Entrevista ao poeta do mar: Xosé Iglesias

Entrevista ao poeta do mar: Xosé Iglesias

1 comentário 🕔11:30, 10.Dez 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a poesía?

- Xosé Iglesias: Unha onda vén ó lonxe a un cuarto de milla, destacando entre as demais de menor tamaño, describindo un ronsel de continuidade, facendo que as moléculas do mar actúen e se movan por si mesmas. Nós ollamos expectantes a súa chegada.

Esa visión, ese intre no que o movemento se transforma en enerxía, en cores, en espazo, en inquietude, en espera, é o intre no que a palabra emerxe e se espalla.

Podería definir a poesía como un conxunto de forzas externas e internas que confluén e dan como resultado unha acción, con máis ou menos intensidade, pero sempre viva e con perpetuidade no tempo.

- Palavra Comum: Como é, no teu caso, o processo de criação literária?

- Xosé Iglesias: Traballar no océano é como se eu, como ser vivo, renunciase á modernidade e voltase á orixe. Auga, terra, aire e, no medio da natureza, nós. Aínda que o mar sempre é o mesmo, vemos como cada día sofre unha metamorfose. Un mar en calma, unha brisa que comeza, un vento do sur grisáceo cheo de cúmulos, un nordés salitroso e azul, unha noite de lúa chea, un banco de cardumes que xorde na proa…

Detrás de todas esas percepcións están os nosos ollos, que visualizan e descompoñen cada intre do día cun momento de desconexión da realidade. Nese intre xorde unha voz, un vocabulario racional ou irracional, unha idea asociada á emoción.

E así, no meu caso, saen os poemas, sempre en continua alianza coa natureza.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (plásticas, música, visuais, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Xosé Iglesias: Provocar a interacción de calquera arte coa poesía é como se nela entrase o vento, ou un raio de luz, ou a choiva, ou a brétema.

Non hai soedade sonora no caso de que sexan audiovisuais, e non hai estancamento da imaxe no caso de ser fotografías ou plástica. Unha fotografía pode falar por si mesma, pero se leva un verso como encabezamento xa parece que os cuadrantes andan ó seu redor soprando.

No meu caso particular gozo ate o extremo xuntando música máis versos. Lembro a primeira vez que escoitei a Xabier Diaz e a Guadi Galego cantar a canción do cantautor brasileiro Vítor Ramil, “Astronauta lírico”. Penso que nese intre comecei a escribir o meu primeiro libro.

Fran Barcia e o seu irmán Carlos, xoves promesas musicais, son para min un claro exemplo de como interactuar ao cen por cen poema máis música, posto que retrataron en cada nota musical xustamente esa melodía imaxinaria que soaba no meu interior cando escribín o poema “astrónomos de caladoiros invisibles”. A relación poema-música é perfecta.

Música máis poesía, emoción, proximidade e latexo.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes?

- Xosé Iglesias: Está claro que sendo un poeta do mar, que só escribe do mar , teño que ter como poetas de referencia ós nosos poetas do mar clásicos, como Manuel Antonio, ó que admiro moitísimo, e tamén a Antón Avilés de Taramancos. E, como non, a Bernardino Graña.

Pero quédome tamén con moitos poemas de moitos poetas actuais, e non cito a ningún porque de cada un deles teño varios poemas como favoritos meus.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje?

- Xosé Iglesias: No meu caso particular emprendín, como ben sabedes, algo inédito na literatura galega, que foi o acto de recitar os poemas dende o mesmo océano. Recitados co meu traxe de mariñeiro, no meu barco de mariñeiro, cos meus peixes, coa paisaxe oscilante das ondas de fondo. Non me imaxinei en absoluto, cando o meu tripulante senegalés Hassane me estaba a gravar cun teléfono do máis normal, que o meu poema “Nove metros” ía ser capaz de facer sentir á xente o que eu quería expresar, pero fixoo.

Agora espero e estou expectante a que un labrego, dende a súa leira, colla o sacho e o poña en alto e comece a falar da liberdade e escravitude de ser labrego. Ou mesmo a ese gandeiro que baixe do seu tractor e arranque do chan un anaco de herba e fale da liberdade e escravitude de ser gandeiro. E despois os suba á súa canle temática de Youtube para que a Galiza enteira o vexa.

- Palavra Comum: Que opinas da situação do mar galego? Que alternativas de futuro consideras mais necessárias, desde um ponto de vista integral (ecológico, económico, social, cultural, etc.)?

- Xosé Iglesias: No mar estamos a sufrir nas nosas propias carnes como dende Europa e co apoio incondicional do goberno se nos quere desterrar do noso entorno natural, da nosa profesión, do noso traballo, do noso xeito de vida. E vemos como os cartos da Consellería do Mar van adicados á destrución da nosa frota, despedazando ano tras ano barcos e máis barcos, comprobando como nos están a roubar os nosos peixes asignádonos cotas ridículas que non darían nin para soltar os cabos do peirao. Tamén están a apoiar a acuicultura intensiva, cousa que nos parece desleal coa propia natureza cando sabemos que para producir un quilo de peixe de piscifactoría fan falla moitos quilos de peixe salvaxe para alimentalo. A situación é terrible, inspeccións continuas, importacións masivas de peixes foráneos, competencia desleal, desunión completa pola nosa parte… En definitiva, un sector que neste intre vai completamente navegando polo panorama político europeo sen rumbo ningún. Deberiamos ter a coxestión dos nosos propios recursos como levabamos facendo toda a vida. Os nosos antepasados xa foron quen de facer vedas, xa sabían das épocas de desova de cada especie e intentaban non sobreexplotar os caladoiros. As normas impostas a 3000 quilómetros desta terra non nos serven nin as queremos. Deberiamos tamén potenciar as áreas de reservas mariñas onde só puidesen pescar as artes de baixo impacto ecolóxico ( artes menores, pesca artesanal), e dende o sector implicarnos co apoio da administración en dar a coñecer dende dentro ( por exemplo a través do turismo mariñeiro) a nosa forma de traballar.

- Palavra Comum: Fala-nos sobre o teu trabalho diário. Que é o que consideras é mais desconhecido?

- Xosé Iglesias: Cada vez que lle falo ós “ terrícolas” da miña profesión, comprobo que case todo o que lles conto é novo para eles. O noso horario é un tanto peculiar, xa que temos que saír ó mar e arriar as redes antes da saída do sol, así polo tanto temos no verán que nos erguer ás tres e media da madrugada, e no inverno unha hora máis tarde. A xornada normalmente vén sendo dunhas once ou doce horas de traballo, aínda que non é seguido, xa que nese tempo hai navegacións e tempo de espera a que amenza. Habitualmente traballamos o peixe, con redes de enmalle chamadas “vetas”, e pescamos salmonetes, pescadas, fanecas, xardas, xurelos, bicudos, … E no inverno traballamos con outra clase de rede que se chama “trasmallo”, e con elas pescamos centolas, raias, sepias, linguados, rodaballos, … Tamén de vez en cando desembarcamos as redes de abordo e embarcamos as nasas do polbo, para adicarnos a esta especie, aínda que tamén pode vir dentro das nasas algunha nécora e algún bogavante. Deixo uns enlaces de como traballamos as distintas artes de pesca, xa que unha imaxe ou vídeo, neste caso, vale máis que mil palabras.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária?

- Xosé Iglesias: Sería esta terra mesma, co mesmo clima, os mesmos peixes, a mesma música, os mesmos poetas, os mesmos manxares, a mesma xente, os mesmos animais, as mesmas plantas, pero con máis amor entre eles. Gustaríame moito que soubesen apreciar un pouco máis o autóctono, e case poría en primeiro lugar o noso idioma, e que deixasemos pola popa todos eses estigmas que levou asociada sempre consigo a palabra galego.

E no mar, gustaríame moitísimo voltar a ver as rías cheas de galeóns cruzándoas de unha beira a outra. Encher as rías de velas.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Xosé Iglesias: Agora mesmo estou a escribir os últimos poemas do meu seguinte poemario, onde un dos temas principais será a construción dun barco de pesca de baixura, así como a lembranza daqueles navíos que cruzaban as nosas rías coa forza do vento, e unha homenaxe ós distintos oficios do mar. Cara un futuro próximo, quero escribir un poemario adicado integramente a ese mar onde eu traballei durante 4 anos, o Gran Sol, e os portos de Inglaterra e Irlanda.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum?

- Xosé Iglesias: Dentro deste entorno de sociedade con pouco amor á cultura , onde case priman as orxías televisuais, case que podo decir que Palavra Comum é un faro, unha luz guía para todos aqueles que gusten de coñecer distintas formas de expresión, artística, plástica ou literaria, e soltar deste xeito os cabos que nos amarran a todos nesta época na que nos tocou vivir, para ollar, escoitar, e sentir, horizontes distintos. Medre o mar!!

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

1 comentário

  1. 🕔 21:08, 10.Dez 2015

    miguel mato

    X. Iglesias sempre nos deixa unha outra ollada, da outra banda da criazón. Magnífico traballo de Palavra Comun

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *