Entrevista ao dramaturgo Afonso Becerra de Becerreá

Entrevista ao dramaturgo Afonso Becerra de Becerreá

0 comentários 🕔09:30, 19.Nov 2015

- Palavra Comum: Que é para ti o teatro?

- Afonso Becerra de Becerreá: Das artes que coñezo, o teatro é a máis sublime porque incorpora a plasticidade da pintura, da escultura, as atmosferas espaciais da arquitectura, a especulación temporal e a beleza da música, a capacidade narrativa da literatura ou do cinema, o inefable da poesía, e ademais de todos estes ingredientes en movemento, o teatro xoga coa presenza máis animal e intuitiva das persoas. No teatro asistimos a un encontro artístico, onde as neuronas espello, as simpatías e antipatías, a química e a física danzan. Todo isto, que eu saiba, non o consegue ningunha outra arte. O teatro máis fascinante é ese no que nos miramos aos ollos e trememos de pracer.

A partir de aí o teatro é compromiso cívico, humanista. É asemblea sublimada. Polo menos o teatro que a min me move e me interesa.

- Palavra Comum: Como entendes (e levas adiante, no teu caso) o processo de criação literária -e dramatúrgica, mais em concreto-?

- Afonso Becerra de Becerreá: Froito dun desacougo persoal e, por tanto, político. Calquera temática, no ámbito da dramaturxia (que é o traballo coas accións de diversa índole que poden integrar un espectáculo), a dicir dun dos meus teóricos preferidos, Peter Szondi, debe formularse na esfera do “entre”. Este, para min, é o acicate principal: as ecuacións relacionais nas que semella consistir o vivir e as súas voltas e reviravoltas.

Para min, ademais, o proceso dramatúrxico ten moitas concomitancias coa música, coa danza e coa poesía. É unha harmonización, unha formalización de movementos cunha fonda dimensión existencial, filosófica e política, tamén íntima. Nesa encrucillada intento traballar.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre o teatro e a dramatúrgia e outras artes (música, artes plásticas, audiovisual, etc.)?

- Afonso Becerra de Becerreá: Dalgún xeito, xa contestei a esta pregunta. A arte é unha capacidade humana, un xeito de expresión que nos abre a novas perspectivas da existencia. Eu só entendo a arte como un pracer (incluso como unha dor pracenteira) que nos fai medrar: o segredo da eterna xuventude, o lume que Prometeo lle roubou aos deuses para nós.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?

- Afonso Becerra de Becerreá: O primeiro referente son as persoas que me rodean, o país no que nacín, coas súas peculiaridades climatolóxicas, orográficas, lingüísticas, políticas, emocionais… Galiza e as súas glorias e complexos, as súas grazas e desgrazas. Eis o primeiro referente. O local é universal.

Xa no ámbito das artes os referentes dispáranse, agora mesmo vibro e identifícome coa dramaturxia de Jon Fosse e Jean-Luc Lagarce. Sigo estarrecendo coa de Sarah Kane, flipando coa plasticidade de Heiner Müller e coa teimosía musical de Thomas Bernhard, coa desmesura telúrica das pezas breves de Otero Pedrayo e o lirismo con sabor a mazá das pezas de Cunqueiro.

- Palavra Comum: Que parte do trabalho teatral reivindicarias por não ser suficientemente conhecido?

- Afonso Becerra de Becerreá: Claramente, o ámbito máis marxinado, descoñecido e pouco valorado social e teatralmente en Galiza é o da dramaturxia. E sen dramaturxia non hai teatro. A dramaturxia non só é a escrita de obras de literatura dramática que empregan a palabra como centralizadora da acción, senón tamén as partituras para outras tipoloxías teatrais, alén do logocentrismo, nas que unha mirada, un xesto, unha coreografía, un feixe de luz… poden producir orgasmos semánticos e importantes efectos cognitivo-emocionais na recepción.

Ou sexa: a dramaturxia é a enxeñaría do teatro, o estudo e a reflexión prácticos de como darlle sentido (dirección) ao conglomerado de accións escénicas.

- Palavra Comum: Que perspetiva tens sobre a língua e a cultura galegas, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia)? Tens experiências nesta linha?

- Afonso Becerra de Becerreá: Eu vexo máis teatro en Portugal que en Galiza. As razóns son múltiples e algunhas demasiado polémicas e politicamente incorrectas como para mentalas aquí e gañar inimizades.

Só direi que en Portugal sinto unha maior coherencia cultural e lingüística. Non creo que ningún artista poida chegar a facer arte se non posúe unha conciencia esixente e refinada que cuestione e analice as tendencias e as estruturas.

Eu dou clase na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza, unha institución pública que se inscribe dentro do ámbito da educación e da cultura. Na nosa escola sei que hai profesoras/es galegas/os que imparten as súas clases en castelán, porén hai profesoras/es cataláns e do país valenciano que imparten aquí as súas clases en galego. Galiza é así! Alumnado galego que non sabe expresarse correctamente nunha das dúas linguas oficiais: o galego. Colegas que che están falando en galego e cando aparecen as súas crianzas fálanlles en castelán.

En catro anos buscamos acadar a excelencia no ensino en artes escénicas, pero mentres o resto de escolas do Estado son monolingües, incluido o Institut del Teatre de Barcelona, onde eu me formei, que é monolingüe en catalán con algunha materia de dicción castelá, aquí andamos con iso do bilingüismo. Total que, ao final, salvo excepcións, o alumnado nin controla ben unha lingua nin a outra. Iso a min faime pensar que as políticas educativas estimulan a zarapallada.

A diglosia inconsciente opera ao meu redor de xeito aplastante, pero eu non me rindo e cando hai que abrir a caixa de Pandora ábroa.

En Portugal véxome libre de toda esa neurose cultural e lingüística. Alí teñen un estado que protexeu o galego das deturpacións españolistas, alí o galego chámase portugués. Alí o centro está á beira do Atlántico no mesmo eixo ca nós, pero aquí o centro está fóra de nós, en MadriZZZ, en la capi, como din algúns.

Aquí na Galiza, ademais do colonialismo neoliberal, que tamén padecen en Portugal, padecemos un feroz colonialismo lingüístico e cultural.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que partes dessa Galiza existem já, do teu ponto de vista?

- Afonso Becerra de Becerreá: Fóra das postais do “Vivamos como galegos” e do “Orgullo galego” do Gadis ou do entretemento vacuo (e de dereitas) do Luar, a miña Galiza imaxinaria é a que recupere o seu centro. Recoñézome nas amizades e na paisaxe de Becerreá, da miña aldea de Vilar de Ousón, nos versos de Uxío Novoneyra, nun panteísmo animista e vitalista. En Cabo Home, na ría de Vigo coas Cíes no horizonte, e ese cheiro a mar.

Gostaría recuperar nas miñas letras, malia a escolarización que tiven, a grafía do portugués que nos cingue coa “galeguía” ou “lusofonía” que pariu o único reino fermoso e lonxano: o Reino de Galiza. Aínda que, hoxe por hoxe, eu prefiro a República independente de Galiza. Nada de reinos! Os reinos están ben nos contos e nas lendas. A aristocracia e a existencia de clases superiores por dereitos de sangue, etc., paréceme un atentado ao humanismo.

Gostaría tamén dunha Galiza máis feminina e feminista, con menos pirolos e menos falocentrismo!

Estarei tolo?

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Afonso Becerra de Becerreá: Proxectos: seguir facendo as menos concesións posibles e ser libre de pensamento, palabra, obra. Facer e ver teatro. Facer o amor.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *