<em>Bébesme Cízico no canto das sereas</em> (I)

Bébesme Cízico no canto das sereas (I)

0 comentários 🕔12:15, 30.Nov 2015

Bébesme Cízico no canto das sereas nace a partir da lectura dun mito grego, relatado nos Cantos argonáuticos de Caio Valerio Flaco, e tamén na Viaxe dos Argonautas de Apolonio de Rodas. Clite era a muller de Cízico, rei de Cízico (reino situado no mar Negro, hoxe Bal Kiz, en Turquía), un pobo pequeno de pesca. Vivían en paz ata o día en que chegaron Xasón e os Argonautas e, despois de grandes festas en amizade, cando xa pensaban voltar no seu barco, por unha confusión, mataron a Cízico. Cando Clite se enteirou da morte do seu home quitouse a vida, aforcándose nunha árbore. No lugar do suicidio as ninfas fixeron brotar unha fonte.

Neste poema, Clite é a muller dun home do mar, Cízico, a quen espera cada día, sen saber xa se desexa ou non o seu regreso, pois ela sabe que un día non voltará. Cízico morre no mar e ela, como a Clite do mito, suicídase.

É esta a versión electrónica do libro de artista Bébesme Cízico no canto das sereas, editado por arTeu, con 15 exemplares asinados e numerados, impresos en papel Canson edition 250 gr. e ilustrado con cianotipias, tamén da autora (aquí amósanse unha selección das mesmas).

Creado para o proxecto de intercambio artístico con Londres e Ullapool, Portable. Algúns dos versos do poema foron traducidos ao inglés por Tati Mancebo, acompañando o libro na exposición de Londres.

Inma Doval Bébesme Cízico no canto das sereas

Ao meu pai, polo horizonte das sereas

Agradecementos
Xacobe Meléndrez Fassbender
Chisco Fernández Naval
Luz Torregrosa
Tati Mancebo

***

Clite

A brétema dilúe a espera en paxaros
o cristal da fiestra
velado á transparencia dos ollos
prolonga os brazos
e apreixa o mar que fura as branquias dos barcos
a arrogancia da lúa
o sal dos peixes
no palpexar da auga
e o cuarto azul iluminado
ti no centro
aaaaasen retorno
aaaaaaaaaaaagardando

branco o corpo
debuxadas as liñas
sobre a pel
agardando dende as magnolias
que asfixian o aire.

***

Cízico 01

***

Envolta no escuro
remoes a noite nos pousos do café
vestida cunha arañeira de silencios
habitas
nos golpes do salitre
no alento dos náufragos
na suor dos corpos
e do medo…

do medo que zurce a trampa da auga.

***

Brúa o ar
dende o valado
da lingua do paxaro
fura o mar
as guerlas das naves.

***

Partiu el con roupas douradas
sempre verdes os ollos
o beixo pendurado da lámpada
e as redes tecidas de insomnios
partiu el con roupas douradas
nese adagio de ósos que baten
no negro tránsito de barcos
ceibando centos de peixes
que afogan os teus pés atados

***

Cízico 02

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *