Unha polémica sobre narrativa galega na revista madrileña <em>Triunfo</em>

Unha polémica sobre narrativa galega na revista madrileña Triunfo

0 comentários 🕔12:45, 11.Jan 2016

Nos dous primeiros meses de 1972, a raíz da recensión na revista madrileña Triunfo, por parte de Perfecto Conde Murais, da novela de Xoana Torres Adiós, María, gañadora do Premio Galicia 1970, concedido polo Centro Gallego de Buenos Aires, recensión que o autor titulaba «Hacia el desarrollo de la novela gallega», iniciouse unha pequena polémica neste semanario de esquerdas, que levaba camiños de acadar os cumes supremos da literatura do absurdo, grazas ás intervencións de José Francisco González e Manuel Catoira. A «polémica» iniciouse cunha resposta de Juan Soto, daquela redactor de El Progreso, de Lugo. Pouca xente entendeu, de primeiras, a intervención de Juan Soto, ás veces atinada, outras non tanto (por exemplo, cando considera que Blanco Amor é máis «contista» do que novelista); pode sorprender a dureza contra Perfecto Conde, mais segundo as malas linguas que corrían por entón, todo se debía a que Conde, noutro medio, criticara a Soto. Todo é posíbel, mais en todo caso, secundario. Ademais, estes «rumores» hai que pólos sempre en solfa, adoitan ser un dos medios de intimidación e coacción contra aqueles que expresan unha voz disidente.
Mais se a intervención de Soto podía ser, nalgún momento, arbitraria, non por iso deixaba de ter os seus puntos de razón. Como os ten a carta de Xosé Carlos Arias, que intenta centrar o tema. As intervencións de José Francisco González e Manuel Catoira –como avanzamos– alcanzan cumes que nunca superou o pobre Eugène Ionesco. Finalmente, a carta asinada por Raimundo Patiño, Xaquín Marín e Xosé L. Castro aclaran, con humor, ironía e contundencia, puntos que tanto Catoira como J. F. González intentaban deixar escuros (aquilo que din os españois: «a río revuelto, ganancia de pescadores»). Con todo, e a pesar dos seus esforzos, Catoira non gañou nada, e de José F. González, como daquel pobre Fernández de Pepe Iglesias «El Zorro», nunca máis se soubo.
Curioso é que se produza esta polémica na prensa madrileña, cando en Galicia non polemizaba ninguén (iso si, en voz baixa dicíase de todo, promovíanse poetas e prosistas de pésima calidade e boicoteábase a Cunqueiro; mentres, Otero Pedrayo era considerado unha momia andante, Manoel-Antonio figuraba, nunha escolma que se titulaba, moi pomposamente, Os cen mellores poemas da lingua galega, con dous poemas, mentres que de inutilidades como Crecente Vega se escolmaban catro poemas –claro que o antólogo, dito publicamente por el nunha conferencia en petit comité, escolmara a Manoel-Antonio para despistar o inimigo, é dicir, a censura–, e diversos críticos proclamaban Memorias dun neno labrego a mellor novela galega do século, pasando por enriba de todas as de Otero –observe o lector que nunca é mencionado nesta «polémica» o único novelista que tiñamos até entón–, d’A esmorga, dos libros de Cunqueiro que se poden considerar novelas, d’O porco de pé, ou de Como calquera outra día, de Camilo González Suárez-Llanos, unha grande novela non ben descarnada, aínda, e dalgunha máis que agora esquezo: e aínda nos asombramos que os lectores desertasen da literatura galega! E non había polémica porque os que podían polemizar con razón calaban, e os que non tiñan razóns non se atrevían a falar en público, só en voz baixa: o medo sempre garda as viñas. E logo había os «outros», os que intervirían nesta «polémica» desvirtuando ou deturpando o seu sentido.

*****

Perfecto Conde Muruais (asinaba Perfecto C. Muruais), no número de Triunfo, nº 484, datado a 8 de xaneiro de 1972, aproveitando a aparición da novela Adiós, María, de Xohana Torres, que ganara o Premio Galicia de Novela, o primeiro, e único, que nos saibamos, premio de novela convocado en Galicia até 1971, falaba do desenvolvemento da narrativa, da novela, galega. Conde iniciaba o seu escrito afirmando que o desenvolvemento da narrativa galega era precario e que «no se sabe, ciertamente, a dónde va a llegar» (está ben iso de non facer de profeta). Continuaba indicando que o rexurdir das nosas letras, se se aplicaba á poesía, era un verdadeiro «renacemento», e indicaba catro nomes, Rosalía, Curros, Pondal, Celso Emilio Ferreiro… «y algunos otros» que «alcanzaron cumbres señeras que permanecerán en el tiempo». Entre os algúns outros, poña o lector os nomes que lle peten, que poden ser, fóra de Rosalía, mellor que calquera dos outros tres nomes, xuntos ou por separado, claro. En troques, na narrativa, a dramaturxia ou o ensaio a cousa xa non era así (1), mais segundo Perfecto Conde: «Conviene, a pesar de todo, tener muy presente la existencia de Castelao, que supo aportar novedades a los otros tres campos» (narrativa, dramaturxia e ensaio). Conde continúa a súa recensión afirmando que narrativa galega non eran as cousas de Cela ou de Valle, senón as obras de Castelao, Blanco Amor, Neira Vilas «o más recientemente Carlos Casares»: é dicir, a escrita en galego. Mais o certo é que «no existe un alto nivel de desarrollo alcanzado por ella en su calidad y, mucho menos, en su difusión», porque publicar en galego é predicar no deserto e as tiraxes son curtas, etc. Dá a noticia de que se convocara o premio de narración dotado con duascentas mil pesetas (un pastón, daquelas), premio convocado pola Galicia emigrante e a Galicia do interior. O galardón recaeu na novela de Adiós, María, de Xohana Torres, xa coñecida como autora dramática e por un libro de poemas, Do sulco. A novela está publicada pola viguesa Edicións Castrelos.
Para P. Conde, a novela gañadora (novela sobrevalorada naquel momento, e mesmo hoxe) «plantea problemas actuales de la realidad gallega. Con un estilo que recuerda a menudo ciertas corrientes novelísticas muy en boga en el país», etc. e nun momento dado o comentarista pregunta: «Constituye Adiós, María una novela testimonial», e responde: «Sí, en la medida en que abarca y trata de interpretar una realidad concreta un espacio y tiempo marcados por numerosos factores del subdesarrollo sociocultural y económico del mundo a que pertenece la historia». Non obstante, para Conde, a novela representa un positivo intento de adoptar o testemuño (e tamén denuncia) «a unos cauces narrativos e interpretativos nuevos», sendo un dos seus máis importantes valores «una utilización viva del idioma», xa que o galego se acha aínda «en trance de creación como idioma literario que sea común a las diversas zonas de Galicia». E acaba a súa recensión escribindo: «Esperemos que tenga continuidad [o premio] mientras las circunstancias lo hagan necesario. Cosa dudosa, porque, que yo sepa, no ha sido convocado el siguiente». Non; infelizmente non foi convocado o seguinte e habería que esperar a aparición do Premio Blanco Amor de novela para datar o nacemento dun premio de novela en galego que tivese continuidade.
Tres semanas despois, na mesma revista Triunfo, nº 487, 29 de xaneiro de 1972, na sección “Polémica”, incluída dentro do apartado «Lectores», publicábanse dúas cartas «contestando» o escrito, ou no que nel se dicía a respecto da narrativa galega, de Perfecto Conde. Os responsábeis da revista titularon, simplemente «La novela gallega». A primeira carta reproducida era, xa se dixo ao inicio, de Juan Soto. Soto afirmaba que «no nos parece mal, sino todo lo contrario, la pretensión de dar a conocer en una revista de amplia difusión nacional cualquiera de las vertientes de lo que se ha dado en denominar “nova literatura galega”. Ahora bien, se impone un cierto rigor para tratar un tema tan sugestivo, pero a la vez tan confuso, como el del “desarrollo de la novela gallega”». Para Soto é «pretencioso hablar de “novela gallega”», xa que «carecemos en primer lugar, de una tradición novelística», «faltan un mínimo de particularidades –prescindiendo, claro está, del idioma–, que caracterice, que diferencie, a los poquísimos títulos que aquí se han publicado con la etiqueta de “novela”. ¿Qué caracteriza a esa posible novela gallega?, ¿cuántos y que títulos avalan la afirmación de que sí existe una novela gallega?». Todo isto, en si, é moi discutíbel, a non ser que se caia nesa cousa que se denomina «nacionalismo literario». Pero máis discutíbel é a seguinte afirmación: «Decir que Castelao, Blanco Amor, Méndez Ferrín o Neira Vilas son novelistas me parece demasiado pretencioso. Digamos que todos ellos –y también Carlos Casares, el quinto nombre de los que cita Conde Muruais– son narradores “en corto”, cuentistas, que esporadicamente han inflado las cuartillas y les ha salido un cuento largo (dicho sea sin segundas intenciones)». Neste campo, continúa Soto, no da narrativa curta, Galicia «tiene entidad demostrable», y los nombres anteriormente citados –a los que cumple unir los de Ánxel Fole, Cunqueiro y Rafael Dieste –son suficientes para ello». O Premio Galicia, di Soto, «pudo ser un intento serio para promocionar, al menos, algún título novelístico y para descubrir quizá, a algún valor joven. No fue así». E a respecto da novela gañadora, para Soto, Conde Muruais non di «que tal novela es un camelo pintoresco cuya única originalidad consiste en una pretensión de acercamiento al estilo de la nueva narrativa latinoamericana por el fácil método de supresión de puntos y comas». O tema, «La emigración vista desde dentro, está tratado de forma topiquera y superficial». Soto non podía entón decatarse de que a novela da emigración galega, en galego é, simplemente, imposíbel, como temos afirmado en diversas ocasións («A emigración non só implica deixar atrás, cruzar océanos, vivir entre estranxeiros, senón tamén destruír o significado propio do mundo e, en última instancia, abandonarse á irrealidade do absurdo» (os subliñados son nosos), escribiu no seu día John Berger (Y nuestros rostros, mi vida, breves como fotos). O emigrante, continúa o escritor xudeu-inglés, tras abandonar o fogar «xa nunca máis volve atopar outro lugar no que se crucen as dúas liñas da vida. A liña vertical [o camiño cara a enriba que levaba ao ceo e cara a abaixo, ao reino dos mortos] deixa de existir; xa non se dá unha continuidade local entre el e os mortos; estes sinxelamente desaparecen; os deuses fixéronse inaccesíbeis, a liña vertical dóbrase formando o círculo biográfico individual que non conduce a ningunha parte, só encerra, etc.” Noutras palabras, o mundo do emigrante desaparece, e el encérrase, polo que lle é imposíbel narrar o que lle acontece: só o poderán facer os seus descendentes, aqueles que permanezan na terra de emigración, e estes, infelizmente, por lei natural, nunca o farán en galego. Por sorte, hoxe xa non se demanda esa novela da emigración desde dentro: é unha imposibilidade.
Soto vai rematando a súa carta afirmando que ao Premio Galicia se presentaran «originales de gran interés que, inexplicablemente, fueron desbancados por la novela de Xohana Torres». E cita O silencio redimido, de Silvio Santiago, autor que, segundo Soto, ten «en su haber una novela, Vilardevós, nada despreciable» que a Conde Muruais se lle pasa na lista de posíbeis novelistas galegos. E a traca final: «El esfuerzo de Perfecto C. Muruais por hacernos ver que sí existe una auténtica novela gallega es, desde luego, encomiable, teniendo en cuenta que, en la menesterosidad de un panorama cultural como el nuestro, es justo apasionarse con lo poco que tenemos. Pero Muruais no es un prestigitador. Ahí está lo malo».
A outra carta asínaa José Francisco González; carta na que o ABSURDO (así, todo en maiúsculas) entra a saco. Segundo este Sr., no comentario de Conde Muruais, puido «observar que, al darnos una visión literaria gallega (sic) en forma de memorándum, se ha escapado en una delineación de imágenes que no responden a ese pluralismo de funciones (resic), que quizá nos quiso dar». Porque, di quen asina esta carta, agora «se puede entrever una gozosa expresión múltiple, pero dispersa, que quizá el comentarista no supo, o no pudo captar, Manolo Catoira, Novoneyra, Carlos Oroza, Xoaquín (sic) Marín (el nuevo Castelao, como prácticamente se le conoce ya), García-Santos, Xoan Veiga y, desde el punto de vista pictórico, Jose Luis Castro-Laxe…», a estes mencionados, denomínaos o autor da carta «escritores malditos», porque neles radica, asegura, sen que ninguén nunca vise as probas, «toda la renovación que rompe con lo establecido en la literatura gallega. Chasis de hormigón, de Manolo Catoira, Prohibido el paso, de Oroza, y Los cién pies, de Marín, son necesariamente una amenaza para muchos escritores mediocres que viven amparados por el nombre». Tamén, oh ceos!, canto sabía o tipo, se pregunta a que se debe o «estacionamento» da narrativa galega, e nos dá a resposta: «Simplemente a que la mayoría de los escritores pasados no han aportado absolutamente nada». E remata, nun fogo de artificio que daquela fixo rir a todos cantos que limos esta carta: «Hacían [os escritores pasados] cultura sobre cultura e incluso en la actualidad se tiende a lo social como medio y, lo que es peor, como descubrimiento. En realidad, ya algunos célebres poetas gallegos actuales copian de Fernando Pessoa, en vez de traducirse a sí mismos como Kafka».
No número da semana seguinte (Triunfo nº 488, 5 de febrero de 1972), na mesma sección «Lectores», aparecía unha co título «El cuento gallego», asinada por Xosé Carlos Arias e datada en Lugo. Arias alégrase de ver que en Triunfo se fala de aspectos da cultura galega, etc. Despois disto pasa a dicir que lle parece «importante hacer algunas puntualizaciones al segundo artículo de Perfecto C. Muruais –el referente a la narrativa–, titulado “Hacia el desarrollo de la narrativa gallega”». Para Arias, a apreciación de Conde Muruais non é adecuada e é que «utiliza como sinónimos dos términos que vienen a significar cosas distintas: “narración” y “novela”». Por outra parte, está de acordo con Conde Muruais en que a novela galega, agás excepcións (A Esmorga) é pobre, moi pobre. Mais «otra cosa distinta es el cuento» que «es, a mi juicio, la forma literaria gallega más importante, más representativa de la actualidad, superando con bastante a la poesía, donde sólo la voz de Celso Emilio Ferreiro alcanza un nivel de universalidad, como ocurre con varios poetas de otras épocas: Rosalía, Curros Pondal o Pimentel». E entre os narradores galegos salienta: Castelao, Fole, Cunqueiro, Neira Vilas, Dieste e… «etcétera». E Xosé Carlos Arias acaba, un pouco «optimisticamente» dicindo. «A la mayoría de los nombres citados no se hace referencia en el antedicho artículo. El cuento, y con ello la narración gallega, tiene una calidad en muchos casos superior al castellano producido en España y, desde luego, no creo que merezca la calificación de “Precariamente desarrollada”».
Mais, feliz ou infelizmente, a cousa non parou aquí. A semana seguinte (Triunfo, nº 489, 12 de febreiro de 1972), na devandita sección «Lectores», publicábase outra desas cartas caóticas onde todo é confusión, agás a vaidade de quen a asinaba, que era Manuel Catoira. Este Sr., que fora promovido polo Sr. J. F. González, á parte de se afirmar como novelista galego e lanzar unhas cantas frases pseudolíricas que mellor, para non aborrecer ao lector, é non reproducir, daba a razón a uns e outros e para axudar ao seu señor, el propio, insistía: «Para mí es una derrota que ciertos señores de la cultura gallega me consideren un “poster” de Haight Ashbury, sin darse cuenta que detrás de ese cromatismo hay un poema de William Blaque (sic!), pero también de Pondal, y Curros, y de Novoneyra». Continuaba o Sr. Catoira suspirando para que «surja pronto un equilibrio editorial y que nazcan novelistas con sentimientos nuevos. Pero no creo en milagros, y eso es preciso que lo diga a viva voz. Nuestra situación no reclama importancia». E acababa con este lírico-fantástico parágrafo: «Mi mejor novela (?) hasta hoy, Chasis de hormigón, sigue inédita a pesar de ser seleccionada para la fase final del Barral 1971. Posteriormente he ido descubriendo escalas de constelaciones: lamentos sagrados y metas obsesionantes. La mezcla y las contradicciones eran algo así como unha lucha interna y surreal en la azucarada y desgarradora luz, símbolo de sí misma, y por lo tanto de la juventud actual, sumergida en el suspiro de cualquier coincidencia». O Sr. Catoira enviaba a súa carta desde Ourense. A poucos meses de mandar esta carta á revista Triunfo, publicaba en maio dese 1972, na Editorial Zero de Vizcaia, unha delirante (e mini) Antología de la poesía gallega, na que ademais de mesturar (como din en castelán) «churros con merinas», é dicir, poetas en galego e poetas en español, facer traducións polo método da videncia máxica, de cortar poemas, etc., descubríanos grandes poetas que, supomos, eran amigos seus e que, posteriormente, deberon dar gloria a unha literatura galega que nunca existiu, só na mente deste Sr.: Carmen Souto, Xoan Veiga, Loureiro, o seu propagandista J. F. González, Elisa López, ou García Santos (a maioría destes paridores de versos en español). Anos máis tarde, xa en predemocracia (sic) foi responsábel dunha revista bífida, como a alcumou no seu día Darío Xohán Cabana, Galicia 2000, da que só saíu un número. Tamén publicou o Sr. Catoira alá polo xa afastado 1979 un libro de relatos en galego, A cadea, do que tiven a gloria de descubrir aquel mesmo ano, no que publiquei unha recensión de tal volume na revista Grial, que o galego usado por este Sr., e que o lapelista denominaba «experimental», estaba ligado… ao xeorxiano.
Supoño que en Galicia, e fóra dela, os coñecedores da nosa literatura, que, hai que dicilo, era moi cativa aquel 1972, debían estar, despois de leren a carta do Sr. Catoira, ou escachándose de riso ou imaxinando cartas para enviar a Triunfo e dicirlle unhas cantas tanto a este Sr. Catoira como ao seu propagandista J. F. González. Non o sei, o que si sei é que a semana seguinte (Triunfo, nº 490, 19 de febreiro de 1972), na tantas veces xa mencionada sección «Lectores» apareceu a carta titulada «Dibujantes gallegos», asinada por Raimundo Pariño, Xaquín Marín e Xosé L. Castro (enviada desde Madrid) na que lle puñan ao Sr. Catoira e ao seu propagandista os puntos sobre os is. Como a carta non ten desperdicio, reproducímola na súa integridade, e sen traducir:

«DIBUJANTES GALLEGOS
Los integrantes del grupo de dibujantes de “comic” gallego “Fusquenlla” le rogamos haga públicas en la revista de su dirección las aclaraciones que enumeramos seguidamente, toda vez que dos miembros del mismo [Xaquín Marín e X. L. Castro] se ven incluidos en las delirantes afirmaciones que el señor José Francisco González hacía en el número 487 del 29 de enero, según las cuales existe un grupo de artistas “malditos” marginados dentro de la ya de por sí marginada cultura gallega, escritores que “en vez de traducirse a sí mismos, como Kafka, descubren el realismo socialista, copian a Pessoa…” y otra serie de opiniones que traslucen no solamente el desconocimiento más básico y rudimentario de la narrativa gallega (que es de lo que trató el artículo de Perfecto C. Muruais, originador de la polémica), sino lo que es todavía más grave y gratuito, el de las personas consideradas por él como grupo de jóvenes artistas conformadores de un núcleo de promesas:
1º Manolo Catoira, autor de Chasis de hormigón, escritor en castellano, no sabemos qué relación pueda tener con la narrativa gallega en gallego.
2º Uxío Novoneira, para conocimiento del señor González y de los lectores de TRIUNFO, es un joven de más de cuarenta y dos años. Es una de las cimas de la lírica gallega contemporánea; su primer libro, Os Eidos, densamente conocido y admirado en Galicia, fue publicado en el año 1956, ignoramos la aportación que a la prosa gallega pueda hacer un gran poeta ni el porqué de su titulación de “maldito”.
3º Y sigue el festival del absurdo; Carlos Oroza es, asimismo, un valiosísimo poeta que escribió siempre en castellano. Nos resulta verdaderamente crucigramático valorar sus aportes a la narrativa gallega.
4º Xaquín Marín Formoso (uno de los firmantes de estas líneas) es un dibujante que ignora y ruega humildemente le aclaren su contribución a las letras del país. Su libro Os Cen Pés –no Los cién pies– es de viñetas con pies en gallego.
5º Xosé L. Castro-Laxe, pintor (firmante de esta carta), lamenta seriamente no haber escrito nunca nada más que cartas a la familia y a los amigos, y aún así es duramente criticado porque escribe pocas.
Ignoramos las circunstancias que rodean a los restantes enumerados por tener desconocimiento de su obra.
Creemos que estas aclaraciones son urgentes y necesarias, a la par que demostrativas de la ligereza con la que, en algunas ocasiones, la pluma es esgrimida. Claro, que escritores malditos los hay, pero no siempre en la acepción que se da a este término en la historia de la Literatura. RAIMUNDO PATIÑO, XAQUÍN MARIN, XOSÉ L. CASTRO (Madrid).»

E non houbo máis cartas, nin delirantes nin aclaratorias, e cerrouse unha polémica que puido ser interesante mais que se viu “deturpada” pola intervención de elementos estraños que, exactamente, non se sabe que procuraban, á parte de publicidade gratuíta. As cartas de J. F. González e de M. Catoira non fixeron máis que desviar a atención e citar nomes que, aínda hoxe, ninguén sabe quen son ou que escribiron. Eran, claro, «malditos», «experimentais», como definiría anos despois o lapelista de A Cadea a narrativa e a linguaxe de Manuel Catoira. O malditismo dentro da literatura galega, se existía, era só porque por mor da censura: non se podía publicar o que esta non permitía. Hoxe, como todos sabemos, o malditismo mídese por outras coordenadas: se te citan ou non no xornal, como di Vila-Matas (o último autitulado «maldito» era o Sr. Caneiro, grande acaparador de premios e doutras cousas); e o «experimental», a «vangarda» mediante outros parámetros ou medidas, sobre todo na literatura galega: se es recomendado na maioría dos institutos de Galicia ou só nos de Silleda e A Rúa de Valdeorras.
En todo caso, esta pequena polémica foi unha curiosidade porque, infelizmente, non chegou a máis. Ninguén no país, é dicir, en Galicia, tivo o suficiente valor para tomar o relevo e empezar a falar claro, cousa que daquela era un pouco difícil. Unha oportunidade, outra máis, perdida.

NOTA:
(1) Opinión, cando se trata do ensaio, máis que discutíbel, xa que se ben «ideoloxicamente» talvez non se estivese de acordo, existían os libros de Rof Carballo, de García-Sabell, de Celestino Fernandez de La Vega, Ramón Piñeiro, R. Carballo Calero, Ramón Lugrís, Luís Seoane (Castelao Artista había dous anos que se publicara); e algúns outros, que publicaran ensaios en Grial (López Nogueira, Manteiga Pedrares, X. A. Arxona, Alonso Montero ou algunha cousa de Méndez Ferrín) ou outras revistas, ou en libro, que eran importantes. Visto desde hoxe, quen, non só en Galicia, senón en todo o Estado Español, era quen de escribir un ensaio como As mil caras de Shakespeare, de Álvaro Cunqueiro, publicado en Grial núm. 6, verán de 1964, por non remitírmonos aos ensaios de Otero Pedrayo, X.-V. Viqueira ou mesmo Vicente Risco? O problema, neste caso, era a «ideoloxía», que non deixaba ver o bosque nin percibir as árbores.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *