<em>Na memoria de Amelia Domínguez Silva</em>, poema de Carlos Pereira

Na memoria de Amelia Domínguez Silva, poema de Carlos Pereira

1 comentário 🕔14:00, 26.Nov 2015

Este poema escribiuse para a ceremonia civil de incineración de Amelia Domínguez Silva. Mestra, impartiu clases de galego en centros veciñais nos anos 80, e foi unha das fundadoras da Asociación Galega da Muller. Co seu matrimonio con Celestino Poza Couto entroncou cunha das máis relevantes familias republicanas e librepensadoras da cidade de Pontevedra, algúns de cuxos membros serían asasinados polos fascistas.

É a hora cenital
da apertura do umbral
do Gran Silencio.

A noite derramou as súas sombras
-negra lava abrasando
os corazóns exhaustos
dos que quedan-.
aaaaaaaaaaaaaaaaaMais, antes,
floreceron abrentes, construíuse
o misterio da infancia,
o milagre insondable do amor,
a descendencia.
aaaaaaaaaaaaaaaaaQuedan
as certezas do tacto nas meixelas,
as voces que arrolaban
nos delirios das febres,
as espigas de trigo
na mesa compartida,
celebracións gozosas
en tardes suspendidas no xardín,
repúblicas de soños, ollos cómplices,
consellos na zozobra,
(tamén angustia, insomnios
de madrugadas lentas).

Aquela plenitude vital, fecundadora,
semella esvaecerse
nestas horas de frío
de regreso ao átomo, á orixe,
da derradeira viaxe ao Oriente Eterno.

Pero o triunfo da morte é transitorio:
a vasoira do tempo
non borrará o escrito nos camiños,
non poderá apagar
o lume curativo dos recordos
nin o eco das palabras.
Non vencerá, xamais,
á memoria da Luz.

Carlos Pereira Martínez

A Coruña, 2-3-novembro-2015

1 comentário

  1. 🕔 20:04, 26.Nov 2015

    Amilamia

    Encántame…

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *