Entrevista a Lara Rozados

Entrevista a Lara Rozados

0 comentários 🕔13:00, 31.Dez 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura? E o cinema e o teatro?

- Lara Rozados: Non sei se son quen de dar unha definición… Para min, no meu caso, son formas de comunicación, case tan cotiás coma a fala. Tampouco sei se hai límites claros entre unha cousa e outra, aínda que nos poida parecer evidente que a literatura traballa con palabras, que o código do cine son as imaxes ou cal é a semiótica do que hai enriba dun escenario… Todo está moito máis mesturado, empregamos unha chea de metáforas na nosa vida cotiá, de recursos que veñen do teatro e xa temos integrados, o cine recolle todo e nolo pon diante… Son, xa digo, diferentes códigos. O caso é sermos quen, todas as persoas, de emitir e recibir mensaxes con calquera deles. Esta capacidade de usarmos ferramentas para construírmos (e entendermos) relato preocúpame moito, non sei se é unha cousa vital miña, que son nai recente, que veñen eleccións, ou que.

- Palavra Comum: Como levas a cabo, no teu caso, o(s) processo(s) de criação artística?

- Lara Rozados: No meu caso, son procesos que van ineludibelmente apegados á vida: case todo o que escribo vai vinculado a un momento de crise vital (entendamos crise como transformación), Outra cousa son proxectos teatrais ou cinematográficos que nos implican a unha colectividade, e nese caso son moooito máis demorados (e elaborados). Pero si que é curioso como todo vai xestándose aos poucos e de súpeto, nun momento en que pensamos “agora, a traballar en serio”, agroma. Pasoume c’O caderno amarelo e con Berlín, dous proxectos (un de escrita individual e outro colectivo teatral) que “emerxeron” á vez: foron procesos de moitos anos “cocéndose”, pero no momento en que dixen/mos: “Veña, agora a escribir/ensaiar”, foi todo moi rápido.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre as diferentes artes (literatura, música, cinema, teatro, fotografia, etc.)?

- Lara Rozados: Xa a adiantei un pouco na primeira resposta: vexo todo relacionado, inspiracións que se alimentan dunhas para outras. Rosalía de Castro cantaba mentres escribía, e o tipo de métrica e rima de Cantares gallegos é unha boa mostra, podemos atopar auténticas obras mestras pictóricas no cine de Pasolini, feitas con xente de carne e óso, ou poesía pura, igual que nos filmes de Ousmane Sembène, e García-Alix ou Nan Goldin, por poñer un caso, son incribles na arte de narrar a propia vida (con todos os seus demos) nos seus autorretratos. A xente, xa digo, empregamos miles de tropos na vida cotiá, e coas cámaras omnipresentes nas nosas vidas ou os relatos que construímos nas redes sociais estamos a narrar(nos) continuamente.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?

- Lara Rozados: Pois os cinco que citei na resposta anterior están bastante ben como exemplo de referentes… Por ese carácter incómodo que tivo a súa obra, esa capacidade de botar luz sobre a sombra, e o seu enorme vitalismo tamén, algo que sinto como necesario en calquera poeta (@s cinco sono).

Insuficientemente recoñecidos, penso que tamén. En xeral, a obra das mulleres, dxs negrxs, das linguas e culturas minorizadas, dxs homosexuais, dxs comunistas, dxs drogodependentes… Non está moi recoñecida, non. A destas cinco persoas que citei conseguiu sobresaír, e aínda así haberá a quen nin lle soe.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Lara Rozados: Máis que interesantes, parécenme imprescindibles aqueles relacionados co colectivo, tanto na produción como na difusión, co feito de tecer redes en comunidade. As novas formas de concibir o que se daba en chamar propiedade intelectual, o traballo inxente que está a desenvolverse desde os centros sociais… Trátase de crear espazos para que a creatividade, que é cousa de todxs, saia fóra e vaia medrando, e de xerar lugares para o encontro. Esa creación cultural é a que me interesa.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o(s) feminismo(s)?

- Lara Rozados: Non sei se podo dicir que “teño” unha perspectiva ou que É a miña perspectiva: entendo o feminismo como ben apuntades non como unha teoría ou unha disciplina, senón en plural (feminismos), polo que ten de múltiple e diverso… E realmente síntoo como unha forma de ver e pensar, de enfocar a realidade tendo en conta á metade da humanidade que o androcentrismo negou historicamente, e que (si, aínda) segue a parecer “natural” obviar. E con esta visión tampouco me pode parecer normal obviar as sexualidades disidentes coa norma, ou as cuestións de raza e clase.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência como jornalista…

- Lara Rozados: Se falamos da experiencia laboral pura e dura, un pouco particular, porque realmente só traballei con contratos de anos en medios que xa non existen. Os dous eran referenciais como medios en galego, Vieiros, o primeiro xornal dixital galego, e o histórico semanario A Nosa Terra, onde entrei facendo as prácticas da carreira, e, á volta dos anos, cando entrara a ampliación de capital, volvín xa como redactora. Fun moi feliz neles (en xeral, en todos), coñecín equipos de redacción (e persoas) extraordinarias e goceino moito, facendo o que máis me gustaba, que era información cultural. Pero paréceme moi mal síntoma que desaparecesen: á parte dos conflitos laborais e empresariais, demostra que todo o que se fai en galego e con certa perspectiva ten que loitar o dobre ou o triplo por sobrevivir. Despois, o que é o traballo de xornalista do día a día nunha pequena edición local dun periódico “grande”, tíveno cun contrato en prácticas (xa con 30 tacos) no Faro de Vigo da comarca do Deza, unha experiencia que tamén era necesaria para ver a outra cara. E tamén gocei moito dela e do equipazo de xente que atopei, non pensen, só digo que era outro mundo diferente ao que coñecía. Podería falar da precarización dos últimos tempos (este contrato fora en prácticas, o anterior con outro xornal, dun mes a media xornada, ou colaboracións voluntarias…), pero non me vou estender. O futuro laboral parece estar noutro lado (traballando na comunicación do WOMEX 2014 foi das poucas veces que o contrato estaba acorde coa miña formación, e todo parece indicar que son estes eventos ou a comunicación corporativa a única posibilidade de vivir do noso traballo), pero colaboro, puntualmente, con medios que me parecen necesarios, coma Luzes.

- Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?

- Lara Rozados: Mimadriña… Posta a imaxinar, sería un lugar idílico onde poderiamos decidir sobre a xestión do noso, o chan, a auga, o aire, os recursos naturais, a lingua e a cultura, a forma de organizar o público (e o persoal tamén é político, non podemos cansar de dicilo, sobre todo co feminicidio que estamos a vivir). Será tan difícil? Non creo… A cousa é que adoecemos de falta de cultura política, o caciquismo e a dependencia das redes clientelares están taaaan metidas en nós como pobo, que entender a necesidade de participación cidadá, da política como traballo de todxs, de volver á praza, á asemblea, á dialéctica, supón un reto. Pero adoro os retos…

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Lara Rozados: Agora mesmo, con acompañar o crecemento da miña filla, rematar a tese en tentar ir traballando no que se poida vou tendo abondo… Pero teño algunha cousa pendente de publicación, e sigo sendo parte activa do Cineclube de Compostela e Histeria Teatro. Con esta última, temos en mente retomar Berlín e ir montando peciñas pequenas, traducións de monólogos de Franca Rame e Darío Fo…

- Palavra Comum: Que opinas de Palavra Comum?

- Lara Rozados: Pois penso que é un deses espazos que referenciei noutra resposta, onde se comparte creatividade. Diso se trata, de facermos da palabra algo comunal.

NOTA: a fotografia que figura nesta entrevista é de Claudio Pato.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *