3 poemas de <em>Zonas de tránsito</em>, por Ramón Neto

3 poemas de Zonas de tránsito, por Ramón Neto

0 comentários 🕔13:30, 28.Dez 2015

Desde a revista Palavra Comum agradecemos ao poeta galego, residente em Bruxelas, Ramón Neto, o envio destes três poemas do seu livro Zonas de tránsito, publicado recentemente por Sotelo Blanco Edicións, com o que obtivera o Prémio Eusebio Lorenzo Baleirón em 2014.

Velocidade de cruceiro

É a taiga, mesto pouso da noite, a que sostén este voo –gorecendo a sombra do avión para que, un a un, mente os homes que xacen baixo cada dormente do transiberiano.

Neses espazos nos que espesa a pel do medo e o solpor é un disco tronzador, o que conta é encontrar, como os cazadores da taiga, a liña dereita no medio da inmensidade do erro, sen deixar ir o xenio entre o óso e a cartilaxe.

Brazos e pernas esténdense mentres o pelo corporal se encrespa espreitando puntos de calor e vibracións de inquietude no ar.

As xemas e as dedas deslízanse coa gravidade dun polbo a piques de desovar polo silencio faiscante de auriculares conectados a filmes de acción. Até que, dunha dentada, fas renxer as miñas falanxes para dicirme

aquí estou.

Mentres a bordo todas e todos dormen ou durmiñan, é xa o poeta quen –coa man esquerda– pilota o avión.

***

Ti, que escoitas

Bocexas
na miña boca
mais non tes sono
nin queres deixalo por hoxe.

Non sabes o que che espera, porén,
non queres renunciar.
Bocexas –é puro reflexo
para relaxar as cordas vocais.

A miña lingua
percorre a túa cavidade
auricular: son todo esporas
e esculco.

Es toda esporas
e saes ao meu encontro
pola porta de atrás.
Non nos cruzamos.

Pero acabamos sabendo de nós,
indagando os camiños
da voz até dar co limiar.
O limiar de dese Ti

que nos percibe.
Ti, que estás á escoita.

***

Na kitchenette do corazón,
a mañá enfróntase a un novo espertar
a medias
aaaaaaaaaa–desbaratada e hostil
con vaixela e cubertos sen lavar,
e pousos selados na superficie
de mesa e móbeis.

O corazón non deixa
de errar en todo o que cociña
nas súas máis íntimas conviccións.
Desde que me mudei,
sempre conto con que algo
aconteza ao poñer a cafeteira
a andar e o leite ao lume.

Paso os días facendo reaxustes
nos meus supostos cordos
maxíns, nas miñas aparentemente
verídicas intuicións, acumulando
erros e máis erros de navegación

mais a aperta é sempre oceánica.

E cando o leite bota xa por fóra
e o arrecendo a café dálle a razón
á cisma matinal, sabemos
que o inevitábel erro é sempre para mellor.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *