<em>Toxomar é unha utopía</em> (e V), por Beatriz Dacosta

Toxomar é unha utopía (e V), por Beatriz Dacosta

0 comentários 🕔12:30, 31.Dez 2015

TOXOMAR É UNHA UTOPÍA é un conxunto de poemas escritos ao redor dos anos 2001-2002, que ben se podería ter titulado A CASA DESARTELLADA, pero optei pola primeira nomenclatura aproveitando o significado da palabra utopía como sinónimo de ningún lugar. Está dividido en catro partes: a primeira a modo de limiar, “toxomar acende unha lumieira, avolto de lume e toxo”, vai seguida de outras tres: interior, interno e íntimo a través das que se leva a cabo a desconstrución dun mundo e a necesidade, visible na subsección “peixes voadores”, dun lume, un soño, ilusión ou esperanza, cando todo está perdido e se cae a ningún lugar.

Este poemario naceu precisamente en ningún lugar, isto é, no servidor “TERRA” e que fun capaz de pendurar alí despois de asistir a un curso organizado pola FIGA que tiña por obxectivo dotar ás participantes duns coñecementos básicos para construír páxinas web e apañarnos no uso das novas tecnoloxías. Alí quedou toxomar é unha utopía, vivindo no silencio dese ningún lugar durante anos ata que ese mesmo silencio o disolveu, xa que o recurso non se atopa dispoñible, e agora, a través de Palavra Comum volve resucitar na súa mesma esencia intanxible, camuflado na arañeira.

***

O exilio náufrago dos ollos
á beira dos dentes achou
mornura, as gaivotas voan
soltas en liñas de luz
que agora brillan
no arrecendo incrédulo do lume.

***

A pel é sintética,
sintéticos os novos sons
mesturados con pouco barullo,
as mans tamén sintetizan
utópicos universos nos dedos,
e as frases fragmentarias
do segundo, caen
en sínteses, como pingas.

***

A derramada inocencia
intégrase na cerna do xeo,
folla caída arestora
arrombada polo vento,
transeúntes, e un chisco
de dor, tan pútrida e obscena,
seccionando.

***

O desexo latexa libre
coma un berro solto
en plena carballeira
á luz do día,
e os teus oídos lenes
mergúllanse nas follas
que levan ecos.

***

O tempo é tanto
e é tan pouco o tempo
que ás veces escorrega
entre as pernas
fúndese na lama
agarda e agroma
unha serodia semente
de fame.

***

Ás veces os cantís
calan brétemas e furnas,
só amosan os cons, o vento
salgado en nós, arboran ondas,
cuspen lume, percebes
e cuncas ocres de mar,
as gaivotas voan.

***

Como me gustaría sentir
os teus teitos sen tellado
carretando flores
e poalla neste degoiro
radical da estraña viaxe,
vísceras en min rebélanse
coa chuvia que caendo
dos ollos chegan
ó centro do centro
do mundo que comeza.

***

Distancias infinitas,
mais lóstregos no peito
e voces escachadas
polo corpo
coma cordas,
e os ollos brillan nos sons
mergullándose a modo
na espida sinfonía
do silencioso desexo.

***

Amarelas follas á espreita
niños de pardais na luzada
e abrentes de brañas
na gándara do teu corazón
co devalo do tempo
co cuspe devecido dos soños
e chegando ó rompente
na marea de ti
amarelas follas
escachar.

***

A pedra baleira cala
afogos de eu non sei
pero sei que afogos,
e pesa, enorme,
no seu cerco cego
de soidade, e vai,
e coroa chumbo nas ás,
para lamber acedos
bicos de chan, rebentar,
estercados, coa lingua rota
e as mámoas penduradas
dun peito e da voz,
e baleirarse o corpo
con silencios, ecos, ausencias,
pedras extremas sintomáticas
da absoluta falla de amor.

***

O día repite unha nena,
unha nena na patela e sardiñas,
evoca a rúa bulideira
de pedras, aromas, memorias,
o día amosa unha pel, un ollo,
a distancia revirada do sal,
sal na pel, nas patelas, nas sardiñas,
e logo un reset, reset, turn off, turn off,
e apaga a brétema
cunha furna fría de mentiras,
e oprime con cadeas invisibles
de risos repetidos,
coma extrema burla
dun destino cacofónico.

***

Nada son nada teño
nada permanece en min
tan só o silencio húmido
coma un bico calado
a percorrer o barullo dos ollos
das mans, que agora cantan
estreladas na luz
a forma de ninguén
ou dunha brétema cálida
nada son nada teño
mentres percorre unha illa
a bágoa gris do hábito
que esculca as formas
do imposible
coma un devezo constante
e un golpe fondo fondo
esvarando mentres
recoñezo as formas ocas
que sempre habitarán
os espacios fríos
dos soños imposibles,
e ti, no meu silencio,
na miña nada total,
o meu único soño.

***

Era o mar a palabra plena
esvarando na soidade dos ollos
encallados na area
e a marea subía coma
instinto agochado na cova
da luz, en ti, en min,
que facía debuxiños coas pólas
das árbores sobre as charcas
e todo se borraba
quedando só sal.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *