Entrevista a Rebeca Baceiredo

Entrevista a Rebeca Baceiredo

0 comentários 🕔12:00, 04.Jan 2016

- Palavra Comum: Que é para ti a filosofia?

- Rebeca Baceiredo: Coma un adestramento do pensamento, para que despois este poida… bailar. Coma en Flashdance ;) , onde a soldadora fai estruturas, remodela estruturas, altéraas, pero o seu máximo apoxeo, os picos de gozo dese pathos conségueos danzando.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deve/pode ser- a relação entre as diversas artes (literatura, audiovisual, música, etc.), e a filosofia? Que experiências tens, neste sentido?

- Rebeca Baceiredo: Parto da concepción da arte coma o intento de trazar unha liña no caos. É dicir, penso que é o intento de articular semioticamente, simbolicamente, o límite do articulable: ‘só na ausencia de todo signo se pousa o deus’, dicía Valente. Xusto o anterior, o que apunta a ese divino magnum chaos, é para min a arte. E tamén o pensamento. Pero tamén me interesa o que algúns chaman comunicación artística, menos ontolóxica e máis política. Interésame tamén, entón, o xogo polo que se evidencian os signos como territorios e polo tanto poñen en crise o réxime de verdade, que está tan ligado ao poder que o posúe. As desterritorializacións que se dan nas propostas artísticas, cando se dan, son activismo e serven para a filosofía que resulta dun novo paradigma gnoseolóxico que non se basea no recoñecemento, nun sistema de conceptos fosilizados, senón na creación, é dicir, na apertura dos sistemas semióticos e dos seus propios elementos, permitíndolle ao ser, que é physis e nous, materia e pensamento, expresarse con liberdade, o que implica un devir, porque expresarse é desfacer as capturas, transcendentes ou inmanentes.

A miña experiencia é que me gusta traballar coas ideas nos rexistros nos que requiran, elas mesmas, expresarse. Entendo por ideas, non esencias, senón conexións, os diagramas-acontecementos no seu envés semiótico.

- Palavra Comum: Que vinculação tem a filosofia com a vida?

- Rebeca Baceiredo: Non contestei ás preguntas por orde, así que non sei se o anticipei ou aínda o vou dicir, pero estou xirando en torno á mesma idea: penso que o ser sendo só materia, expropiado do pensamento, está morto. Polo tanto, a filosofía sería o hálito vital. Manténdome nesa indefinición entre o ontolóxico e o político direi que, en tanto que a queren eliminar ou en tanto que case sempre se persegue o pensamento eaos que pensan, pretenden poder facer a vida inerte para captala totalmente, e niso creo que se especializan os sistemas de poder, co capitalismo.

- Palavra Comum: Que referentes tens, num sentido amplo? Quais reivindicarias por serem pouco (re)conhecid@s ainda?

- Rebeca Baceiredo: Os referentes que teño xa os dixen moitas veces, ou diso teño a sensación. Hai escritas ou pensamentos cos que sinto un encontro íntimo, coma se me axudasen a articular as sensacións que teño sobre as cousas, e a sentir outras. Cando falo de sensacións falo daquel pensar-sentir. A día de hoxe son canónicos, eses referentes, para a heterodoxia. Reivindico todo o non recoñecido, por outra banda, porque aí están os exercicios de expresión, de liberdade e eu, antes que nada, agradézoos. Intento acceder a tantos como podo, porque inspiran, conceptualmente e vitalmente, pero non memorizo moito. Coma nunha nutrición, transmútanse e quedo coas moléculas. De feito, hai persoas que traballan especificamente coas xenealoxías de propostas creativas, con todo o que se move nos circuítos non oficiais, ou non oficiais aínda. Gústame a contracultura, gústame que haxa cultura, pero unha cultura que fuxa do poder, que deveña, que sexa expresión: contracultura, entón, por chamalo dalgún xeito. Unha instancia que estea permanentemente cuestionando o réxime semiótico que, en tanto que se estabiliza e se ‘mauseoliza’, é hexemónico. Non é exactamente o mesmo pero o underground -tan capturado polos medios- máis alá do exotismo é a contraefectuación, sempre creativa, que fan os desclasados. Iso é para valorar moito… a capacidade para abrir situacións nada favorables e convertelas noutra cousa.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua perspectiva sobre o(s) feminismo(s)…

- Rebeca Baceiredo: Feminismos hai moitos. Semella que é algo que a sociedade non entende, dende as categorías dicotómicas e simplistas nas que nos parecemos mover. O feminismo, polo tanto, aprende a vivir na multiplicidade, aprende antes ca ninguén a vivir nos outros paradigmas: as feministas non loitan entre elas, saben articular as diferenzas. Penso que a achega das teorías feministas axudaron, de feito, ao desenvolvemento das teorías políticas da esquerda e a todo o proceso de análise, de conciencia das subalternidades. Mais as relacións foron entre as minorías multidireccionais, beben constantemente unhas doutras.

Transfeminismo, queer, feminismos marxistas e anarquistas, etc… todos falan de xénero como construción política, aínda que algúns se acheguen, para o meu gusto, demasiado ao feminismo liberal, porque penso que non toda desterritorialización é emancipadora, hai algunhas parciais, que conlevan estrías, é dicir, vínculos co sistema político, que é económico. De feito, cando se fala de xénero, para min, fálase de razas, fálase de clases, fálase dun sistema ontolóxico e social e das relacións coa propiedade… A min gústame citar aos grandes da pop-filosofía e do pop, tamén, así que sempre lembro a Debbie Harry preguntarse que se es muller e non es feminista, que es? Di muller porque, na evidencia, é a primeira subordinada. Pero subordinad@s estamos tod@s, nas categorías e nas representacións, aínda que non tod@s cos mesmos privilexios e nas mesmas situacións. Así que se es escrav@ e non pensas na manumisión e, mellor, na emancipación colectiva, porque ir de un a un non serve para alterar a orde das cousas, e aínda por riba se despreza a quen pon toda a súa enerxía, toda a súa vida niso, é que hai algo que non se comprende ben, é que se está confundido sobre quen se é e que posibilidades se teñen de ser outra cousa… Hoxe pola rúa escoitei a un home dicir: “vanche tomando nota de todo, de todo o que dis e pensas que es, pero que en realidade igual non es…” Dáme gusto escoitar esas conversas pola rúa, pero aínda está por chegar a psicanálise, igual tamén o heliocentrismo ;)

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a filosofia hoje?

- Rebeca Baceiredo: Con respecto ás formas do discurso filosófico creo que, coma en calquera realidade, van ligadas ao propio contido, son inherentes, e nesa relación inmanente penso que se debe traballar. O pensamento, máis que a filosofía, pode ser máis artista. Pero non creo que haxa que desbotar o pensamento filosófico como análise: emprega códigos semióticos, mais subvérteos e amplíaos e mesmo pode abrilos ás variacións, ás multiplicidades que compoñen as ideas. Así multiplica as interpretacións do mundo e poden comprenderse distintos aspectos, máis alá das meras impresións, opinións, reprodución de enunciados, as frases-clixé. A filosofía pode ser unha arma, porque apunta aos redutos nos que o poder se agocha, o poder ás veces móstrase e ás veces agóchase. Polo tanto, eu non considero que haxa que facer fincapé na linguaxe divulgativa, que acaba sendo linguaxe infantilizada. Idiotízannos e tamén idiotizan aos nenos. Non considero que teña que ser comunicación, e se é comunicación, o interlocutor debe ter unha parte activa, así que terá que facer o esforzo, se quere, de saír dos seus lugares comúns, sen medo ao non recoñecemento. Non pasa nada se non se entende todo o que se quere dicir, de feito, en ningún caso o interlocutor pode participar da ‘duración’ do que fala, das súas experiencias, non só intelectuais, e da súa relación con elas. Hai aproximacións, ou pode habelas, se hai vontade, e iso ten que ser traballado, claro.

- Palavra Comum: Como ves o mundo a dia de hoje? Fala-nos de para onde achas que deveríamos caminhar…

- Rebeca Baceiredo: Dependendo do día a visión pode mudar. Non dependendo da axenda mediática, que tamén inflúe, senón da enerxía que se teña, supoño. Hai días nos que son máis apocalíptica. De todas formas, a apocalipse acaba ben. Hai outros días nos que tamén son apocalíptica, pero máis centrada nas forzas disidentes do goberno, ontolóxico e por iso tamén político, do que lle chaman nese libro ‘besta’. Quero dicir, en serio, hai días que poño o foco nas situacións de opresión e dor extremas que proliferan polo planeta e nese camiñar cara situacións aínda máis extremas e difíciles, porque especialmente difíciles serán tendo en conta a produción de subxectividade hexemónica. Pero outros días valoro moito as resistencias, que son forzas ontolóxicas activas, véxolles moita potencia e vexo como foron capaces de manterse ao longo da historia de opresión. Son capaz de percibir coma nunca morre o xerme, a pulsión e as manifestacións desas forzas no terreo social e político, forzas que ‘son’ e precisamente en ‘ser’ habita a disidencia. Non digo loita porque nos levaría aos termos dialécticos e, polo tanto, de reacción, e non de acción. Penso que ou se chega á distopía do mundo feliz ou á utopía da horizontalidade, depende de quen gañe. Pero quedaron e quedarán moitos polo camiño… Falo do prezo a pagar, que xa imos con retraso á hora de empezalo a ter en conta, falo dese prezo independentemente do final, aínda que sexa un inicio de algo…

Ninguén ten que dicir cara onde deben camiñar as cousas; eu, persoalmente só pediría que ese tal mundo soubese cara onde quere camiñar, ou que se parase a pensalo. Iso si, o mundo son persoas con capacidade para pensar, physis e nous ;) , entendendo o pensamento como a capacidade para alterar a orde de cousas, a capacidade de pensalas e pensalas, entón, doutros xeitos.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Rebeca Baceiredo: As ideas vanme vindo, ou os espazos aos que me apetece irme achegando; véxoos como encontros, no sentido de Spinoza, e así quero velos, máis que como proxectos.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *