peza depositada no citado museo. 176 mulleres artistas. Algunhas ben coñecidas: Berthe Morisot, Mary Cassatt, Eva Gonzales. De todas elas máis de 90 estiveron activas entre os anos 1880 e 1910, é dicir, traballaron ao tempo que o facían Renoir, Gauguin, Cézanne, Pisarro, Matisse, etc. E seguramente tiveron inquietudes similares sobre as cores e os seus usos e simboloxías.
Cómpre volver á pregunta de antes: que se colga nos museos obras de calidade ou obras de autores ben cotizados?

Lito Caramés

EXPOSICIÓN: El triunfo del color. De Van Gogh a Matisse. Colecciones de los museos d’Orsay y de l’Orangerie
Fundación Mapfre
Entrada de balde
Ata o 10 de xaneiro de 2016

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *