<em>Toxomar é unha utopía</em> (IV), por Beatriz Dacosta

Toxomar é unha utopía (IV), por Beatriz Dacosta

0 comentários 🕔11:30, 24.Dez 2015

TOXOMAR É UNHA UTOPÍA é un conxunto de poemas escritos ao redor dos anos 2001-2002, que ben se podería ter titulado A CASA DESARTELLADA, pero optei pola primeira nomenclatura aproveitando o significado da palabra utopía como sinónimo de ningún lugar. Está dividido en catro partes: a primeira a modo de limiar, “toxomar acende unha lumieira, avolto de lume e toxo”, vai seguida de outras tres: interior, interno e íntimo a través das que se leva a cabo a desconstrución dun mundo e a necesidade, visible na subsección “peixes voadores”, dun lume, un soño, ilusión ou esperanza, cando todo está perdido e se cae a ningún lugar.

Este poemario naceu precisamente en ningún lugar, isto é, no servidor “TERRA” e que fun capaz de pendurar alí despois de asistir a un curso organizado pola FIGA que tiña por obxectivo dotar ás participantes duns coñecementos básicos para construír páxinas web e apañarnos no uso das novas tecnoloxías. Alí quedou toxomar é unha utopía, vivindo no silencio dese ningún lugar durante anos ata que ese mesmo silencio o disolveu, xa que o recurso non se atopa dispoñible, e agora, a través de Palavra Comum volve resucitar na súa mesma esencia intanxible, camuflado na arañeira.

Peixes voadores

O intre abala en ti,
parafuso helicoidal de soños,
estrúgase o espertador
e de socato
o ollo se baleira.

***

Os miolos abrollan lume
na carpeta pechada
das horas, e as notas,
pegadas do silencio,
só transcorren transparentes
cara ó esquezo.

***

O ollo asolaga cuspes
vertidos e un ti que fas
vestido de festa sen foguetes,
sen querer cargas de pedra
no libro e un compás
para ver menceres.

***

Cando a mirada era universo
vencía os voos e os panos
das areas soas, nacía en ti,
e tremías coma un vimbio,
porque os vimbios
tamén teñen olladas,
e ás veces miran.

***

E o sol penetra aberto,
e os ollos doen, cegan,
porque non ven mañá,
só días repetidos e afogados
coma mortos,
e o sol entra a berros
e as pálpebras renegan
a luz a cachón polo corpo,
nas costas,
mañá non existe
e pérdese o cuspe,
insípido, e unha bágoa
descoñece o teu sabor.

***

Continúo en exilios de peixes
na ardentía gris da lama dura,
se agora me entrego ó mar
nunca serei sombra,
e as sombras tamén aman.

***

O teu nome viaxa
dentro do silencio
fondo na víscera corazón
e nas nasas das nécoras
viaxa e o trebón
contivo as apalpadelas
e estrelouse na mel
nos teus beizos
a boca calou
na insoportable calor
do bafo inquisitorio dos ollos
desdebuxándome
agochando o degoiro extremo
coma un trasno

***

Atravesar os lindeiros
coma lóstrego, e permanecer
no punto de ti, suspensa,
e dicir ollos, mans, desexo,
e que o mundo
non espiche con ourizos.

***

Canto percorrería
na praia do teu mar,
perdida nos teus ollos,
sería peixe de luz,
escorregaría.

***

E non sei que afogos
rotan no corazón,
que aire quente,
remuíño aniñando
epicentros de volcáns,
que día queda
tras pensarte tralos montes.

***

A tinta estática en nós.
Abro os dedos coma bicos,
e os dedos preguntan
polo teu sorriso,
e os teus dedos calan,
e o sol non nace.

***

As pombas aniñan
en acentos circunflexos
e procuran mornura
nas trabadelas das nádegas
e pálpebras amantes
para tan só voar.

***

Carbón polas coxas,
polo pelo esgazado
no nervioso sorriso,
nos dentes carbón,
carbón en nós,
onde sermos só chuvia
contracta arestora.

***

O reloxo é infiel
ó segundo que no
canto de perdurar
bórrase extinguido
na borralla.

***

Habitas neve
e queres que a neve
estea fóra
onde os ollos brancos
aniñan coma repolos
e furgas no chan
abres a terra
e choras
porque a neve
está nos teus beizos
que vas tragando
como cicuta

***

O papel esbrancuxado
as follas en desorde
na carpeta azul
un conto un tanto agre
libros abertos
falando en releves
húmidos
revendo pingas de chuvia

***

Nin pel descuberta
nin sabas de aromas
na pel ¡as palabras
bordean tanto
a fame dos ollos!

***

Engruñada á beira da cama
a un lado a lámpada
ó outro eu e eu na foto
nin me miro nin me atopo

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *