<em>Do que traen os días</em>

Do que traen os días

0 comentários 🕔12:15, 11.Jan 2016

Neste gris amencer
dende as fiestras miro o mar.
Inmóbil na súa inmensidade,
contemplándose así mesmo.
Espello de brunida calma ás veces,
outras de furia alzada
e sempre de soidade.
Roto, o mar
cósoo coas miñas bágoas.
E deito a mirada nel.
Na branca calma,
na luz das ondas.
Remexéndoas
con poemas.
Verso a verso.

**

A preguiza
pónlle veos de brétema á mañá.
E os merlos
que enfíaban melodías
cun son abalorioso de claros
cristais, enmudeceron.
Ata o vento é silencio.
Borrada a primavera,
as árbores, entrando no verán,
asumen,
cegos de verdor,
a seria tristeza do ciprés.
En Galicia
130.000 persoas
comen da solidariedade.
Das esmolas.
Que eu
xa cría desterradas.

**

Na calma,
nas sombras sen luz
deste indeciso amencer
perfílase
a caprichosa
anatomía das árbores.
Nesta hora sinto
con pasos apresurados
a marcha do verán.
Un verán que foi esquivo
e avaro en se mostrar.
Antes de que os días perdan luz,
a escasa inocencia que lles queda,
e se vistan fantasmais
con farrapos de néboa,
atarei os berros das gaivotas
que soan estridentes
sen compás ningún,
caendo a peso sobre min.

**

A mañá
trae hoxe unha luz aceda, partida.
As imaxes, os artigos
que poñen nos xornais,
quérennos contar
envoltas en papel
un feixe de mentiras.
Noticias magnificadas, contraditorias,
crúzanse como lampos nos diarios…
Boto en falta o ritmo das verdades.
As noticias honestas.
A precisión dos días.
E, máis que cousa ningunha,
a transparencia dos homes.

**

A incerteza
vén sendo a raíña do tempo.
Por isso, nesta mañá
tranquila e despexada
na que respiro e sinto retornar
con pasos fuxitivos o verán,
quero deter as horas
e, intactas,
gardalas en min.
Antes de que o día se anubre
ceibarei cara o azul
como paxaros ledos
as miñas ilusións

**

Preguiceira mañá,
abre as pálpebras
e deixa que a luz me devolva
a paisaxe borrada polas sombras,
a beleza furtada polo escuro.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *