Xavier Gosé, cronista da <em>Belle Époque</em> parisiense, hoxe esquecido

Xavier Gosé, cronista da Belle Époque parisiense, hoxe esquecido

0 comentários 🕔13:30, 28.Jan 2016

Ser ilustrador de libros e revistas considérase unha actividade artística? Ou eses traballos acaen máis pola banda dos xeitos artesanais, das artes industriais? A posteridade sempre é xusta coas persoas?

Lito Caramés

Xavier Gosé Il·lustrador de la Modernitat é a nova exposición temporal instalada no Palau Nacional de Montjuïc (MNAC) para celebrar o centenario do pasamento do artista, e que está organizada polo propio Museu Nacional d’Art de Catalunya e mais polo Museu d’Art Jaume Morera de Lleida, que é a entidade onde os herdeiros de Gosé decidiron depositar boa parte das súas creacións. Os comisarios son Jesús Navarro, director do Museu d’Art Jaume Morera e Mariàngels Fondevila, conservadora da arte moderna del MNAC. En total ofrécense ao público nesta mostra antolóxica unhas 300 pezas, entre pinturas, revistas, ilustracións de moda e vestidos de alta costura, procedentes dos fondos das dous museos organizadores e mais doutras entidades e coleccións particulares.
Xavier Gosé tivo moito éxito como ilustrador na súa curta vida, pero logo foi esquecido. Xa avisou Eugeni D’Ors (desde o seu alias Xenius), logo de morrer o debuxante, que Gosé era un artista moderno e influínte en posteriores xeracións: Xavier Gosé, com Baudelaire, fou un gran il·lús en el desig de trobar una bellesa nova (…) Xavier Gosé fou lúcid, honrat, meravellós. Ja ho deiem, arran de la seva mort: una part important de l’art contemporani ve d’ell i de la seva imaginació (…) La influència d’aquest dibuixant català en les arts del món, únicament l’historiaire futur i ricament documentat sabrá totalment esbrinar-la. (La Veu de Catalunya, 1915)

Gosé. L’Assiette au Beurre.1903.Museu Jaume Morera

L’Assiette au Beurre, 1903

Crónica social. Sátíra. Barcelona
Cal deduir-ne que Gosé tenia una sensibilitat contestatària, si s’ha de jutjar per la temàtica d’alguns dels seus dibuixos barcelonins i d’altres de la primera època de París, a través de les revistes satíriques del moment, tant des del vessant de la denúncia dels conflictes socials i polítics, especialment des de les pàgines de “L’Assiette au Beurre” (…) com des d’aquelles altres que mostren les escletxes de la nova societat burguesa. (Jesús Navarro, director do Museu Jaume Morera).
Xavier Gosé (Alcalá de Henares, 1876 – Lleida, 1915) formouse en Barcelona no obradoiro de Lluís Pellicer, un dos mellores ilustradores da época, onde coñeceu a Torres García, a Nonell ou a Mir. Nos seus primeiros tempos, anos 90, identifícase plenamente co Modernismo ou Art Nouveau, proposta estética que ten moita forza na cidade e que é seguida por grandes arquitectos e outros artistas, e que Gosé acepta como a moda que ten prestixio entre as elites artísticas, máis ca ser un estilo intimamente asumido. Aquí apostará por traballos de marcado carácter social e de denuncia dos xeitos de vida paupérrimos dos arrabaldes, como facía Nonell coas súas xitanas e demais personaxes populares.
Nesa década finisecular Gosé publicou os seus primeiros deseños para a obra Barcelona monumental, pintoresca y artística de tipos, costumbres y paisajes, así como para as revistas L’Esquella de la Torratxa, Barcelona cómica, Madrid cómico, La Saeta, El Gato Negro, Pèl i Ploma, que editaba o propio Ramón Casas. Estas revistas, moi numerosas –e de todo tipo– neses anos de final de século, foron posibles grazas á lei liberal de liberdade de expresión de 1881 e tamén aos avances técnicos no campo da impresión. Revistas que é doado contemplar agora nas salas do MNAC, en Xavier Gosé Il·lustrador de la Modernitat.
Gosé expuxo por primeira vez e con moito éxito na cervexaría Els Quatre Gats, local que frecuentaba moito nos tempos que Casas e Picasso, entre outros, pasaban alí os días; iso si, polas testemuñas non se mesturaba moito con ese faladoiro, prefería quedar nun recuncho dando trazos a calquera figura. Nestes anos establece coñecemento co músico Isaac Albéniz e familia (aos que logo volverá atopar en París). Conta o crítico Arturo Morí que acudiu a unha festa nocturna que Albéniz daba no seu chalet de Tiana, e que Laura, unha das fillas do músico, indicoulle un mozo que estaba apartado nun curruncho riscando sobre papel e díxolle: ese muchacho será un artistazo. O muchacho era, evidentemente, Xavier Gosé.

Gosé, Le manteau bleu,1912 (Museu Jaume Morera)

Le manteau bleu, 1912

Precisión, dinamismo, orixinalidade
Como se pode apreciar nas pezas de Xavier Gosé Il·lustrador de la Modernitat, Gosé chegou a triunfar en París nas revistas máis prestixiosas da alta costura porque os seus deseños como ilustrador tiñan a mestría do trazo sintético, escaso, o control das manchas de negro e de cores sobre o espazo, e o dinamismo no compendio de obxectos e figuras, características que tamén logo se identifican noutros acreditados ilustradores do século XX, como poden ser Castelao ou Bagaría. O seu amigo e biógrafo Rodríguez Codolà afirma que era moi disciplinado, o que o levou a posuír firmeza nas liñas e facilidade para captar o instante e a figura en movemento, e subliñar o esencial. Entre os críticos coetáneos os adxectivos repítense: constante, con talento, áxil, orixinal, fecundo, tendo como soporte dos seus actos creativos o papel, e como destino final a imprenta. E as cores dos seus deseños percorren o pantone, indo do negro ao rosa. O negro vai nas sombras das figuras e tamén nos temas de crítica social: a tristura dos arrabaldes, a sátira; mentres que o rosa (la vie en rose) aparecerá mormente a partires de 1906, cando orienta a súa produción cara o mundo da moda, onde esa cor identificará a superficialidade, a sensualidade, a veleidade do dolce far niente.
Xa estando en París, Gosé é convocado por Alexandre de Riquer, gran ilustrador modernista de Barcelona, para participar no Album de pintores catalanes dedicado a S. M. el Rey Alfonso XIII por los monárquicos de Barcelona (1906), co gallo do seu casamento con Victoria Eugenia de Battenberg. Neste Album colaborarán 48 artistas cataláns de todas as ideoloxías: Mestres, Nonell, Casas, Rusiñol, Llimona, Blay, e por suposto Gosé, que desde 1901 publicara en revistas parisienses ilustracións moi críticas contra ese rei. Por que participaron? A explicación que semella máis acertada é que os monárquicos pagaron tan ben que os artistas antimonárquicos esqueceron as súas ideoloxías.

Gosé. Parella ballant, 1913. Collección particular

Parella ballant (Parella bailando), 1913

París 1900-1906. Miseria, crítica social
En 1900 Gosé marcha a París, meca de todo artista. Alí os comezos foron difíciles: fame, frío. Unha testemuña das condicións de vida na capital francesa comenta, despois de visitalo no minúsculo estudo onde traballaba e durmía, que Gosé vivía na miseria: De comer ni se hable. Como no tenía dinero para pagar modelos, y le agradaba dibujar elegantes mujeres parisienses, gastaba sus escasos francos en un taza de camomille en algún restaurante o café de gran lujo, y allí copiaba perfiles y galantes actitudes de las damas de noche que iban y venían buscando clientela. Y aquella manzanilla era tal vez lo único caliente que entrara en su cuerpo en el espacio de veinticuatro horas. (María Lejárraga)
En París atravesa dúas épocas ben distintas. Nos primeiros anos, pouco a pouco comeza a traballar nas revistas satíricas da capital francesa: Le Rire, Cocorico, L’Assiette au Beurre, La Vie Parisienne. Segue cos temas sociais, como xa fixera en Barcelona, debuxando as rúas populares, e as escenas en bares, cabarés, con snobs ou prostitutas. Paralelamente ilustra moitas revistas co tema de moda a comezos do século XX en París: as españoladas, deseños de bailaoras, de flamenco, de tauromaquia. Unha das atraccións con máis éxito da Exposición Universal de París de 1900 foi o espectáculo L’Andalusie au temps des Maures, que recreaba lugares como a Giralda, os leóns da Alhambra, un museo de tauromaquia e baile. A españolada é un tema que foi abordado por moitos artistas, desde medios diferentes. Desde a pintura e a escultura: Picasso, Anglada Camarasa, Zuloaga, Hugué; coa música mormente Albéniz, que compuxo a suite Iberia (considerada no seu tempo como unha verdadeira embaixadora española) e tamén a ópera Pepita Jiménez (inspirada na novela dramática de Valera), na que tamén colabora Gosé.
Alí entrará en contacto con escritores, músicos e pintores. Coñece por exemplo a Rubén Darío, para quen ilustrará algún conto, a Blasco Ibáñez ou Pío Baroja. Volve coincidir con Albéniz, que o coidou cando se puxo enfermo da tuberculose e que, xunto co pintor Zuloaga, lle encargou (1905) o deseño do vestiario da ópera Pepita Jimenez, que Albéniz estrea ese ano en Bruselas (Théâtre de la Monnaie).
Mentres traballa en París fará dúas exposicións en Barcelona. A primeira efectuouse na Sala Parés, en 1903, promovida pola revista Pèl & Ploma, para a que xa traballara. Foi un éxito e as críticas falan de imaxes femininas distinguidas, elegantes, luxosas, unha apoteose do eterno feminino. A segunda xa foi en 1911 nas Galeries Dalmau. Tamén celebrou unha individual na Sala Vilches de Madrid (1909) e participou na exposición de arte española e industrial (Madrid, 1910), mostra que despois viaxará a México. En París expón en 1911 na galería Georges Petit e no 1913 a súa obra verase nas galerías Philipon, de Buenos Aires.

Gosé. Sobre la neu.1913. Museu Jaume Morera

Sobre la neu (Sobre a neve), 1913

Moda. La parisienne. Eterno feminino?
Iribe va comptar amb Gosé com un dels col·laboradors predilectes en el seu projecte editorial (…) Gosé, a “Le Temoin”, va dur a terme portades i pàgines dobles i, entre 1906 i 1907, va publicar una seixantena de dibuixos amb un estil decoratiu al servei de la bellesa femenina (Mariàngels Fondevila, comisaria).
Xavier Gosé sempre foi elegante; contan que prefería levar a roupa a lavar antes ca comer. A partir de 1906, Gosé cambia de estilo, abandona o realismo e a sátira e aposta máis polo que logo se coñecerá como Art Decó, e aproxímase ás revistas de moda, nas que alcanzará a fama e o éxito. O cambio chega co comezo das colaboracións de Gosé coa revista Le Temoin, dirixida por Paul Iribe, dibuxante, editor, ilustrador, decorador, cineasta, etc., e logo home de Coco Chanel. Le Temoin foi unha revista de moda moi importante en París. Alí os artistas reproducían os modelos dos mellores modistos da capital do Sena. En 1912 Gosé tamén traballará como ilustrador para a revista Mundial, publicación hispanoamericana dirixida por Rubén Darío, onde confecciona portadas e deseños de modelos de peletería. Tamén neste ano comeza a súa colaboración na prestixiosa revista de moda Gazette du Bon Ton, que conseguiu un contrato en exclusiva coas 7 principais firmas de alta costura de París. Esta revista, alambique do refinamento, publicaba dous tipos de ilustracións: as modas creadas polos modistos e interpretadas polos artistas e as modas creadas polos propios artistas. Xavier Gosé non só colaborou con debuxos de modelos dos mellores xastres senón que elaborou as súas propias creacións de costura, mormente sombreiros de moitas plumas.
A actividade dos ilustradores de moda era tan importante daquela que acababan influíndo cos seus deseños nas preferencias estéticas do vestir. Por iso Xavier Gosé é considerado un dos responsables da creación da figura la parisienne, a muller moderna, sofisticada, esvelta, evanescente e cun chic fatal. Gosé, coma todos os ilustradores e artistas do seu tempo, usaron o corpo da muller desde unha óptica patriarcal, como obxecto de desexo, para colocar como reclamo en carteis de publicidade, xa de cigarros, xa de automóbiles, xa de bebidas alcohólicas. Iso acontecía hai cen anos. Mudaron os tempos? Hoxe as revistas xa non utilizan o corpo feminino como reclamo publicitario?
En 1914, co comezo da Gran Guerra, as revistas pechan e Xavier Gosé, enfermo de tuberculose, logo volve a Barcelona e despois a Lleida, á casa da súa nai, para morrer.

Gosé. Vie Au Grand Air.1913 Col·lección particular

Vie au Grand Air, 1913

Artista silenciado
En Gosé no és pas d’aquells als qui podem considerar nostres (…) L’art d’en Gosé és, doncs, un art tot exterior. (J. Folch i Torres)
As razóns de que, logo do pasamento, sobre a persoa de Gosé (considerado dos mellores nos seus días) se fixese o silencio, son varias. Unha delas, e importante, foi morrer novo, aos 39 anos, en 1915, en plena Gran Guerra, de tuberculose, o que rachou a súa traxectoria triunfal en revistas de moda.
Hai máis motivos que pesaron no esquecemento deste ilustrador de fama. Defender causas que o aliñaban con ideoloxías non acomodadas aos intereses da burguesía benestant catalá: sempre se declarou crítico coa sociedade e os seus hábitos, e non agochou as súas tendencias republicanas e socialistas ou anarquistas. Xunto con iso tamén influíu que se adicase a unha arte menor, en París, pero a unha actividade que ninguén se prestaba a considerar como propiamente artística: a Ilustración. Cómpre non esquecer que a moda non era ben vista por sectores conservadores e cristiáns da sociedade; daquela en Barcelona había a Lliga de les Filles de Maria d’Oriola, a asociación dunha modista antimoda.
E outra non menor é a que o acusa de esquecer as súas orixes. Desde que marchou a París comezan as referencias a Xavier Gosé como unha persoa que practica estéticas e xeitos que nada teñen que ver co que facían outros artistas nacidos en Cataluña, estivesen ou non en París (caso de Ramón Casas, Rusiñol, Isidre Nonell, por exemplo). Joaquim Folch i Torres, desde a súa Pàgina Artística de La Veu de Catalunya, pontifica que “en Gosé no és pas d’aquells als qui podem considerar nostres (…) L’art d’en Gosé és, doncs, un art tot exterior”. Non é o único. “Els dibuixos d’en Gosé són duna mundanitat exquisida i cosmopolita. Per això és el menys català dels nostres dibuixants”. (El Poble Català, 1911. Crítica á exposición que fixo Gosé nas Galeríes Dalmau, 1911). Ou: en Gosé no té res característicament nostre. El seu art no serva cap arrel de la seva procedència catalana (…) Avui, en Gosé, artísticament, és tant poc català com si mai hagués conegut la nostra terra. (El Poble Català, outra crítica á exposición das Galeríes Dalmau). Tamén a arte ten fronteiras?
Non foi o único artista desprezado. Outros artistas coetáneos de Gosé tampouco entraron dentro dos canons da arte catalá. Un deles foi o orientalista Josep Tapiró, que estableceu a súa residencia en Tánxer, vendía a súa obra en Londres e foi amigo dos irmáns Cerdeira. Idem o rebelde Carles Casagemas, pintor amigo de Picasso e que se matou con só vinte anos, ou a pintora Lluïsa Vidal, feminista, incómoda, e á que seica o MNAC pensa adicarlle unha antolóxica e merecida exposición.

Lito Caramés

EXPOSICIÓN: Xavier Gosé Il·lustrador de la Modernitat
MNAC
Ata o 20 de marzo de 2016

Sobre o autor / a autora

Lito Caramés

Lito Caramés

(Galiza-Catalunha) Nado en Caroi, Cotobade, en 1949. Profesor de Ensino Secundario, e de Cultura e Lingua Galegas (Proxecto Galauda). Autor do libro de relatos "E agora pasa un tren" (Biblos) e coautor de traballos de historia e antropoloxía: "América, América" (Roure), "Galicia a lo claro" (Popular), "El Islam en las Aulas" (Icària), entre outros. Membro de Furafollas Agrupación Teatral.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *