Entrevista ao escritor e tradutor galego Isaac Xubín

Entrevista ao escritor e tradutor galego Isaac Xubín

0 comentários 🕔11:50, 01.Fev 2016

- Palavra Comum: Que representa para ti a poesia/literatura?

- Isaac Xubín: Hai un poema de Bernardo Atxaga, que á súa vez está baseado nun outro poema do autor árabe Abdefattah Kilito, no que o feito da repetición aparece como un elemento fundamental da tradición e da cultura. Os libros foron unha parte importante da miña infancia e da miña mocidade. Supoño que comecei a escribir porque iso era o proceso lóxico para min, eu quería seguir repetindo, quería ser parte do proceso de repetición, buscar o meu xeito de repetir o que á súa vez me chegou a min repetido.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística (poética e audiovisual, nomeadamente)?

- Isaac Xubín: Sempre me gustou aprender, creo que o feito de estar a traballar con cousas novas obrígate a poñerte nunha situación incómoda, en lugares onde non coñeces o funcionamento do que está ao teu redor. E aquí falo de experiencias tan diferentes como aprender unha lingua nova, un deporte novo ou comezar a vivir nunha cidade diferente, é suxestivo pero en xeral é incómodo porque non tes adquirido os procesos e os protocolos que fan que todo funcione ben dunha determinada maneira. Esa sensación, a de estar a aprender, é a única maneira real de sentirnos novos. O proceso de creación, para min, está relacionado, moi relacionado, con estas experiencias das que che falo. Probablemente unha das mellores maneiras de explicalo sexa mediante a música, penso que un músico comprenderá perfectamente o que digo. O feito de comezar a traballar cunha canción, a frustración, quizais, inicial, o proceso de adquirila e despois comezar a dominala, facela súa, saber que sempre estás a aprender, que nada é definitivo…

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, artes plásticas, etc.)?

- Isaac Xubín: Cada quen ten o seu propio xeito de interactuar con outras artes, quizais, por sorte, as fronteiras están a esvaerse, e non só en canto a formatos, formalmente. O que é seguro é que a literatura, e concretamente a poesía (aquí falo completamente dende o que eu penso, dende a miña experiencia, erros que penso que cometín), non debe esquecer que o seu medio é a palabra, a imaxe é outra cousa.

- Palavra Comum: Como abordas a actividade como tradutor? Como são as tuas experiências neste sentido?

- Isaac Xubín: Até o de agora a miña experiencia como tradutor baséase no camiño entre o éuscaro e o galego (agás unhas poesías gaélicas que traducín para Dorna hai uns anos, un camiño que retomei coa tradución dunha novela emblemática para a literatura en irlandés e que verá a luz en poucos meses da man de Rinoceronte, A boca pobre). Como creador a tradución ten moitas opcións, ofréceche a posibilidade de entrar en contacto con outro creador e, ademais, inevitable, formar parte do texto ao levala á lingua galega. O traballo de tradutor, manipulador, garda moitos recunchos estimulantes para un creador que saiba tomar proveito.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde qualquer ponto de vista)? Quais del@s reivindicarias por não serem suficientemente (re)conhecidos (ainda)?

- Isaac Xubín: Yolanda Castaño, polo iceberg, a illa e as sereas. Xabier Cordal e Chus Pato, polo outro lado do espello e porque saben escribir no antergo alfabeto dos que invadiron Irlanda. Ferrín, Eu ámote, Señor, a miña forza, Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação artística hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Isaac Xubín: O feito de que as tecnoloxías sexan hoxe en día tan accesibles e permitan unha manchea de posibilidades, fai que calquera que teña o impulso de achegarse a elas poida expresarse en determinados eidos nos que até hai pouco era necesario un dispendio económico importante e uns coñecementos amplos que non estaban ao alcance de todos.

Por outra banda, hoxe é moito máis doado cruzar fronteiras e chegar onde antes só era posible se entrabas nun club, nun canon,…

- Palavra Comum: Levas residido em Euskadi e Irlanda. Que aspectos consideras mais relevantes desses espaços culturais?

- Isaac Xubín: Pois o aspecto fundamental que sempre remarco é o feito de que ter un estado non garante que a túa lingua estea a salvo. A teimosía dos vascos por manter a lingua, o seu pragmatismo e determinación son admirables. Pero quero deixar claro que a miña admiración vén dada polo respecto ao feito de que é algo que deciden, algo que está traballado,… suor, sangue e comunidade, sen divisións. Porque cando falo deste tema, en Galicia, semella que os vascos levan no seu código xenético esa inercia. E non é así, tamén había autoodio na cultura vasca até hai moi pouco, por iso, de feito, se chegou ao punto de perda en que estivo a súa lingua e a súa cultura… e mira os bertsolaris. Que eran os bertsolaris hai vinte anos? Agora enchen pavillóns con miles de persoas!

- Palavra Comum: Fala-nos do futebol gaélico…

- Isaac Xubín: Tiven a sorte de practicalo mentres vivía en Irlanda, moi divertido, moi esixente fisicamente, amateur, do pobo. En Galicia, co tempo, será ferramenta fundamental. O traballo que se está a facer é moi bo, con moita proxección, están a medrar uns vimbios que darán unha firme estrutura para moitas cousas de xeito transversal.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Isaac Xubín: Sigo ás voltas coa tese, Cunqueiro e a gastronomía,… Un par de proxectos audiovisuais,… Teño moitas cousas que aprender, moitas cancións que facer miñas. E nun par de meses sairá a miña primeira novela, con Xerais, Non hai outro camiño.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *