Dúas recensións italianas de <em>Il Grifone</em>, de Alfredo Conde

Dúas recensións italianas de Il Grifone, de Alfredo Conde

0 comentários 🕔11:30, 04.Jan 2016

En 1989, en Editori Reunitti, é dicir, a editorial do Partido Comunista Italiano, apareceu, traducida por G. Tavani, a novela de Alfredo Conde Xa vai o griffón no vento, co título de Il Grifone. Hoxe entregamos a tradución de dúas recensión italianas que coñecemos da novela. A primeira foi publicada no xornal milanés Corriere della sera, o xornal de máis tiraxe e (uns 500.000 exemplares en 2010) e venda de Italia. O comentario vai asinado por Sergio Perosa, autor coñecido, sobre todo, polos seus estudos sobre literatura norteamericana. Apareceu a recensión o domingo 10 de decembro de 1989, na páxina 5 de Corriere cultura, a 6 columnas (o Corriere… é un xornal de grande formato) e como ilustración un gravado que reproducía un autodafé da Inquisición española en Valladolid, en 1559.

Na súa recensión, en realidade, Perosa non analiza a novela mais, talvez por un pouco de «paternalismo» acaba, en segundo grao, por recomendala ao seu lector.

Vidas paralelas. Un home do Santo oficio e un escritor de hoxe: historia «de espello» asinada por Alfredo Conde. En antigo galego.

GALICIA, A LENDA DO VALENTE INQUISIDOR

Pola expansión romana primeiro, logo polas emigracións bárbaras, os celtas foron empurrados cara ao estremo noroccidental de Europa. Os residuos daquela antiga civilización están todos hoxe alí, asomados ou enraizados ás beiras do océano. En case todos eles existe o nome fatídico: Fisterre, Land’s End, mais os propios países vense e séntense como fins da terra e do mundo. Forman entre si como aneis dunha última correa, porque nesa condición marxinal ficaron veciños e vinculados polo mar e tamén polo nome: Galicia, Gales, Galway (na Irlanda occidental).
Os contactos, as relacións, as posíbeis axudas realizábanse absolutamente polo mar. Se a atracción do baleiro e do descoñecido do océano é para eles irresistíbel igualmente forte é o chamamento do centro de Europa perdido, das máis maduras civilizacións que se desenvolveron: Francia, Italia. Como os habitantes, tamén a súa antiga lingua levou unha dura vida: esquecida, conculcada mesmo ao punto de extinguirse, revivida de cando en vez por paixóns políticas ou nacionalismos literarios.
A lingua da antiga Galicia, no extremo noroccidental da península ibérica –terra de choivas, de bruma e de verde como a afastada/veciña Irlanda– foi a lingua da lírica medieval mesmo fóra dos límites dos propios confíns. Afín nas súas orixes ao portugués, o galego foi logo marxinado pola predominancia do castelán; reducido a lingua rural dos campesiños, non evolucionou moito. Hoxe, despois dalgunhas laparadas do Oitocentos, foi retomado como lingua de expresión literaria, mais debe ser case totalmente reconstruído, reinventado para poder ser posto sobre a mesa. A reinvención lingüística (mais non foi así, tamén, noutro ámbito, para Joyce?) semella a primeira tarefa imposta aos escritores.
Este decorado, que resumín moi sumariamente, é parte da fascinación que atravesa o libro de Alfredo Conde, Il Griffone, escrito nun galego que se sinte constantemente redescuberto e reinventado, e optimamente traducido ao italiano por Giuseppe Tavani, que evidentemente refinou o carácter primario do desafío lingüístico do orixinal.
A novela gañou case todos os premios que se podían gañar en España. Bañado dunha fonda e melancólica paixón pola terra de Galicia, que se estende sobre o océano –Alfredo Conde está tamén comprometido politicamente na rexión agora autónoma–, é, como case sempre nestes casos, moi coñecedor das técnicas experimentais de composición. Aquí opera a atracción de Europa, a contrarrestar a dos extremos confíns.
Constrúese todo sobre explícitos e procurados paralelismos desde a dupla trama. Nos capítulos impares no centro da narración está un escritor galego contemporáneo, a quen se lle secou a vea narrativa e que se reduce a vender a súa verborrea nas universidades, e tamén a efémeras aventuras con estudantes que pode recadar. Nos capítulos pares desenvólvese, por outra parte, a historia dun Visitador do Santo Oficio enviado a Galicia a finais do 1500 para reprimir o comercio clandestino de libros prohibidos, mais dos que el, valente erudito, secretamente asegura a supervivencia.
Un vai de Galicia a Aix-en-Provence, mais revive o sentido da súa experiencia e albisca a posibilidade de volver a escribir cando regrese á patria; o outro desenvolve a súa misión en Galicia, acaba implicado no desastre da Armada Invencíbel (que desde a Coruña se despraza no seu último desafortunado salto cara a Inglaterra), mais evoca a súa historia en Aix, onde se refuxia cando é descuberto a súa traizón, e onde o deterán os esbirros de Filipe II.
Mais o procedemento do libro é «de espello» e os paralelismos non acaban aquí. Inquisidor e escritor achan ambos no amor da muller o sentido dun posíbel equilibrio na vida; ambos, visceralmente atraídos pola propia terra e polos propios lugares, teñen momentos de exaltación e de purificación –como verdadeiras e propias «epifanías»– en contacto co límpido fluír das correntes e das augas, en Provenza como en Galicia.
Acontece que o informe das últimas horas e do suplicio do Visitador cae, por azar, nas mans do escritor, e delíñase un ulterior encontro ou enredo entre as dúas vivencias. A do Visitador é no fondo o personaxe que o outro albisca na figura elusiva do mítico Grifón que dá título ao libro, e a súa historia, diversa e complexa, pode ser a que o outro non consegue escribir, mais que na reencontrada paz talvez agora, a posteriori, reescribiu.
No último xogo de espellos da novela, personaxe e autor parecen perseguirse, a historia imposíbel de escribir vai, non obstante, escribindo todo, baixo a miseria do vivir é sempre posíbel a faísca que redime ou simplemente reordena a pobreza das nosas existencias. O home é como a terra e a lingua, resiste e vive alén da humillación e o desalento. Atopa sempre vivencias que pode representar, historias ás que dar unha voz.

Alfredo Conde
Il Grifone
Editori Riunitti
Pagine 254, lire 24.000.

* * * *

A outra recensión da novela de Conde que coñecemos vai asinada por Bruna Cordati, profesora e crítica literaria habitual de L’Unità, daquela órgano do Partido Comunista Italiano, e onde apareceu a súa recensión, unha semana despois que a de Sergio Perosa, é dicir, o 17 de decembro de 1989. Como curiosidade, lembremos aos lectores que hoxe, desde o 2002, este xornal xa non pertence PCI, partido que desapareceu para se converter no Partido Democrático. Este partido, no 2002, e despois de case dous anos sen publicar o xornal, vendeuno e nestes momentos está en mans privadas, aínda que a súa liña editorial defende as posicións deste partido e continúa a ser un xornal fundamentalmente de esquerdas, mantendo na portada aquilo de: «Fundado por Antonio Gramsci». A recensión de Bruna Cordati, como comprobará o lector, é escéptica e irónica, e dá a impresión de que non acredita moito no que está a ler, e que fai a recensión porque, ao cabo, a editorial que publica o libro e o xornal no que ela escribe, son do mesmo grupo editor.

Á PROCURA DA TRAMA

Alfredo Conde
Il Grifone
Editori Reunitti
p. 254. Lire 24.000

AAlfredo Conde Il Grifone novela componse de dezasete capítulos e inmediatamente no segundo capítulo –se non o leramos xa na tampa onde todos se esforzan en tronzar calquera pracer de descuberta– sabemos que os protagonistas son dous e ocupan alternativamente os capítulos pares e impares. Están afastados por moitos séculos de historia: o primeiro –que ten, como se pode albiscar, un capítulo máis á súa disposición– é un contemporáneo visiting profesor na universidade de Aix-en-Provence; o segundo é pola contra un representante do Santo Oficio que no século dezaseis vai de «visitador», é dicir inquisidor, a Galicia.
Como se pode ver, os dous protagonistas están unidos polo título da súa misión; mais só aparentemente, porque o propio verbo «visitar» ten no caso do prelado un significado moito máis grave. Ora ben, aínda que afastados no plano temporal, ambos están ligados no plano espacial por unha especie de chassé-croisé [cruce]: un cumpre, con efecto, a súa misión en Aix e a conta en Santiago, o outro realízaa en Galicia e cóntaa en Aix-en-Provence.
Mediocramente compracidos por esta combinación, que semella suxerir durante demasiado tempo unha identidade ou un intercambio entre os dous personaxes, proseguimos non obstante a lectura do texto polo interese que suscita a nacionalidade lingüística do autor, galego, escritor en lingua galega.
O relato que se desenvolve nos capítulos impares constrúe un personaxe de intelectual-escritor indeciso e esaxerado, despreocupado na acción, problemático e delicado no pensamento. Ten a súa capacidade creadora bloqueada, non consegue escribir unha novela que ten en mente e que se lle presenta na forma do mítico Grifón, unha figura que, pensa, reúne en si os aspectos ambiguos e sublimes da inspiración poética. Este protagonista consegue vender fume cos seus discursos aos xoves alumnos cheos de admiración e ás señoras de idade: consegue desafogar a súa excepcional exuberancia sexual –que unida á melancolía e o pesimismo lembra, afastadamente e menos corrosivo, un personaxe que amamos desde Herzog–, mais non logra escribir. O lector comeza neste punto a recoñecer o mecanismo que conducirá a comprender, no derradeiro capítulo, que encontrou a inspiración e que a novela foi escrita.
Nos capítulos pares vaise construíndo a figura do Inquisidor, un prelado ilustrado e sen prexuízos, defensor dos libros que debe queimar, capaz de amor e de xenerosidade; moitas das súas características lembran difusamente a Guillerme de Baskerville, privado do claro riso con que é iluminado polo narrador. Del, da súa tráxica norte –estrangulación logo de tortura– virá ao indeciso escritor a forza de escribir –de ter escrito– na novela do Grifón; ao recuperar afortunadamente un texto que relata a morte do Inquisidor e se revela o nome e o signo do milagre acontecido e da renovación da arte.

L’Unita. Giornali di Partito Comunista Italiano
17 de decembro de 1989

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *