Representacións históricas de pezas de Alfred Jarry (II)

Representacións históricas de pezas de Alfred Jarry (II)

1 comentário 🕔11:35, 30.Nov 2015

Todas as outras recensións da obra que puidemos encontrar apareceron cando esta xa non se representaba: só tiña unha vida de cinco días e, como dixemos, as representacións en París aquel mes de 1937, debido á Exposición Internacional, eran moitas. Ademais, algunhas apareceron en semanarios, polo que é normal que non puidesen publicarse mentres a obra de Ubu estaba a representarse. Con todo, no dereitista Paris-soir apareceu a recensión coincidindo co último dia de representación da obra. Asinábaa Pierre Audiat, novelista, historiador, crítico, etc. quen dicía o seguinte:

AU THÉÂTRE D’ESSAI DE L’EXPOSITION
(Comédia des Champs-Elysées)

Ubu Enchainé
d’Alfred Jarry
________
Bec dans l’eau
d’Etienne Decroux
_________
Se Ubu roi é universalmente coñecido, cando menos de nome, Ubu enchaîné só fai as delicias dos devotos de Jarry. Non obstante, con menos truculencia, Ubu enchaîné supera, na miña opinión, en potencia satírica Ubu roi. A crítica filosófica que Alfred Jarry fai aquí da liberdade considerada como unha fórmula política, esta pintura do país dos Homes libres onde se aplican a «desobedecer en conxunto» e en que o supremo trámite consiste en se encerrar nas prisións, o contraste formado polos prisioneiros da Liberdade co pai Ubu, que, anoxado dos tronos de Polonia e Aragón, decidiu ser escravo no país dos Homes libres, a súa ascensión na escravitude que fai del un limpabotas, logo un criado, despois un prisioneiro e logo un galeote, cada vez máis feliz, mais satisfeito –toda esta purrela superior recobre verdades esenciais.
É, ademais, dunha asombrosa actualidade, como para acreditar que Jarry escribiu esta mesma maña Ubu enchaîné: diríase que, corenta anos de antelación, albiscaba o implacábel acuartelamento ao que achan deben someterse os que fan profesión de liberdade. Certamente, a actitude de Jarry é a dun anarquista intelectual, e quen aplaudiu Ubu roi se enfada en Ubu enchaîné. Mais é o privilexio dos espíritos verdadeiramente independentes desagradar a todos os sectarios.
A compañía «Le Diable écarlate» presentou Ubu enchaîné cun esmero, una intelixencia, unha fantasía propiamente admirábeis. É [palabra ilexíbel] que se gastase tanto gusto e traballo para as catro representacións previstas (esperemos que «sexan prorrogadas»). A posta en escena do Sr. Sylvain Itkine é dunha ductibilidade e e dunha graza que encantan en todo momento, e o cadro do tribunal acada o cumio da poesía grotesca; os decorados de Max Ernst abundan en achados, todos os intérpretes semellan cómodos nun texto nada cómodo. O Sr. Jean Temerson, pai Ubu cínico, innobre, maligno a pedir de boca; a Sra. Gabrielle Fontan (nai Ubu), o trío cegador Roger Blin, Émile Rossen, Guy Decomblé, os Srs. Pierre Asso, Itkine, Marcel Jean, Jean Bouivillers, a señorita Mireille Séverin, e os seus camaradas teñen dereito non só a eloxios senón tamén á gratitude.
O autor de Bec dans l’eau, o Sr. Etienne Decroux non se ofenderá se dicimos que ao pasar de Ubu enchaîné a Bec dans l’eau se sente un baleiro. A súa farsa, que visa o maquinismo, o capitalismo, os economistas vendidos á patronal, non é certamente indiferente; vale sobre todo por un ritmo e unha extravagancia que me lembraron algunhas cancións de Georgius, mais non ten a lixeireza que conserva Georgius mesmo na esaxeración. O Sr. Etienne Decroux, cos Srs. Julien Verdier, Pierre Buria, Srta. Suzanne Loidieu interpretaron fogosamente esta farsa.
O espectáculo comezaba cunha caricatura literaria de Alfred Jarry, L’Object aimé. É realizada de maneira agradábel, grazas ao vestiario e aos decorados lunares de Jean Effel, á música de O’Brady, á interpretación dos Srs. Léo Noël, Marcel Jean, Guy Decomblé, da Srta. Marthe Barrault.

Pierre Audiat, Paris-Soir, 29 de setembro de 1937.

Ese mesmo día 29, o semanario Marianne publicaba a crítica de Ubu Roi, asinada por G. S., que non era o titular da crítica teatral, xa que esta a levaba, entre outros, Paul Brach, quen dedicaba as súas recensións aos grandes nomes de éxito, como Sacha Guitry ou Giradoux. Velaí o que escribe G. S.:

D’une Scène à l’autre
L’object aimé. Ubu enchaîne, pièces d’Alfred Jarry (Comédie des Champs-Elysées)
Despois dunha deliciosa parodia de ópera que semella foi escrita por Jarry, especialmente para o seu decorador ocasional Jean Effel, e que, ademais, revela en Marthe Barrault un obxecto amado dos máis dignos de selo, Sylvain Itkine presentaba Ubu enchaîné.
Espérase a sátira, a lóxica absurda coa cal a aventura vai proseguir como un pesadelo, Ubu ganando pouco a pouco os seus graos en escravitude e ganando simultaneamente cada vez máis liberdade ao mesmo tempo que de criado tirano dos seus amos, se converte en galeote, aloxado, alimentado e «engordando o seu bandullo».
En verdade, por fina que sexa a idea da sátira, a súa insistencia non deixa de ser pesada, e mesmo fácil: mais que importa? Sylvain Itkine conseguiu encadernar sobre esta peza un marabilloso poema de fantasía, de burlesco, cheo de achados cómicos, como ese académico triste que vai apagar os fanais de gas da rúa, ou esa inenarrábel sesión do tribunal, en que cada un dos monicreques chantou unha silueta extraordinaria de intelixencia, que se chaman en privado. Pierre Asso, Leduq, O’Brady, Roger Blin ou Marcel Jean.
Polo que respecta a Temerson, mellor servido polo seu físico que pola súa voz, e á admirábel e demasiado pouco coñecida Gabrielle Fontan, quedarán na nosa memoria como a «parella Ubu», unha hipertrofia de parella francés-medio, deseñada cunha xenial mala fe e un espírito de simplificación que nos encantou.

G. S., Marianne, 29 de setembro de 1896.

A última recensión da posta en escena de Itkine de Ubu enchaîné apareceu no xornal do Partido comunista, L’Humanité. Asinábaa G.S, é dicir, Georges Sadoul, o futuro historiador do cine, que daquela se dedicaba a mallar en todo surrealista que publicase un libro, xa que como antigo surrealista era a súa función. O espectáculo presentado por «Le Diable écarlate» era un espectáculo apoiado polos surrealistas, que publicaran un folleto sobre tal acontecemento (folleto cuxa tradución daremos en Apéndice I). O espectáculo, ademais, presentábase como un acontecemento digno das máis importantes manifestación surrealistas o que, en verdade, non podía agradar aos responsábeis de cultura de L’Humanité (ademais de Sadoul, Paul Nizan, Aragon e Leon Moussinac, unha besta brava para os surrealistas), e así, nas páxinas sabatinas de letras e espectáculos, o 2 de outubro, cando había case unha semana que xa non se representaba a obra de Ubu, apareceu o comentario de G. S. Eilo:

LE THÉATRE
UBU ENCHAÎNÉ
Peza d’Alfred Jarry, interprété par la troupe «Le diable écarlate», au théâtre d’Essai de l’Exposition.
A primeira representación de Ubu roi, no Théâtre de l’Oeuvre, 0 10 de decembro de 1896, foi un éxito e un escándalo como poucas veces coñeceu o teatro:
«Este polichinela de Jarry, escribiu Rachilde, púxose a camiñar completamente, voou en frases cotiás, en atracción de revista, en noticias a man, en primeiro París no colorete e os perfumes da literatura de alcoba. Entusiasmou a Lorrain e fixo soñar a Mendès. A “palabra” accedeu a todas as partes, colleu alas. Rochefort glorificouno cun artigo político, os debuxantes Forain e Couturière reproducírono con ou sen máscara. O tipo Ubu fíxose lendario».
Con Ubu roi, con efecto, nacera un tipo, un tipo extraordinariamente prolífico e bulinte. Fálase en adiante de Ubu como de Joseph Prud’homme ou agora de Topaze (5) e o personaxe tomou unha vida que superou ao seu propio autor.
Jarry escribiu Ubu roi cando tiña quince anos e era alumno do liceo de Rennes, e o seu nome era «a deformación en máis eterno do seu accidental prototipo aínda vivo», un tal Ebé, profesor de física. Peza dun estudante de liceo escrita para un teatro de marionetas, puña en acción un tipo que se creara e desenvolvera entre un grupo de rapaces. Ubu roi é nunha importante medida a obra mestra do folclore dos colexios. As súas orixes son os cursos de xeografía, de xeometría, de física, de historia; o pobo de Polonia non é máis que unha transposición dese pobo romano que ensinan algúns profesores de latín, e que se contentaría, para aclamar ao primeiro tirano que chega, «con pan e xogos».
Mais a persoa de Ubu elevouse prodixiosamente por enriba da caricatura dun profesor inxusto. Dun tirano de colexio converteuse, grazas a Jarry, no tirano-tipo, besta, covarde,cruel, cobizoso, posuído por todos os «apetitos interiores»; «non é exactamente o Sr. Thiers, nin o Burgués, nin o groseiro; sería máis ben o anarquista perfecto», dicía Jarry do seu pai Ubu. Mais Ubu era anarquista como Hitler é Nietzscheano e aínda que tivera orixinariamente os trazos do potentado feudal, este tipo converteuse no espírito dos homes no prototipo de ditador preocupado soamente polos seus apetitos, hábil en facer funcionar a máquina de descerebrar, ocupado en encher o seu gran peto coa axuda do seu gancho de finanzas, inventor de suplicios atroces. E cando o micro de Radio-Sevilla vibra baixo o alento borracho do bocalán e covarde Queipo de Llano, os seus auditores non poden impedirse pensar que o ex-rei de Polonia volveu por un tempo a ser rei de Aragón.
Ubu enchaîné, escrito en 1900, doce (sic) anos despois de Ubu roi, non vale a primeira destas pezas. Jarry mesturou coas súas lembranzas do seu servizo militar un certo intelectualismo vagamente hegeliano. Ubu enchaîné quere ser como outra obra de Jarry: «a única demostración práctica polo enxeño mecánico denominado caxato de física, da identidade dos contrarios». E a carga non ten sempre a potencia de Ubu roi. Cansa un pouco das evolucións dos homes libres que son os máis escravos e dos encadeamentos sucesivos do pai Ubu, que supoñen cada vez unha nova proba de poder. A escena do tribunal, transposición grandiosa do Guignol, ten no entanto unha real amplitude.
O grupo de Le Diable Écarlate soubo achar en Jean Temerson un Ubu que é a miúdo de primeira orde. O resto dos actores é moi desigual, as escenas carecen de homoxeneidade, os decorados son dunha investigación un pouco seca; o ritmo do espectáculo deixa que desexar, a posta a punto é case sempre imperfecta. Semellante representación estaba non obstante completamente no seu lugar no teatro de ensaio, no que convén facer figurar todas as investigacións dos xoves directores, sexan as que fosen.
Non se podería dicir o mesmo de Bec dans l’eau, interpretado pola compañía 1787. Esta peza é unha especie de caricatura do teatro de propaganda antifascista, e a pesar da excelencia das súas intencións, a súa esaxerada mediocridade, que diminúe non soamente a importancia do texto e do decorado, senón a da arte dramática tout court, prexudica máis que non serve a causa que quere defender. Lamentemos este erro que só ten a escusa da súa boa fe.

G. S., L’Humanité, 2 de outubro de 1937.

Sadoul, en realidade, está a responder, subrepticiamente, o texto que publicara Breton no folleto cuxa tradución integra daremos, como dixemos, en apéndice.

Finalmente, o mesmo día 2 de outubro, no conservador Le Figaro, nas páxinas literarias do sábado, «Le Figaro littéraire», Fernand Vandérem, autor dramático, crítico e novelista, publicaba na sección «Cousas e xentes de letras», un texto titulado «Un supervivente». Velaí o texto:

CHOSES ET GENS DE LETTRES
UN SUPERVIVIENTE
O éxito conseguido pola posta en escena de Ubu enchaîné non me asombrou, dada a encantadora fantasía que anima a peza e aceptación do seu heroe.
E non obstante, hai uns quince anos, quen acreditaría nunha tan brillante supervivencia, tan grande semellaba a crise que atravesaban entón Ubu e o seu autor?
A súa caída iniciárase co libriño dun profesor, revelándonos que a peza non era máis que unha farsa de colexiais, composta no liceo por Jarry con dous camaradas, futuros politécnicos e que non agachaban o seu estupor porque se tomara literariamente en serio esta broma de colexiais.
Logo, inmediatamente despois, houbo en l’Oeuvre unha reposición de Ubu roi, mal distribuída nos papeis, interpretada sen entusiasmo –un fiasco, seguido dunha prensa execrábel sobre a cal os salóns atesouraban desprezos. Eran as pobrezas que divertían en 1900! Non volvamos a elas.
Quizais só, comigo, o Sr. André Breton se mostraba menos pesimista sobre os destinos da obra e non dubidaba en escribir: «Ubu fica unha creación admirábel pola que daría todos os Shakespeares e todos os Rabelais». Mais, diante de semellantes desafíos ao bo gusto, os nosos delicados alzaban os ombros.
E quince anos máis tarde, a pesar das condenas esmagadoras, velaí que Ubu reaparece máis vivo, máis popular que nunca. Nos artigos literarios, nas polémicas políticas, nas conversas familiares, non hai día en que non se fale del. Non hai día en que non se evoque como a encarnación da deshonestidade, da intolerancia, da ignorancia enchida de parvada e de vaidade.
É que, durante este lapso, fíxose sitio na gloriosa falanxe deses tipos representativos que a multitude fai seus –como don Quixote, Tartufo, Tartarín e cuxos nomes propios, convertidos en nomes comúns, fixéronse de necesidade pública. Ora, contra estes tipos sábese que en certo momento nin a crítica, nin os salóns poden xa nada.

Fernand Vandérem, Le Figaro, 2 de outubro de 1937.

Evidentemente houbo máis recensións e comentarios sobre esta estrea de Ubu enchaîné, mais as revistas e os xornais en que apareceron non están dixitalizados (de momento) pola Biblioteca Nacional francesa, que é de onde tiramos a maioría destes datos. No entanto, Henri Béhar, no seu excelente libro Jarry, le monstre et la marionette (6), do que xa falamos na anterior entrega, reproduce algúns fragmentos de recensións, ou de noticias, desta estrea. Por exemplo, para reconfirmar que esta posta en escena da obra de Jarry era unha manifestación surrealista, Benjamin Crémieux, quen descubrira Pirandello aos franceses, era un excelente critico literario e teatral, colaborador da Nouvelle Revue Française e autor de diversos libros, entre eles unha historia da literatura italiana, udeu de relixión, foi un dos primeiros resistentes aos nazis e morreu no campo de concentración de Buchenwald o 14 de abril de 1944, no semanario Vendredi, escribiu, segundo reproduce Béhar (op. cit., p. 145), entre outras cousas o seguinte:

«Unha sala ateigada na que surrealistas, ex-surrealistas e parasurrealistas se mesturaban cunha mocidade menos dogmática pero tan virulenta como para protestar a cada caída do pano, sen se que se puidese saber moi claramente se era a presentación do Sr. Itkine, dunha xocosidade e dunha elaboración notábeis, ou ben a obra de Jarry…». No semanario de dereitas Candide, o seu crítico, Lucien Dubech, militante da ultradereitista L’Action Française, afirmaba (sempre seguindo a Béhar): «Ubu enchaîné non está, infelizmente, ben interpretado». Tamén se pregunta se a peza e representábel (xa sabemos que esta opinión é da que sempre botou man a crítica reaccionaria, literariamente: Valle tampouco era representábel). A pesar de todo, Dubech estaba encantado coa representación da peza de Jarry, xa que segundo el: «é unha prefiguración sorprendente da Frente Popular», o que, como afirma Béhar, non esta falto de sabor, cando sabemos, como veremos no apéndice, que Breton e os seus amigos, os maiores propagandistas da representación, ven na peza a encarnación do fascismo. Paul Chaveau, historiador do Pai Ubu, «prefire, afirma Béhar, resituar a obra no seu contexto histórico: “Ubu Enchaîné é algo ocasional, unha xustaposición de sketches surrealizados en que, máis que o permanente, o actual ten a súa parte: o actual entón contemporáneo, o actual 1900. O Sr. Sylvain Itkine, o director e o Sr. Max Ernst, o decorador de Le Diable Écarlate, sábeno ben e actuaron en consecuencia ao facelo non obstante singularmente presente. Porque, no arranxo que acaban de presentar, é, ao superar a obra da que acabamos de dicir todo o que a precede e todo o que ela supón, o verdadeiro, o eterno Pai Ubu” (Nouvelles Littéraires, 2 de outubro de 1937)». No semanario Beaux-Arts afírmase que hai que felicitar o director, Sr. Sylvain Itykine, pola unidade de estilo que soubo facer reinar entre todos os seus colaboradores. Claude Hervin, en Paris-Midi, escribe: «Ademais, o xove animador de Le Diable Écarlate posúe un sentido moi agudo da cousa teatral; admírase a xusteza de ton, a precisión nos detalles da súa posta en escena». Para acabarmos, Béhar reproduce un fragmento da recensión («Primeira representación de Ubu Enchaîne») que André Rolland de Renéville, amigo de Artaud e influído por este, publicou na Nouvelle Revue Française o 1 de novembro de 1937. Rolland de Renéville, segundo Béhar, ve no espectáculo «un triunfo perfecto que condena todo o teatro anterior», e reproduce un fragmento da recensión: «A representación de Ubu Enchaîné na Comédie des Champs-Elysées foi verdadeiro teatro, é dicir, un espectáculo no que o escenario se convertía de repente no ventre dunha idea embarazada, en cuxo interior os personaxes se elaboraban baixo as nosas olladas. Cada un destes personaxes tiña a función de significar o aspecto da idea de que era fillo e por este feito, cada un dos personaxes era unha palabra. É dicir bastante que as súas evolucións concorrían a formar diante do público un poema dunha especie non descoñecida, mais esquecida, onde o xesto, a cor, a palabra se converten nos simples graos da manifestación cuxo acordo era o obxectivo.
»Ao asistir a Ubu Enchaîné vivíase a idea de que Europa non é máis que un punto capital do continente asiático, tanto a tradición oriental do teatro era dun só golpe recuperada pola graza do xenio de Alfred Jarry e a intelixencia dos actores que se puxeran respectivamente ao seu servizo».

Como afirma Béhar, o eloxio dos intérpretes é afagador, xa que na súa maioría eran simples afeccionados, como Marcel Jean, surrealista, autor dunha historia da pintura surrealista, dun libro sobre a xénese do pensamento moderno, etc. Outros, pola contra, chegarían lonxe despois de 1945, como Roger Blin, coñecido por montar as obras de Samuel Beckett. E Sylvain Itkine despois deste 1937 montaría obras de Montherlant e unha nova versión de Le coup de Trafalgar, do ex-surrealista Roger Vitrac, traballaría tamén moito no teatro radiofónico, interviría en diversos filmes, etc. En 1940, despois da derrota de Francia fronte aos nazis, Itkine encontraría a Breton e outros membros do grupo surrealista en Marsella, onde colabora con eles en diversas sesións e actos, pasando logo a traballar nunha granxa creada por el e outros militantes trostkistas, como o era o propio Itkine. En 1942, ao non poder fuxir de Francia, volve a París, entra na Resistencia, e en 1944 é denunciado por un axente dobre e torturado pola Xestapo en Lyon (lembremos que esta estaba dirixida nesta cidade polo famoso Klaus Barbie), finalmente foi fusilado o 20 de agosto de 1944, poucos días antes de que Lyon fose liberada.

NOTA
(5) Obra teatral de Marcel Pagnol, na que un mestre de escola, honrado, é despedido e, vendo o que acontece ao seu redor, convértese nun negociante deshonesto.
(6) Henri Béhar, Jarry, le monstre et la marionette, Paris, Librairie Larousse, 1973.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

1 comentário

  1. 🕔 19:18, 01.Dez 2015

    Suso de Toro

    Cando tiña decesete anos lin unha reseña do Ubu, onde? No suplemento de Informaciones? Noutro lugar? Daquela convencín a uns amigos, un tiña cámara de fotos, para posaren como tal. Aínda deben andar pola casa fotos dun amigo, xa falecido, sentado nunha cadeira nun basureiro coa súa coroa e unha túnica. A idea que me fixen do Ubu.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *