Entrevista à escritora galega Ledicia Costas

Entrevista à escritora galega Ledicia Costas

0 comentários 🕔12:15, 24.Dez 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Ledicia Costas: É difícil contestar esta pregunta sen caer en tópicos ou frases feitas. Toda a miña vida xira arredor da literatura. É unha parte moi importante de min, aquela que me axuda a darlle sentido ao mundo no que vivo. E, desde unha perspectiva máis práctica, é o meu oficio. Aquilo no que traballo cada día.

- Palavra Comum: Como levas adiante o processo de criação literária?

- Ledicia Costas: Son moi instintiva. Parto dunha idea moi xeral e imprecisa que vai collendo forma a medida que escribo. Nunca conto cun plan inicial, aposto pola liberdade. Deixo que os personaxes configuren a súa personalidade devagar, ao ritmo da historia. Paso moitas horas diante do ordenador, dedicándome só a pensar. Escribo a medida que penso. E case nunca volvo atrás, sempre vou cara adiante. A trama vai encaixando como por arte de maxia a forza de escribir e pensar, pensar e escribir.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, cinema, artes plásticas, etc.)? Que experiências tens, neste sentido (Poetas da Hóstia, etc.)?

- Ledicia Costas: Tiven varias experiencias combinando poesía e danza contemporánea e poesía e arte. Tamén cos Poetas da Hostia, tanto nos recitais da Hostia en Verso como nos espectáculos Merendacea, poesía para devorar, onde mesturamos música, artes plásticas, títeres, videocreación, humor, poesía… Foron todas elas experiencias que serviron para sumar, para crear unha rede de persoas que interactuaban sobre un escenario, cada unha partindo dunha manifestación artística concreta, e sempre xirando arredor da palabra poética.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes -num sentido amplo-? Quais deles achas que são desconhecid@s (ou preteridos) ainda injustamente?

- Ledicia Costas: Nun sentido amplo, teño referentes na música, no cine, na literatura, na arte… Pero tamén sinto que estou influenciada por persoas próximas a min. Pola miña familia, as persoas coas que me identifico, as que me marcaron por unha ou por outra razón… Considero un referente as cancións do Xabarín Club. Tamén os primeiros libros de literatura galega que lin no instituto. E aqueloutros que lin pola miña conta, de autores e autoras de outras latitudes. Tamén as películas e series que vin de nena, de adolescente, de adulta. E a arte, claro. Na súa expresión máis ampla e na máis concreta.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras e @s escritor@s com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, mais em geral-?

- Ledicia Costas: Non creo que deba haber unha norma sobre os camiños estéticos da creación literaria. Creo na liberdade, na calidade poliédrica do feito artístico. Tamén na improvisación, na capacidade da literatura para deixar intuír o momento concreto no que é concibida.

- Palavra Comum: Como ves a literatura galega nestes momentos?

- Ledicia Costas: Esta pregunta é difícil de contestar. Intentando sintentizar a resposta, por un lado coido que estamos nun momento de eclosión, onde non deixan de agromar novas voces que irrompen con forza. Iso é fantástico porque garante o futuro da nosa literatura, polo menos a medio prazo. Mais existe unha especie de pesimismo histórico que pesa demasiado. Arrastramos desde moi atrás un discurso negativo que coido que cómpre transformar para empezar a construír en positivo. Creo que é necesario tomar conciencia de que en galego tamén podemos voar e chegar lonxe. E, malia as dificultades engadidas que ten escribir nunha lingua minorizada como a nosa, o esforzo paga moito a pena.

- Palavra Comum: Fala-nos da revista Criaturas

- Ledicia Costas: Criaturas naceu coa vontade de ser unha publicación especializada en literatura infantil e xuvenil. Un tellado baixo o que abeirar a escritoras, ilustradores, críticas, libreiros, bibliotecarias… e a todos aqueles axentes e persoas que traballan a prol da LIX. Falando con Daniel Landesa, de quen partiu a idea inicial e que botou a andar toda a web e a parte visual do proxecto, e tamén con Montse Pena, crítica especializada en literatura infantil e xuvenil, chegamos á conclusión de que era necesario crear unha ferramenta centrada na LIX, que puidese ser de utilidade a docentes, bibliotecarias, etc., ademais de contribuír a visibilizar a todas as persoas que traballan neste eido. Ao longo deste mes de decembro sairá un especial de nadal que vén cun suplemento que pretende ser un agasallo literario. E a primeiros de abril de 2016 lanzaremos un especial dedicado ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Criaturas débelle todo ás persoas que, de xeito totalmente desinteresado, colaboran en cada número e tamén no material que achegamos á web.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua galega -a sua situação, a sua vinculação com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia), etc.-?

- Ledicia Costas: Somos unha resistencia. Como país e como cultura. E cústanos poñernos de acordo. Ás veces semella que se nos esquece que sumar é positivo. Xeograficamente estamos moi preto de Portugal. Mais eu, ás veces teño a sensación de que estamos moi lonxe. Ignoro cal é a vía para acurtar distancias. Talvez deberíamos empezar polo máis básico: polo respecto mutuo.

- Palavra Comum: Que vínculos há, do teu ponto de vista, entre arte(s) e vida(s)?

- Ledicia Costas: A arte é un xeito de entender o mundo, de interpretalo.

- Palavra Comum: Fala-nos de como seria -e que pode existir dela já agora- da tua Galiza imaginária…

- Ledicia Costas: Sería unha Galiza onde non tivese que dar explicacións de por que escribo ou falo galego. Onde os camareiros non me mirasen raro por pedir un té con leite, unha macela ou un café con xeo. Onde non me preguntasen a cada pouco por que non escribo en castelán, para chegar a máis lectores e lectoras. Nesa Galiza imaxinaria eu non tería que estar sempre á defensiva, con respostas preparadas para contestar preguntas incómodas. Non tería que dicir cousas do tipo “se vivise en Rusia, escribiría en ruso, pero vivo en Galicia”. Ou “escribo na lingua que penso, na lingua que sinto, na que decidín expresarme”. O galego sería unha lingua normalizada. Ninguén faría burla imitando o meu acento. Ninguén me diría cousas como “no le hables a mi hijo el gallego, que no lo entiende”. Ou “el gallego no sirve para nada. Aprende inglés”.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Ledicia Costas: O meu proxecto é que a escrita en lingua galega continúe sendo o meu oficio. Quero seguir achegándolle historias á xente e recibir o mesmo agarimo que ata agora. O 2016 vai ser un ano onde sairán á luz varios libros e varias traducións. Oxalá os sucesivos sexan semellantes!

NOTA: a fotografia da autora é de Anxo Cabada.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *