<em>Bébesme Cízico no canto das sereas</em> (II)

Bébesme Cízico no canto das sereas (II)

0 comentários 🕔12:30, 07.Dez 2015

Bébesme Cízico no canto das sereas nace a partir da lectura dun mito grego, relatado nos Cantos argonáuticos de Caio Valerio Flaco, e tamén na Viaxe dos Argonautas de Apolonio de Rodas. Clite era a muller de Cízico, rei de Cízico (reino situado no mar Negro, hoxe Bal Kiz, en Turquía), un pobo pequeno de pesca. Vivían en paz ata o día en que chegaron Xasón e os Argonautas e, despois de grandes festas en amizade, cando xa pensaban voltar no seu barco, por unha confusión, mataron a Cízico. Cando Clite se enteirou da morte do seu home quitouse a vida, aforcándose nunha árbore. No lugar do suicidio as ninfas fixeron brotar unha fonte.

Neste poema, Clite é a muller dun home do mar, Cízico, a quen espera cada día, sen saber xa se desexa ou non o seu regreso, pois ela sabe que un día non voltará. Cízico morre no mar e ela, como a Clite do mito, suicídase.

É esta a versión electrónica do libro de artista Bébesme Cízico no canto das sereas, editado por arTeu, con 15 exemplares asinados e numerados, impresos en papel Canson edition 250 gr. e ilustrado con cianotipias, tamén da autora (aquí amósanse unha selección das mesmas).

Creado para o proxecto de intercambio artístico con Londres e Ullapool, Portable. Algúns dos versos do poema foron traducidos ao inglés por Tati Mancebo, acompañando o libro na exposición de Londres.

Brua o ar
dende o valado
da lingua do paxaro
fura o mar
as guerlas das naves.

***

Queres navegar entre os lirios que medran
na marxe do río
que o corpo cheire
a anguía
aaaaaxarda
aaaaaaaaaaaargazo
baixo un soño de augamás
beber da copa azul que adormece

***

Remoes a noite nos pousos do café
os círculos da túa carraxe
combaten a calma do liño
foxen do leito
no que dorme esganado o amor
e as pegadas da ausencia
aterecen subliñadas de ardentia

Cízico bébete no canto das sereas.

***

A brétema dilúe a espera en paxaros
a transparencia dos ollos
e a lúa a perforar a ardora
agardas
entre as ruínas
das tardes vencidas

Non son eu quen te precipita
no fío dun ronsel de morte
é a estirpe do mar
quen te ofrenda ao alento dos mascatos

Pariches libeliñas negras
pero tiñas o útero
cheo de pétalas de magnolia
desexas ser lúa
deveces por coñecer o fondo
da masa escura que el
atravesa coma peixe cego
trabas nas horas
tentas desfacer os nós
das cinco cordas que te amarran ao chan
a ese baleiro de auga e terra
moves os pés lentos
sobre as baldosas de xabre

Arrastras a espera
envolta nun nobelo de eiruga durmida
recolles a roupa sucia
que Cízico deixou caer ao bordo da cama
no precipicio da noite anterior
a que ti bordaches con fíos dourados
deletreas o tempo
na transfusión das bágoas
que lamben o pouso da ausencia
enleada no tecido de rosas e cardume
calas o segredo no peito do paxaro

Cízico bébete no canto das sereas.

***

Espida e furada
na butaca de veludo azul
a cor esvaecida
pola luz que inunda o cuarto
a nudez dos muros no baleiro
a foto dos dous no centro do abismo
o vento e a chuvia
derramándose
derramándose
dende o vidro da pel
náufraga a língua
aapaxaro
aaaanube
aaaaaaaaaabucio
as palabras
trebón batendo nas fiestras
os aloumiños
batendo nas fiestras

Clite
desfeita en cinza de papoulas.

***

Medran os pasos ata o peirao
desposuído do tempo
esvara o corpo entre a cidade que dorme
no aramio das aves
e os tecidos do estómago
a bicarse
o pranto dunha muller
esgaza a noite
esvara o corpo entre a cidade que dorme
no aramio das aves
o devalo da sombra
do asfalto ao muro
nos gonzos da porta

***

Medrar ata ela
verquer o meu sangue no seu sangue
os cristais coma liñas de ferro
os ollos idénticos aos meus
as veas sementando sangue

renxe o mar
no ecoar da brétema.

***

Devala púrpura o mar
sobre o corpo de Cízico
agarda o cadáver no chío das gaivotas

dorme agora
Cízico
nesta agonía de silencios

***

Pousa a boca na súa boca
e cega as palabras
pousa a boca na súa boca
e apresa os paxaros que foxen
pousa a boca na súa boca
e afoga o veleno da memoria
pousa a boca na súa boca
e adormece o latexar das cóbregas
pousa a boca na súa boca
e bica un a un todos os seus mortos
pousa a boca na súa boca
e repite “non voltes, non voltes”
enche a bañeira de auga e lírios brancos
axiña chegará o solpor.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *